Mércores, 13 Agosto de 2025

O Concello mellorará a eficiencia enerxética do Centro de Día de Ponteareas

O Concello de Ponteareas continúa dando pasos na súa aposta por mellorar os servizos e instalacións municipais, ao tempo que camiña cara unha vila máis sustentable. O Goberno local do BNG-PSOE aprobou este luns en Xunta de Goberno o proxecto técnico para a mellora da eficiencia enerxética do Centro de Día, situado na rúa Santa Ana. O obxectivo é “mellorar o confort dos usuarios e usuarias ao tempo que se dá unha mellora na conservación do inmoble, acondicionando interior e exterior do edificio e conseguindo unha mellora substancial do illamento térmico e unha redución do consumo anual de enerxía non renovable, unha estratexia que dende o Concello xa estamos a aplicar en distintos edificios públicos”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

O proxecto conta coa autorización sectorial da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, e suporá un investimento de case 43.500 euros. A actuación estará cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ e nun 20% con fondos propios.

As obras previstas contemplan a limpeza e reparación da fachada, o levantamento de carpintaría exterior existente, a instalación dunha nova e o illamento exterior das fachadas e do falso teito existente, así como a renovación da pintura interior. Con esta actuación, “a mellora na eficiencia enerxética situarase nun dos estándares máis altos fixados pola Unión Europea, que ademais é un dos obxectivos polos que a estratexia ‘Ponteareas, Hábitat saudábel’ acadou a confianza de Europa”, como salienta a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.

Nigrán arrancará o mes de xuño cos quioscos de praia en pleno funcionamento

0

O Concello de Nigrán ven de adxudicar os quioscos de praia do municipio por un importe total de 153.948 € con prezos de licitación que oscilaron desde os 30.525 € de Panxón aos 7.300 € do posto de churros de Lourido. A maioría deles comenzarán a funcionar desde esta mesma fin de semana e ata o 30 de setembro. Os prezos mínimos mantivéronse iguais que o ano 2021, obtendo o Concello unha mellora nas ofertas de 60.548 €. En total, o Concello disporá coma nos anos anteriores de 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 2 en Praia América) e 1 de venda de churros en Praia América.  A novidade é que o espazo de ocupación nesta tempada se amplía lixeiramente ata poder ocupar os 70 metros cadrados.

“Temos que ter en conta que este é un servizo de praia que dá traballo a diferentes familias de Nigrán que tradicionalmente puxan por estes quioscos e, ao mesmo tempo, ofrecen un servizo que os cidadáns agradecen. Ademais, compre destacar que este verán volveremos a estar máis preto que nunca da normalidade anterior ao Covid, polo que a previsión de negocio é maior”, indica o alcalde Juan González.

Esther Sestelo Longueira, pregoeira do Corpus 2022 en Ponteareas

O goberno local de Ponteareas vén de anunciar que Esther Sestelo Longueira será a pregoeira do Corpus Christi 2022.

Natural de Ponteareas, Sestelo está afincada en Madrid, traballando no Conservatorio Profesional de Música Joaquín Turina e impartindo Humanismo e Música na Fundación Universitaria San Pablo CEU. É Doutora en Musicoloxía e Licenciada en Historia e Ciencias da Música, e impartiu docencia en diferentes universidades estatais e internacionais, así como en numerosos conservatorios españois.

A pregoeira posúe tamén estudos de Psicoloxía e é Diplomada en Lingua Inglesa pola Universidade de California, onde realizou estudos de Doutorado en Lingüística e Literatura Hispanoamericana, así como de Máster en Piano e Música de Cámara.

Ademais, é unha escritora prolífica con 9 títulos publicados, compaxinando investigación e literatura. Colabora con Aldeas Infantiles SOS e Save The Children, doando os dereitos de autor dos seus libros infantís e xuvenís a estas ONG.

“Esther é un exemplo de solidariedade e compromiso e nunca esquece as súas orixes. A súa traxectoria está fortemente ligada á música, que xunto ás alfombras do Corpus é un dos sinais de identidade de Ponteareas no mundo. Por iso consideramos que é unha excepcional pregoeira para abrir as celebracións deste ano”, indicou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

A lectura do Pregón terá lugar o domingo 12 de xuño e marcará o inicio dunha semana de Corpus chea de actividades, que recuperan a ansiada normalidade e que o goberno local dará a coñecer nos vindeiros días.

“Degusta Europa” triunfa en Gondomar

0

Preparacións gastronómicas típicas de diferentes países europeos readaptadas con produtos de quilómetro cero, da provincia de Pontevedra, convertéronse en protagonistas no Mercado de Gondomar a través do programa da Deputación de Pontevedra “Degusta Europa”.  Un grupo de 40 alumnas e alumnos e profesorado do CIFP Manuel Antonio de Vigo foron as e os encargadas/os de elaborar ata preto de 1.400 tapas que ofreceron á veciñanza da vila, ao deputado e á deputada provinciais, Santos Héctor Rodríguez e Iria Lamas, e a concelleiras e concelleiros de Gondomar entre os que se atopaban Rocío Goberna, Brais Misa, Nuria Lameiro e José Manuel Chamorro.

Dende cunca da horta de cabaza asada, escuma de patacas e aire de ceboliño ata tosta de cabala afumada, risoto cremoso de grelos con espeto de galiña, esfiado de porco a baixa temperatura en pan de pita, bucle de calamar crocante sobre produtos da terra, vasiños de iogur e crema de marmelo, enreixado de cabelo de anxo, melindres e torta das Rías Baixas, foron as degustacións preparadas polo alumnado do CIFP Manuel Antonio que se puideron desfrutar no ateigado Mercado de Gondomar.

O programa “Degusta Europa”, que lanzou no 2016 a Deputación de Pontevedra para conmemorar o Día de Europa, desenvólvese en Mercados e Prazas de Abastos de concellos da provincia dinamizándoos da man de dous centros que representan a innovación e vangarda gastronómica, o CIFP Manuel Antonio de Vigo e o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra cuxo alumnado e profesorado encárganse da preparación das tapas. Este ano, as propostas gastronómicas inspíranse en pratos franceses, italianos, suízos, gregos, daneses, checos, holandeses, belgas e irlandeses readaptados con produtos de quilómetro cero. Tralo paso por Gondomar, e ter recorrido xa O Grove, Mondariz e Pontevedra, onde xa se distribuíron preto de 4.000 tapas, o periplo do “Degusta Europa” continuará este xoves, 26 de maio, no mercado do Progreso de Vigo, e rematará o 31 de maio no mercado da Guarda.

O venres 27 remata o prazo para inscribirse na escola de verán de Covelo

0

O Concello de Covelo recórdalle ás familias que o vindeiro 27 de maio remata o prazo para solicitar praza na escola de verán. As familias interesadas deberán remitirse ao departamento dos servizos sociais do Concello a través do número de teléfono 986 65 0027 extensión 3 ou a través do correo electrónico [email protected]

Poderán participar os nenos e nenas de 3 a 12 anos, preferentemente empadroados e empadroadas no concello de Covelo. A escola de verán realizarase en horario de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres, dende o día 1 ó 31 de xullo de 2022. Para as persoas empadroadas no Concello de Covelo terá un custo de 20 € e para as non empadroadas 40 €.

Realizaranse múltiples e variados obradoiros como xogos populares, danzas e bailes ou deportivas como ioga; artísticas como pintura ou debuxo; horticultura, rastrexos excursións.

Os e as máis pequenas dos fogares de Covelo participarán en actividades que fomenten valores positivos e nas que aprendan a través do xogo.

http://www.concellodecovelo.es/archivos_editor/file/20220513_Outros_Bases_BASES ESCOLA VERÁN 2022 COVELO.pdf

Esta actividade está financiada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de emprego e igualdade da Xunta de Galicia.

Salceda terá Mesa Local de Violencia de Xénero

O Concello de Salceda de Caselas vén de convocar para o vindeiro 30 de maio a que será a constitución da súa Mesa Local de Coordinación interinstitucional fronte a Violencia de Xénero. A mesa estará formada por representantes dos diferentes grupos políticos da corporación (PSdeG, MS e PP), así como por representantes dos diferentes corpos de seguridade do Estado e das institucións e organismos que se considere preciso.

En novembro de 2020 Salceda converteuse no primeiro Concello da provincia en renovar o protocolo Viogen e asinalo ante a subdelegada do Goberno, Maica Larriba e o Coronel Xefe Simón Venzal.

Tal e como indicou Loli Castiñeira, concelleira de Igualdade, “a constitución desta mesa é un paso importante para a protección das posibles vítimas de violencia de xénero, e un proceso no que os diferentes grupos políticos da corporación e o resto de organismos implicados temos que ir da man coa mirada posta de xeito unánime nas vítimas, non cabe outra opción”.

Este programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero, busca a coordinación de todas as forzas e corpos do estado  para protexer aquelas mulleres que o necesitan, con anticipación e resultados efectivos.

En xaneiro de 2021 asinouse un protocolo co Ministerio do Interior, no que se recolle a necesidade de constituír a  Mesa de Coordinación que agora se fai efectiva, e que se convocará de xeito ordinario cada seis meses e de xeito extraordinario sempre que sexa preciso.

O obxectivo desas reunións de coordinación é o seguimento das situacións de violencia de xénero no municipio, distribución de tarefas entre as partes implicadas e resolución dos problemas que se poidan estar a producir relacionados ca protección ou coa asistencia e atención as vítimas.

Verónica Tourón, alcaldesa, afirmou que “as entidades locais de forma institucional teñen que establecer mecanismos de coordinación e planificación que  presten a axuda e atención debida ás mulleres vítimas de violencia, trasladando á sociedade unha imaxe de firmeza e total rexeitamento contra a violencia de xénero dende o noso concello”.

Nigrán acolle o domingo a VI edición da “Nocturna Nigrán S4”

0

Concello de Nigrán, seguros S4 e Noko360 ofrecen este domingo 28 de Maio a VI “Nocturna Nigrán S4” con record de inscritos ao superar xa a barreira dos 500 corredores. As inscricións permanecen abertas ata o mércores 25 de maio ás 23:59 horas e pódense realizar a través desta ligazón: https://bit.ly/3qa7cMT.

A proba foi presentada esta mañá na nova Biblioteca Municipal coa presenza de Juan González, alcalde de Nigrán; Alfredo Blanco, director xeneral de S4; Daniel Panteón, responsable de zona de S4; Serafín Martínez, director técnico da proba; e Jorge Otero, ex-futbolista internacional de Nigrán.

O circuíto será espectacular e constará de 5.000 metros aproximadamente, 100% en asfalto, con saída e chegada no aparcamento do ‘Campo das redes’, á beira de Praia América. Pódese ecoller entre unha distancia de 5.000 metros (unha volta) ou 10.000 metros (2 voltas) e a saída terá lugar ás 21:30 horas.

Unha hora antes, ás 20:30 horas, celebrarase unha proba totalmente gratis para os máis pequenos da casa, que afrontarán diferentes distancias segundo a súa idade:

  • Chupetes de 3 a 5 anos: 200 metros
  • Terremotos de 6 a 8 anos: 500 metros
  • Yogurines de 9 a 11 anos: 900 metros
  • Dandys de 12 a 14 anos: 1200 metros

Para máis información sobre a proba, pódese consultar na páxina web oficial: http://www.nocturnanigrans4.com

Esgotadas en media hora as prazas para a nova ruta polos “Bosques Terapéuticos”

A ruta para desfrutar dos baños de bosque na Illa de Tambo o 18 de xuño ten sido a primeira en cubrir as súas prazas na nova e terceira edición do programa “Bosques Terapéuticos” da Deputación de Pontevedra. A expectación por coñecer a natureza desta singular paraxe da ría pontevedresa foi tal que no primeiro día do prazo de inscrición, o aforo para participar nesta ruta completouse en apenas media hora e xa está pechada a lista de agarda.

Tambo é un dos sete espazos naturais da provincia nos que desde o 4 de xuño ata o 25 de setembro se desenvolverá o programa “Bosques Terapéuticos”, e a Deputación sufragará o transporte marítimo ata a Illa. As outras paraxes son os Salóns do Lérez (Pontevedra), o espazo do Río Eifonso en Bembrive (Vigo), a Illa de Arousa, a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), a Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) e a Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). En conxunto, serán un total de 38 as rutas ofrecidas, con 570 prazas. Nesta terceira edición, ao igual que o pasado ano, as inscricións ábrense de mes en mes e, deste xeito, está aberto o prazo para solicitar a participación nas restantes sete rutas previstas para o vindeiro xuño ata dous días antes da celebración de cada unha. As persoas interesadas poden anotarse a través formulario dispoñible na web provincial www.depo.gal.

En xuño, os baños de bosque comezarán o día 4 coa Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e continuarán o 5 coa dos Salóns do Lérez (Pontevedra). Posteriormente, o día 11 celebrarase o roteiro polo Río Eifonso (Vigo) e o día 12 o da Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). Despois da cita en Tambo, percorreranse os “Bosques Terapéuticos” na Illa de Arousa os días 19 e 25 e, por último, a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) será escenario da ruta do día 26.

Os “Bosques Terapéuticos” constitúen unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna, conxugada coa interpretación do patrimonio, nunha ruta guiada que busca dar a coñecer os espazos naturais da provincia e a posta en valor dos beneficios dos “baños de bosque”. As rutas terán 15 prazas cada unha, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza para o desenvolvemento desta actividade.

En cada unha das rutas haberá unha dinámica específica relacionada cos beneficios dos “Bosques Terapéuticos”, adaptada aos contidos desenvolvidos na ruta e ao espazo no que se desenvolve. As visitas están destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e terán unha duración de entre hora e media e 2 horas. Comezarán ás 10 polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza e as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

A Guarda acolle este xoves a presentación do libro “Unha etapa estelar e conflitiva da Galiza”

0

O vindeiro xoves día 26 de maio de 2022 terá lugar na Guarda a presentación do último libro de Francisco Rodríguez, “Unha Etapa Estelar e Conflitiva do Reino de Galiza”. Será ás 20:00h no Centro Cultural, e contaremos coa presenza do propio autor e da escritora Marta Dacosta.

O libro trátase do primeiro volume dunha obra que percorre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza e a posterior crise da segunda metade do século XIV. Feito con vontade de deitar luz sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións que sobre ese período se teñen producido, o libro nace tamén da necesidade de colaborar ao coñecemento sobre a nosa historia.

Este Tomo I céntrase en evidenciar a relevancia do reino de Galiza analizando, debatendo e tirando conclusións tanto desde a historiografía oficial e académica como desde as fontes documentais existentes. E, naturalmente, tomando en consideración a importante, e desconsiderada, historiografía que se ten esforzado, xa desde o século XIX, por combater a manipulación que levou a ignorar a existencia relevante do reino de Galiza e a eliminarnos como realidade política específica na Península.

Éxito de participación e público nunha nova edición da Sestelo – Clásica Álvaro Pino

O gran fondo cicloturista que leva el nome do ilustre exciclista pontareano tivo lugar este domingo en Ponteareas.

A sétima edición deste evento deportivo consolídase como unha das referencias do calendario cicloturista nacional, e acolle a participantes de diferentes puntos de España e do estranxeiro que se desprazaron a Ponteareas para participar na marcha.

Un dos momentos máis emotivos foi a chegada a meta dos membros de Discamino, que participou con seis grupos de bicicletas. Cinco destes seis ciclistas, cos seus pilotos e os seus ciclistas de apoio, percorreron 55 quilómetros do total da marcha, na que segundo eles sufriron un pouco desfrutaron moitísimo. A fazaña do día correu a cargo dun deles, Iván Bragado, que xunto con Fernando Vidal e Fernando Gónzalez, o seu piloto e ciclista de apoio, completaron o total da proba.

Os organizadores salientan a importancia de todos los patrocinadores, colaboradores e institucións públicas para a celebración deste evento: Concello de Ponteareas, Grupo Sestelo, Deputación de Pontevedra, Xacobeo 21-22 y Grupo Lynalfa Axa, entre moitos outros que colaboraron neste evento deportivo.

Previa á CAP

O sábado 21 celebrouse a Feria do Corredor na nova Praza de Bugallal, onde se levou a cabo unha Xincana Infantil para os máis pequenos da man do Clube Ciclista Ponteareas Escola Borja Gómez.

Posteriormente tivo lugar unha un coloquio no que participaron o propio Álvaro Pino, o exciclista profesional e director deportivo de varios equipos profesionais españois Javier Mínguez, o exciclista profesional e actual organizador da Volta O Gran Camiño Ezequiel Mosquera, e Rafa Rodríguez, ex-futbolista, director e axente deportivo, e fillo e sobriño de dous dos gañadores da Volta a España e que contou como condutora da mesma a Bea Pino, xornalista e política española.

Participantes

Nesta edición da Sestelo – Clásica Álvaro Pino participaron figuras destacadas do deporte nacional e galego como o propio Álvaro Pino, Serafín Martínez, Ramón Troncoso, Ezequiel Mosquera, Delio Fernández, Samuel Blanco, Guillermo Janeiro, Aída García López e BorJa Gómez.

Dende o Concello de Ponteareas e a organización da Sestelo – Clásica Álvaro Pino queren seguir dándolle pulo ao ciclismo e ao deporte na contorna e salientan a importancia da Marcha Cicloturista nesta localidade, xa que é a única localidade de España e do mundo que conta no seu palmarés con tres gañadores da Volta a España: o propio Álvaro Pino e os irmáns Delio e Emilio Rodríguez.

Vencedores tramo cronometrado

A proba contou cun tramo cronometrado no Alto de Luneda, o tramo máis duro da marcha con 777 metros de altura, que deu comezo no quilómetro 57 da marcha e finalizou no quilómetro 67,2. Os vencedores deste tramo foron Miguel Rodríguez Novoa, na categoría SUB-23 masculina, Samuel Blanco Prol, na categoría Élite masculina, Claudia García Salgado, na categoría SUB-23 feminina e Aída García López na categoría Élite feminina.

O Concello de Salvaterra instalará fotovoltaica na Casa do Concello

O Concello de Salvaterra vén de adxudicar a instalación de fotovoltaica para autoconsumo nas dependencias da Casa do Concello, a través dunha subvención para proxectos de enerxía fotovoltaica, co fin de conseguir unha economía máis limpa e sostible.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL (FEDER).

Esta actuación enmárcase dentro das liñas de traballo deseñadas polo  Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible do municipio, e que permitirá xerara enerxía eléctrica mediante Enerxía Solar Fotovoltaica conectada a rede interior da Casa Consistorial a través da instalación solar fotovoltaica composta por 40 módulos que alcanzará unha potencia pico de 18,20 kwp. Esta actuación ten un orzamento de máis de 17.000,00 €.

O programa Educando en Familia volve esta semana cunha nova charla sobre a importancia da linguaxe na aprendizaxe

0

O programa ‘Educando en familia’, posto en marcha polo Concello do Rosal, continúa achegando ferramentas prácticas para a vida cotiá das familias.

Este venres 27 de maio é a quenda de ‘Ensinar a comunicar: desenvolvemento da linguaxe e prevención de dificultades’, coa logopeda Lorena Guerra.

A charla será ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa a través da web do Concello para asegurar a praza. Co obxectivo de facilitar a asistencia, existe un servizo de canguro cun mínimo de 5 prazas, para o que si é necesario reservar e confirmar asistencia.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís anima a veciñanza a participar “nesta actividade que, sen dúbida, axudará a dar resposta a moitas das inquedanzas que nais e pais atopan a diario”.

O punto final a ciclo de encontros deste curso porase o 17 de xuño coa conferencia ‘O uso do lecer na infancia: ocios educativos e nocivos’.

PortAmérica levantará o 2 de xuño o pano dos Rías Baixas Fest 2022

Os Rías Baixas Fest 2022 da provincia levantarán o pano do 2 ao 4 de xuño coa décima edición do PortAmérica, unha das propostas culturais máis innovadoras de Galicia e do Estado coa fusión de música, natureza e gastronomía e que neste ano regresa á normalidade trala pandemia. A Azucreira de Portas, un dos tres escenarios onde terá lugar o festival, xunto á carballeira e o recinto da Tafona en Caldas de Reis, acolleu hoxe a presentación oficial do evento, que a presidenta da Deputación cualificou de “referencia da industria musical en todo o Estado”. Carmela Silva puxo en valor o esforzo e “a extraordinaria idea” que dende hai dez anos plasma a produtora do festival, Esmerarte, baixo a dirección de Kin Martínez, así como a colaboración dos alcaldes de Portas e Caldas, Ricardo Martínez e Juan Manuel Rey “para que este evento estea no mapa da mellor cultura musical desta comarca e do Estado”.

A presidenta subliñou que este décimo PortAmérica “vai ser espectacular e moi especial”, xa que despois de dous anos de pandemia “a xente está desexosa de ser feliz, e que dá máis felicidade que a cultura”. “Queremos rir, queremos música, gastronomía, territorio, espazo natural, queremos compromiso co medio ambiente e igualdade e felicito a este evento por promover que haxa novos valores e que sexa paritario e por facer un esforzo porque haxa mulleres visibles no ámbito da alta gastronomía -manifestou Carmela Silva-. Porque así o mundo será mellor. Con cultura e transformación, cultura e mellor vida. Iso é o que é PortAmérica”.

Neste senso, a presidenta destacou a labor promovida desde os inicios deste festival por Esmerarte, unha mostra “do talentazo da provincia” e, de xeito máis persoal, por Kin Martínez, “un rapaz de Portas que soñaba ao grande e que fixo que tanta xente soñara con el ao grande, tanto ao sector privado como ás administracións públicas, porque é a nosa obriga apoiar estas ideas extraordinarias que nos converten nunha grande referencia”. Engadiu que PortAmérica leva promocionando o territorio “e o noso produto extraordinario de inmensa calidade, que fai da nosa cociña tradicional e avanzada das mellores do mundo, así como a mellor música” desde hai dez anos “e vai durar dez máis, e vinte e trinta anos máis, porque as grandes ideas nunca morren, crecen, e este festival o é”.

Volveu felicitar así mesmo aos concellos de Caldas de Reis e Portas “porque apostaron por darlle pulo conxunto a esta comarca e non son palabras, son feitos”. “Precisamos xente coma eles para construír, xente do si”, destacou, ao tempo que lles agradeceu “por entender que o que importa é a pegada que deixan os eventos nos lugares, e isto deixa unha pegada inesquecible”.

No eido musical, PortAmérica contará coas principais figuras da música galega, nacional e internacional. Arrancará o 2 de xuño con Lori Meyers, Delaporte, El Columpio Asesino, Muchachito Bombo Infierno, Natalia Lacunza, Rojuu, Cápsula, Fon Román, Grande Amore. O venres 3 de xuño actuarán WOS, Rozalén, Baiuca, Andrés Suárez, Instituto Mexicano del Sonido, Coque Malla, Arde Bogotá, Alice Wonder, La La Love You e The Parrots. E o sábado 4,  Bizarrap, Xoel López, Viva Suecia, Mikel Erentxun, Depedro, Queralt Lahoz, Lisandro Aristimuño, Amparanoia, Dengue Dengue Dengue, Serbia, Dani e Flecha Valona.

No que atinxe ao showrocking, comisariado por Pepe Solla, reunirá a preto de corenta chefs galegos, do resto do Estado e do mundo que suman 24 estrelas Michelin e 39 soles Repsol, que converten ao festival nunha experiencia diferencial única e nunha alternativa turística singular de primeiro nivel.  Por outra banda, serán novidade as sesións vermú durante as mañás do sábado e do domingo do festival na área termal da Tafona, un espazo a carón do Río Umia en Caldas. O sábado 4 contará coa música de Marilia Monzón, Marisa Valle Roso, Santi Araujo e Pablo Lesuit e o domingo 5 con Mavica, Sarria e Igloo. Haberá tamén liñas de autobuses desde 6 das principais cidades galegas (A Coruña, Santiago, Pontevedra, Cambados, Vilagarcía e Vigo).

Ao igual que no resto dos Rías Baixas Fest, PortAmérica contará coa participación dunha das mozas mentorizadas no programa de empoderamento do talento musical femenino da provincia Descúbreas, que a Deputación desenvolve con Regalamúsica. Amais, a institución volverá desenvolver as súas campañas de igualdade, coa presentación dun novo audiovisual e co reparto dos materiais de “Lembra! Eu decido, ti respectas” e “Conta comigo, eu respéctote” no stand que levará aos festivais.

Fórum Cultural de Cerveira acolhe espetáculo “OBSCURUS”

O Fórum Cultural de Cerveira acolhe, no próximo fim de semana, duas sessões do espetáculo “OBSCURUS”, um evento multidisciplinar que envolve dança, spoken word e novos média. A entrada é livre.

Partindo de uma ideia original de Jorge Reis, “OBSCURUS” explora os pensamentos que emergem do confronto connosco mesmos e como podemos gerir a nossa própria anti-ética num lugar ficcional.

O espetáculo é uma criação da EMERGE — Associação Cultural com a parceria institucional da República Portuguesa / DGARTES – Direção-Geral das Artes e conta com o apoio da Fundação Bienal de Arte de Cerveira, da Câmara Municipal de Torres Vedras, do Teatro-cine de Torres Vedras, do Centro de Artes e Criatividade de Torres Vedras, da PERFORMACT e da Lisboa Incomum.

Sobre a peça

Sinopse JUDE ORA é uma pessoa não binária com força interior para mudar tudo, mas ela não consegue mudar a sua incapacidade de amar. Ela gera tanta energia para criar, mas não consegue aceitar a solidão. A realidade em torno de Jude é vasta e obscura, como o Universo.

Todos nós associamos a escuridão, e tudo o que não pode ser alcançado pelo nosso olhar, como algo mau ou errado, que nos causa um efeito de tremor no corpo e na alma, só porque não podemos alcançar a compreensão que está presente nas emoções indefinidas. Disto resulta a fragmentação como efeito geral que é entendido como um buraco negro que absorve o tempo e o espaço. É claro que é difícil lidar com o desconhecido, o vazio, e essa dificuldade reflete-se na relação humana com o desconhecido, principalmente em tempos como este em que a divergência é acentuada e o tom de alguns pressupostos meta-políticos defendem um lugar para renovar o poder, a ficção e a narrativa especulativa.

3 atos

  • A origem (solidão)
  • A criação
  • O desaparecimento

Duração 50 min

Classificação etária M/12+ (atribuição pelo IGAC)

Nota: Espetáculo não recomendado para pessoas portadoras de insuficiência cardíaca e de epilepsia pelo uso de altos contrastes de luz e som que podem ser suscetíveis a sensibilidades extremas.

A aula CeMIT de Tomiño impartirá este verán cursos de balde para estudantes

0

Durante os meses de xullo e agosto a aula CeMIT de Tomiño impartirá diferentes cursos de balde orientados á infancia e mocidade de entre 8 e 15 anos.

O primeiro deles estará relacionado co retoque fotográfico, utilizando o GIMP, un programa gratuíto que permite realizar retoques, creación de imaxes e composición. Na outra actividade de formación, aprenderase a usar o Libreoffice Writer, un procesador de texto, outro programa de balde, grazas o cal pódense crear documentos de texto de calquera tipo, aínda que neste caso orientaranse, sobre todo, a traballos escolares.

A aula CEMIT, sita no parque do Campo da Feira, é un espazo onde durante todo o ano se realizan obradoiros gratuítos relacionados ca informática, para todas as idades. Cursos de diferentes niveis, que van dende iniciación no uso de ordenadores, a formacións máis específicas como ofimática, retoque fotográfico ou edición de vídeo. Ademais o técnico responsable da aula está dispoñible dentro do seu horario para resolver dúbidas relacionadas co uso dos ordenadores ou Internet a quen o precise.

O horario da aula é de luns a venres de 9:15 a 13:45, e, ademais, os martes e xoves, de 18:30 a 20:30. Para máis información ou para inscribirse nos cursos, as persoas interesadas poden chamar ó 986-623304 ou mandar un correo electrónico a [email protected].

Redondela organiza un novo roteiro o domingo 29 de maio pola Rande

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Turismo que xestiona María Castro, organiza para este vindeiro domingo, 29 de maio, o último dos roteiros que, dende o mes de marzo, desenvolve os últimos domingos de cada mes para dar a coñecer, á veciñanza e visitantes, a riqueza patrimonial do municipio. “Que a veciñanza coñeza o patrimonio histórico, cultural e paisaxístico de Redondela é o primeiro paso para a súa protección e conservación” asegurou hoxe a alcaldesa Digna Rivas.

Desta volta, e coa guía de Xurxo Constenla, arqueólogo de A Citania e museólogo do Meirande (Centro de Interpretación da Batalla de Rande), as e os participantes terán a oportunidade de coñecer o patrimonio que agocha o lugar de Rande.

Para participar, non é precisa preinscrición algunha, só estar no lugar da saída (o aparcadoiro do Meirande) ás 10 horas. A ruta guiada desenvolverase dende o cargadoiro Coto Wagner (ameazado con desaparece) ata o Castelo de Rande, situado baixo a ponte que cruza a ría. A duración será de dúas horas, aproximadamente, e con dificultade baixa.

A protección do patrimonio cultural, industrial e natural da contorna de Rande, zona incluída na Rede Natura 2000, “é un obxectivo irrenunciable para o Goberno redondelán”, afirma a alcaldesa Digna Rivas quen lembra que o Concello “utilizará todas as ferramentas ao seu alcance para evitar a degradación da zona coa instalación do depósito de contedores en desuso que pretende a APV ou a destrución dun elemento significativo da historia industrial do municipio como é o antigo cargadoiro de Cotto Wagner”.

A Concellería de Cultura de Baiona pon música á “Baiona Sailing Week”

0

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona organizou para esta fin de semana unha serie de concertos para poñer ritmo á “Baiona Sailing Week”.

A praza do concello acollerá este venres, 27 de maio, ás 21:00 h o concerto de “ Blue Monk”. O sábado, 28, á mesma hora, 21:00 h, “Vilar People” e o domingo 28, en sesión vermuth ás 13:00 h o concerto de “Os do Barro”.

Baiona atópase nunha das súas semanas máis naúticas con motivo da ABANCA 52 SUPER SERIES · BAIONA SAILING WEEK que se celebra na Vila desde o pasado sábado. Toda unha semana na que tres equipos norteamericanos, dous ingleses, un alemán, un turco, outro surafricano e un noveno tailandés competirán na primeira cita da tempada do circuíto de monocascos máis importante do mundo.

O evento deportivo, patrocinado por ABANCA e Turismo de Galicia a través do Xacobeo, e apoiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona, deixará un impacto económico na comarca do Val Miñor valorado en 2 millóns de euros. Aloxamentos, restauración, empresas de instalacións, transportes, loxística, náutica ou deseño son algúns dos sectores beneficiados pola chegada das 52 SUPER SERIES a Galicia.

O Concello da Cañiza repartiu máis de 400 bocadillos entre os participantes da Clásica Álvaro Pino

0

Este domingo 22 de maio, celebrouse a 7ª edición desta marcha ciclodeportiva, de carácter non competitivo, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan C, cun trazado de 110 km, dos cales 30 desenvolvéronse polas estradas do noso Municipio.

Un gran fondo cicloturista que percorreu as terras de 7 concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), con tramos de 2.000 metros de desnivel acumulado.

O percorrido polo noso Municipio empezou subindo ao Alto de Moncelos (Petán), un dos 3 altos de montaña da Marcha con máis altitude (806 m).

Sobre as 11:30h a marcha fixo a primeira parada na Praza Maior da Cañiza para o avituallamento. Durante máis de media hora concelleiros e traballadores do Concello xunto coa organización da proba, repartiron máis de 400 bocadillos do mellor xamón da Cañiza entre todos os ciclistas. Esta parada serviu tamén para que os deportistas puideran reagruparse e evitar así a dispersión.

A ruta continuou hacia a parroquia das Achas, Parada e Luneda (onde estaba marcado o segundo alto de montaña con 777 metros de altitude) e  finalmente pasaron pola Franqueira para continuar a marcha hacia a Meta de Ponteareas.

Como xa declarou o alcalde, Luis Piña, na presentación da edición deste ano,  «o Concello volveu a colaborar coa «Clásica» repartindo  bocadillos do mellor xamón da Cañiza, en agradecemento aos organizadores por ter elexido o noso Concello para formar parte do trazado desta competición que xa é un referente no ciclismo autonómico».

O Alcalde aproveitou tamén a ocasión para agradecer a colaboración dos xamoneiros da Cañiza que donaron gratuitamente todo o xamón para esta proba. Xamonerías “Os do Resero”, “Piri-Piri”, “Kenia”, “Paradanta” e “Área de Servicio Repsol de A Cañiza”. 

A Deputación pon en marcha a segunda edición da Facultade Ágora

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade e Espazo Público, vai poñer en marcha a segunda edición da Facultade Ágora para formar ás persoas políticas e técnicas dos concellos da provincia sobre como recuperar o espazo público con calidade. Logo do éxito do anterior curso esta nova cita ten dúas novidades principais: as actividades serán moito máis prácticas e estarán espalladas por diferentes concellos da provincia.

Todos os cambios foron explicados hoxe nunha presentación na que estivo a presidenta Carmela Silva, o deputado de Moblidade e Espazo Público Uxío Benítez, a coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan Ana Montalbán, e o coordinador de contidos da Facultade Fernando Nebot. Asistiron ao evento representantes dos colexios oficiais de Arquitectos, de Arquitectos Técnicos, e do colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia, ademais do director xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra Daniel Macenlle.

O deputado Uxío Benítez explicou que a intención da Deputación é que a Facultade Ágora sexa “un laboratorio de I+D+i do espazo público” no que de maneira “humilde pero innovadora” se acheguen diferentes visión de como se deben deseñar vilas e cidades para mellorar a calidade de vida da cidadanía. “A Facultade é unha iniciativa moi necesaria e queremos dar un salto, un novo impulso cara a algo diferente, un espazo de formación con tres premisas: máis presencialidade, máis práctica e máis descentralización”, subliñou.

A primeira das actividades que se porá en marcha, apuntou Benítez, será o curso básico para obter o título de ‘Persoal técnico Ágora’, destinado a persoas –principalmente dos concellos Ágora- que non puideron matricularse e examinarse na primeira convocatoria. Será exclusivamente en liña e a inscrición comezará este mércores e pechará a finais de xuño en redeagora.gal.

A segunda iniciativa e principal novidade deste ano serán os ‘Obradoiros Ágora’, eventos dun día de traballo con visitas guiadas, nos que as persoas matriculadas deberán aplicar os conceptos teóricos adquiridos na primeira edición en localidades concretas nas que se teñen executado obras de recuperación do espazo público. Estes obradoiros contarán ademais coa figura dun ‘observador Ágora’, persoal docente da primeira edición que se achegará á localidade para escoitar e formular propostas ademais de facer un informe externo sobre o tratado na xornada. O obxectivo é analizar e debater de xeito participativo.

Os obradoiros serán o 16 de xuño en A Estrada, con Marius Navazo; o 30 de xuño en Tomiño, con Marius Porto; o 8 de setembro en Vilagarcía con Rocío Plasencia; e o 29 de setembro en Ponteareas con Paula Teles. A inscrición tamén se abrirá pasado mañá mércores e permanecerá aberta ata unha semana antes da celebración de cada evento. Haberá 50 prazas dispoñibles e a Deputación facilitará o transporte dende Pontevedra a cada localidade.

Por outra parte, terán lugar despois do verán as ‘Conversas Ágora’, foros de diálogo sobre o espazo público que contará con persoeiros de referencia e alto nivel internacional (entre elas a socióloga Saskia Sassen, por exemplo). Como punto de inicio as conversas arrancarán co diálogo entre o urbanista José Fariña e a socióloga María Ángeles Durán, nun acto que servirá tamén para a presentación do libro sobre a primeira edición da Facultade Ágora, con resumos e artigos de todo o persoal docente.

Por último, dentro da Facultade Ágora 2022 haberá tamén iniciativas para público específico, como ‘Poli Ágora’ (20 de outubro), que pretende ser unha actividade formativa destinada a axentes de policía local que estará coordinada por Daniel Macenlle e impartida por persoal de corpos locais. O obxectivo é concienciar e aprender conceptos de maneira interactiva sobre como a Policía Local debe ser o primeiro axente á hora de defender o espazo público recuperado, xa ben en relación a temáticas como a prevención de accidentes, a redución da velocidade ou o uso do espazo público por parte dos vehículos a motor de maneira “espúrea”.

Carmela Silva: “Unha idea clara de transformación da provincia”

“Fai sete anos –asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na presentación da Facultade- un novo goberno entraba na Deputación de Pontevedra cunha idea clara de transformación, de entender que a política é a ferramenta que ten a cidadanía para mellorar a súa vida. E isto ten unha enorme carga de profundidade porque obriga a que responsables públicos deseñemos o territorio que queremos construír, que sempre ten que ser cunha mirada transversal e global”.

Referiuse a presidenta á necesidade de construír vilas, pobos, cidades para as persoas, as “grandes esquecidas que agora forman parte prioritaria do noso modelo”, e dende a participación democrática, “escoitando o talento, o coñecemento, a intelixencia, que está nas e nos profesionais, de pluralidade de áreas, e tamén na cidadanía, que ten que ser copartícipe das transformacións”.

A presidenta recordou que ao longo destes  sete anos de “transformacións transversais os resultados son impresionantes”. Mudáronse as infraestruturas provinciais pero tamén os concellos apostaron por “construír espazos de vida” con ducias de millóns de euros procedentes do Plan Concellos e de proxectos extraordinarios como os Plans de Reequilibrio, DepoRemse ou ReacPon que encheron de “boas prácticas moitos concellos da provincia”.

Tamén incluíu aquí á Facultade Ágora, cuxa primeira edición “foi todo un éxito”,  porque “para transformar o espazo público, para camiñar cara a excelencia, para converternos nun exemplo, é preciso aproveitar a intelixencia, o coñecemento, reflexión, análise, innovación de persoas procedentes dunha enorme pluralidade de profesións”. Ademais fixo especial fincapé no numeroso grupo de mulleres conferenciantes, fundamentais para “transformar realmente xa que se non se conta con nós, que somos a metade do mundo, ese cambio sería imposible de facer”.

Pola súa banda, a secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, entidade colaboradora da Deputación a través da que se pon en práctica a Facultade Ágora manifestou o seu agradecemento pola “confianza reiterada na rede e contar coa equipa para seguir compartindo un espazo de coñecemento e aprendizaxe colaborativa”. Montalbán sinalou que neste ano a actividade  ‘estrela’ van ser os obradoiros, subliñando que nas facultades cando máis se aprende é cando se visitan os proxectos in situ e se achega ao detalle construtivo. “Imos afondar en cuestións que na primeira edición quedaron no aire. Cuestións como por que hai beirarrúas, por que se prefiren espazos e plataformas compartidas, porque hai bordiños, por que formigón corrido, por que unha iluminación específica… (…) Haberá un equilibrio entre a parte conceptual e a práctica”, subliñou.

Finalmente, o coordinador de contidos Fernando Nebot destacou que os obxectivos dos obradoiros serán tratar catro aspectos básicos: o espazo público liberado, a xestión dos fluxos de mobilidade, o deseño dos espazos públicos e os seus equipamentos necesarios. O asesor de mobilidade subliñou que os obradoiros serán unha realidade grazas a que “o que case era utópico hai uns anos xa se está a materializar na provincia… polo que se a utopía xa está aquí haberá que buscar novos retos”.

O Concello de Oia pon en marcha unha aula de novas tecnoloxías na antiga biblioteca

0

O Concello de Oia vén de reformar e mellorar o local do baixo do Consistorio que funcionaba como biblioteca co obxectivo de convertelo nun novo espazo dedicado ás novas tecnoloxías.

Esta transformación permite contar con espazo máis amplo, accesible e versátil que o anterior e suporá para a veciñanza unha mellora no acceso e emprego das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).

A Aula de Novas Tecnoloxías de Oia conta cunha zona equipada con ordenadores a disposición da veciñanza, onde tamén se porá en marcha o programa de formación Aula Mentor. Ademais, dispón dunha sala de estudo separada da sala de informática.

Estas novas dependencias están xa a disposición do público, que poderá empregalas de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas.

Accesibilidade e versatilidade

No tocante á accesibilidade, as obras realizadas permitiron dotar á aula de novas tecnoloxías dun aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida e construír un novo punto de entrada. Deste xeito, ademais do acceso habitual a través da rúa, agora existe un segundo desde o interior do Concello.

O novo equipamento municipal tamén mellorou en canto á versatilidade dos seus espazos, permitindo diferentes formas de ser aproveitado. Incluso admite distintos usos simultáneos e separados, segundo a disposición ou cambio do mobiliario que se realice en cada momento.

A Administración local financiou esta actuación integramente a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cun orzamento total de 52.047,09 euros que inclúen as obras, a redacción do proxecto e máis a dirección de obra.

O Concello de Nigrán instala un columpio múltiple no parque de Praia América

0

O Concello de Nigrán investíu 3.279 € na compra dun columpio múltiple para o parque de Praia América, onde xa está instalado. O aparato, cunha estrutura pentagonal, permite que cinco menores se balanceen simultáneamente e poidan interaccionar e socializar ao haber contacto visual entre todos. Ademais, as cinco cadeiras dispoñen de barras de protección para que os pequenos non saian cara adiante.

Este investimento súmase a outros 10.160 € realizados no 2021 a través das baixas do Plan Concello 2018-2019 na ampliación de outros elementos de xogo deste mesmo parque. En concreto, nesa ocasión fora un novo conxunto modular composto por torres con tellado, ponte, tobogán, rede e elementos para trepar, escaleira e un coumpio para nenos e outro para bebés.

“Trátase dun dos parques infantís con maior uso do municipio e requiría certa renovación e con aparellos máis novidosos”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca que nos últimos anos foron renovados todos os parques infantís da localidade e incluso se crearon outros (caso do Torreiro de Camos, Vilariño ou Grela en Nigrán). O rexedor avanza que seguirá apostando por “crear e mellorar novos espazos de esparexemento” para a infancia pero tamén para maiores cos parques biosaudables e para deportista con elementos axeitados para o adestramento ao aire libre como a calistenia de Panxón.

Sanidade detecta dous posibles novos casos da varíola do mono

A Consellería de Sanidade vén enviar as mostras de dous novos posibles casos da enfermidade da varíola do mono ao Instituto de Saúde Carlos III.

Até o de agora, a Dirección Xeral de Saúde Pública comunicou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, un total de tres posibles casos de infección, todas elas á espera dun diagnóstico definitivo.

Nomeadamente, o pasado venres Sanidade enviou a Madrid as mostras da primeira das persoas que presentou na nosa comunidade un cadro compatible coa definición da varíola do mono. Nas últimas horas, o departamento sanitario da Xunta comunicou dous novos posibles casos e remitiu as mostras ao Instituto de Saúde Carlos III, para que estas sexan avaliadas nos seus laboratorios.

Á espera dos resultados definitivos, cómpre salientar que estas tres persoas atópanse estables.

Desde que recibiu a alerta internacional sobre a varíola do mono, o pasado martes 17 de maio, Galicia está vixiante para poder identificar e confirmar, os posibles casos desta enfermidade.

Neste senso, a Dirección Xeral de Saúde Pública vén de adaptar o protocolo para a detección de posibles casos ao recibido o pasado venres do Ministerio Sanidade. Así, o novo documento establece unha nova definición para buscar/detectar novos casos, concreta a consideración de ‘contacto’, e incorpora as medidas de prevención/precaución que debe adoptar a cidadanía e o conxunto de profesionais dos centros sanitarios.

Dobre cita cultural na Guarda para o sábado 28 de maio

0

Un contacontos adicado á Florencio Delgado Gurriarán e a obra teatral #2Pilgrims poñen o broche á programación de maio.

Este sábado realizarase na Biblioteca Municipal o contacontos das Letras Galegas “Florencio nas Ondas”, a cargo da narradora Raquel Queizás, que tivo que adiarse da súa data orixinal por mor da choiva. Mediante a recreación dun antigo programa de radio descubriremos a vida de película deste personaxe, medio espía, medio fuxitivo, que contribuíu a dignificación de Galicia e a normalización da nosa fala nunha época escura.  O espectáculo apto para nenos a partir de 5 anos, representarase na Biblioteca Municipal ás 12:00h, sendo preciso confirmar a asistencia previamente no Centro Cultural: [email protected] no teléfono 986611850 en horario de 16:00h. a 21:00h.

O mesmo sábado á tardiña, ás 20:00h. o Centro Cultural acollerá unha nova obra teatral , neste caso a última proposta de Redrum Teatro: “#2Pilgrims”. A obra aborda o proceso de creación dunha obra teatral a cargo de dous recoñecidos actores como son Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo, o Camiño de Santiago será a escusa ou detonante que os protagonistas atopen para iniciar a súa reflexión, na que os temas como a igualdade ou as novas masculinidades formarán parte das súas preocupacións principais.

Esta obra, a decimo quinta da compañía – que xa estivo na Guarda con creacións como Noiteboa, Invisibles ou O Home con Lentes de pasta- está especialmente pensada para o público mais novo e incluso adolescente. A compañía quixo facer un esforzo por dirixirse á mocidade cunha comedia que conta con grandes doses de absurdo e que fai un cuestionamento crítico sobre o amor romántico, así como unha reflexión acerca do efecto das redes sociais nas relacións persoais.

O acceso será de balde ate completar o aforo máximo do Salón de Actos, non sendo precisa a inscrición previa.

O programa “bosques terapéuticos” ofrecerá 38 rutas desde o 4 de xuño

Volven, por terceiro ano consecutivo, os “baños de bosque” por espazos naturais da provincia, o programa que ofrece a Deputación de Pontevedra como experiencia terapéutica, de lecer e cultural para os meses de verán. Deste xeito, os Bosques Terapéuticos propoñen desde o vindeiro 4 de xuño e ata o 25 de setembro un total de 38 rutas por sete paraxes singulares, entre os que figuran como novidade as illas de Tambo e Arousa, así como a ruta pola contorna do Ponte Colgante do Lérez, que se suman aos itinerarios polos Salóns do Lérez, o espazo natural de Bembrive, a Senda do Almofrei e a Ruta da Pedra e da Auga. A partir deste luns, 23 de maio, as persoas que desexen participar nesta actividade poderán inscribirse nas primeiras 8 rutas do mes de xuño, cun formulario que atoparán na web provincial www.depo.gal. En total, neste 2022 haberá 570 prazas.

Os Bosques Terapéuticos constitúen unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna, conxugada coa interpretación do patrimonio. Todo nunha ruta guiada que busca dar a coñecer os espazos naturais da provincia e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios dos “baños de bosque”, que permiten conectar coa natureza empregando todos os sentidos, amais de ser unha terapia que cada vez máis estudos definen como beneficiosa para a saúde e para a prevención dalgunhas enfermidades.  

As rutas terán 15 prazas cada unha, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza para o desenvolvemento desta actividade. Das 38 rutas previstas, 8 celebraranse en xuño os sábados e domingos, outras 10 en xullo, tamén o fin de semana, mentres que en agosto haberá un total de 12 os venres, sábados e domingos. Doutra banda, no mes de setembro haberá 8 itinerarios. Ao igual que o pasado ano, as inscricións para as rutas abriranse de mes en mes e, deste xeito, para os baños de bosque de xuño as inscricións comezarán xa mañá luns, 23 de maio, e o prazo estará aberto ata dous días antes da celebración do evento. No caso das de xullo, o prazo comezará o 20 de xuño, para as de agosto arrancará o 26 de xullo e para as de setembro, o 22 de agosto. En todos os casos, o prazo rematará dous días antes da ruta.

Calendario

Os Bosques Terapéuticos arrancarán o 4 de xuño coa Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e continuarán ao día seguinte polos Salóns do Lérez (Pontevedra). Posteriormente, o día 11 celebrarase a ruta polo Espazo natural de Bembrive (Vigo) e o día 12 o da Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). A primeira ruta pola Illa de Tambo (Poio) terá lugar o día 18, mentres que na Illa de Arousa celebraranse dous itinerarios, os días 19 e 25. Por último, a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) será escenario da ruta do día 26.

No que se refire aos restantes meses, a ruta polos Salóns do Lérez terá lugar o 3 de xullo; o 6 e 26 de agosto e o 3 de setembro, mentres que a da Illa de Tambo repetirase os días 10 e 14 de xullo, 14 e 27 de agosto e 17 de setembro. O Espazo natural de Bembrive será visitado o 9 de xullo, os días 12 e 21 de agosto e 11 e 25 de setembro, e a Illa de Arousa, o 23 de xullo, o 13 de agosto e o 18 de setembro. Por outra banda, para a Ruta da Pedra e da Auga poderá elixirse entre o 2 de xullo, o 5 e o 28 de agosto e o 4 de setembro, mentres que a da Ponte Colgante do Lérez celebrarase os días 17 e 30 de xullo, 19 de agosto e 24 de setembro. Por último, a da Senda do Almofrei terá lugar os días 16 e 31 de xullo, 7 e 20 de agosto e 10 de setembro.

En cada unha das rutas haberá unha dinámica específica relacionada cos beneficios dos “Bosques Terapéuticos”, adaptada aos contidos desenvolvidos na ruta e ao espazo no que se desenvolve. Fomentarase o uso dos sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación. As visitas están destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e terán unha duración de entre hora e media e 2 horas. Comezarán ás 10 polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza e as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

Salvaterra de Miño acolle un torneo solidario de fútbol

Os vindeiros 11 e 12 de xuño e nun paso máis nas relación da Eurocidade, Salvaterra de Miño e Monçao formarán parte dun Torneo Solidario sub-14 con denominación FRONTERA ZERO, e que terá como sedes o Estadio Manuel Lima (Monçao) e o Campo Municipal de Dextros (Salvaterra).

Este torneo persegue converterse en referente no cruce da fronteira entre España e Portugal, polo que é preciso contar  con clubes importantes dos dous países para calibrar o alto nivel que existe e, sobre todo, fomentar as relacións humanas entre clubes, adestradores, xogadores, pais e nais que están inmersos nesta actividade deportiva día a día.

O torneo tamén ten como obxectivo  axudar e dar visibilidade a unha academia de fútbol situada en Guinea Bisáu, o INTER G.B (Academia Internacional da Guiné-Bissau) xa que, entre outros motivos, varios dos xogadores que hoxe son parte da plantilla do Desportivo Monçao, se formaron nesta Academia e son nados neste país africano, colonia do noso país veciño  durante o  século XIX e denominada Guinea Portuguesa ata a súa independencia no ano 1973.

É indubidable as boas relacións entre estes dous países e de ahí que naza este proxecto integrador que ten no deporte, neste caso no fútbol, o seu eixe principal.

Ademais da participación dun equipo desta Academia, entre os clubes españois e portugueses de prestixio estarán:

  • Real Clube Celta
  • Real Valladolid
  • C.D. Lugo
  • Río Ave
  • Vitória S.C.
  • S.C. Braga

Eclogobal Sports tamén quixo contar coa participación especial dos dous clubes anfitrións para esta 1ª Edición, como son o Clube Desportivo de Monçao e as E.D. SALVATERRA, polo que teremos participación salvaterrense nun evento tan fermoso e solidario coma este, onde co intercambio cultural como bandeira, implicaranse outros valores fundamentais no desenvolvemento dos xóvenes deportistas como son a integración, a deportividade, a disciplina e o respeto. 

Dende o Concello damos invitación a todas as persoas que desexen pasar unha fin de semana cultural, deportiva e de balde, para que asistan ao Campo Municipal de Dextros e ao Estadio Manuel Lima  na que será unha experiencia pioneira multicultural da chamada Eurocidade.

Éxito de participación no IV Trail Orixes de Mondariz

0

A cuarta edición do Trail Orixes, organizado pola Asociación Deportiva Mondariz coa colaboración do Concello de Mondariz, reuniu este sábado, 21 de maio, a máis de 400 persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia, outras comunidades do Estado español e Portugal. Entre elas destacaron as 37 participantes da nova e esixente categoría Ultra (60 km) e as 41 corredoras do Maratón (40 km). O Trail (26 km) e o Minitrail (14 km) foron as distancias preferidas, con 98 e 229 participantes, respectivamente.

A exitosa celebración desta cuarta edición do Trail Orixes, despois de dous anos en suspenso por mor da pandemia, supón a reactivación da axenda de eventos deportivos organizados pola Asociación Deportiva Mondariz e o Concello de Mondariz, como entidade colaboradora. Despois do verán volverán outros eventos que estaban consolidados na programación anual, como a Carreira Popular de Mondariz, que chegará á súa sexta edición en setembro, e a marcha de BTT “Montes de Mondariz”, que celebrará á súa quinta edición en outubro.

Clasificacións do IV Trail Orixes Mondariz

Ultra

Masculino: Martín Fontán Arnejo (7:24:31), José Manuel David Domínguez (7:50:00) e o portugués Hugo André Pires Araújo (8:04:11).

Feminino: Zulima Carrion Flores (10:55:44).

Maratón

Masculino: David Rodríguez Gil (4:32:03), Manuel Enrique Fernández Fernández (4:40:43) e Francisco José González Varela (4:46:00).

Feminino: Aroa Sío (5:05:42), Belén Rodríguez Vidal (6:30:40) e Mila Rojo Lecuona (6:32:47).

Trail

Masculino: o asturiano Jesús Álvarez Rodríguez (2:29:49), o catalán Enric Gómez (2:38:36) e o galego Víctor Maneiro Freire (2:45:00).

Feminino: Diana Domínguez Pereira (3:03:44), a catalana Paula Fábregats Valls (3:09:42) e Lucía López Palmeiro (3:30:00).

Minitrail

Masculino: Javier Vila Porto (1:22:13), Darío Arias Costas (1:22:26) e Daniel Domínguez Domínguez (1:23:30).

Feminino: María Martínez González (1:38:55), Andrea Montero Trepat (1:44:51) e Reyes Bóveda (1:53:05).

SmartPeme imparte cinco obradoiros esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a fabricación dixital con debuxo 3D e con filamento, a plataforma turística TripAdvisor, Google Analytics e a ciberdelincuencia na Internet.

O martes 24 e o xoves 26 Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, será o encargado de dirixir os obradoiros de fabricación dixital. O primeiro,  “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape III – Partstudio”  complementará as formacións das semanas anteriores sobre a utilización deste software 3D; o segundo, “Fabricación dixital. Laminador Cura I” dará a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de fabricación dixital deseñando pezas en 3D. Ambos talleres constan de 50 horas de duración e inclúense no novo formato mixto, que combina formación en liña (30 horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O martes, as 17 horas de xeito telemático, Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas por la Universidades da Coruña, falará sobre “TripAdvisor. A plataforma perfecta para a túa empresa turística”. Trátase dunha das maiores plataformas de viaxes do mundo, unha ferramenta cada vez mais personalizada e social que permite aos viaxeiros compartir información e así mellorar a reputación das empresas turísticas repercutindo no volume de ventas.

O mércores 25, o taller “Primeiros pasos con Google Analytics 4” realiza unha primeira aproximación a esta ferramenta, fundamental para calquera sitio web. Porá de manifesto as diferenzas coa actual versión da aplicación e como configurala para comezar a  sacarlle partido. A encargada de impartir esta acción formativa é Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais,  que conta con máis de 8 anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.

O derradeiro dos obradoiros será o xoves 26 as 17:oo horas. “Na mente do ciberdelincuente, protección ante estafas en Internet” é unha acción de colaboración entre o Nodo Galego de Ciberseguridade e a empresa Gradiant, que será a encargada de impartilo. Celebrarase de xeito presencial na sala de actos da segunda planta do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra.

Arbo lanza a campaña “Visita o Museo Arabo e Gaña” para promocionar o turismo

0

O Concello de Arbo, seguindo coa súa folla de ruta na promoción dos recursos turísticos, gastronomía, adegas, os viños, a historia, a Festa da Lamprea, lanza a campaña “Visita o Museo Arabo e Gaña”.

O Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea Arabo é unha exposición permanente promovida polo Concello de Arbo orientada á posta en valor do patrimonio cultural, etnográfico e   enogastronómico do municipio   arbense. O eixo temático da exposición vertébrase en dous focos principais: a   lamprea –un importante recurso natural, cultural e gastronómico do municipio – e o viño do Condado, pertencente a D.O. Rías Baixas. A exposición tamén fai unha aproximación á historia de Arbo, os seus principais atractivos turísticos e a historia da Festa da Lamprea .

Os destinos rurais reveláronse como os máis atractivos tras o estalido da pandemia. Para os turistas que buscaron viaxar, descansar e relaxarse os espazos rurais han suposto unha gran alternativa que levou a que  actividade turística e a promoción realizada dende o Concello, tivese un forte impacto en Arbo, como destino elixido polos turistas – informa o rexedor Horacio Gil

Con tal  motivo e para seguir promocionando Arbo e os seus recursos e ofrecer actividades ao turista a partires do 15 de maio os visitantes o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Museo Arabo”, o remate da visita recibirán un cupón para participar no sorteo de diferentes lotes de viño e licores das adegas de Arbo.

 No Museo Arabo, poderán coñecer Arbo, a atraves dos paneis e  completar o contido dos  sete vídeos editados en galego,  ingles e castelán cunha duración de pouco máis dun minuto.

Para máis información e reserva no teléfono 670 38 52 72

O Revitaliza da Deputación colle ruta a Cataluña, País Vasco e Navarra

O Revitaliza da Deputación de Pontevedra iniciou a primeira hora da mañá de onte a súa viaxe formativa cara a País Vasco, Navarra e Cataluña para coñecer ‘in situ’ diferentes sistemas de recollida de residuos que poder aplicar na provincia. A comitiva provincial formada por representantes políticos e técnicos de dezaseis concellos da Provincia (Poio, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Mancomunidade do Morrazo -Bueu, Cangas e Moaña-, Valga, Soutomaior, Tomiño, A Guarda, Tui, Mondariz, As Neves, Ponteareas e A Cañiza) estudarán no terreo diferentes variantes de recollida tipo ‘Porta a Porta’ (PaP), ‘Pago por xeración’ (PpX) e visitarán instalacións de compostaxe tanto simples como ‘mixtas’, de biorresiduos agrogandeiros e municipais, que permitirán complementar o modelo ‘Revitaliza’ que se está a aplicar na actualidade e cumprir canto antes os obxectivos de reciclaxe obrigados pola nova normativa.

O autobús co grupo chegará esta noite a destino para comezar mañá co intenso programa ata o xoves pola noite, sendo a xornada do venres de volta cara a Pontevedra. A xeira deste luns iniciarase a “primeirísima hora” no lugar de Cripán, na Rioja alavesa, onde se visualizará a recollida PaP para despois partir cara a Mancomunidade de Sakana onde se visitará a planta compostaxe. Xa en Usurbil representantes dese concello amosarán a súa recollida PaP e falarán do pago por xeración posto en marcha recentemente. A xornada rematará na planta de compostaxe da zona.  

O martes 24 o grupo de representantes da provincia pontevedresa chegarán a Zaldivia onde haberá unha recepción por parte do tenente alcalde. Tamén verán a recollida PaP que antes era de todas as fraccións, pero que agora non inclúe a orgánica, xa que é tratada mediante composteiros comunitarios e individuais. Visitarase  a planta de cribado da zona e comprobarase o sistema de trazabilidade. Seguidamente faranse visitas similares a Itxasondo e á planta de Josenea. Para finalizar a xornada chegarase ao concello de Sort onde haberá unha recepción por parte das autoridades locais, unha pequena explicación técnica, e un seguimento da recollida PaP dos residuos que se realiza todas as noites no municipio entre as 22.30 e 23.30 horas.

O mércores 24 comezará cunha explicación do proxecto PaP no Consell Comarcal do Pallars Sobirá, e seguirá cunha visita á planta de compostaxe de Sort e á de Clariana de Cardener. Haberá unha benvida institucional no Consell del Solsonés, onde haberá unha explicación técnica do PaP e tamén da planta mixta de compostaxe. Pola tarde irase á Mancomunidade de La Plana, tamén cunha benvida institucional, para despois coñecer a incorporación da tecnoloxía á recollida de residuos no PaP da zona, así como tamén como se está a implementar a ‘Taxa xusta’ e como se están a desenvolver as obras da planta de compostaxe. Tamén se visitará a planta de compostaxe de Malla e farase unha visita da recollida PaP en Folgueroles (orgánica con tecnoloxía) e Taradell (orgánica sen tecnoloxía).

O xoves 26 de maio comezará en Argentona cunha benvida institucional das autoridades locais e a explicación do PaP e a ‘taxa xusta’ que xa leva implantada na zona xa un tempo. A comitiva galega desprazarase despois a un barrio céntrico de Barcelona (Sant Andreu) para ver ‘in situ’ a recollida PaP. Seguidamente coñecerase a planta de compostaxe de L’Espluga de Francolí, para partir despois cara a Lleida e supervisar a recollida PaP en catro barrios da vila e manter un encontro cos e coas responsables municipais.

Na comitiva do Revitaliza están presentes a alcaldesa de Ponteareas Cristina Fernández Davila, o alcalde de A Cañiza Luís Gómez Piña,e o de Mondariz Xosé Emilio Bello, e as e os concelleiros Tomiño José Luís Vázquez e Ana Belén Casaleiro, o concelleiro Leopoldo Tato Bello de Mondariz, o de Medio Ambiente Óscar González Álvarez de As Neves, o concelleiro Lino Mouriño de Vilagarcía, a concelleira Ángeles Domínguez de O Grove, así como por parte de Poio irán o concelleiro Julio Casás, xunto con diverso persoal técnico. De Soutomaior, Sanxenxo, Tui, A Guarda, Valga, así como da Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) asisten á viaxe mestras e mestres composteiros, que se unen ao persoal provincial do Revitaliza, liderado por Carlos Pérez e María Martínez Abraldes, e tamén do CEIDA.

Diego Giráldez, «O meu sangue»

Diego Giráldez regresa cunha novela bastante peculiar, que ben poderiamos considerar unha parodia do xénero negro levada a tal extremo que a piques está de se converter en si mesma nunha novela negra. E, dende certa perspectiva, así a poderiamos considerar. É a historia dunha vinganza que ten moito que ver co entorno familiar, co vínculo de sangue que anuncia o título. Non é en balde que, na contracapa, se deixen caer estas dúas preguntas: «Empatizarías con alguén que humilla o teu sangue? Ata onde serías capaz de chegar para defender o que máis queres?» Velaí o espiñazo da trama.

Para poñérmonos en antecedentes, o que se relata é a historia de David Ledesma, un aspirante a autor de novela negra de éxito. David vive unha fermosísima historia de amor con Belén, coa que casa e ten un fillo, Mauro. Mais é un amor con data de caducidade, pois ela padece unha enfermidade dexenerativa irreversible. Cando Belén morre, David cae nunha espiral depresiva da que é rescatado in extremis por María, unha veciña, en quen pretende ver a substituta do seu amor perdido. O problema é que María é todo o contrario do que era a súa predecesora: se Belén era unha muller arroutada, sofisticada, firme, empoderada e decidida, María é trivial, pueril, vulgar e completamente superficial. Os seus esforzos por facer que David se distancie animicamente e de maneira definitiva da súa primeira dona, están condenados ao fracaso.

A novela é un longo monólogo de David dirixido a María, no que lle reprocha o seu torpe (e agresivo) comportamento. Temporalmente estamos, xa que logo, no final da trama, e dende ese punto viaxaremos de maneira desordeada a distintos momentos do pasado ata darlle a forma definitiva ao relato. Ese aparente caos, que rompe coa estrutura tradicional da narración, preséntanos, en realidade, a dous David Ledesma diferentes: o afectivo e agarimoso ao lado de Belén, e o vingativo e desgarrado cando está con María, unha especie de Jekyll e Hyde que nos fai reflexionar sobre como nos afecta no noso día a día a xente que temos ao noso arredor.

Esta novela é, sen dúbida, o texto máis persoal do autor. Non é que sexa autobiográfico, obviamente, pero si é certo que deixa escorregar por entre as súas páxinas unha chea de elementos sacados directamente das súas vivencias e das súas experiencias persoais. Sirvan como exemplo os capítulos dedicados ao difícil nacemento de Mauro, escritos coa delicadeza que só pode amosar quen pasou por un trance similar, ou a reflexión que amosa sobre a nosa relación coa morte que, a pesar da retranca da que fai gala –este é un dos rasgos máis destacables da escrita de Diego Giráldez–, agocha o desgarro de quen foi fondamente ferido pola da gadaña.

Mención aparte merecen, unha vez máis, o seu xeito de escribir: esas imaxes tan poderosas coas que o autor engalana cada parágrafo; o uso desa palabra precisa coa que sorprender ao lector, dese adxectivo imposible, dese verbo aparentemente desubicado, son a súa tarxeta de presentación. Como o son esas esas escenas nas que a brutalidade e a delicadeza son quen de convivir en harmonía e nas que a súa sensibilidade reborda as páxinas do libro. Todo isto e moito máis, fan que «O meu sangue» teña moitas posibilidades de se converter na novela do ano.

Diego Giráldez

«O meu sangue»

Galaxia

A Guarda abre as inscricións do campamento urbano de verán o vindeiro 27 de maio

0

A partir do 27 de maio e ata o 10 de xuño estará aberto o prazo para solicitar praza no campamento urbano de verán. O campamento desenvolverase durante os meses de xullo e agosto no Castelo de Santa Cruz en horario de 9 a 14  horas, e estará dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos.

O principal obxectivo deste actividade é a de conciliar vida familiar e laboral a través de actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre que representa o verán tras rematar o período lectivo

Os rapaces e rapazas terán unha alternativa de ocio dinámico e educativo a través de talleres, xogos, actividades deportivas, etc., pero sobre todo compartirán un espazo de xogo diferente.

As bases e solicitude poderanse consultar unha vez abra o prazo na web municipal www.aguarda.es.

Mos asina os convenios cos clubes deportivos locais

0

O Concello de Mos asinou esta semana no Multiusos das Pozas os convenios de colaboración para as subvencións anuais a clubes e deportistas locais incluídas no orzamento municipal para este 2022. Trátase dos 11 convenios con clubes e deportistas locais. No acto de sinatura estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo, os beneficiarios e/ou presidentes dos clubes, e o concelleiro de Deportes, José Areal.

Os 11 beneficiarios son: a Unión Deportiva Mos-UD Mos Feminino, o Club Louro Tameiga, o Club Tenis de Mesa, o Club Xadrez Mos, o Club Natación Mos, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club Patinaxe Artístico Rosaleira, Xiramos, o nadador Juan Ferrón, a bailarina Patricia Martínez e a ciclista Susana Alonso.

Os convenios de colaboración entre o Concello de Mos e clubes e deportistas individuais asínanse anualmente, coa finalidade de contribuir a financiar a realización da actividade de desenvolvemento do programa de dinamización do proxecto deportivo da entidade durante a tempada deportiva.

Nestas 11 subvencións nominativas a clubes e deportistas individuais a administración local mosense inviste 77.600 euros anuais neste 2022.

Respecto dos clubes e deportistas beneficiarios cómpre destacar “a súa valía e o esforzo e superación demostrados durante as súas respectivas traxectorias deportivas, sendo todos eles auténticos exemplos de traballo duro, esforzo e deportividade para toda a cidadanía mosense e un verdadeiro orgullo para o Concello de Mos” declararon a rexedora local e o edil de Deportes, Arévalo e Areal respectivamente.

A Clásica Álvaro Pino chega a Ponteareas esta fin de semana cargada de actividades

A Clásica Álvaro Pino chega esta fin de semana a Ponteareas cunha morea de actividades previas coas que quentar motores para unha das marchas cicloturistas con máis historia na vila e na comarca. O concelleiro de Depores, Miguel Bouzó, agradece á organización “todo o que nos ten preparado para vivir unha fin de semana de moito ciclismo, un deporte que é tradición en Ponteareas e no que podemos presumir con orgullo de ter tres gañadores da Volta a España”.

Ao abeiro da Feira do Corredor, a Clásica Álvaro Pino comezará en Ponteareas o sábado 21 de maio cunha Xincana Infantil para nenos e nenas na Praza de Bugallal organizada polo Club Ciclista Ponteareas a partir das 17.30 horas. Non é necesaria a inscrición previa para poder participar.

Tras esta actividade será a quenda dunha charla coloquio na que participarán Álvaro Pino, Javier Mínguez, Rafa Rodríguez e Ezequiel Mosquera que contará con Bea Pino como moderadora. O encontro será ás 19.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, con entrada de balde e libre ata completar aforo.

Pola súa banda, a carreira sairá ás o domingo 22 de maio ás 09.30 horas da Praza de Bugallal de Ponteareas e contará con Discamino, Serafín Martínez, Ramón Troncoso, Ezequiel Mosquera, Óscar Pereiro, Gustavo César Veloso, Delio Fernández, Samuel Blanco e Guillermo Janeiro como ciclistas invitados para participar na marcha xunto a Álvaro Pino. A chegada de corredores agárdase a partir das 14.00 horas tras 110 km de percorrido pasando por sete concellos e tres altos de montaña.

Bouzó convida a toda a veciñanza a gozar dunha fin de semana de ciclismo participando tanto nas actividades organizadas para este sábado como animando a todos os corredores o domingo na carreira.

LLega700 activará a rede móbil de nova xeración en Baiona

0

A Concellería de Novas Tecnoloxías informa que que Llega700 activará a rede móbil de nova xeración en Baiona nos próximos días.

Infórmase á veciñanza de que de detectasen algún tipo de problema na visualización das canles da TDT poden poñerse en contacto coa empresa ao longo dos próximos 6 meses a través do email: [email protected] ou a través do número de atención gratuíto para a cidadanía: 900 833 999.

Llega a700 xestiona as incidencias na recepción da sinal TDT causada por activación das tecnoloxías da banda de 700 MHz no seu municipio de forma gratuíta para os seus usuarios. Infórmase de que o servizo móbil de nova xeración sobre a banda de frecuencia de 700 MHz dos principais operadores móbiles atoparase dispoñible na súa localidade en datas próximas. Nunha fase inicial, antes da súa plena dispoñibilidade, verificaremos a calidade do servizo ofrecido aos cidadáns. A tecnoloxía prestada sobre a banda de frecuencia de 700 MHz, anteriormente utilizada pola Televisión Dixital Terrestre (TDT), permite ofrecer unha mellor cobertura en interiores e a maior extensión de cobertura posible.

Esta rede chega para mellorar a velocidade de conexión a internet, servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda, así como decenas de novos servizos que verán a luz nos próximos anos para aproveitar o gran potencial da tecnoloxía. A prestación dos servizos móbiles nesta banda pode conlevar a aparición de determinadas afectacións na recepción do sinal de TDT dos usuarios da nosa localidade, debido a que se utilizaba anteriormente para o servizo de televisión.

Para liquidar as devanditas afectacións, en caso de chegar a producirse, os operadores móbiles han confiado na nosa empresa, chega700, para resolver calquera tipo de afectación que poida producirse a calquera usuario de TDT e en calquera punto do territorio nacional que se vexa afectado por este motivo. Con tal fin, habilitamos un teléfono de atención gratuíto ao que poden recorrer todos os usuarios que necesiten solicitar a actuación nas súas instalacións para a solución das afectacións e, deste xeito, que poida restablecerse o servizo TDT con total normalidade.

Unha vez iniciada a prestación do servizo mencionado, neste número de teléfono atenderase calquera solicitude de solución de afectación que presenten os seus veciños, sendo atendidas inmediatamente e coa máxima celeridade.

Tras a notificación da afectación por parte dos veciños, un técnico cualificado desprazarase onde se detectou a afectación e procederá a realizar os labores de acondicionamento necesarias para liquidala. Todo iso sen custo algún para a veciñanza.

Digna Rivas transmite ao presidente da APV a “rotunda oposición” do Concello ao depósito de contedores de Rande

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Jesús Vázquez Almuíña, mantiveron na mañá de hoxe, a petición da rexedora redondelá, unha reunión nas oficinas do Porto de Vigo logo que por parte da APV se retomase a iniciativa de converter o antigo cargadeiro de granito, nun almacén de contedores en desuso.

Digna Rivas transmitiu de xeito claro e rotundo ao presidente da APV o seu “rexeitamento total” a unha medida “que influirá negativamente sobre a calidade de vida da veciñanza da contorna e degrada un espazo natural protexido”.

De feito a alcaldesa de Redondela, dende a súa chegada á alcaldía, expresou con absoluta claridade a súa oposición a converter o antigo cargadoiro nun lugar de almacenaxe de contedores e, nesa liña, o Concello presentou no seu momento ante a APV diversos informes técnicos nos que se argumentaba, baixo criterios medioambientais e patrimoniais, a necesidade de “estudar actividades diferentes á terminal de contedores”.

Na reunión, Digna Rivas deixou claro o seu “profundo malestar” ante o que cualifica de “política escurantista” da APV que, en ningún momento, informou ao Concello logo de que a actividade no antigo cargadoiro de granito de Rande retomárase trasladando a empresa Terminales Atlánticas de Vigo a ese espazo equipos e grúas para o movemento de contedores.

A alcaldesa de Redondela lembroulle a Vázquez Almuíña que na última reunión do Consello da Autoridade Portuaria de Vigo, “non se falou, en ningún momento, da intención de retomar esta actividade na explanada” e lembra que, no antedito Consello, tan só se votou “a transmisión de licencia do servizo de manipulación de mercancías da empresa Marítima Consiflet, S.A, quen a desenvolvía ata ese momento, á empresa Terminales Atlánticas Vigo, S.L.” e que, nesa mesma acta, sinálase que o titular da licencia “poderá prestar o servizo de manipulación de mercancías dentro da zona do servizo do porto de Vigo” e que, en ningún momento “falouse de retomar a actividade no antigo cargadoiro de granito”.

Digna Rivas lembroulle ao presidente da APV, que na primeira reunión mantida por ambos con motivo da toma de posesión de Vázquez Almuíña “expreseille claramente e sen deixar lugar a ningún tipo de dúbida, o meu rexeitamento frontal a instalación deste depósito de contedores” polo que, para a rexedora local “resulta moito máis grave a política escurantista seguida pola APV á hora de retomar esta iniciativa coñecendo, como coñecía, a oposición frontal do Concello de Redondela”.

Salvaterra de Miño asina convenios con asociacións deportivas, culturais e deportistas

O Concello de Salvaterra vén de aprobar no Pleno e de elaborar os convenios das subvencións nominativas para Asociacións Culturais, Deportivas e para Deportistas de carácter Nacional.

Sen dúbida, isto supón un grande esforzo que o Concello estima preciso para que as distintas asociacións teñan maior capacidade para levar a cabo as súas funcións, tanto a nivel cultural coma deportivo.

Ao mesmo tempo, Salvaterra presume de moitos deportistas individuais de carácter nacional, sendo, nalgún caso, deportistas que xa gozan dun recoñecemento internacional.

Por todo iso, cómpre por en valor o proceso e o custe que supón para todas estas asociacións e para os  propios deportistas, polo que o Concello destina gran parte do seu traballo en fomentar este tipo de actividades, que enchen de orgullo e que fan de Salvaterra un lugar idóneo para práctica deportiva e para a realización de eventos culturais.

Este ano, o investimento total paras as diferentes subvencións nominativas é de mñais de 117.000€, que se dividen en tres partes, asociacións culturais, asociación deportivas e deportistas de carácter nacional.

O Grupo de Goberno desexa transmitir os parabéns e recoñercerlle a súa labor tanto as asociacións, clubes e aos propios deportistas.

Areeiro lanza un aviso fitosanitario no que prevé un avance do mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario que se centra no estado das viñas, nas que se produciu un avance significativo da fenoloxía das vides e nas que se prevé un avance do mildio. O aviso da EFA tamén fai referencia a outros patóxenos da viña como o black rot, do que esta semana se apreciou unha maior incidencia. Ademais, o texto refírese a outras cuestións como a necesidade de protexer o kiwi da bacteriose ou de aplicar tratamento nas maceiras para evitar danos por moteado.

Manchas moteado en maceira sen tratar

Na viña detectouse un avance significativo na fenoloxía das vides e, aseguran dende Areeiro, en todos os predios hai plantas de albariño en floración. Ademais, tamén se observou un incremento notorio no desenvolvemento vexetativo. No que respecta ao mildio atopáronse manchas novas e tamén os primeiros acios afectados mais os síntomas non son alarmantes. Por outra banda, as previsións meteorolóxicas son favorables a esta enfermidade polo que dende a Estación aconsellan revisar as viñas e renovar os tratamentos se se detecta a aparición de síntomas recentes, salvo naquelas viñas que xa se teña feito. Dende Areeiro continúan a lembrar a importancia de facilitar a aireación nas viñas para poder conter as infeccións de mildio e naquelas nas que tivera caído sarabia estes días deberase renovar o tratamento antimilido con produtos que conteñan tamén unha materia activa con efecto fronte a botrite.

 Nas revisións non se atoparon aínda os primeiros síntomas de oídio e dende a EFA aconsellan incrementar a súa vixilancia. Pola contar, apreciouse unha maior incidencia de black rot en case todas as comarcas e tamén se detectaron os primeiros síntomas de altica na viña de Areeiro.

O aviso fitosanitario fala tamén da maceira que na que apareceron os primeiros síntomas de moteado na variante Golden polo que dende a Estación subliñan que é preciso aplicar un tratamento para evitar danos. Do mesmo xeito, dende a EFA aseguran que é preciso manter as plantas de kiwi protexidas para controlar os danos que pode provocar a bacterioses. No aviso a Estación tamén se refire á bolboreta do buxo, ante a que aconsella manter a vixilancia, e ao mildio na pataca, do que se deben manter as plantas protexidas mentres continúe a haber humidade.

Frutificación en zona avance mancha antiga

400 alumnos porriñeses participan na quedada literaria do parque Alba

Arredor de 400 alumnos e alumnas de once centros educativos do Porriño participaron hoxe na primeira edición da Quedada Literaria organizada polas bibliotecas dos centros participantes en colaboración coa Concellería de Educación e a OMIX.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, achegáronse a compartir con todos eles a xornada e animáronos a disfrutar da lectura nunha contorna tan especial como este parque e, sobre todo, da experiencia compartida co resto de nenos e nenas do Porriño. “Sacar a biblioteca á rúa e abrila a espacios onde poidan disfrutala xuntos axuda a mellorar a experiencia da lectura. Ler xuntos é máis divertido”, afirmou o rexedor.

Os cativos/as distribuíronse en varios grupos ao longo do parque e disfrutaron da lectura individual, dunha lectura compartida, de recomendacións e, como non, tamén dunha merenda conxunta. O grupo Migallas puxo o broche final a esta xuntanza literaria.

Praza do Seixo énchese de festa coa celebración do Correlingua 2022

0

A Praza do Seixo foi escenario este mediodía do Correlingua 2022; acto que contou coa actuación de Mekánika Rolling Band, presentada por Fran Rei. O ambiente creado pola música da banda e a enerxía propia dos estudantes converteu a actividade nunha verdadeira festa.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, deu a benvida aos 250 estudantes de primaria e secundaria que se achegaron ata o lugar acompañados polos seus profesores e profesoras, agradecendo a todas as entidades que fan posible a realización do Correlingua, que non visitaba o concello desde o ano 2018.

A rexedora animou a todos os presentes a falar, estudar e vivir a lingua galega. “Grazas a todos os e as profes que vos implicades no Correlingua, porque grazas a vos imos a celebrar mil primaveras máis para o Galego; o que queremos celebrar aquí é que temos unha lingua propia, nosa, o que é un motivo de orgullo para nós”, afirmou a alcaldesa.

Ao concerto asistiu alumnado e profesorado de colexios e institutos de Tui (CEIP Rebordáns e IES San Paio), Tomiño (CEIP de Barrantes e IES Antón Alonso Ríos), O Rosal (CPI Manuel Suárez Marquier) e Gondomar (IES Terra de Turonio).

Mekánika Rolling Band son os gañadores da edición do Cantalingua desta convocatoria de 2022 e participan nas Festas convocadas en espazos públicos e centros escolares das catro provincias.

O grupo, de animación de rúa, gañou o certame coa canción “En busca da festa”. Conta cun escenario móbil auto amplificado, e que incorpora efectos visuais nun show enérxico, participativo e dinámico.

Baiona abre o luns as inscricións na terceira ruta “Safari Etológico de Garranos”

0

A Concellería de Turismo do Concello de Baiona informa de que o luns 23 de maio, ás 00:00 horas, abrirase o prazo de inscrición do terceiro roteiro guiado. Trátase dunha ruta gratuíta para observar e coñecer o comportamento dos garranos, cabalos salvaxes da serra da Groba, na súa contorna natural.

Ante o gran éxito de participación e a demanda de prazas, as inscricións canalizaranse unicamente a través de correo electrónico por orde de entrada cun máximo de 4 persoas por solicitude.

Inscrición previa obrigatoria exclusivamente por correo electrónico: [email protected]. Prazas limitadas: 20 persoas (a partir de 6 anos).

O terceiro roteiro “Safari Etológico de Garranos” será o domingo, 5 de xuño, e o horario de saída será as 09:00 h. O punto de encontro é o exterior da Oficina de Turismo de Baiona de onde sairá o autobús que leve ás persoas participantes ata o Monte da Groba para gozar dunha experiencia única.