A parroquia de Parada, en Nigrán, vai experimentar “un cambio total e absoluto na mobilidade” coas obras de seguridade viaria que Deputación e Concello abordarán na estrada provincial EP-2106 entre o barrio da Areíña e a contorna da Igrexa, e que inclúen unha senda peonil dun quilómetro de lonxitude para facilitar o tránsito peonil nesta zona na que se sitúan amais do templo distintas dotacións municipais. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde Juan González, presentaron hoxe este proxecto que suporá un investimento dun millón de euros e que responde a unha “demanda histórica da veciñanza”, cuxos representantes tamén asistiron ao acto.
En concreto, estes traballos de mellora na EP-2106 A Ramallosa-Parada facilitarán a comunicación peonil entre A Areíña e a zona central de Parada coa citada senda peonil, e tamén cunha zona de convivencia con lousas de pedra, na contorna da igrexa. A execución deste itinerario peonil foi, como recalcou hoxe a presidenta Carmela Silva, a primeira reclamada polo alcalde á Deputación, en resposta a “unha demanda xusta” dos veciños e veciñas “para transitar con seguridade por este espazo”.
[su_image_carousel source=”media: 54744,54746,54747″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
“Desde a Deputación temos claro que as persoas teñen que ser o primeiro e as que ocupen o espazo das decisións –destacou a presidenta-. Por iso apostamos desde fai sete anos por unha mobilidade amable que permita que a xente poida circular con seguridade e recuperar os viarios que foron pensados para os vehículos. É un cambio transcendental e transformador da provincia, ao que celebro que se teñan sumado os alcaldes e as alcaldesas. Particularmente, o de Nigrán tíñao xa incorporado”. As obras contarán cun orzamento de 973.023 euros, que serán sufragados nun 70% pola institución provincial (681.116 €) e o 30% restante será aportado polo Concello (291.907 €). O seguinte paso será a firma do convenio por ambas institucións, a fin de licitar canto antes as obras, que xa contan cos permisos necesarios.
Esta é a primeira das sendas que abordará a Deputación nas estradas provinciais de Nigrán, pero tanto Carmela Silva como Juan González indicaron que en datas próximas ambas administracións anunciarán outra importante actuación, “tan potente como esta” neste eido. “Hoxe síntome moi orgullosa de que chegáramos a un acordo para cambiar este importante viario –sinalou a presidenta-. É unha grande idea e unha reclamación que o alcalde e a veciñanza facían con toda xustiza á que tiñamos que responder. Espero que sexamos todos áxiles e canto antes poidamos vir a pateala, mellor”.
Pola súa banda, o alcalde Juan González, que agradeceu o apoio da institución provincial, destacou que o pleno do Concello aprobará a consignación económica para a obra este mesmo mes “e aínda que pareza que estamos ao inicio do proxecto, esta é a parte final”. “Estamos desexando –engadiu- poder pasear dun xeito cómodo, seguro e saudable desde o barrio da Areíña ao centro de Parada. En próximos anos continuaremos para chegar a Carrasca e San Pedro, e pouco a pouco avanzaremos para que todas as estradas que pasan por Nigrán sexan seguras e amables”. Subliñou así mesmo que o proxecto “é moito máis que unha senda, xa que inclúe outras actuacións como o cambio da iluminación”. Amais, na zona central, diante da única igrexa románica do municipio, onde a praza tamén se acondicionou cunha achega do Plan Concellos, indicou que a plataforma de convivencia suporá darlle “un tratamento máis humano e dedicado ás persoas, con máis prestancia, para que a zona colla máis transcendencia e importancia, e sexa máis visible”.
O proxecto
As actuacións na EP-2106 A Ramallosa-Parada levaranse a cabo nun treito dun quilómetro, dende o punto 3+200 ata o 4+195. A senda peonil prevista terá 2,50 metros de ancho e na zona central de Parada a plataforma de convivencia estenderase ao longo de 200 metros, cun pavimento de lousas de pedra. Nela colocarase mobiliario urbano e cambiarase a situación da marquesiña de autobús. Os traballos tamén comprenden o reforzo do firme da calzada nun viario municipal que fai entronque coa estrada provincial así como a recollida das augas pluviais e a mellora de servizos, como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e o cambio de alumeado. Do mesmo xeito, reinstalarase a sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito.