12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO alcalde de Tui abordou con representantes de CCOO a necesidade de...

    O alcalde de Tui abordou con representantes de CCOO a necesidade de mellorar as conexións ferroviarias

    Coincidiron en sinalar amais que é urxente a recuperación da parada comercial de trens na estación de Tui

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reuniuse co sector ferroviario de CCOO para abordar as melloras do servizo ferroviario.  En concreto recibiu na casa do concello a Juan Gómez e Antón Conde, representantes de Renfe e Adif, respectivamente. Este encontro forma parte da rolda de contactos que CCOO está a manter cos alcaldes e alcaldesas dos municipios próximos á liña Atlántica e do Miño.

    Un encontro no que se puxo de manifesto a necesidade de ampliar, nas áreas fronteirizas, os servizos ferroviarios de proximidade para asegurar a conexión-continuidade cos trens de Longa Distancia e Media Distancia do Eixo Atlántico e Portugal.

    Enrique Cabaleiro, salientou a importancia de mellorar as conexións ferroviarias dende Tui tanto cara outros municipios galegos e nacionais, coma a nivel internacional con Portugal a través de Valença.

    Nese senso valorou positivamente a proposta na que traballa CCCO de creación dunha rede internacional de proximidade entre Viana de Castelo e Vigo Guixar, que pasaría necesariamente por Tui e Valença.  

    No encontro tamén coincidiron en sinalar que é urxente que a parada comercial de trens na estación de Tui se recupere do verán.

    Para mellorar os servizos de proximidade, conectar co Eixo Atlántico e potenciar o tráfico ferroviario internacional dende CCOO, segundo o exposto na reunión, proponse establecer ligazóns en Guillarei e Valença coas liñas portuguesas e lanzar unha liña desde Vigo Guixar directamente até Lisboa.

    Os representantes de CCOO indicaron que no plan integral de necesidades de transporte contemplan desenvolver un modelo de servizos ferroviarios baseado “nunha rede de proximidade que ofreza servizos económicos e frecuencias eficaces” pero tamén conta coas actuais relacións e frecuencias dos trens portugueses. Ademais propoñen que tendo en conta a singularidade fronteiriza das estacións de Valença e Tui, estas conten  cunha comunicación ferroviaria cunha tarifa especial entre elas e a un prezo simbólico para que flúa o turismo e se fomente a mobilidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.