Mércores, 23 Abril de 2025

O Concello de Redondela reafirma a súa aposta polo ensino público “como un seguro para a formación” dos nenos

Nestas semanas previas á matriculación escolar e nas que os centros desenvolven xornadas de portas abertas, a Concellería de Ensino do Concello de Redondela, que xestiona Olga García Ballesteros, organizou dúas charlas informativas co obxectivo de que as familias, á hora de elixir un centro para os seus fillos, puideran coñecer a ampla oferta formativa pública coa que conta o municipio redondelán.

Nas charlas que tiveron lugar os días 22 e 23 de febreiro nos multiúsos Piñeiral do Crego de Chapela e A Xunqueira de Redondela, respectivamente e que tiveron unha magnífica acollida, dirección, profesorado e persoal educador deron a coñecer a nais e pais os proxectos e servizos que ofrecen os distintos CEIP de Redondela. Esta iniciativa expresaba o “firme apoio do Concello de Redondela ás escolas públicas” e tamén unha promoción para que as familias escollan matricular os seus fillos e fillas nos colexios públicos.

Digna Rivas destacou a importancia do traballo que se realiza nos centros escolares públicos “como espazos de aprendizaxe tanto de materias como de valores sociais cada día máis necesarios e importantes”. A alcaldesa, que animou ás familias “a apostar pola educación pública en Redondela” ao estar convencida que “é un seguro para a formación dos nenos e nenas”.

O Concello de Redondela destaca a implicación da comunidade educativa “como unha garantía da calidade no ensino”. O plurilingüismo, os recursos dixitais ou a educación especial son recursos a disposición das familias que poden atopar en calquera centro escolar de Redondela.

Por outra parte Digna Rivas lembrou que as e os profesionais dos centros educativos “son unha mostra tanto do compromiso coa educación como da seguridade de recibir a mellor educación posible” e subliñou a colaboración do Concello cos centros educativos “en distintas actividades que abranguen dende temáticas relacionadas co medio natural até cuestións culturais de todo tipo”.