A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Jesús Vázquez Almuíña, mantiveron na mañá de hoxe, a petición da rexedora redondelá, unha reunión nas oficinas do Porto de Vigo logo que por parte da APV se retomase a iniciativa de converter o antigo cargadeiro de granito, nun almacén de contedores en desuso.
Digna Rivas transmitiu de xeito claro e rotundo ao presidente da APV o seu “rexeitamento total” a unha medida “que influirá negativamente sobre a calidade de vida da veciñanza da contorna e degrada un espazo natural protexido”.
De feito a alcaldesa de Redondela, dende a súa chegada á alcaldía, expresou con absoluta claridade a súa oposición a converter o antigo cargadoiro nun lugar de almacenaxe de contedores e, nesa liña, o Concello presentou no seu momento ante a APV diversos informes técnicos nos que se argumentaba, baixo criterios medioambientais e patrimoniais, a necesidade de “estudar actividades diferentes á terminal de contedores”.
Na reunión, Digna Rivas deixou claro o seu “profundo malestar” ante o que cualifica de “política escurantista” da APV que, en ningún momento, informou ao Concello logo de que a actividade no antigo cargadoiro de granito de Rande retomárase trasladando a empresa Terminales Atlánticas de Vigo a ese espazo equipos e grúas para o movemento de contedores.
A alcaldesa de Redondela lembroulle a Vázquez Almuíña que na última reunión do Consello da Autoridade Portuaria de Vigo, “non se falou, en ningún momento, da intención de retomar esta actividade na explanada” e lembra que, no antedito Consello, tan só se votou “a transmisión de licencia do servizo de manipulación de mercancías da empresa Marítima Consiflet, S.A, quen a desenvolvía ata ese momento, á empresa Terminales Atlánticas Vigo, S.L.” e que, nesa mesma acta, sinálase que o titular da licencia “poderá prestar o servizo de manipulación de mercancías dentro da zona do servizo do porto de Vigo” e que, en ningún momento “falouse de retomar a actividade no antigo cargadoiro de granito”.
Digna Rivas lembroulle ao presidente da APV, que na primeira reunión mantida por ambos con motivo da toma de posesión de Vázquez Almuíña “expreseille claramente e sen deixar lugar a ningún tipo de dúbida, o meu rexeitamento frontal a instalación deste depósito de contedores” polo que, para a rexedora local “resulta moito máis grave a política escurantista seguida pola APV á hora de retomar esta iniciativa coñecendo, como coñecía, a oposición frontal do Concello de Redondela”.