13.3 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO documental sobre a tradición cesteira de Mondariz, na sección oficial do...

    O documental sobre a tradición cesteira de Mondariz, na sección oficial do MICE 2022

    "Notas sobre os cesteiros de Mondariz", promovida polo Concello de Mondariz en 2020 a través dunha subvención do programa "O Teu Xacobeo", é un dos tres filmes galegos seleccionados para competir polos premios a Mellor Filme e Mellor Filme Galego na 17ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE)

    Despois de ser estreado o pasado verán en véspera da Feira dos Oficios Artesáns de Mondariz e peregrinar por diferentes localidades do Camiño de Santiago nas catro provincias galegas, o documental “Notas sobre os cesteiros de Mondariz” chega aos festivais de cinema. Recentemente foi seleccionado para participar na sección oficial da 17ª Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, que se celebrará do 29 de marzo ao 2 de abril de 2022 en Santiago de Compostela. Nesta importante cita para o cinema documental será un dos tres filmes galegos que competirán polos premios a Mellor Filme e Mellor Filme Galego.

    “Notas sobre os cesteiros de Mondariz” proxectarase o día 1 de abril, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Será unha proxección aberta ao público na que previsiblemente estarán presentes persoas relacionadas coa produción e a realización, como o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, o productor executivo, Santiago Pérez, e o director do filme, Fon Cortizo; así como as propias protagonistas do filme, que encarnan a recuperación e a innovación da tradición cesteira, como Enrique Táboas e Idoia Cuesta.

    Fotograma do documental ‘Notas sobre os cesteiros de Mondariz’. Idoia Cuesta

    Memoria que axuda a tecer o futuro

    “Con este filme documental non se buscaba simplemente glorificar o legado case perdido da cestaría tradicional de Mondariz, senón transmitir unha mensaxe de que a recuperación é posible e, sobre todo, necesaria”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e promotor deste ambicioso proxecto de recuperación integral da cestaría tradicional da localidade, que tamén pretende incluír formación profesional e mesmo plantación de árbores autóctonas como castiñeiros para prover de materia prima á cestaría.

    Neste contexto, a produción do documental sobre a tradición cesteira de Mondariz foi o primeiro paso para visibilizar este legado social e cultural que dependía da transmisión informal de coñecementos de pais a fillos e que se perdeu rapidamente nas últimas décadas do século pasado, sobre todo coa chegada do plástico que agora tanto denostamos pola falta de sostibilidade medioambiental. “Estamos convencidos de que retomar a fabricación artesanal de cestos con láminas de madeira, segundo a tradición propia de Mondariz, ten futuro. A clave está na formación técnica e na capacidade de innovación para adaptarse aos novos usos”, afirma Barros.

    Parte do éxito do documental débese á calidade técnica e artística do equipo que está detrás. Da produción executiva ocupouse Santiago Pérez, vencellado persoalmente a Mondariz e cunha extensa actividade no ámbito das artes escénicas desde a compañía Escénate. Foi el quen buscou o equipo para transmitir esa mensaxe de futuro sustentada na memoria a través dun documental creativo. A dirección encargóuselle a Fon Cortizo, un realizador galego que viña de recoller o premio ao Mellor Filme no Festival de Cinema Internacional de Xixón (FICX) coa súa primeira longametraxe, “9 fugas”. O guión foi obra de Alexandre Cancelo, e detrás da parte técnica tamén estiveron profesionais de longa traxectoria.

    A historia de Enrique Táboas, como último mestre cesteiro de Mondariz, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo dos cesteiros e a íntima relación coa natureza. Mais esta non é a única fonte do documental, que tamén recolle as testemuñas doutras persoas relacionadas coa tradición cesteira da localidade desde diferentes perspectivas, como o etnógrafo Clodio González, experto en arte popular; o filólogo Jorge Rodrigues, experto en xergas gremiais; a cesteira contemporánea Idoia Cuesta, fincada na Galicia rural e renovadora do oficio; ou veciños e veciñas de Mondariz que comparten as súas memorias sobre aquel modo de vida extinguido.
    O documental non se presenta como unha obra audiovisual etnográfica, senón como un traballo de recuperación da memoria colectiva con clara visión de futuro. Aspectos como a contribución das mulleres e a relación da comunidade cesteira co medio natural teñen un gran protagonismo e conectan co presente e co futuro

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.