7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO Concello de Tui insta á Xunta a rexeitar a fusión ou...

    O Concello de Tui insta á Xunta a rexeitar a fusión ou integración da Cámara de Tui

    O Concello de Tui recoñece á “Cámara de comercio de Tui como unha entidade autónoma, economicamente viable, con solidez patrimonial, colaborativa e que reflicte un gran compromiso co tecido empresarial da nosa contorna”. Así se recolle na moción aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado a pasada semana.

    No texto aprobado maniféstase o apoio á Cámara tudense ante a posible unificación ou fusión da cámaras galegas tendo en conta  a súa estratéxica situación polo seu carácter transfronteirizo co Norte de Portugal, “o que permite intensificar as relacións bilaterais dadas as boas infraestruturas que cruzan ambos os territorios, instrumento básico e necesario para potenciar o desenvolvemento económico”.

    A Cámara de Comercio de Tui foi a primeira institución empresarial do sur da provincia de Pontevedra ao constituírse oficial por Real Decreto o 28 de maio de 1907. A súa demarcación abrangue os concellos de Tui, Porriño, A Guarda, Tomiño, Salceda de Caselas, O Rosal e Oia. O censo electoral da Cámara está integrado por 7.535 empresas, das que 726 teñen carácter industrial, 1024 pertencen ao sector da construción, 3.134 ao comercio e 2.642 ao grupo de servizos. Ten dous sectores estratéxicos: unha forte implantación do sector de automoción, e a pedra natural, tanto en extracción coma en industria transformadora.A isto súmase a importancia de sectores como a construción, o  metalúrxico, o comercio e  os servizos, ao que se suma a diversificación económica que supón sector vitivinícola e o sector de produción de planta ornamental e a produción de froita.

    En 2015, dentro da súa fase de crecemento, a Cámara de Comercio adquiriu o edifcio da antiga alfándega de Tui, autorizada pola Xunta dentro do seu Plan Estratéxico e de Viabilidade.

    O acordo adoptado pola corporación tudense insta ao Goberno da Xunta de Galicia, dentro do seu marco competencial “a recoñecer a autonomía e independencia da Cámara de Tui como entidade con personalidade xurídica propia, viable económica, social e institucionalmente” Ao tempo ínstase á Xunta a “rexeitar a integración ou fusión da Cámara de Tui dentro de calquera proceso de fusión ou integración de cámaras posible, dada a súa saneada situación económica, o seu proxecto de futuro, a súa estratéxica localización e o seu papel vertebrador no ámbito transfronteirizo”. Ao tempo solicítase do goberno galego “apoiar á Cámara de Tui no proceso de crecemento xa iniciado coa compra do edificio da alfándega e que permitirá  afrontar os seus retos principais: a representatividade institucional e territorial e a viabilidade económica da Cámara”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.