12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalGon Caride estrea a súa lenda sobre a Morte no Rosal e...

    Gon Caride estrea a súa lenda sobre a Morte no Rosal e Tomiño

    O cineasta rosaleiro Gon Caride segue a ser profeta na súa terra. O galardoado director desembarca de novo no Baixo Miño para estrear o seu novo filme, ‘O Grilo’, no territorio que o veu nacer e crecer: O Rosal e Tomiño. As primeiras sesións serán esta mesma fin de semana no auditorio municipal rosaleiro con dobre pase o domingo 5, o primeiro ás 20.00 h e o segundo ás 21.00 h, para que o público poida desfrutar deste documental que ten á Morte como protagonista. En Tomiño a proxección da curta formará parte da programación de outono.

    Para o Concello do Rosal é todo un orgullo poder acoller o estreo do traballo “dun gran profesional e un gran veciño, un artista que enriquece as nosas vidas coas súas creacións e que, con elas, é embaixador da cultural do noso municipio e do Baixo Miño polo mundo”, salienta a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís.

    Pola súa banda, a rexedora tomiñesa, Sandra González, destacou a importancia “de dar visibilidade e apoiar aos grandes talentos que temos nos nosos concellos e amosar ao resto de veciños e veciñas que dende o rural poden terse e cumprirse grandes soños. É un orgullo que os actores e actrices da curta, nenos e nenas, saíran da Escola Municipal de Teatro, porque demostra que apostar pola cultura de base ten o seus froitos”.

    Con ‘O Grilo’, Gon Caride recolle a lenda que conta que a Morte cada cen anos convértese en persoa e por un día convive coa veciñanza para entender mellor a aqueles e aquelas que terá que vir a recoller. Unha curtametraxe narrativa diverxente que habita entre a ficción, o documental e o founf footage para plantexar ao público unha reinterpretación da figuura da Morte. Como explica o director, “con esta curta realizamos unha viaxe melancólica a un pasado que nunca existiu para reformular un futuro ao que nos aterra ter que enfrontarnos”.

    Cunha dilatada bagaxe internacional, Gon Caride rodou a súa primeira curtametraxe, ‘October’, en Polonia, con fala rusa, peza que foi seleccionada por varios festivais internacionais e tamén polo Instituto Cervantes dentro do seu programa itinerante “El Nuevo Talento del Cortometraje Español”. Despois chegaron ‘Impermanencia’ e ‘Deux Options’, que foi seleccionada en máis de 55 festivais internacionais e acumula 9 premios de prestixio, entre eles, mellor guión e mellor actuación masculina no Festival de Cans, mellor curtametraxe no Kazan International Muslim Film Festival (Rusia) e mellor director e mellor drama nos Independent Short Awards (EEUU).

    As rexedoras animan a toda a veciñanza a achegarse a calquera das citas programadas no Rosal e Tomiño e a gozar deste corto son sabor local.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.