Sábado, 8 Febreiro de 2025

Diego Giráldez, «O meu sangue»

Diego Giráldez regresa cunha novela bastante peculiar, que ben poderiamos considerar unha parodia do xénero negro levada a tal extremo que a piques está de se converter en si mesma nunha novela negra. E, dende certa perspectiva, así a poderiamos considerar. É a historia dunha vinganza que ten moito que ver co entorno familiar, co vínculo de sangue que anuncia o título. Non é en balde que, na contracapa, se deixen caer estas dúas preguntas: «Empatizarías con alguén que humilla o teu sangue? Ata onde serías capaz de chegar para defender o que máis queres?» Velaí o espiñazo da trama.

Para poñérmonos en antecedentes, o que se relata é a historia de David Ledesma, un aspirante a autor de novela negra de éxito. David vive unha fermosísima historia de amor con Belén, coa que casa e ten un fillo, Mauro. Mais é un amor con data de caducidade, pois ela padece unha enfermidade dexenerativa irreversible. Cando Belén morre, David cae nunha espiral depresiva da que é rescatado in extremis por María, unha veciña, en quen pretende ver a substituta do seu amor perdido. O problema é que María é todo o contrario do que era a súa predecesora: se Belén era unha muller arroutada, sofisticada, firme, empoderada e decidida, María é trivial, pueril, vulgar e completamente superficial. Os seus esforzos por facer que David se distancie animicamente e de maneira definitiva da súa primeira dona, están condenados ao fracaso.

A novela é un longo monólogo de David dirixido a María, no que lle reprocha o seu torpe (e agresivo) comportamento. Temporalmente estamos, xa que logo, no final da trama, e dende ese punto viaxaremos de maneira desordeada a distintos momentos do pasado ata darlle a forma definitiva ao relato. Ese aparente caos, que rompe coa estrutura tradicional da narración, preséntanos, en realidade, a dous David Ledesma diferentes: o afectivo e agarimoso ao lado de Belén, e o vingativo e desgarrado cando está con María, unha especie de Jekyll e Hyde que nos fai reflexionar sobre como nos afecta no noso día a día a xente que temos ao noso arredor.

Esta novela é, sen dúbida, o texto máis persoal do autor. Non é que sexa autobiográfico, obviamente, pero si é certo que deixa escorregar por entre as súas páxinas unha chea de elementos sacados directamente das súas vivencias e das súas experiencias persoais. Sirvan como exemplo os capítulos dedicados ao difícil nacemento de Mauro, escritos coa delicadeza que só pode amosar quen pasou por un trance similar, ou a reflexión que amosa sobre a nosa relación coa morte que, a pesar da retranca da que fai gala –este é un dos rasgos máis destacables da escrita de Diego Giráldez–, agocha o desgarro de quen foi fondamente ferido pola da gadaña.

Mención aparte merecen, unha vez máis, o seu xeito de escribir: esas imaxes tan poderosas coas que o autor engalana cada parágrafo; o uso desa palabra precisa coa que sorprender ao lector, dese adxectivo imposible, dese verbo aparentemente desubicado, son a súa tarxeta de presentación. Como o son esas esas escenas nas que a brutalidade e a delicadeza son quen de convivir en harmonía e nas que a súa sensibilidade reborda as páxinas do libro. Todo isto e moito máis, fan que «O meu sangue» teña moitas posibilidades de se converter na novela do ano.

Diego Giráldez

«O meu sangue»

Galaxia