Xoves, 14 Agosto de 2025

Gon Caride estrea a súa lenda sobre a Morte no Rosal e Tomiño

0

O cineasta rosaleiro Gon Caride segue a ser profeta na súa terra. O galardoado director desembarca de novo no Baixo Miño para estrear o seu novo filme, ‘O Grilo’, no territorio que o veu nacer e crecer: O Rosal e Tomiño. As primeiras sesións serán esta mesma fin de semana no auditorio municipal rosaleiro con dobre pase o domingo 5, o primeiro ás 20.00 h e o segundo ás 21.00 h, para que o público poida desfrutar deste documental que ten á Morte como protagonista. En Tomiño a proxección da curta formará parte da programación de outono.

Para o Concello do Rosal é todo un orgullo poder acoller o estreo do traballo “dun gran profesional e un gran veciño, un artista que enriquece as nosas vidas coas súas creacións e que, con elas, é embaixador da cultural do noso municipio e do Baixo Miño polo mundo”, salienta a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís.

Pola súa banda, a rexedora tomiñesa, Sandra González, destacou a importancia “de dar visibilidade e apoiar aos grandes talentos que temos nos nosos concellos e amosar ao resto de veciños e veciñas que dende o rural poden terse e cumprirse grandes soños. É un orgullo que os actores e actrices da curta, nenos e nenas, saíran da Escola Municipal de Teatro, porque demostra que apostar pola cultura de base ten o seus froitos”.

Con ‘O Grilo’, Gon Caride recolle a lenda que conta que a Morte cada cen anos convértese en persoa e por un día convive coa veciñanza para entender mellor a aqueles e aquelas que terá que vir a recoller. Unha curtametraxe narrativa diverxente que habita entre a ficción, o documental e o founf footage para plantexar ao público unha reinterpretación da figuura da Morte. Como explica o director, “con esta curta realizamos unha viaxe melancólica a un pasado que nunca existiu para reformular un futuro ao que nos aterra ter que enfrontarnos”.

Cunha dilatada bagaxe internacional, Gon Caride rodou a súa primeira curtametraxe, ‘October’, en Polonia, con fala rusa, peza que foi seleccionada por varios festivais internacionais e tamén polo Instituto Cervantes dentro do seu programa itinerante “El Nuevo Talento del Cortometraje Español”. Despois chegaron ‘Impermanencia’ e ‘Deux Options’, que foi seleccionada en máis de 55 festivais internacionais e acumula 9 premios de prestixio, entre eles, mellor guión e mellor actuación masculina no Festival de Cans, mellor curtametraxe no Kazan International Muslim Film Festival (Rusia) e mellor director e mellor drama nos Independent Short Awards (EEUU).

As rexedoras animan a toda a veciñanza a achegarse a calquera das citas programadas no Rosal e Tomiño e a gozar deste corto son sabor local.

A Copa Galicia de Baloncesto Adaptado XOGO disputouse no Porriño

O pavillón municipal do Porriño acolleu onte a Copa Galicia de Baloncesto adaptado para a categoría XOGO da Federación Galega de Deporte Adaptado. Ao longo de toda a mañá disputáronse seis partidos nas instalacións do polideportivo municipal.

Foron catro os equipos que se xogaron o campionato: Aceesca, Aspavi, San Rafael e Juan XXIII. Estes últimos foron os que se fixeron co primeiro posto, seguidos dos locais.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, achegáronse ao pavillón a disfrutar desta mañá de deporte e foron os encargados de entregar os trofeos aos xogadores e xogadoras. “O meu recoñecemento público a estes deportistas que saen á cancha a dalo todo e á vez, sen pretendelo, a darnos unha lección de superación e empuxe”, afirmou o alcalde, “Son verdadeiros campións e campioas todos eles”.

O historiador Francisco Candeira rememora os crimes antigos da Galicia rural este venres 3 en Ponteareas

As difíciles relacións económicas e de propiedade que existían en Galicia crearon situacións de tensión que, nalgunhas ocasións, remataron con actos violentos que conmocionaron á comunidade. O historiador ponteareán Francisco Candeira recolle e analiza estas complicadas situacións no seu libro ‘Crimes antigos na Galicia rural’, que presenta este venres 3 de xuño na Biblioteca Municipal de Ponteareas nun acto a partir das 20.30 horas aberto ao público e con entrada libre.

No seu libro, o autor recupera para a memoria colectiva tres actos criminais cometidos en terras do Condado entre 1911 e 1937, unha época na que por razóns de poder político, de intereses económicos ou de incultura desatáronse os máis primitivos instintos que conduciron a traxedias privadas e escándalos públicos.   

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a achegarse á biblioteca municipal e coñecer esta obra de grande intensidade que devolverá ao público asistente ao pasado.

Os exteriores do Balneario de Mondariz acollen a gravación da produción “La Caja de Arena”

O Balneario de Mondariz acolle estes días a gravación de “La Caja de Arena” unha produción que se rodará entre maio e setembro de 2022 dividido en tres etapas. O Gran Hotel da vila termal, a Fonte de Gándara, os edificios do Balneario de Mondariz e os xardíns que rodean o complexo termal galego son protagonistas nesta rodaxe que trata a contorna natural como un personaxe máis d da historia. “La Caja de Arena”, consta dun período de pre produción de 6 meses onde alumnos e alumnas de Acting School Galicia traballaron nos seus personaxes como parte da formación do seu curso de interpretación 2022.

O mediometraxe profunda na psique humana e nos procesos cognitivos da mesma, analizando como a mente pode perderse entre realidades e non ser consciente do que sucede no mundo real, como sombras proxectadas sobre un lenzo. Fala da perda dun ser querido, a ira máis visceral e as complexas emocións do perdón.

Unha historia que traslada a acción á visita á vila termal dunha escritora de investigación, atormentada polo insomnio e a depresión e que leva meses obsesionada coa misteriosa desaparición dun adolescente. Agora unha nova testemuña accedeu a falar con ela.
“A Caixa de Area” é en definitiva unha viaxe fascinante entre Galicia e Illas Canarias por un carreiro nas profundidades da mente humana para esclarecer un enigma, e dar sentido a eses soños imposibles que nosa protagonista ten sobre o “mozo de vermello” e “a muller da tormenta”.

Alejandro Pacheco, fundador e profesor en Acting School e realizador en The Gallery Studio, produtora novel que xa conta no seu primeiro ano con grandes proxectos a nivel nacional entre os que destacan, é o responsable deste proxecto. Pacheco, autor de “Tesouro das Seis Caras”, unha longametraxe dispoñible en Flixolé/Prime Vídeo de Amazon, “Annie West”, unha serie de ficción en rodaxe e “A Lenda de Breogán” con colaboracións como as de Alfonso Agra, trata de potenciar con este novo traballo os valores cinematográficos galegos máis novos, Acting School Galicia é unha escola de actuación e interpretación de Vigo. Dentro da escola realizan diversas actividades cos seus alumnos. Nestes momentos están a traballar nunha película e 6 curtametraxes.

Baiona presenta o Plan de Tráfico para o día da ‘Festa da Bicicleta’

0

O Concello de Baiona, a través da Xefatura da Policía Local de Baiona, deseñou un plan especial de tráfico con motivo da tradicional ‘Festa da Bicicleta’ o próximo domingo 5 de xuño.

Os tres concellos do Val Miñor volverán a pedalear xuntos esta 32 edición. Recuperarán o formato habitual pre-pandemia tras dous anos sen poder celebrarse conxuntamente.

A saída de Baiona realizarase a partir das 10:45 dende a entrada do Parador. A partir desta hora procederáse a dar saída ao grupo de ciclistas dunha forma controlada pola PO-552 con destino ao Pavillón de Deportes de Panxón. Tras a entrega de premios faráse o regreso a Baiona no mesmo xeito ca saída. Estímase que o pelotón baionés chegue a Vila en torno as 14:00 h. Trataráse dun corte dinámico da circulación.

 As persoas participantes deberán presentarse o menos 45 min antes da saída coa súa bicileta e casco (obrigatorio para participar) para poder inscribirse e recoller o seu dorsal definitivo.

O Albergue municipal da Guarda amplía a súa atención aos peregrinos

0

O día 1 de xuño é a data escollida na que o albergue municipal da Guarda recupera a normalidade no seu funcionamento retirando as restricións que se mantiñan por responsabilidade ante a particularidade e sensibilidade deste servizo.

O albergue recibe peregrinos de todas as procedencias polo que se mantivo a cociña pechada e o aforo limitado ao 50% a pesar de que a Consellería de Sanidade foi aliviando progresivamente as restricións a este tipo de aloxamento. A Guarda, como vila turística, dispón doutros establecementos turístico estando a oferta de aloxamento en inverno e primavera asegurada.

A piques de comezar o verán volvese ao funcionamento normal do albergue para así acoller ao peregrinos que realicen a súa etapa de descanso na nosa vila. O albergue conta con 36 prazas distribuidoras en dúas habitacións e a cociña como espazo común.

Ademais de recuperar todas as prazas dispoñibles e de abrir de novo a cociña ampliase o horario de admisión ata ás 20:30h.

Segundo os datos da Oficina do Peregrino de Santiago no mes de maio recolleron a Compostela máis de 34.000 peregrinos e 1.686 realizaron o Camiño Portugués da Costa manténdose o noso camiño no 4º posto dos camiños a Santiago.

Volve o concurso de solistas da Escola de Música de Xinzo

Este vindeiro sábado 4 de xuño terá lugar o IV Concurso de Solistas da Escola de Música de Xinzo (ESMU) no auditorio do Centro Cultural da parroquia. Tras anos consecutivos celebrando con éxito esta cita, os músicos da ESMU volverán subirse ao escenario a partir das 17:00h da tarde para interpretar a obra da súa elección coa que deleitar tanto ao público como ao xurado, este último encargado de proclamar aos gañadores.

Os participantes, xa inscritos previamente, dividiranse en tres categorías diferentes —A, B y C, dependendo do nivel de cada músico—. Na categoría A agrúpanse aqueles matriculados en primeiro, segundo ou terceiro nivel elemental; na B, os de cuarto nivel elemental e os de nivel  complementario que non cumprisen aínda os 18 anos; e na categoría C, alumnos de nivel complementario que excedan a maioría de idade.

No que respecta aos premios, tan só os participantes da categoría A serán todos recompensados con agasallos. Pola contra, os das categorías B e C recibirán unha axuda económica para a compra de material —30 €, 40 € ou 50 €, dependendo do posto conseguido—. Ademais, o gañador do primeiro premio terá a oportunidade de participar como solista nun dos concertos da Banda de Música Xuvenil de Xinzo.

O xurado do concurso estará formado por Javier Blanco, director da Banda de Música de Xinzo, e Branca Represas e Manuel Cima, ambos músicos veteranos desta agrupación.

Nigrán colabora coa cervexeira local ‘Trisk-Ale/Banda’ para promover o municipio en España

0

O Concello de Nigrán está a promover turísticamente o municipio en todo o país grazas á cervexeira local ‘Trisk-Ale/Banda’, fabricante da marca ‘Nigrán, Equilibrio natural’ e que neste ano participa en feiras de todo o país con merchandising do Concello. A firma dos irmáns Toledano, con sede no parque empresarial Porto do Molle, ten á venda nestes eventos a cervexa promocional de Nigrán (xunto a outras marcas súas como ‘Summer Papa’ ou ‘Caravan Larger’) e ao mesmo tempo ofrece guías turísticas da localidade a todo aquel interesado en coñecer máis sobre o noso municipio. Así, ao longo do mes de maio participaron en eventos en Albobendas e Las Rozas e desde mañá estarán en Torrejón de Ardoz (todos en Madrid); os vindeiros meses estarán presentes en todo o noroeste peninsular e en setembro regresarán a diferentes feiras de cervexas artesanas na comunidade de Madrid e Guadalajara.

“Estamos moi orgullosos de que dous veciños de Nigrán novos e emprendedores sexan os embaixadores do noso municipio no exterior grazas precisamente ao produto que eles mesmos fabrican localmente e que en cada etiqueta e en cada sorbo fala da nosa localidade”, subliña o alcalde, Juan González, quen incide en que “entregar guias turísticas aos pontenciais visitantes interesados é un pao máis na mesma liña”.

Así, o propio etiquetado de cada botella reza o seguinte: «Nigrán ten equilibrio natural. A hipnótica cor brillante dos solpores ámbar de Monteferro, o son fuxitivo da escuma das ondas rachando embravecidas en Patos ou o fascinante recendo floral ao camiñar por carreiros forestais máxicos. Vivencias ledas e sensacións de agradábel frescor son a esencia desta cervexa, o demais é para descubrir paseniñamente, gozando de cada un dos sorbos que ofrece Nigrán». Consecuentemente, e encaixando á perfección nesta descrición, trátase dunha cervexa rubia, con cor dourado claro, vidrada e brillante, escuma crema densa e consistente e aroma a malta equilibrada con lúpulo de carácter floral e cítrico, o que outorga ese retrogusto; ten corpo e o seu paso por boca resulta sedoso e, por elo, fácil de beber; adicionalmente, os sabores a maltas recordan ao pan e o lúpulo outorga un amargor suave con notas a mandarina.

“A elaboración resume o que é Nigrán desde o punto de vista paisaxístico, un municipio onde non hai que elixir entre praia ou montaña para gozar da natureza; e tamén porque contén o carácter dunha localidade hospitalaria onde ninguén se sinte de fora nin queda excluído”, inciden os seus fabricantes.

Banda

A finais do ano pasado, a firma dos irmáns Toledano deu un paso máis na súa andaina empresarial ao embarcarse en ‘Banda’, un proxecto máis ambicioso e 100 % ‘made in Nigrán’ que supuxo un investimento de 600.000 € na nova nave en Porto do Molle (rúa do Labrego, 22, Nave 5 E). O obxectivo é fabricar entre 20 e 25 tipos de cervexas ao ano e asentarse como a bebida de toda a comarca para a partir de aí expandirse ao resto da comunidade. Esta instalación, de máis de 1.100 metros cadrados, permítelles pasar de poder fabricar 50.000 litros a un máximo de 1,5 millóns anuais, centralizando aquí toda a produción (antes estaba diseminada por diferentes puntos de toda España). A nave, con horario de atención ao público de luns a venres de 11:30 a 19:00, ten zona de venda directa, de degustación e unha sala para exposicións. Ademais, regalan o bagazo de cereais resultante da fabricación a todo aquel que se achegue a buscar (é especialmente idóneo para compostaxe e alimentación de animais).

Comezan as obras de rehabilitación integral do edificio do antigo conservatorio de Redondela

0

O Concello de Redondela iniciará, nesta semana, as obras de rehabilitación integral do edificio do antigo conservatorio, situado na rúa Isidoro Queimaliños, traballos que teñen un prazo de execución aproximado de 6 meses e se inclúen nas liñas establecidas para a rehabilitación e mellora do patrimonio histórico e cultural e a creación de novos espazos culturais.

“Non se trata dun simple lavado de cara –afirma a alcaldesa Digna Rivas– senón dunha rehabilitación e remodelación integral no máis amplo sentido da palabra xa que, por unha banda, permite a recuperación e posta en valor dun importante elemento do patrimonio arquitectónico redondelán e, por outra, conséguese un novo espazo para o desenvolvemento de actividades culturais”.

As obras permitirán afectarán tanto ao interior como exterior do inmoble. No exterior, amais de rehabilitar as fachadas, mellorarase a cuberta e a carpintería exterior. No que ao interior fai referencia, redistribuiranse os espazos para dar cabida aos servizos que albergará e adaptarase todo o inmoble á normativa vixente de accesibilidade e seguridade.

Unha vez rematadas as obras, o inmoble acollería, no primeiro andar, as Oficinas de Turismo adaptadas a todas as normativas de accesibilidade, mentres que na planta baixa, habilitaríase un espazo de usos múltiples para desenvolver actividades e eventos co fin de poñer en valor o acervo cultural do municipio. A maiores da antedita Oficina de Turismo, tamén quedarían situadas no inmoble os servizos de Cultura e Normalización Lingüística.

Cómpre salientar que pola rúa Isidoro Queimaliños, onde se atopa o edificio, discorre o Camiño de Santiago e que, o turismo de peregrinos supón, no caso de Redondela, preto do 90 % do fluxo turístico do municipio.

Para a alcaldesa Digna Rivas, a rehabilitación non afecta soamente á estrutura e distribución do inmoble “senón tamén á función á que estaba destinado, polo que á reforma e mellora exterior, engádese unha reestruturación de espazos interiores para facelo operativo, dinámico e, ao mesmo tempo, máis accesible e seguro”.

Baiona mellora a recollida de augas pluviais e a accesibilidade no Camiño Gatañal en Eidos

0

No Camiño Gatañal en Baíña, que soportaba unha forte pendente na súa conexión co camiño Eidos, tería que facerse unha actuación desde hai anos para a mellora da recollida de augas pluviais. Nas semanas pasadas foi obxecto dunha intervención por parte do departamento de vías e obras do Concello de Baiona.

A veciñanza da zona levaba anos pedindo unha solución á problemática que viña padecendo durante tempo na zona. O concelleiro á fronte do departamento de vías e obras, Óscar Martínez, detalle que “ se procedeu á construción de cuneta, á colocación dunha nova reixa e á substitución da tubaxe, mellorando a recollida de pluviais. Tamén se mellorou a accesibilidade rebaixando o firme e minimizando o desnivel na conexión, ademais de entubar parte da cuneta para conseguir un acceso máis seguro”.

Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez Prado, sinala que “Con estes traballos mellorouse tamén a seguridade viaria da zona. Unha intervención necesaria que tamén ten como finalidade facilitar a accesibilidade e a mobilidade, e dar resposta ás demandas veciñais”, sinala o rexedor quen engade que “esta obra súmase a tantas outras que o noso goberno está a realizar nas parroquias, co fin de mellorar as condicións das mesmas”.

Ponteareas honra a 19 alfombristas coa medalla de prata do Corpus Christi 2022

Ponteareas continúa preparando todo para un Corpus Christi que volve á normalidade. A apenas dúas semanas da celebración máis grande da vila, o Concello aprobou por unanimidade en pleno a concesión das medallas de prata do Corpus 2022 aos alfombristas propostos polas entidades de cada tramo así como a entrega da medalla de honra in memorian a María de la Concepción Ojea Sarmiento polo seu labor a prol do corpus ponteareán ao longo da súa vida. Un galardón que reflicte “un sentir común e o esforzo de todas e todos os alfombristas, que coa súa unión conseguen que a maior obra de arte colectiva da nosa vila engalane as nosas rúas cada ano”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Pola súa banda, o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, deu os parabéns a todas e todos os premiados e agradeceu “todo ese traballo que fan desinteresadamente porque grazas ao seu esforzo, á súa paixón e á súa entrega é posible que ano tras ano as alfombras florais de Ponteareas sigan namorando a todo o mundo con esa gran mostra de arte efémera”.

Este ano, as 18 persoas galardoadas coa medalla de prata do Corpus Christi a proposta de cada tramo alfombrado son:

  • Dna. María Nieves Domínguez Fortes polo primeiro tramo da Praza Maior.
  • D. Óscar Porto Lavandeira polo Cantón de Boavista.
  • D. Jesús  Saubeira Brea, pola Anpa Pena do Equilibro.
  • D. Dámaso Ignacio Benítez Fernández, pola alfombra da Orotava.
  • Dna. María del Carmen Cubillas Lamora , polo tramo Ferreiros San Roque.
  • Dna. Adelaida Díaz Martín, polo primeiro tramo de Ferreiros.
  • Dna. Margarita Chabert Pena, pola rúa Oriente.
  • Dna. María Rocío Rodríguez Tellado, por Santa Bárbara de Prado.
  • Dna. María Paz Varela Malga, pola Fonte do Baratillo.
  • Dna. Olga Rodríguez Cuevas , pola Asociación de Veciños A Pena do Equilibrio.
  • Dna. Vanesa Bernárdez Groba, por Fernández Vega.
  • Dna. Rosana González Carballido, polo tramo de Reveriano Soutullo.
  • Dna. Josefa Estrella Rodríguez, pola rúa Constitución.
  • Dna. Pilar Consuelo Ucha Groba, pola Praza Maior.
  • D. José Antonio Cristóbal Barrio, pola Praza de Bugallal.
  • D. José Luis Rey Lamas, polo Cruceiro San Roque.
  • Dna. Azucena de la Fuente Mateo, polo tramo da Castiñeira.
  • Dna. Bienvenida Martínez Abal, polas Monxas Reveriano Soutullo.

Un xulgado inhabilita durante oito meses a unha muller para ter animais por envelenar á gata da súa veciña de Salceda de Caselas

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 do Porriño condenou a tres meses de cárcere e a oito meses de inhabilitación para a tenza de animais ou o exercicio de profesión ou oficio relacionado con eles a unha residente en Salceda de Caselas por envelenar á gata da súa veciña. A acusada, que recoñeceu os feitos antes do xuízo e se mostrou conforme coa pena, foi condenada como autora dun delito de maltrato a animais, coa aplicación da atenuante de reparación do dano, pois fixo fronte á responsabilidade civil. A xuíza acordou suspender a execución da condena de prisión imposta durante dous anos, coa condición de que durante ese período non delinca.

Na sentenza, relata que o 11 de decembro de 2021, “sendo plenamente coñecedora de que a súa veciña posuía unha gata na súa vivenda”, a acusada, “con absoluto desprezo cara á integridade física do animal”, colocou nas inmediacións das escaleiras do inmoble un prato de comida, ao que engadiu “unha substancia tóxica non identificada”. Como consecuencia da inxesta desa comida, o animal tivo que ser trasladado a un centro veterinario, no que ingresou de urxencia. Para que os síntomas remitisen, necesitou ser hospitalizado. Os gastos de tratamento veterinario para a curación da gata ascenderon a 85,95 euros, unha cantidade que foi consignada xudicialmente pola condenada en concepto de indemnización. Contra a sentenza non cabe recurso, pois foi ditada coa conformidade de todas as partes implicadas no procedemento.

Inauguración de “Baiona Patchwork”

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, acudiu esta mañá á inauguración da mostra “Baiona Patchwork” que traballa na reprodución de 14 pinturas do artista baionés Caíno.

Ana Barreiro, Ana Pacín, Ana María Vilar, Carmeli Figueirido, Diana Cedeira, María Monserrat, María Pérez, Nuria González e Sonia Blach son as veciñas que forman o ‘Grupo Baiona Patchwork’, unha iniciativa sen ánimo de lucro que naceu hai pouco máis dunha década da man de Li Goce, que as formou nas técnicas básicas da modalidade.
“Baiona Patchwork” expoñeranse en Capitanía do 1 ao 12 de xuño.

“Auténticas obras de arte” en palabras do rexedor que encomiou o traballo realizado polas veciñas do municipio.

Abre a inscrición para os campamentos de verán do Porriño

Dende hoxe e ata o 13 de xuño permanecerá aberto o prazo de inscripción nos campamentos organizados polo Concello do Porriño para favorecer a conciliación laboral e familiar durante as vacacións escolares.

A Concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, impulsa este Campamento de Verán  dirixido aos rapaces erapazas de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos cumpridos como medida non só de conciliación senón tamén de inclusión.

A actividade desenvolverase  dende o 4 de xullo ao 12 de agosto de 9 a 14 h en instalacións municipais.

As persoas interesadas poderán apuntarse cubrindo a folla de inscrición que se atopa no CIM (terceiro andar do Concello do Porriño) e colgana na páxina web. Pode presentarse presencialmente ou rexistrarse por sede electrónica.

Haberá  3 quendas, unha por quincena,  cun número de prazas limitado de 40 cada unha. As prazas cubriranse por orde de inscrición agás no caso de que o número de solicitudes sexa maior que o das prazas ofertadas, en cuxo caso se valorará segundo baremo que se subirá á páxina web do Concello.

O CPA Condado de Salvaterra consigue o Bronce no Campionato de España de Grupos Show Junior

Os pasados días 20 e 21 de maio celebrouse en Alcoy (Alacante) o Campionato de España de Grupos Show Junior e Cuartetos e o Trofeo Ciudad de Alcoy-Copa de España de Grupos Show Pequenos e Grandes.

O CPA Condado cultivou 2 grandes éxitos que sumará ao seu exitoso palmarés. Os patinadores de Grupos Show Junior do Condado ( Ines Pose, Noa Garcia, Zoe García, Maria De Sa, Dubra Outeiro, Marta Alvarez, Xabi Gomez, Ronsel Groba, Marta Cabaleiro, Mara Amil, Aldara Balboa, Laura Perez, Daniela Rodriguez, Luana Rodriguez, Xiana Covelo e Lucia Soto) coa coreografía “Detrás da Pel” conseguiron por primeira vez para Galicia unha medalla nesta categoría, cunha participación de 22 Grupos de todo o país. Eduardo Caride, director técnico do club, mostrábase moi agradecido e emocionado polos resultados obtidos, pero aínda quedaba máis, o sábado 21 de Maio o Grupo Pequeno do Condado (Aldara Balboa, Laura Perez, Daniela Rodríguez, Mara Amil, Xiana Covelo, Maria Abril, Nair Pimentel, Maria Montes, Eliana Rodriguez, Carmen De Sa e Iría Groba) conseguía o ouro no Trofeo Ciudad de Alcoy- Copa de España coa coreografía “Sharon”.

Estes éxitos débense ao compromiso e constancia dos patinadores, á disciplina dos adestramentos e aos ensinos dos técnicos do club, que se mostran moi orgullosos polos resultados desta tempada.

A próxima cita para o Condado será no IV TROFEO SALVATERRA MILENARIA que se celebrará o domingo 5 de Xuño no Pavillón Municipal Cándido Carrera. Nesta edición do trofeo daranse cita 18 clubs de toda a comunidade e máis de 300 patinadores. A competición comezará ás 16:30 h e contará coa presenza do CPA Gondomar, subcampión do Mundo nos World Roller Games de Barcelona 2019 e actuais Subcampións de España de Grupos Show Pequenos.

Baiona, Gondomar e Nigrán celebrarán o 5 de xuño a ‘Festa da Bicicleta’

Os tres concellos do Val Miñor volverán a pedalear xuntos finalmente este domingo 5 de xuño para festexar a tradicional ‘Festa da Bicicleta’ que sempre reúne a centos de persoas e que non se puido celebrar no seu día, o 17 de maio, ante a previsión de choiva. O evento permanece igual a como se expuxera inicialmente. Así, esta 32 edición recuperará o formato habitual pre-pandemia tras dous anos sen poder celebrarse conxuntamente. Nesta ocasión a marcha finalizará en Panxón ao corresponderlle a quenda da organización a Nigrán, quen contará con ‘Discamino’ como entidade invitada para abrir a súa marcha coas bicicletas adaptadas do consistorio. O obxectivo, un ano máis, é que sexa unha xornada festiva en toda a comarca para vivir con familia e amizades ao tempo que se promove o deporte e a socialización como hábitos saudables.

As inscricións e entrega de dorsais realizaranse nos respectivos puntos de saída de cada municipio con 40 minutos de antelación co único requirimento de ser maior de 7 anos, contar con bicicleta propia e levar casco. Así, en Nigrán partirán ás 10:00 horas desde o Pavillón (rúa ), en Gondomar ás 10:45 horas na Praza Paradela e, en Baiona, tamén ás 10:45 horas desde a entrada do Parador. Todos os participantes disporán de seguro de accidentes e responsabilidade civil.

A marcha de Nigrán acudirá a ‘recoller’ á de Gondomar percorrendo a estrada da costa (PO-325) para despois coincidir na rotonda da Ramallosa ca de Baiona e, desde alí, pedalear as tres xuntas tamén pola costa cara ao Pavillón de Panxón, onde rematará con sorteo de agasallos e avituallamento. Cada concello achegará unha bicicleta e 20 cascos para sortear entre os seus respectivos participantes.

O domingo terá lugar o Gran Premio Mini BTT Escola Borja Gómez Méndez

O vindeiro domingo, 5 de xuño, terá lugar a presentación do evento Gran Premio Mini BTT Escola Borja Gómez Méndez.

Dita presentación, a cargo do Club Ciclista Ponteareas, desenvolverase nas inmediacións e no propio parque da Bouza Vella, a partir das 10:00 horas.

Na que se prevé unha participación de ao redor de 400 nenos, nas categorías, infantil, alevín, principiante, promesa e benxamín. Desde a Xunta Directiva do Club queren dar as grazas a todos os colaboradores do evento, pero en especial á Comunidade de Montes Veciñal en Man Común de Áreas, polas facilidades á hora da cesión do terreo para a organización do evento e a súa implicación no mesmo.

O Concello de Tui insta á Xunta a rexeitar a fusión ou integración da Cámara de Tui

0

O Concello de Tui recoñece á “Cámara de comercio de Tui como unha entidade autónoma, economicamente viable, con solidez patrimonial, colaborativa e que reflicte un gran compromiso co tecido empresarial da nosa contorna”. Así se recolle na moción aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado a pasada semana.

No texto aprobado maniféstase o apoio á Cámara tudense ante a posible unificación ou fusión da cámaras galegas tendo en conta  a súa estratéxica situación polo seu carácter transfronteirizo co Norte de Portugal, “o que permite intensificar as relacións bilaterais dadas as boas infraestruturas que cruzan ambos os territorios, instrumento básico e necesario para potenciar o desenvolvemento económico”.

A Cámara de Comercio de Tui foi a primeira institución empresarial do sur da provincia de Pontevedra ao constituírse oficial por Real Decreto o 28 de maio de 1907. A súa demarcación abrangue os concellos de Tui, Porriño, A Guarda, Tomiño, Salceda de Caselas, O Rosal e Oia. O censo electoral da Cámara está integrado por 7.535 empresas, das que 726 teñen carácter industrial, 1024 pertencen ao sector da construción, 3.134 ao comercio e 2.642 ao grupo de servizos. Ten dous sectores estratéxicos: unha forte implantación do sector de automoción, e a pedra natural, tanto en extracción coma en industria transformadora.A isto súmase a importancia de sectores como a construción, o  metalúrxico, o comercio e  os servizos, ao que se suma a diversificación económica que supón sector vitivinícola e o sector de produción de planta ornamental e a produción de froita.

En 2015, dentro da súa fase de crecemento, a Cámara de Comercio adquiriu o edifcio da antiga alfándega de Tui, autorizada pola Xunta dentro do seu Plan Estratéxico e de Viabilidade.

O acordo adoptado pola corporación tudense insta ao Goberno da Xunta de Galicia, dentro do seu marco competencial “a recoñecer a autonomía e independencia da Cámara de Tui como entidade con personalidade xurídica propia, viable económica, social e institucionalmente” Ao tempo ínstase á Xunta a “rexeitar a integración ou fusión da Cámara de Tui dentro de calquera proceso de fusión ou integración de cámaras posible, dada a súa saneada situación económica, o seu proxecto de futuro, a súa estratéxica localización e o seu papel vertebrador no ámbito transfronteirizo”. Ao tempo solicítase do goberno galego “apoiar á Cámara de Tui no proceso de crecemento xa iniciado coa compra do edificio da alfándega e que permitirá  afrontar os seus retos principais: a representatividade institucional e territorial e a viabilidade económica da Cámara”.

O inventario botánico do xardín de Santa Clara inclúe alomenos unha ducia de árbores “de importancia”

O persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) está a realizar a identificación das plantas do xardín de Santa Clara e a localizalas co fin de facer un inventario botánico completo. Nunha primeira aproximación téñense identificado varias árbores “de importancia” que se deberán conservar polas súas características, así como outros exemplares en mal estado que, por estar mortos ou afectados con algunhas patoloxías, será preciso retirar tanto da zona do claustro –entre as construcións- como da coñecida como ‘o bosque’, no sudeste da finca.

A xefa da EFA, Carmen Salinero, explica que o antigo terreo das relixiosas inclúe unha grande variedade de plantas e árbores dispostos de maneira desorganizada: “Aquilo é un mundo. Probablemente as monxas ‘pinchaban’ todo o que lle daba a xente. Hai cousas moi curiosas”, subliña.

No catálogo de especies destacan, tanto polo seu grosor, envergadura, como pola súa altura, varias árbores “importantes”, como pode ser un buxo duns cinco metros de altura ou un loureiro de aproximadamente seis metros, algúns castiñeiros situados ao lado da muralla e na zona do ‘bosque’, así como tamén catro sequoias de gran tamaño que se din irmás das que chegaron a Poio no 1992 pola conmemoración de cando se cumpriron os 500 anos da chegada a América.

Son tamén singulares dúas oliveiras que están plantadas a carón da ermita que está no medio da finca. Destacan por número as moitas árbores froiteiras repartidas polas diferentes zonas, en concreto a grande cantidade de maceiras (máis dunha vintena), limoeiros, laranxeiras e outros. Como curiosidade atopouse un kaki e dúas camelias.

A zona do claustro é, se cabe, onde destaca máis a mestura e desorde das plantacións.  As plantas están en bastante mal estado e o máis salientable é o grupo do loureiro mencionado e un aligustre, unha peonía totalmente agochada debaixo deles, un ‘acivro variegado’ e unha estrelicia (ou ‘ave do paraíso’); o resto son roseiras, hortensias, e azaleas. Na zona da viña anexa a maior parte é de variedade catalá, aínda que polo de agora estanse a marcar os pés un a un e a numeralos para despois poder referencialos. Tamén hai bastantes plantas de kiwi.

De cara a futuro, dende a EFA auguran a obrigatoriedade de conservar os exemplares de maior importancia por cuestión patrimonial, sen embargo, tamén subliñan a necesidade de facer unha ‘limpa’ dos pés que están en mal estado. Algúns exemplares, de feito, están mortos, e outros presentan síntomas de padecer algunha patoloxía. Destaca neste sentido que no bordo da muralla coa zona da rúa Santa Clara hai dez ‘tocóns’ de castiñeiros que foron cortados no seu momento, non se sabe se porque estaban en mal estado, porque caían e danaban a construción que rodea o convento ou simplemente porque morreron.

Estase a analizar tamén quimicamente o chan para ver as zonas nas que se poderían dar mellor segundo que tipo de especies e como se podería mellorar a fertilidade con algún tipo de tratamento.

Hai que lembrar que segundo asegura o vicepresidente César Mosquera, o obxectivo principal do Concello de Pontevedra e da Deputación -no caso da incorporación do antigo conxunto relixioso ao Museo-, é abrir as instalacións ao público, facendo que o xardín-finca sexa un espazo de lecer e escenario de actividades destinadas á cidadanía, o que requirirá con toda seguridade dun proxecto de reordenación vexetal.

Nigrán instala unha segunda electroliñeira gratuíta

0

O Concello de Nigrán estrea hoxe a súa segunda electroliñeira municipal e gratuíta ao carón da Casa Consistorial, o que convirte ao municipio no primeiro de España en número de cargadores públicos. Así, este novo punto con dúas tomas é igual ao que dispuxo o Concello no 2018 na mesma ubicación e se suma as electroliñeiras instaladas por Iberdrola ao carón do Centro de Negocios do parque empresarial Porto do Molle e fronte ao Pavillón de Panxón, cada unha delas con capacidade para simultanear a carga de 4 coches. A maiores, o Concello dotou de sendos enchufes a dúas prazas de aparcamento do parking público de A Ramallosa. 

“Nigrán é unha referencia en termos de promover o uso do vehículo eléctrico entre a veciñanza, incentivamos a súa compra con feitos tanxibles. A electroliñeira do Concello é moi empregada e consideramos necesario ampliala con outra máis”, subliña o alcalde, Juan González, quen incide en que o goberno local aprobou no 2018 unha bonificación do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como ‘0 emisións’. Deste xeito, o Concello de Nigrán segue a estela de moitas administracións públicas de toda Europa e continúa á vangarda de Galicia. Compre sinalar que, como parte do plan de acción do ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’, o Concello ten comprometido acadar unha reducción das emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030, isto suporá que o municipio deixe de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera tomando como referencia as cifras do ano 2017.

Nesta liña, o Concello de Nigrán foi renovando a súa flota con 4 vehículos 100% eléctricos que sustituiron, entre outros, a sendas furgonetas municipais de máis de 20 anos de antigüidade e, polo tanto, moi contaminantes. “Dende o propio Concello queremos contribuir a baixar a cota de emisións coa renovación da flota a prol do uso de enerxías limpas”, sinala o edil de Medio Ambiente, Diego García.

“Trátase de incentivar entre a veciñanza a compra de vehículos eléctricos porque son os únicos non contaminantes; é un transporte moi silencioso e que non produce ningún tipo de emisión”, resume o alcalde, Juan González, quen considera “unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas”.

Este primeiro punto de carga semi-rápida atópase no aparcamento da Casa Consistorial e conta con dous tomas de alta potencia de 22 KW válidas para sendos vehículos (compre destacar que a maioría das que se atopan en parkings ou establecementos privados son de 3,6 KW). Tódolos propietarios de coches eléctricos poderán empregalo gratuitamente solicitando no Servizo de Atención Cidadá (pranta baixa do Concello) unha tarxeta magnética válida para suministrar enerxía durante un tempo máximo de 120 minutos.

Ata o 2 de xuño terán de prazo os interesados para participar de xigantes ou cabezudos nas Festas da Coca 2022

0

O Concello de Redondela mantén aberto o prazo para que, as persoas interesadas en participar como xigantes ou cabezudos nas Festas da Coca 2022, poidan presentar a súa solicitude. O prazo remata o vindeiro 2 de xuño.

As persoas interesadas, que deberán ser maiores de 16 anos e empadroadas en Redondela, deberán presentar a súa solicitude nos Rexistros de Entrada do Concello de Redondela indicando a modalidade na que se quere participar: xigantes, cabezudos ou mordomo.

Para xigantes haberá dúas prazas dispoñibles e, neste caso concreto, as persoas solicitantes deberán pasar unha proba previa para verificar a súa capacidade. No caso dos cabezudos hai 20 prazas dispoñibles e, finalmente, como mordomo, haberá unha soa praza.

“Degusta Europa” chega ao seu fin na Guarda

0

Despois de recalar nos mercados das vilas do Grove, Mondariz, Pontevedra, Gondomar e Vigo, o programa “Degusta Europa” da Deputación de Pontevedra puxo o broche de ouro a esta edición na súa última cita, que tivo lugar no mercado municipal da Guarda. Alí, a veciñanza e os traballadores e traballadoras do mesmo puideron gozar dun menú baseado en pratos de países como Francia, Italia, Suíza, Grecia, Dinamarca, República Checa, Holanda, Bélxica ou Irlanda pero elaborados con produtos quilómetro cero que se poden atopar no día a día nos mercados como o da Guarda. A esta cita coa gastronomía europea non quixeron faltar, ademais, o deputado Carlos Font e as concelleiras da Guarda Mª Monsterrat Magallanes e Fátima Rodríguez.

O menú do mercado da Guarda, que foi elaborado polo alumnado de hostalería do CIFP Manuel Antonio de Vigo dirixido por membros do profesorado do centro, estivo composto por petiscos e tapas como cunca da horta de cabaza asada, escuma de patacas e aire de ceboliño; tosta de cabala afumada, risotto cremoso de grelos con espeto de galiña; esfiado de porco a baixa temperatura en plan de pita; bucle de calamar crocante sobre produtos da terra; vasiños de iogur e crema de marmelo; enreixado de cabelos de anxo; melindres e torta das Rías Baixas. Tampouco faltou un cóctel elaborado a base de vermú de orixe galego, que contribuíu tamén a poñer en valor os produtos de proximidade.

Desta maneira, na súa sexta cita co pública de Pontevedra, “Degusta Europa” chega ao seu fin por este ano despois de servir máis de 7.000 tapas, petiscos e bebidas nos mercados que participaron este ano na provincia. Foron os alumnos e alumnas dos CIFP Carlos Oroza (no Grove, Mondariz e Pontevedra) e do CIFP Manuel Antonio (en Gondomar, Vigo e A Guarda) os encargados de elaborar e servir os menús nos mercados. Este programa, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha no ano 2016 e que nas pasadas edicións xa recorreu os concellos de Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Pontevedra, Soutomaior, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vigo, naceu co obxectivo de conmemorar o Día de Europa, que se celebra cada ano o 9 de maio para poñer en valor o que significa pertencer á Unión Europea e os valores que integra. Despois de celebrarse en liña no ano 2020 por mor da pandemia a través de receitas das escolas de hostalería de Pontevedra e de vídeos de cociñeiros e cociñeiras de gran prestixio da provincia, neste 2022 volveu á presencialidade cun grande éxito de público.

Baiona entrega exemplares do libro infantil “Camiño Portugués da Costa” e “Dedas” aos centros de educación do municipio

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, fixo entrega esta mañá á Directora do CPI Cova Terreña, Isabel Martínez Cabaleiro, duns exemplares do libro infantil “Camiño Portugués da Costa” e “Dedas” para o alumnado do colexio municipal.

Así mesmo, os restantes centros educativos municipais tamén recibiron estes días os exemplares de ambos os libros infantís distribuídos en función do alumnado de cada un dos colexios. Así, os libros do “ Camiño Portugués dá Costa” fixéronse chegar en idioma galego e inglés aos centros que imparten educación primaría, CEIP Fontes-Baíña, CEIP Belesar, CEP Sabarís, onde se atopa o estudantado idóneo para este tipo de libro. Mentres que os de “ Dedas” levaron aos centro con aula de educación infantil: Galiña Azul, Areal, CEIP Fontes-Baíña, CEIP Belesar.

O libro do “Camiño Portugués da Costa” “busca e atopa” convida os lectores a descubrir as distintas paradas deste roteiro xacobeo, desde Ou Porto a Santiago de Compostela pasando por Baiona.

A publicación propón aos máis pequenos e pequenas atopar ao apóstolo en cada unha das trece ilustracións cheas de detalle das diferentes localidades: Ou Porto, Póvoa de Varzim, Viana do Castelo, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago de Compostela. Tamén inclúe unha breve descrición e datos curiosos da poboación á que acompaña.

Por outra banda, o libro evolutivo “Dedas”, trátase dun conto ilustrado de 64 páxinas onde brota a poesía en cada liña. Un libro evolutivo para nenos de 1 a 6 anos. Trátase dunha historia fermosa na que se xoga coas repeticións para darlle musicalidade e na busca continua dun uso didáctico.

Os pequenos aprenden a contar cales son os días da semana, os meses do ano…todo nunha liña de xogo con sorpresa final que ve realidade coas bellísimas ilustracións que acompañan á escritura.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que “o mellor lugar para un libro é o andel das bibliotecas escolares, onde poden cumprir coa súa dobre función: formativa e informativa. A entrega destes exemplares aos colexios redundará en favor dun mellor coñecemento do Camiño Portugués da Costa que pasa polo noso municipio e con “Dedas” ensínase respecto e diversidade aos nenos”.

Ademais, “Desde o Concello de Baiona quixemos mostrar o noso apoio ás persoas autoras destes dous interesantes proxectos: A Ramón Quintás e Noelia Muíños, os artífices do libro “ Camiño Portugués dá Costa” e de Papelier, unha tenda estudo de deseño e ilustración con sede en Baiona. Tamén a Soledad García, Laine Villero e Natalia Guisande compoñentes de “ Solaina”, grupo de fusión de arte do Val Miñor. e artífices de “Dedas”.

Tamén se depositaron exemplares de ambos os libros na Biblioteca Municipal de Baiona.

O 7 de xuño remata o prazo para o pagamento en período voluntario Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica 2022

0

O Concello de Redondela lembra á veciñanza que o 7 de xuño rematará o prazo para o pagamento, en período voluntario, dos recibos do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica 2022.

Os contribuíntes que aínda non recibiran no seu domicilio as cartas de pagamento (recibos) necesarios para realizar o pago a través da Oficina Virtual Tributaria ou en calquera das sucursais de Abanca, Caixabank ou Banco Bilbao Vizcaya, poderán obter un duplicado dos mesmos na Oficina Virtual Tributaria https://redondela.tributoslocales.es, na Oficina de Recadación e Xestión Tributaria do Concello de Redondela –rúa Ernestina Otero 35 baixo– en horario de atención ó público de luns a venres de 9:00 h a 14:00 horas  e de luns a xoves de 16:00 h a 19:00 horas ou na Oficina de Chapela na Avenida de Redondela, 17 (nos baixos do Pavillón Municipal de Chapela) no horario de atención ao público (tódolos mércores de 9:00 h a 14:00 horas).

Os recibos tamén poden ser solicitados a través do teléfono de atención ó contribuínte 986 408 374 ou no correo electrónico: [email protected].

Xuño chega ao Rosal cargado de actividades

0

O mes de xuño chega ao Rosal cargado de actividades de lecer para todos os públicos. O Concello conta para os vindeiros días cunha extensa programación cultural na que haberá cabida para a música, o cine, as actividades medioambientais, conferencias, contacontos ou exposicións, entre outras moitas propostas. “Queremos seguir enchendo de cultura o noso municipio, con actividades pensadas para un público moi diverso no que todas as persoas atopen propostas de lecer do seu interese”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A axenda cultural arranca esta mesma fin de semana con tres novas actividades. O venres 3, ás 20.00 h, o auditorio municipal acollerá a proxección de ‘Maxi, a esencia de vivir’. Con guión e dirección de Víctor Bello, o documental achegará ao público ao detalle á vida deportiva e persoal de Maximiliano Masip, un vigués de 43 anos con parálise cerebral que se converteu nun exemplo de superación.

O sábado 4 será a quenda de ‘Música nas Eiras’, un encontro musical organizado pola Asociación Cultural Ghorghalado en colaboración co Concello do Rosal no que participarán Tremelique e a Escola de Regueifas de Vigo. A cita será ás 19.30 horas na antiga Escola das Eiras.

Xa o domingo 5 de xuño, o auditorio municipal será o escenario elixido para a estrea do filme do rosaleiro Gon Caride ‘O Grilo’, unha curtametraxe narrativa que camiña entre a ficción, o documental e o found footage  que plantexa unha reinterpretación da figura da Morte. O público poderá gozar da película en sesión dobre, co primeiro pase ás 20.00 horas e o seguindo ás 21.00 horas.

Entre as actividades programadas para este mes de xuño estarán un obradoiro de elaboración de peneiras para composteiros individuais (7 de xuño); unha conferencia de Carlos Taibo o día 8; o contacontos para alumnado de primaria ‘De Valdeorras a México’, da compañía Polo Correo do Vento (13 de xuño); a audición musical do alumnado da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal (18 de xuño) ou a primeira edición da Festa das Asociacións, adiada o pasado mes de maio por mor da choiva. Haberá ademais audición e concerto da Banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal o venres 24, encontro de corais o domingo 26, contacontos nos xardíns do Concello o martes 28 e a exposición fotográfica ‘Fóra Plásticos’, organizada por San Xerome Emiliani.

Mos deroga o imposto de plusvalía para reducir a carga fiscal da veciñanza en momentos de crise

0

O Pleno do Concello de Mos aprobou onte pola mañá por unanimidade a derogación do IMPOSTO SOBRE INCREMENTO DO VALOR DE TERREOS DE NATUREZA URBANA (IIVTNU).

Este imposto coñécese como plusvalía e é un imposto potestativo que tiña unha ordenanza en vigor desde 2003. Ao ser potestativo o Concello pode regular e decidir a súa esixencia ou non por medio dunha Ordenanza.

Polo tanto esta medida emprendida desde a administración local mosense  pretende reducir a carga fiscal en Mos, fundamentalmente en veciños que xa sufriron o aumento da presión fiscal pola revisión do IBI.

O expediente da medida municipal para derogar a plusvalía conta con informes favorables de Tesourería, Secretaría e Intervención.

Por que derogar a plusvalía

O problema de base está en que as plusvalías presentaban un sistema de cálculo obxectivo para determinar a base impoñible sen que se teña en conta o incremento real de valor que teñen os terreos urbanos cando se produce unha transmisión (exemplo venda e herdanza). Despois dunha serie de sentenzas o Tribunal Constitucional declarou inconstitucionais varios preceptos da lei de facendas locais (RDL 2/2004 do 5 de marzo) que regulaban este imposto. Estes preceptos sufriron unha modificación o ano pasado por medio de Real Decreto-Lei 26/2021, do 8 de novembro. Os novos criterios determinan que, se non hai incremento de valor, non se produce o feito impoñible pero non se corrixen os principais defectos do imposto.

O contrubuínte pode calcular o incremento real que tivo e determinar o imposto en base ao devandito incremento, pero de maneira subsidiaria téñense en conta criterios obxectivos como o de determinar a base impoñible en atención ao valor que ten o chan urbano no imposto sobre bens inmobles, IBI, sen que se atenda á realidade efectiva nin a situación actual dos mercados inmobiliarios. Por iso Mos suprime o imposto, para reducir a carga fiscal da veciñanza en momentos como os actuais, dunha importante crise económica e prezos a alza tanto de enerxía, combustibles, alimentación… e axudar no posible á economía dos e das mosenses.

É por elo que o obxectivo que se persegue con esta derogación é dobre:

Primeiro, evitar posibles problemas futuros pola adaptación lexislativa á declaración de inconstitucionalidade de certos preceptos configuradores do imposto.

E, en segundo lugar, reducir a presión fiscal da cidadanía, favorecendo a recuperación económica nunha situación e contexto de crise xeralizada. Neste marco non podemos esquecer os cambios que se tiveron producido na base impoñible do padrón do imposto sobre bens inmobles o pasado exercicio en atención ao Procedemento simplificado de valoración colectiva 00347233.36/20, que se tivo iniciado pola XERENCIA TERRITORIAL DO CATASTRO DE PONTEVEDRA e que afectou a máis de 13.000 fincas, deste xeito, de manterse o imposto, este afectaría fundamentalmente aos titulares de ditas fincas que pasaron a catalogarse como urbanas e que ata a data desta alteración non xerarían plusvalías. Así podemos afirmar que estes contribuíntes resultarían dobremente afectados e gravados polo procedemento de valoración catastral que foi alleo á vontade e interese do Concello.

Continúa o ciclo sobre Rosendo Salvado cunha visita guiada pola cidade

0

Mañá mércores, 1 de xuño, continua o desenvolvemento do ciclo de actividades organizado polo Concello de Tui en torno a figura do bispo tudense, Frei Rosendo Salvado.

A actividade desta xornada estará centrada nunha visita guiada aos principais lugares da nosa cidade vinculados coa figura de Frei Rosendo Salvado, que mantivo sempre acesa a súa relación coa súa terra e as súas xentes.

Esta visita estará dirixida polo historiador Rafael Sánchez Bargiela. Comezará, ás 19 h, na casa natal do relixioso beneditino no número 7 da rúa que leva o seu nome na entrada ao barrio de Riomuíños.

Ao longo da visita os participantes poderán comprobar como diferentes lugares de Tui conservan a memoria de Rosendo Salvado. O percorrido finalizará na Praza da Inmaculada onde se ergue a escultura dedicada a súa permanente lembranza.

O alcalde de Tui expresa o seu desexo que este ciclo contribúa ao coñecemento da figura de Frei Rosendo Salvado, superando os tópicos que aínda o rodean, e a súa excepcional obra que nos enorgullece como tudenses e como galegos.

As actividades previstas nos vindeiros días neste ciclo sobre Rosendo Salvado son as seguintes:

  • Mércores, 1 de xuño, ás 19 h con inicio na casa natal na rúa Bispo Salvado nº7
    • Visita guiada por lugares tudenses relacionados con Rosendo Salvado
  • Xoves, 2 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED
    • Mesa redonda sobre Rosendo Salvado e a música.
    • Participan:
      • Montserrat Capeláns, profesora Universidade de Santiago de Compostela
      • Andrea González, pianista e interprete do disco
    • Modera: Tomás Camacho, músico e director xubilado do Conservatorio Superior de Música de Vigo
  • Venres, 3 de xuño, ás 21 h no Teatro Municipal
    • Concerto – presentación do disco “Salvado – Piano Works” de Andrea González
  • Sábado, 4 de xuño, ás 21 h no Teatro Municipal
    • Proxección do documental “De Rosendo a Rosendo” (2018) dirixido por Cesar Espada.

Salceda celebra o primeiro encontro do proxecto europeo MeetYourForest

Os pasados días 27 e 28 de maio tivo lugar en Salceda de Caselas o primeiro encontro internacional das entidades socias do proxecto europeo “MeetYourForest: Novos usos e xestión innovadora do monte”. Trátase dun proxecto aprobado dentro do marco do Programa Europeo Erasmus+ para a posta en marcha de Proxectos de Cooperación no Ámbito da Educación de Adultos, contando cun financiamento da Unión Europea de 294.548,00€ e que se desenvolverá durante 24 meses. Este primeiro encontro de traballo contou coa presenza de Alex Rodríguez, Concelleiro de Mocidade e promotor do proxecto, e Lucía Pereira, Concelleira de Turismo, ademais da Alcaldesa Verónica Tourón, que deu a benvida ao Concello de Salceda de Caselas ás entidades participantes.

Participan no proxecto institucións tan influentes e notorias como ASPEA-Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (Portugal), a Facultade de Ciencias Forestais da Universidade de Vigo, Escola Superior para a Agricultura e o Desenvolvemento Rural (Noruega) e a Universidade de Ciencias Aplicadas Hamk Häme  (Finlandia) como socios expertos en medio ambiente, xestión forestal e protección ambiental. Participa como socio técnico, que se encargará do desenvolvemento dos produtos multimedia do proxecto, AtinServices, empresa española con unha ampla experiencia en proxectos europeos.

O proxecto MeetYourForest nace como unha iniciativa que trata de dar resposta e concienciar á mocidade na necesidade de actuacións para a preservación e xestión innovadora e sostible do monte e o seu contorno. As actividades deste proxecto xiran arredor do monte e os recursos que proporciona, non unicamente de tipo material senón tamén en forma de servizos. Trátase dun proxecto que pretende ir máis aló dos usos tradicionais do monte, basicamente como fonte de ingresos a través da venda da madeira, para incorporar unha perspectiva centrada no monte como potencial subministrador de diferente recursos materiais e ao mesmo tempo como recurso turístico, de ocio e tempo libre, perspectiva que o converte tamén nun potencial creador de novos empregos.

A presentación deste proxecto europeo parte da iniciativa da Concellería de Mocidade do Concello de Salceda de Caselas, que considera de vital importancia a contribución do Concello ás asociacións e colectivos forestais dunha perspectiva mais sostible, para o que se conta coa contribución de entidades asociadas de países máis avanzados neste sentido, como poden ser Noruega e Finlandia. O proxecto ten como eixo fundamental o fomento da cultura forestal e o respecto pola natureza, ao tempo que promove un estilo de vida máis sostible, que teña en conta o medio ambiente como parte fundamental da vida diaria. Para iso, Salceda de Caselas, promotora do proxecto, asociouse con diferentes institucións internacionais coa intención de crear un tándem perfecto entre o monte e a cidadanía.

Durante esta primeira reunión de todas as entidades participantes no proxecto que se celebrou en Salceda de Caselas, tratáronse temas fundamentais como a distribución das tarefas e o calendario para a súa realización, así como establecer as liñas de actuación para a máxima implicación das persoas e institucións participantes no proxecto. No proxecto están previstas outras tres reunións transnacionais a levarse a cabo nos demais países participantes, así como varios actos de difusión e unha actividade formativa na que participarán membros das institucións participantes e persoas e colectivos interesadas nos temas a tratar.

‘Ostras. O peche do mar’, novo documental do Obradoiro Fernando Monroy

0

O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy presenta o vindeiro 4 de xuño na illa de San Simón o documental ‘Ostras. O peche do mar’, un traballo impulsado pola directiva da entidade e dirixido polo redondelán Fernando Carreira ‘Cuchi’. A peza audiovisual é unha análise do conflito vivido na parroquia entre finais de 1955 e inicio de 1956.

Naquel período, en plena ditadura, intentouse a creación dun parque ostrícola na praia de Cesantes, que atopou a oposición da veciñanza e estivo liderada polas mariscadoras, principais afectadas da parcelación do areal, xa que era unha fonte de ingresos fundamental nun tempos duros. Na peza recóllense testemuñas de protagonistas, información do iniciativa e, incluso, das institucións públicas que impulsaron o proxecto. A prensa da época recolleu uns feitos que conmocionaron o concello e nos que existiu unha gran participación veciñal.

O programa de actos dará comezo co traslado á illa de San Simón ás 15:30 horas para regresar ás 21:00. No medio realizárase un pase de ‘Ostras. O peche do mar’, e tamén está previsto unha homenaxe a todos os colaboradores da iniciativa, con especial atención as mariscadoras, algunhas en vida e outras, desgrazadamente, xa finadas.  Actuará o grupo de Airiños de San Simón, do CCD de Cesantes, e Camerata da Ría. Está prevista a presencia de 300 persoas para seguir esta presentación, xa que se esgotaron os billetes para acudir á presentación. En todo caso, nas vindeiras semanas o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy realizará novos pases do documental para chegar a todos os interesados.

Edgar Costas presentou no Porriño “Casa das feras”

O centro cultural acolleu onte a presentación de “Casa de Feras”, Premio Vidal Bolaño 2021, de Edgar Costas. Acompañando ao autor, estivo o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a escritora e secretaria do premio, Raquel Castro, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

A obra de Edgar Castro, unha fábula actual onde se abordan temas como o maltrato animal, as relacións de poder e a liberdade, fíxose co galardón literario na cuarta edición do certame organizado polo Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia.

“Somos moi afortunadas e afortunados de contar co apoio do Concello do Porriño” , destacou o director xeral de Galaxia, “Con esta iniciativa estimúlase aos dramaturgos a crear obras dirixidas á mocidade. Un respaldo á cultura que coloca ao Concello do Porriño no centro da dramaturxia xuvenil. Non hai concello que poida compararse neste sentido”.

Pola súa banda, o autor convidou aos asistentes a descubrir “Casa de Feras”, unha obra que agarda “como todas as obras de teatro se complete saíndo a escena da man dos mozos e mozas”.

“O Premio Vidal Bolaño é xa un certame consolidado que contará sempre co respaldo do Concello”, concluíu o alcalde, “Para nós, o respaldo á cultura en calquera das súas expresións é esencial, trátase de gardar e enriquecer o legado que deixamos aos que veñen”.

V Premio Vidal Bolaño

O Concello do Porriño, IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia convocaron xa a quinta edición do Premio Vidal Bolaño, un certame que naceu pola necesidade de fomentar a escritura de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato e crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario.

O premio constará de 2.000 euros e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da Editorial Galaxia. O prazo de presentación de orixinais remata o 21 de xuño de 2022.

O Concello da Guarda participou na comitiva pontevedresa do Revitaliza

0

O Concello da Guarda participou na comitiva pontevedresa do Revitaliza que viaxou a País Vasco, Navarra e Cataluña, onde se analizou a recollida de residuos Porta a Porta á hora de mellorar as cifras de selectiva e reciclaxe.

Visitáronse 10 municipios e comarcas onde se miraron as distintas variables, as vantaxes e inconvintes, así como consellos á hora de implantar este modelo de recollida selectiva e cal pode ser a que máis se adapte as circunstancias do municipio.

Hai que resaltar que o modelo de recollida de residuos Porta a Porta  supón  un incremento na recollida selectiva de entre o 70 %, 80 % e estando incluso por riba do 90 % en moitos deles, o cal e algo non visto e que nos fai replantexar o sistema actual na busca dunha mellora.

Ademais do modelo de recollida Porta a Porta visitáronse varias plantas de compostaxe Comarcal que esclareceron cal é o modelo que mellor funciona e cal debería ser o camiño a seguir.

Hai que lembrar que a normativa europea ten marcados obxectivos que están vencidos, posto que en xuño de 2020 era obrigado ter preparado para reciclar o 50 % dos residuos á maior parte dos concellos, dando unha moratoria ata este ano; en 2025 esixirase reciclar o 55 % dos residuos, o 60 % en 2030, e o 65 % en 2035. Os resultados actuais en Pontevedra distan moito na realidade, xa que a media da provincia apenas chega ao 15 % e Galicia está entre o 12 % e o 13 %.

Nigrán ofrecerá nas fontes a última analítica dispoñible a través de códigos QR

0

O Concello de Nigrán está a instalar códigos QR en cada unha das 65 fontes municipais co fin de facilitar a través deles a correspondente analítica completa da auga. O sistema foi ideado e desenvolvido por Santi Darrocha e Pedro Rojo, alumnos nigraneses que están a realizar as súas prácticas de Informática e Comunicacions (ciclo de FP no IES Proval) no Concello. Deste xeito, calquera cidadá pode obter a derradeira análise de auga (realízanse cada 6 meses) simplemente escaneando co teléfono móbil a pegatina QR ubicada en cadanseu manancial.

“Ocorreusenos esta idea porque moitos veciños chamaban ao Concello pedindo a analítica completa de determinada fonte máis alá de se é apta ou non apta como xa o indica, e este é un sistema sinxelo de achegar esa información e facela pública”, sinala o edil de Medio Ambiente, Diego García, quen incide en que ao mesmo tempo “trátase de facer as prácticas obrigatorias destes rapaces o máis produtivas, motivantes e enriquecedoras posible para eles”. “Este traballo para eles supuxo un reto que cumpriron con creces, entre os dous realizaron o proxecto e o levaron adiante”, destaca García Moreira, quen incide no “fácil e intuitivo” que resulta para o administrador renovar cada 6 meses os documentos das novas analíticas.

Rehabilitación

Este proxecto do Concello de Nigrán para facilitar a información relativa a calidade da auga de cada fonte encádrase na súa iniciativa para por en valor as fontes e lavadoiros municipais. Así, actualmente estase a traballar no lavadoiro e de Sancho de Arriba e de Abaixo (Panxón) e a zona verde que os comunica a través do obradoiro de emprego da Mancomunidade ‘Pedras do Miñor’. A maiores o Concello de Nigrán está rehabilitar, conservar e consolidar sete lavadoiros municipais de Camos, Parada, Priegue e Panxón cun investimento de 100.430 € a cargo do Plan Concellos 2020.

“Este elementos teñen un enorme valor etnográfico porque foron verdadeiros núcleos de cohesión social en cada barrio e seguen en uso, por iso traballamos na súa posta en valor desde un punto de vista patrimonial e tamén ofrecendo agora información actualizada da calidade da auga máis alá de se é apta ou non apta, información esta última que xa figuraba”, resume Juan González, alcalde de Nigrán. 

Ponteareas organiza a súa primeira xornada de formación e emprego para a mocidade

O Concello de Ponteareas pon en marcha a 1ª Xornada de formación e emprego “Que facer co meu futuro?”, que terá lugar o vindeiro 6 de xuño na sala multiúsos do Auditorio Municipal.

Organizada polas concellarías de Formación e Emprego e Mocidade, a xornada estará dividida en 3 eixos fundamentais. A mañá comezará da man da orientadora laboral Clara Isabel León, que axudará aos asistentes a comprender o funcionamento do Servizo Público de Emprego de Galicia e como utilizalo como un aliado na procura dun emprego de calidade.

Sonia Román Hermida, consultora de Recursos Humanos en Gi Group, falará dos pasos e estratexias a seguir para contactar directamente coas empresas e presentar unha candidatura espontánea.

Finalmente, será a orientadora educativa no CIFP Valentín Paz Andrade, Betina Represas, quen achegará a súa visión sobre a formación profesional, unha alternativa que pode abrir moitas portas á nosa mocidade.

A concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, sinala que “esta é unha ocasión única para mellorar a empregabilidade e atopar novas oportunidades laborais”. Pola súa parte, o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, destacou que a xornada supón “un novo paso na aposta decidida deste Concello por facilitar o futuro das mozas e mozos”.

As inscricións están abertas e pódense realizar chamando ao 986 661 050 ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 687 764 516.

Baiona asina o primeiro convenio entre Concello e AECC

0

O Concello de Baiona asinou por primeira vez un convenio coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), que se fixo efectivo esta mañá co obxecto de concienciar á sociedade para avanzar na prevención e control desta enfermidade, así como para axudar aos pacientes oncolóxicos.

Un acordo que rubricaron o alcalde, Carlos Gómez Prado, e a presidenta da AECC de Pontevedra, María del Carmen Abeledo Márquez. Na firma tamén estivo presente a Concelleira de Servizos Sociais, Conchy Vara.

Pola súa banda, a presidenta da AECC puxo en valor que se “formalizou ningún acordo, polo que é un fito importante”. Ao seu xuízo, este convenio “vai redundar en beneficio dos cidadáns porque nós centrámonos en axudar ás persoas que teñen cancro en tres aspectos: centrarnos na persoa, en darlles apoio psicolóxico e de todo tipo, en darlles axudas sociais e tamén en investigación, e dentro da misión de centrarnos na persoa está a prevención”, algo moi importante porque este tipo de accións “salvan a vida das persoas”.

Polo que respecta aos fins que se estipulan no acordo, o Concello informará e promoverá a concienciación á cidadanía sobre os factores para a prevención e detección precoz do cancro, e diminuír así a taxa de incidencia e/ou mortalidade, así como a promoción de hábitos saudables. Información que o Consistorio ofrecerá a través das súas canles de comunicación, ademais de que colaborará nos actos benéficos, campañas, xornadas e outras accións da AECC de Pontevedra.

Tamén dará a coñecer os servizos e recursos que ofrece a AECC de Pontevedra, como a atención aos pacientes e ás súas familias, concretamente orientación social (axudas económicas de emerxencia, préstamo de material ortoprotésico, orientación sobre prestacións e recursos sociais…), atención psicolóxica (apoio para facer fronte ao malestar emocional causado pola enfermidade e os seus tratamentos, mellorar a comunicación coa familia, os amigos e o equipo médico), asesoramento médico-sanitario (aclaración de dúbidas relacionadas co diagnóstico, os tratamentos ou os efectos secundarios, pautas de enfermería…), fisioterapia (para a prevención e o tratamento de problemas derivados da enfermidade) e voluntariado de acompañamento (acompañamento hospitalario, soporte de xestións básicas fose do domicilio, compras en farmacia…).

O primeiro edil mostrou a súa satisfacción polo feito de que “por primeira vez este Concello asina un convenio con esta entidade que tan bo labor fai de divulgación e concienciación, así como de apoio e acompañamento ás persoas que padecen esta enfermidade. O obxectivo é estreitar os lazos que nos unen para traballar xuntos e facer canto estea na nosa man para axudarvos no voso labor e colaborar naqueles actos que organicedes”.

Afluencia masiva na concentración contra o desmantelamento da atención primaria no Rosal

0

Gran resposta da veciñanza contra o desmantelamento da atención primaria no Rosal. O pasado venres máis de 700 persoas se concentraron diante do Centro de Saúde rosaleiro para manifestar o seu malestar ante a situación que está a vivir o municipio e que derivou nunha situación grave hai uns días cando chegou unha persoa con necesidade de atención urxente mentres a única médica do centro saíra xunto coa ambulancia para acompañar a outro paciente ao hospital Álvaro Cunqueiro e que rematou co traslado do doente en padiola polo centro urbano ata o helicóptero mobilizado para levalo ao centro hospitalario.

Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, o Concello “vai seguir denunciando ante o Sergas a precaria situación que estamos a vivir na atención primaria e apoiando todas mobilizacións que convoquen as plataformas cidadás en defensa da sanidade, porque, como se demostrou hai uns días, co continuo desmantelamento estase poñendo en risco a saúde e mesmo a vida da veciñanza”. “No Rosal e na comarca estamos a vivir nunha situación extrema polos recortes. Goberne quen goberne a sanidade, ao igual que a educación, debe ser unha prioridade, xa que garante unha sociedade igualitaria”, recalca a rexedora.  

Durante a concentración lembrouse que, na actualidade, os tres concellos da comarca, que suman máis de 20.000 habitantes, contan cunha soa ambulancia medicalizada que non só está a unha hora do hospital de referencia e fai servizo soamente ata as 22.00 horas, senón que ademais ten a súa base nun municipio a máis de 50 km. Ademais, nos últimos cinco meses só hai unha médica atendendo ás máis de 6.000 persoas que viven no Rosal e dende o 2021 non se conta con pediatra, o que non só implica unha sobrecarga das dúas pediatras da Guarda, senón que deriva en “demoras na atención e priva aos rapaces e rapazas dunha necesaria atención temperá que permite detectar en tempo adecuado potenciais patoloxías que poden ser graves para o seu futuro”.

A figura de Florencio Delgado, a través do espectáculo familiar ‘De Valdeorras a México, Terra a Nosa’

Achegar a todos os públicos dun xeito ameno e divertido á figura do poeta Florencio Delgado, homenaxeado no Día das Letras Galegas. Ese é o obxectivo de ‘De Valdeorras a México, Terra a Nosa’, un espectáculo familiar da compañía Polo correo do vento que chega este xoves 2 de xuño a Ponteareas. Será ás 18.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada de balde e libre ata completar aforo.

A actividade, que está financiada e organizada polos servizos de Lingua e Memoria da Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Ponteareas, permitirá a nenos e nenas a partir de 5 anos e ás súas familias coñecer a vida e a obra de Delgado Gurriarán.

O público poderá gozar dunha actividade na que “se alternará a narración da biografía do poeta coa creación dunha ilustración e a interpretación de diferentes pezas musicais”, como sinala o Concelleiro de Lingua e Cultura, Fernando Groba. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura do autor.

Areeiro insiste na revisión das viñas por risco extremo de mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar este luns un novo aviso fitosanitario no que insiste en que é imprescindible revisar as viñas ante o “risco extremo” de desenvolvemento do mildio, cunhas previsións meteorolóxicas que anuncian para estes días precipitacións e temperaturas nocturnas mínimas elevadas.

Tralas chamadas recibidas por parte de persoas viticultoras alertando da aparición de síntomas de mildio en viñas de diferentes variedades, persoal da EFA comprobou que tamén están a aparecer manchas nas viñas da propia parcela de Areeiro, especialmente nas plantas testemuña.

Por esta razón e polas citadas previsións meteorolóxicas, recomenda a revisión detallada das viñas para comprobar o seu estado, aínda que estean teoricamente protexidas. Areeiro sinala que, en caso de ter que actuar, se realice igualmente aproveitando os momentos de claros.

Obradoiros para alumnado de 6º de Primaria co gallo do Día Mundial Sen Tabaco

0

O Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui levou a cabo unha serie obradoiros dirixidos ao alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Rebordáns e do CEIP nº2 con motivo do Día Mundial Sen Tabaco que se celebra mañá, 31 de maio. 

Nestes obradoiros o alumnado recibiu información sobre os efectos nocivos do tabaco. Nos mesmos elaboraron cartas dirixidas a fumadores, tanto para animalos a deixar o tabaco, coma agradecerlles o esforzo a aqueles que foron capaces de deixar este hábito.

O 31 de maio celébrase o Día Mundial Sen Tabaco, promulgado pola Organización  Mundial da Saúde (OMS) en 1987, co obxectivo de informar e concienciar sobre os efectos nocivos e letais do consumo de tabaco e da exposición pasiva ao fume desta substancia.

A letra de Antonio Barros e Ialma pon letra ao Himno de Mos composto por Xulio Lorenzo

0

No Pleno desta mañá fixéronse públicas as votacións do concurso para elixir a letra do Himno de Mos, autoría do gaiteiro de Louredo, Xulio Lorenzo, no que resultou gañadora a proposta 2, presentada polos músicos mosenses Antonio Barros e Beatriz Gómez, Ialma.

Na sesión plenaria de hoxe aprobouse así mesmo a letra gañadora, por maioría dos votos dos membros da Corporación Municipal, cos votos a favor do equipo de goberno local e dos concelleiros non adscritos Román González e Verónica Costas, e as abstencións de PSOE, GañaMos e BNG.

Mos xa pode, polo tanto, cantar o seu himno, con letra composta por Antonio Barros e Ialma, e que será presentada oficialmente o 13 de xuño, Día da Rosa, sendo o himno o protagonista do Pregón deste ano.

A votación constou de 3 xurados: profesional, voceiros da Corporación Municipal e público.

O xurado profesional reuniuse presencialmente o pasado 10 de maio no Pazo de Mos, agás Uxía Senlle e Javier Baquero que enviaron o seu voto por escrito ao non poder asistir, e Juan Durán, que se conectou telemáticamente por videoconferencia. A votación do xurado profesional dirimiuse do seguinte xeito: 1 voto para a canción 1, 7 votos para a canción 2, 0 votos para as cancións 3, 4, 5 e 6. O voto do xurado profesional ten un 50% do valor total das votacións.

Os voceiros da Corporación reuníronse o 18 de maio no Concello presencialmente. A súa votación foi a seguinte: 3 votos para a canción 2, 1 voto para a canción 6, 0 votos para as cancións 1, 3, 4 e 5; e 2 abstencións. O voto dos voceiros ten un 25% do valor total das votacións.

A votación do público a través da web municipal foi a seguinte: canción 1-105 votos, canción 2-259 votos, canción 3-298 votos, canción 4-30 votos, canción 5-32 votos, canción 6-159 votos. O voto do público ten un 25% do valor total das votacións.

Desde o Concello de Mos quérese agradecer encarecidamente a súa participación e implicación aos autores das 6 propostas presentadas a concurso: proposta 1 Roi García Lorenzo, 2 Antonio Barros Serodio e Ialma, Beatriz Gómez Fandiño, 3 Rubén Campo Gil, 4 Gonzalo Otero Lago, 5 José Rodríguez Conde e 6 Albino Rodríguez Cambeiro.  Así como recoñecer o mérito e o gran traballo das súas creacións, polas que tamén serán homenaxeados o Día da Rosa.

Ponteareas ofrece 420 prazas nos campamentos para este verán

Ponteareas continúa coa súa aposta por ofrecer cada verán “unha alternativa de lecer lúdica e educativa para os nenos e nenas durante as vacacións estivais ao tempo que se facilita a conciliación familiar e laboral”, como sinala a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila. Con este obxectivo, o Concello abre dende este luns 30 de maio ata o vindeiro 10 de xuño o prazo de preinscrición tanto para os campamentos do Campus Tea como para os de Verán Rural, que este ano ofrecerán 420 prazas en diferentes espazos do núcleo urbano e das parroquias.

Todos os campamentos, subvencionados pola concellaría de Ensino, están dirixidos a cativos e cativas de entre 3 e 12 anos en horario de 09.00 a 14.00 horas, con posibilidade de solicitar aula matinal de 07.30 a 09.00 horas no caso do Campus-Tea. Será precisamente este campamento o que se desenvolva nas instalacións do CEIP Nosa Señora. dos Remedios de Ponteareas en catro quendas de 15 días que van dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto. O prezo será de 48 euros por participante.

Pola súa banda, o Verán Rural rotará por diferentes casas culturais das parroquias de Ponteareas: do 1 ao 15 de xullo estará no Centro Cultural de Angoares, do 16 ao 31 de xullo no Centro Cultural de Xinzo, do 1 ao 15 de agosto no Centro Cultural de Areas e do 16 ao 31 de agosto no Centro Cultural de Guláns. Estes campamentos terán un prezo de 39 euros por participante.

Davila anima a todas as familias a inscribir aos nenos e nenas nestes campus “deseñados cunha programación que combina o xogo e as saídas didácticas con actividades creativas, culturais e de coñecemento da contorna a través pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e en hábitos saudábeis”.

As bases e o impreso de Preinscrición dos campamentos (Anexo I) poderán obterse de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 h na Oficina de Ensino, no andar baixo do Concello de Ponteareas; no Rexistro Xeral ou ben directamente na Sede Electrónica do Concello de Ponteareas. Tamén poden consultarse na web municipal.

A listaxe provisional de admitidos e admitidas, así como a lista de agarda en caso de habela, publicaranse o vindeiro 17 de xuño nos taboleiros oficiais do Concello e na páxina web municipal. A lista definitiva publicarase o 23 de xuño, momento no que se abrirá o prazo de inscrición, achega de documentación e abono da cota.