Luns, 9 Xuño de 2025

Mondariz ultima a legalización do colector xeral de augas residuais

0

O Concello de Mondariz está avanzando no proceso de legalización do colector xeral de augas residuais construído en 2015 na marxe esquerda do río Tea, co obxectivo de conectar a rede municipal de saneamento de Mondariz coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) construída en 2006 por Augas de Galicia no veciño Concello de Mondariz-Balneario.

“Recentemente recibimos un requerimento de documentación da CHMS no que se demanda a tramitación conxunta da legalización do colector xeral e a autorización de vertedura de augas residuais. Este proceso abre unha porta a solucionar o problema de conexión do colector xeral á EDAR de Mondariz-Balneario, enquistado desde hai máis de 15 anos. Supón un avance importante. Confiamos en que a legalización da infraestrutura sexa resolta satisfactoriamente”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Antes de proceder a solicitar a legalización do colector xeral de augas residuais, en outubro de 2021, o Concello de Mondariz xa recibira un informe positivo da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que daba por superados os danos provocados pola construción do colector xeral na contorna.

“Desde que iniciou o seu mandato, hai máis de tres anos, este Goberno municipal está traballando arreo para solucionar os problemas de conexión da rede municipal de saneamento coa EDAR construída en Mondariz-Balneario. É un problema complexo, como demostra a necesidade de realizar trámites como a legalización dunha infraestrutura construída en 2015”, sinala Barros.

Unhas obras amparadas no convenio de colaboración

En 2005, os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario asinaron un convenio de colaboración para o sostemento conxunto da gardería infantil, o punto limpo e a depuración de augas residuais. Segundo indica o alcalde de Mondariz, “no convenio de 2005, no apartado III da exposición de motivos, di textualmente que estaba prevista unha rede de colectores que aumente considerablemente o número de veciños e veciñas de Mondariz que poidan verter as augas residuais na nova depuradora” construída en 2006 por Augas de Galicia con fondos europeos para satisfacer as necesidades dunha poboación de 6.000 habitantes. Con todo, a EDAR de Mondariz-Balneario leva funcionando desde o principio moi por debaixo destas capacidades e tan só dá servizo de vertedura de augas residuais a uns 500 veciños e veciñas de Mondariz. 

En 2015, cunha subvención da Deputación de Pontevedra, Mondariz construíu un colector xeral de augas residuais para dar servizo a 2.000 habitantes, mais esta infraestrutura mantívose en desuso pola negativa de Mondariz-Balneario a autorizar a súa conexión á EDAR.

“Durante estes últimos anos solicitamos a convocatoria dunha reunión de seguimento do convenio de colaboración en varias ocasións. Non se pode tolerar que os acordos establecidos neses convenio de 2005 sexan modificados de xeito unilateral e sistemático por parte de Mondariz-Balneario, cando é precisamente Mondariz o concello que está a sustentar economicamente boa parte dos custes do servizo de depuración de augas”, indica Barros.

Opacidade informativa sobre os custes da depuración

En relación á EDAR non só preocupa a falta de vontade política de Mondariz-Balneario para sentarse a falar sobre o convenio de colaboración, senón tamén a opacidade informativa respecto dos importes que lle pasa anualmente a Mondariz polo custe do servizo de depuración de augas residuais.

“Podemos falar mesmo de ocultismo. O Concello de Mondariz solicitou datos e aclaracións sobre os custes do servizo de depuración de augas residuais, pero non recibiu resposta de Mondariz-Balneario. A día de hoxe seguimos sen saber canto custa depurar as augas residuais na EDAR de Mondariz-Balneario. As contas non saen”, sinala Barros.

Diante desta situación, o Concello de Mondariz resístese a pagar a cegas por un servizo do que descoñece os custes. “No orzamento municipal de 2021 había unha partida para esta finalidade, pero non se executou o pagamento pola falta de aclaración. Como se explica que en 2018 se pagaran uns 14.000 € e en 2020 uns 60.000 €? Solicitamos formalmente unha aclaración ao respecto pero non tivemos resposta de Mondariz-Balneario”, comenta o alcalde de Mondariz. “Hai vontade de pagar, pero non estamos dispostos a pagar a cegas, sen unha xustificación do que se está pagando. Se todo está en orde, por que non se aclaran os importes? Non é razoable”, conclúe. 

Ponteareas investirá 185.000 euros en corrixir as filtracións de auga causadas polas “defiencientes obras” realizadas polo PP no 2010

O Concello de Ponteareas está a traballar na reparación do Auditorio Municipal, unhas instalacións que soportaron filtracións e graves danos a causa das obras de impermeabilización executadas incorrectamente en 2010 ata obrigar ao seu peche hai dous anos para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias. Tras moitos meses de traballo técnico, o Concello vén de sacar a licitación a primeira fase do proxecto de integración do auditorio Reveriano Soutullo na malla urbana da vila, a través da que se acometerán as obras de impermeabilización e reparación de danos para a reapertura deste equipamento municipal.

“O auditorio vén arrastrando problemas de humidades dende case os seus inicios e xa no proxecto técnico de 2009 previo á reforma recollíanse problemas de estanqueidade, tanto nalgunhas zonas do seu perímetro como no patio de butacas principal. O noso obxectivo é recuperar unha instalación emblemática para a vila e devolver a vida ao seu escenario”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Xa coa autorización de Patrimonio para realizar as obras, esta primeira fase eliminará as principais causas das filtracións ao interior do auditorio e reparará paredes, falsos teitos e todas aquelas zonas que se atopen danadas como consecuencia da entrada de auga. Un informe técnico do ano 2021 recolle que as filtracións chegan ao interior do auditorio principalmente pola parte central da praza, nos arredores do parque infantil, e pola auga acumulada no sumidoiro perimetral, que entra a través dos ocos da fachada ás cámaras interiores dos muros e aos falsos teitos.

Cun investimento de máis de 185.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022, os traballos consistirán na remodelación dos lucernarios cun novo sistema acristalado estanco; no saneamento da zona do parque infantil e do perímetro da praza; no arranxo das filtracións que entran a través das fiestras, sen sistema para escorrer a auga; e na reparación dos paramentos interiores e dos teitos e falsos teitos.

Deste xeito porase fin a uns problemas que, segundo un informe elaborado polos servizos técnicos municipais en xaneiro do ano 2021, xa tiña o edificio dende a súa construción e que reapareceron pouco despois da reforma do 2010, realizada tras un convenio entre o goberno municipal presidido por González Solla (PP) e a Deputación dirixida por Rafael Louzán (PP). Este informe técnico tamén revela que a cuberta do auditorio conta cunha “deficiente impermeabilización por unha incorrecta solución construtiva ou mala execución”.

Este documento recolle que, en agosto de 2020, ao realizar un arranxo puntual no falso teito de madeira situado na sala principal de butacas, saíron á luz problemas importantes como as filtracións ou o caruncho, polo que se realizaron unha serie de catas que desvelaron que todo o falso teito estaba afectado e que o forxado da cuberta estaba anegado a pesar da falta de choivas, xa que a auga filtraba polo pavimento da praza ocasionando humidades e eflorescencias nas propias viguetas e bovedillas. A pesar dos constantes arranxos, os excesos de auga provocaron varios desprendementos que causaron danos materiais.

Por outra banda, as catas realizadas no pavimento da praza situada sobre o auditorio permitiron comprobar que as obras executadas no seu día non se axustan ao que se recollía no proxecto de reforma e que a auga se filtra cara ao interior do edificio. O Goberno local salienta que “ as obras feitas hai dez anos tiñan como principal finalidade eliminar as humidades, filtracións e pingueiras que sufría o auditorio como consecuencia das obras do parque infantil executadas uns anos antes, pero en lugar de solucionar os problemas empeorounos ata deixar o auditorio inutilizado”.

As empresas ou persoas interesadas optar á realización destas obras poderán presentar a súa proposta ata o vindeiro 8 de setembro a través da Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo de execución é de cinco meses.

‘Axentes do cambio’ rematan a decoración mural dun dos edificios do antigo apeadeiro de Chapela

0

A zona do antigo apeadeiro de Chapela, que marca o final da Vía Verde de Redondela, vai tomando forma e adecuando a súa estética á contorna dun espazo que xa é un dos lugares de ocio preferidos pola veciñanza e que, en moitos dos seus treitos, é un auténtico balcón sobre a ría.

“Era preciso darlle unha continuidade estética á Vía Verde e recuperar visualmente as dúas edificacións que, no seu momento, foron o apeadeiro do ferrocarril ao seu paso por Chapela”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Das dúas edificacións existentes no antigo apeadeiro, o grupo de participación xuvenil e adolescente Axentes do cambio encargouse de recuperar unha das paredes da máis pequena e o fixeron cun proxecto propio, Amor é amor no que baixo a dirección da artista plástica Paula Amoedo, deixan patente a necesidade de apostar pola igualdade e diversidade como elementos para acadar unha sociedade máis xusta.

O tema do traballo, xa rematado, foi proposto polos propios rapaces e rapazas nas reunións que manteñen dentro do Consello da Infancia e a Adolescencia de Redondela o que, para a alcaldesa Digna Rivas, “amosa o alto grao de implicación da mocidade “na loita pola igualdade e a diversidade ao mesmo tempo que amosan un rexeitamento rotundo a calquera tipo de manifestación ou actuación discriminatoria”.

Pola súa banda, Paula Amoedo, decorará as paredes restantes “cun traballo que nos sorprenderá e no que a artista plasma a súa sinal de identidade”, explica alcaldesa redondelá.

“Temos unha infancia e mocidade, comprometida e traballadora”, afirma Digna Rivas “que só esperaba que alguén lles dera unha oportunidade para demostralo”. De feito, dende a súa chegada ao Concello, o Goberno que preside Digna Rivas apostou por que o Consello da Infancia e a Adolescencia un órgano operativo e efectivo que servira como elemento de comunicación entre a mocidade e o Goberno local. “Pasou de ser un ‘elemento decorativo’ e anecdótico, a ser un elemento dinámico na vida de Redondela no que as mozas e mozos propoñen ideas, as trasladan ao Concello para a súa realización”.

A alcaldesa de Redondela lembrou que as súas propostas permitiron ao Concello mellorar no seu momento o proxecto do skatepark da Marisma, hoxe en funcionamento, e puxeron o foco de atención na importancia de recuperar o campito e construír un skatepark no treito final da Vía Verde, ámbolos dous en Chapela, proxecto nos que xa traballa o Goberno local.

Violeta de Santiago presenta a súa candidatura á alcaldía de Tomiño

0

O PSdeG-PSOE presentou á súa candidata á Alcaldía de Tomiño nun concorrido xantar celebrado esta fin de semana na localidade do Baixo Miño. Violeta de Santiago, que repetirá como aspirante á Alcaldía catro anos despois e con claras expectativas de crecemento, recibiu o apoio de moitos veciñoa e veciñas, representantes da sociedade tomiñesa e da militancia do Baixo Miño, ademais de cargos públicos como o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o secretario xeral provincial, David Regades. Tamén asistiron as deputadas Ángeles Marra, Olga Alonso e Leticia Gallego. A última hora, por unha indisposición, non puido acudir o secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso.

“En Tomiño vai haber un xiro enorme. A partir do próximo 28 de maio de 2023 vai haber outro xeito de gobernar”. As palabras de Rubén Muñoz, membro da Executiva local preludiaron a intervención dunha Violeta de Santiago que prometeu continuar traballando por Tomiño e a súa xente, como demostran as 20 mocións e as innumerables preguntas presentadas ao Pleno nestes tres anos e medio, “iniciativas todas elas en positivo e que foron desbotadas con arrogancia”. De Santiago garantiu que o próximo Goberno municipal de Tomiño será moito máis transparente, con máis calidade democrática e moita, moita máis capacidade de diálogo que o actual. “Que ninguén agarde de nós ameazas, como sucede agora”. “Defendemos un proxecto político baseado na igualdade e na transformación da vida das persoas, vivan onde vivan e voten a quen voten”, afirmou.

A candidata socialista amosouse orgullosa de ter estado sempre ao lado da xente e reivindicou a iniciativa, que o PSdeG-PSOE tivo en solitario, despois de non recibir apoio na Corporación municipal, para a creación da Plataforma da Sanidade Pública. Así anunciou que traballará para a creación dun punto limpo, dun Centro de Información á Muller, dun Centro Social para a terceira idade e un local de ensaio para a mocidade. Tamén se comprometeu a pelexar para que haxa máis investimento en saneamento e outras cuestións que seguen pendentes. Aproveitando a presencia de Carmela Silva agradeceulle a apertura da Biblioteca municipal, un tema do que as e os socialistas locais fixeron bandeira.

Abel Caballero destacou que “Tomiño é o noso partido, porque somos o partido da xente; igual que Vigo é o noso partido, ou Tui, ou A Guarda”. “Os proxectos políticos transmítense con corazón e, se fai falta, bailando break dance; pero tamén se defenden baixando o IVE do gas, topando a tarifa eléctrica ou conseguindo, como fixo Pedro Sánchez, miles de millóns de euros de Europa, que agora están chegando a tódolos concellos”.

Carmela Silva vaticinou un “excelente resultado de Violeta de Santiago nas próximas Municipais” “porque os concellos están nas mellores mans cando os gobernamos nós; por iso gobernamos a 600.000 das 900.000 persoas desta provincia”. “Non teño ningunha dúbida de que en Tomiño imos mellorar, pero tampouco a teño de que imos a por todas nas próximas Municipais. Pero non porque queiramos máis poder, senón porque non podemos permitir que se pare a transformación desta provincia. Non hai máis que subir a un coche e comprobar de quen son os carteis de obras e servizos que hai por todas partes. De quen? Da Deputación, por suposto”. En contraposición puxo a unha Xunta de Galicia “de caciques” que só inviste nos concellos do Partido Popular.

David Regades puxo moi en valor o labor de Violeta de Santiago e Mirta Misa, concelleiras socialistas en Tomiño durante este mandatomunicipal: “Non é nada doado facer oposición a un partido que di ser de esquerdas, pero que aquí, en Tomiño, non se comporta como un partido de esquerdas”. Lembrou que hai tres anos e medio o PSdeG-PSOE subiu un 65% en Tomiño e ese crecemento continuará en maio próximo. Un crecemento amparado na credibilidade dun traballo das dúas concelleiras socialistas e tódolos membros da Agrupación local que pasou por loitar pola sanidade e estar sempre ao lado da xente.

Concerto de clavecín de João Janeiro o venres 9 de setembro na Igrexa Parroquial da Guarda

0

“Un camiño ben temperado” é un ciclo de cinco concertos de artistas das dúas marxes do Miño que busca poñer en valor este pasado musical común, así como a súa proxección internacional, tomando como referencia o traballo da ESMAE da cidade do Porto como centro artístico na actualidade, no que conflúen o patrimonio e a historia galega e portuguesa.

Este ciclo é unha aposta da Orquestra Clásica de Vigo que procura xerar un espazo de troco e posta en común arredor da interpretación historicamente informada do repertorio ibérico e as súas ligazóns co exterior.

Na Guarda, João Janeiro ofrecerá un concerto de Clavecín o venres día 9 de setembro ás 20:00h na Igrexa Parroquial da Guarda.

A música de tecla na Península Ibérica do Renacemento ao Barroco tardío estivo marcada por dúas correntes de composición: a asimilación de influencias externas, e a estruturación dunha tradición intimamente ligada coas características diferenciadoras dos instrumentos de tecla aquí construídos e/ou utilizados. Neste aspecto, a franxa máis occidental da península, quizais por se situar no extremo de Europa, e padecer dunha especie de síndrome das periferias, foi a que máis apertura sempre amosou cara á diversidade de influencias ou se esixiu a si mesma precisamente iso, co fi n de asemellarse  máis aos centros europeos de desenvolvemento artístico.

Transmutações ibéricas procura reflectir algúns dos máis importantes procesos de asimilación, transformación e renovación da escrita para tecla na península ibérica desde

fi nais do século XV ata o primeiro cuarto do século XVIII.

Desde a incorporación vocal da escola franco-flamenga catrocentista á expresión lusitana da infl uencia italiana do Barroco do setecentos, pasando pola música de danza de raíz tradicional, o estilo improvisado, ata a tradución en  tecla dunha linguaxe eminentemente orquestral. O programa do recital constrúese así nun diálogo entre influencias e a súa transmutación ibérica, artellando orixes e idiosincrasias que acabaron constituíndose.

Coa diversidade que sempre caracterizou estes repertorios,  a música de tecla da Península Ibérica chegou a ser unha  das tradicións europeas máis singulares e fascinantes do Renacemento ao Barroco tardío.

PROGRAMA

— Portigaler (Buxheimer Orgelbuch), anómino (século XV)

— Tento sobre ‘Con que la lavaré’, de Antonio Carreira (c. 1589)

— Diferenzas sobre a Gallarda Milanesa, de Antonio de  Cabezón (1510-1566)

— Toccata Primo Tuono, de Tarquino Merula (1595-1665)

— Xácaras del 1.o Tono, de Juan Cabanilles (1644-1712)

— Toccata col Scherzo del Cucco, de Bernardo Pasquini (1637-1710)

— Recercata Ottava, de Diego Ortiz (1510-1570)

— Terceiro Tento do 1.o Tom, Manuel Rodrigues Coelho (c.1570-c.1635)

— Ballo di Mantova, de Gaetano Greco (1657-1728)

— Sonata en Sol menor K. 49, de Carlos Seixas (1704-1742)

Proxecto subvencionado no programa “O teu Xacobeo”.

Oia implanta unha rede de WiFi aberto no Arrabal e a súa contorna

0

O Concello de Oia vén de implantar unha rede WiFi municipal en varios puntos do barrio histórico do Arrabal e a súa contorna. O servizo está xa en funcionamento e permite acceder, de xeito sinxelo, seguro e gratuíto, a unha conexión a internet de banda ampla.

Esta acción enmárcase no programa europeo WiFi4EU, unha iniciativa dotada con 15.000 euros e financiada pola Unión Europea, que promove o acceso libre dos cidadáns á conectividade de banda ampla en espazos públicos coma parques, prazas, edificios oficiais, bibliotecas, centros de saúde ou museos de municipios de toda Europa.

O proxecto permitiu dotar de conectividade WiFi de banda ampla en diferentes localizacións da vía pública, concretamente na contorna do Mosteiro de Oia e distintas zonas do barrio do Arrabal. Despregáronse un total de 10 puntos de acceso WiFi de exterior que, a través da rede de nome “WiFi4EU”, ofrecen un acceso a internet de calidade aberto á veciñanza e tamén a visitantes.

Calquera persoa usuaria que se atope na área de cobertura da rede “WiFi4EU” poderá acceder de xeito seguro e gratuíto as 24 horas do día sen limitación de velocidade de navegación. No momento de conectarse por primeira vez á rede, a persoa será redirixida a unha páxina segura de inicio de sesión e, a partir de aí, poderá comezar a usar o servizo.

Con esta iniciativa o Concello de Oia súmase a unha ampla rede de concellos europeos que xa ofrecen este servizo, promovendo o uso de novas plataformas e servizos dixitais innovadores, facilitando a comunicación gratuíta tanto a residentes como visitantes.

Nigrán acolle o 10 e 11 de setembro o III Festival de Percusión Afrobrasileira “Apertuke”

0

Nigrán acolle o 10 e 11 de setembro o III Festival de Percusión Afrobrasileira “Apertuke”, organizado pola Asociación de Percusionistas e Tamborileir@s APERTA coa colaboración do Concello de Nigrán e da Deputación de Pontevedra e que xa se realizara na localidade no 2019.

Durante dous días Panxón encherase de concertos, batucadas, obradoiros de percusión, obradoiros infantís, pasarrúas, circo e animación de rúa. Tódalas actividades, agás o obradoiro de percusión, son de balde e terán lugar no complexo deportivo municipal “Dunas de Gaifar” en Panxón. No recinto haberá tamén barra, postos de comida e postos de artesanía. O obxectivo do Apertuke é ofrecer un evento próximo, igualitario, participativo, social, horizontal, aberto, educativo, respectuoso coas persoas e respectuoso co medio ambiente.

O sábado 10 pola mañá, Ana Morga coa colaboración de Myri López impartirá un obradoiro de percusión afrobrasileira (prezo: 20 €. Inscrición en www.apertuke.com) e Didier Díaz ofrecerá un obradoiro infantil de percusión con instrumentos reciclados.

Pola tarde será a quenda dos grupos de percusión coas actuacións das batucadas Bloquinho Aperta, Trópico de Grelos e Somdolilá, seguidas de Afroliada que ofrecerá un espectáculo que mestura tradición galega e ritmos africanos. Pajarito, presentará e animará a tarde cun espectáculo para peques e maiores, e Barafunda traerá espazo de xogos e animación infantil coa proposta de tres obradoiros.

Tras a cea, Rozadura abrirá as actuacións da noite e nos sorprenderá cun repertorio variado de estilos entre o Balkan, swing e folk con versións e temas propios. Shambaiala, será a batucada que nos fará bailar a continuación, e tras delas, será o turno de Tandub, grupo que nos trae dende Ourense un proxecto que fusiona a música tradicional Gnawa (Norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, o drum&bass ou a electrónica. Lakenobaila DJ será a encargada de pechar a xornada e faranos bailar ata quedar sen folgos.

A programación continuará o domingo 11 a partir das 13:00 h., cun gran pasarrúas que  percorrerá o paseo de Panxón con tódolos participantes no obradoiro do sábado. 

Toda a programación e información do festival está dispoñible na súa páxina web www.apertuke.com.

Prezo: Tódalas actividades, agás o obradoiro, son de balde.

Inscricións en marcha para a VI Carreira Popular de Mondariz

0

Este ano, o Concello de Mondariz volve contar coa Asociación Deportiva Mondariz para organizar a sexta edición da Carreira Popular de Mondariz, un evento que non se celebraba desde 2019 por mor da pandemia da Covid-19. O proceso de inscrición xa está en marcha no sitio web de CCNorte (https://ccnorte.com/evento/detalle/id/2403/vi-carreira-popular-de-mondariz) e permanecerá activo até o 22 de setembro. A participación ten un custe de 5 euros para os participantes maiores de 18 anos, e é gratuíta para os menores, aínda que a inscrición é requerida en todos os casos.

A Carreira Popular de Mondariz está programada para o 24 de setembro. Como noutras edicións, está concebida como unha proba de sete quilómetros para as categorías absolutas e presenta diferentes percorridos para as categorías de menores. A carreira de menores está dividida en sete categorías: chupetes (nados entre os anos 2019-2022), pitufos (nados entre os anos 2017-2018), prebenxamíns (nados entre os anos 2015-2016), benxamíns (nados entre os anos 2013-2014), alevíns (nados entre os anos 2011-2012), infantís (nados entre os anos 2009-2010) e cadetes (nados entre os anos 2007-2008). A carreira de adultos tamén está dividida en categorías: seniors (nados entre os anos 1987-2006), veteranos A (nados entre os anos 1977-1986) e veteranos B (nados antes de 1976).

V Marcha BTT “Montes de Mondariz”

Semanas despois da VI Carreira Popular de Mondariz, o 12 de outubro, está programada a V Marcha BTT “Montes de Mondariz”, outra tradicional actividade organizada pola Asociación Deportiva Mondariz coa colaboración do Concello de Mondariz. O proceso de inscrición para este percorrido en bicicleta de montaña para maiores de 18 anos tamén está en marcha no mesmo sitio web de CCNorte até o 10 de outubro. Trátase dunha ruta de 40 quilómetros, cun percorrido opcional de 50 quilómetros, de dificultade media/alta.

Citas para a renovación do DNI na Guarda para o mes de setembro

0

O vindeiro luns día 5 de setembro de 2022 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondente ao mes de setembro de 2022.

A apertura do prazo para a solicitude de novas citas en setembro ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o luns día 5 de abril de xeito preferentemente telefónico no 986 61 0000 de 9:00h a 14:00h ou presencialmente na Casa dos Alonsos.

A Unidade Móbil desprazarase á Guarda o 16 de setembro e a recollida de documentos terá lugar o 21 de setembro.

Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es. Para o mes de outubro as citas daranse o día 29 de setembro.

A Consellería de Sanidade acolle unha formación para a prevención do suicidio

O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu onte a segunda sesión do módulo presencial do denominado adestramento de “Gatekeepers”, que se inclúe no programa Vi-Da (Vixiantes de Axuda), dentro do Plan de Prevención do Suicidio de Galicia.

O programa, que coordina a dirección xeral de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade e a dirección xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, conta coa participación de técnicos da Fundación Lar pro saúde mental.

O obxectivo do programa Vi-Da é a prevención e detección da depresión e da coduta suicida en menores, especialmente aqueles que presentan factores de risco de problemas de saúde mental. Nos módulos de adestramento como o celebrado onte participan profesionais que traballan en centros xestionados pola Consellería de Política Social para a atención aos menores integrados no Sistema de Protección. Estes profesionais reciben formación sobre detección, avaliación do risco suicida, toma de decisións e derivación a intevención sanitaria.

Tomiño celebra as súas Festas do Alivio

0

Tomiño celebra as súas festas patronais da Virxe do Alivio cunha programación cultural pensada para todos os públicos, con diferentes propostas e actividades lúdicas dirixidas ao público familiar. Con acceso libre e de balde, dende o 5 ao 10 de setembro a Praza do Seixo será a escenario dunha nova edición das Festas do Alivio das que desfrutar con total normalidade, sen ter que facer inscrición nin reserva de praza previa.

‘O que levamos nas maletas’, de Magín Blanco abrirá o programa o luns 5 de setembro. Creador de moitas composición que forman parte de propostas musicais para o público infantil, Magín Blanco interpretará en directo unha selección dos temas que el mesmo compuxo acompañados dunha narración para os máis pequenos e pequenas. Un contacontos musicado que axudará a nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e a música para que poidan crear o seu propio universo creativo. Será ás 19.00 horas e o concerto está dirixido a público infantil a partir de 3 anos.

A programación continúa cun espectáculo de narración oral no que Inacio Vilariño aborda o tema do xénero dende a perspectiva das novas masculinidades. ‘Novos Lobos’ deconstrúe algúns contos da literatura popular para adaptalos a unha nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais que axuden a prever a violencia de xénero. A cita é o 6 de setembro, ás 19.00 horas no Seixo e o está dirixida a público infantil a partir de 5 anos.

O mércores 7 será a quenda de ‘Soñando inventei’, unha proposta onírica e valente coa que María Faltri, a través dunha mestura de poesía e música, falará de personaxes femininas que soñan con sentirse en paz e liberar os seus segredos, que non queren ser xulgadas polo seu aspecto ou identidade, que queren ser libres para ser elas mesmas e chegar a tocar a lúa. Este espectáculo transformador pola diversidade de xénero dará comezo ás 19.00 horas na Praza do Seixo e está pensado para público infantil a partir de 3 anos de idade.

O xoves 8 gozaremos dun concerto cargado de boas vibracións a cargo de A Viola, un dúo integrado polos tomiñeses Gerardo Rebagliati e Darío Penedo. Unha actuación que atrapará ao público de todas as idades e que comezará ás 20.00 horas.

A programación culminará o sábado 10 cunha nova edición do Acto Cívico do Alivio na Praza do Seixo. O acto, que arrancará ás 21.00 horas e contará coa participación da Banda de Música da Agrupación Musical de Goián, homenaxeará, como é costume, a unha persoa tomiñesa distinguida.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida á veciñanza a gozar dunhas festas que regresan a súa normalidade pre-pandemia, nas que se agarda unha grande afluencia de público e que “apostan por unha programación innovadora e inclusiva, pensada para o desfrute e a confraternización das familias”.

A Policía Local de Redondela colabora na extinción dun incencio forestal en Negros

0

Axentes da Policía Local do Concello de Redondela e da Policia Nacional colaboraron na extinción dun incencio forestal que se declarou preto das 22:30 horas do pasado día 31 na parroquia de San Esteban de Negros.

A rápida intervención dos equipos de extincións de incendios apoiado polos axentes da Policía Local e Nacional, permitía controla o lume con rapidez antes que puidera ocasionar danos maiores. Ao lugar dos feitos, amais das brigadas forestais, tamén acudiron axentes medioambienteais, emerxencias de Mos e policía autonómica.

Posteriormente, pasadas as dúas da mañanciña, nun dispositivo conxunto da Policía Local e Policía Nacional de control de vehículos e persoasos axentes locais propuxeron para sanción a un condutor que circulaba cunha taxa de alcoholemia positiva que, unha vez realizadas las correspondentes probas, daría uns valores de 0,49 mg/l de aire expirado.

O Castelo de Sobroso acollerá unha nova actuación de “Música no ar”

O Castelo de Sobroso acollerá o xoves 8 de setembro, ás 19.00h, unha nova sesión do programa “Música no Ar” que a Deputación ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. Aínda que a entrada é libre ata completar aforo, as persoas interesadas en acudir a esta cita deben inscribirse previamente no enderezo electrónico [email protected].

O encargado de conducir a velada será o Cuarteto de corda da VO430 composto por Mario Peris (violín l), Irene Cebada (violín ll), Javier Escobar (viola) e Isabel Figueroa (violonchelo) xunto con Raúl Reyes ao clarinete. Xuntos forman a sección de música de cámara da Orquesta de Vigo 430, a súa ampla formación orquestral outorgoulles a denominación Ensemble Vigo 430. Isto permítelles que creen variedade de agrupacións abordando repertorios e instrumentos de todo tipo. Nesta ocasión, Ensemble Vigo 430 adoptará a formación de cuarteto de corda para ofrecer a Op. 20 en Fa menor de Haydn e a de Quinteto con clarinete k.581 en La maior de Mozart.

“Música no Ar”, enmarcado no amplo programa da Deputación de Pontevedra, “Con-Fiando Cultura” ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade .

“Auga e Vida” nomeada a mellor obra artística do GDR Condado Paradanta

A fotografía “Auga e Vida” de Diego Alonso foi nomeada polo público como a “mellor obra artística do GDR Condado Paradanta”, na terceira edición do certame artístico que organiza a entidade supramunicipal.

Segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo, a peza gañadora, na que se ve en detalle como caen gotas dunha man feminina que acaba de mollarse no río, “transmite moito do espírito do territorio, como é o gozar con tranquilidade e calma da natureza da zona”.

O III Concurso Artístico do Condado Paradanta – visións do territorio, que ten como obxectivo por en valor o patrimonio natural, cultural e social da área de actuación do GDR, contou con catro categorías de participación: fotografía, vídeo, pintura e deseño. Cada una delas conta cun premio do xurado e outro do público, sendo este último, o responsable de designar a gran gañadora do certame, a través do número de interaccións na rede social de Facebook.

Gañadores por categoría

“Auga e Vida” tamén foi a preferida polo público na categoría de fotografía, aínda que “La nueva libertad”, de Marcos David del Río, foi a elixida polo xurado.

Tamén foron dous os vídeos premiados, “Coñece o noso Condado” de Lorena Carrera, obtivo o voto do xurado, e “Recunchos do Condado Paradanta” de Rosa María Tielas foi o máis votado pola audiencia.

Na categoría de deseño houbo unanimidade e “O paseo das pantasmas” de Matías Bas, foi a preferida tanto do xurado como do público.

En pintura, Beatriz González recibiu o premio do xurado pola obra “La Moreira” e o do público por “Dedicación”.

Premios

O primeiro premio de cada categoría contará cun pack experiencia que consiste nunha actividade a escoller entre turismo activo, visita guiada ou cata comentada máis unha cea para dúas persoas en algún establecemento SICTED do Condado Paradanta. Ademais, os gañadores do público, levarán un lote de produtos locais.

A Escola Municipal de Música de Baiona abre o prazo de inscrición

0

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona informa de que o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música está aberto ata o 23 de setembro. A matrícula para o vindeiro curso 2022/2023 poderá facerse en horario de 09:00 a 14:00 horas.

A matriculación levará a cabo no propio centro situado na rúa Alferez Barreiro nº20-21, onde as persoas interesadas terán acceso aos impresos correspondentes.

Os nenos de 4 a 6 anos poderán matricularse na materia de música e movemento. Esta disciplina é a ideal para os máis pequenos xa que aprenden de forma dinámica e lúdica os coñecementos que os preparan para as clases musicais adultas. Traballan a psicomotricidade, realizan coreografías…

A partir dos 6 anos, son moitos os instrumentos que poderán escoller, entre os que se atopan: Frauta travesera, gaita, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, percusión, piano, guitarra, violín, viola, canto … ademais este próximo curso a Escola ofrece Batucada, Banda e Coro…

Para máis información poden poñerse en contacto a través do teléfono 986356081.

A obra de teatro “Crónicas do Paraíso” presentase na Guarda o venres 9 de setembro

0

O vindeiro venres día 9 de setembro a compañía Sarabela Teatro presenta “Crónicas do Paraíso” ás 21:00h no Auditorio de San Benito.

Nesta obra de teatro, Madame de Nancy, Clarina e Xan Dorne viaxan cara ao funeral de Madame de Quelven acompañados polo clérigo Sochantre. Durante a noite que pasan xuntos confúndese a morte coa vida e o drama coa comedia.

O funeral de Madame de Quelven contextualiza un universo viaxeiro poboado por bandidos, armas, sexo, diñeiro e sangue. Ao ritmo do blues o crime compensa, porque o diñeiro compra todo, incluso a propia morte. Nas “Crónicas do Paraíso” ninguén morre, quizais porque estean todos mortos ou porque o verdadeiro bandido, o poderoso, o socialmente envexado, ese, siga eternamente vivo.

Na cerimonia fúnebre interprétase a música prometida en testamento polo Sochantre de Crozon a Madame de Quelven a cambio da propiedade do pomar do alto.  O Sochantre, home relixioso e defensor dos valores da alma, está determinado a cobrar o que lle é debido e pouco a pouco vaise  revelando máis achegado aos segredos da carne que ás virtudes do espírito. A actitude obstinada do clérigo acaba por envolver aos cinco personaxes nun enmarañado conflito de valores, culpas e desexos que os leva a revelar os seus máis profundos segredos e pecados.

Descubrimos que todos son culpables criminosos protexidos, integrados e admirados por unha realidade social que exalta a beatitude do poder económico.

A forza do capital, da igrexa e do negocio escuro colocan aos personaxes nunha situación irónica entre vida e morte na que a eternidade acaba por afirmarse como a máis pura recompensa da impunidade xudicial.

Unha nova oportunidade para gozar do bo teatro na Guarda, cunha obra que sen dúbida vai gustar moito aos asistentes.

Ponteareas acomete novos traballos para mellorar a mobilidade e seguridade das persoas

O Concello de Ponteareas continúa executando novas actuacións dirixidas a mellorar a mobilidade das persoas e a súa seguridade nos espazos públicos, reequilibrando a distribución do espazo entre vehículos e peóns.

Entre as accións que se están a realizar inclúense novos pasos de peóns en diferentes rúas como o Paseo Matutino, Baratillo, Cortiña Vella ou Delio Rodríguez, así como cebreados de protección de cinco metros de visibilidade nos poucos pasos de peóns que aínda carecían deles. Na actualidade, todos os pasos de peóns da vila están libres de atrancos visuais nos cinco metros anteriores aos pasos grazas aos cebreados pintados nestes tres anos.

Outra acción de relevancia é a ampliación sobre parte da calzada de dúas beirarrúas especialmente estreitas, a dun tramo da rúa Paseo Matutino e a dunha marxe da rúa Emilio Rodríguez, beirarrúas moi transitadas, que apenas sobrepasaban o metro de anchura e polas que dificilmente podían camiñar dúas persoas á par e que agora se incrementan en máis do dobre.

No caso do Paseo Matutino, a ampliación da beirarrúa implicou eliminar o ancho excesivo e innecesario da calzada que incentivaba a circulación de vehículos a elevadas velocidades. Este estreitamento de carril de circulación únese a outros realizados nos últimos tres anos en lugares como a rúa Carballos, Castañal, Amado Garra, Fernández Vega ou na Costa do Centro de Saúde e que supuxeron unha redución drástica da velocidade media dos vehículos a motor. No caso de Emilio Rodríguez ademais da necesaria senda peonil nunha marxe, habilitouse a outra marxe para carga e descarga. Con esta medida preténdese tamén eliminar o tráfico de axitación que circula por Vidales Tomé e Emilio Rodríguez na procura de aparcamento e incentivar que os vehículos estacionen directamente na zona azul da contorna ou en aparcadoiros como o de Granitos de Galicia, onde habitualmente hai prazas libres.

Creouse ademais unha senda peonil por unha marxe da rúa do Baratillo que une de xeito seguro a zona da fonte do Baratillo coa Biblioteca Municipal e reordena a calzada desta rúa.

Ademais habilitouse un pequeno carril bici que une a intersección da rúa Amado Garra e Azorín co Colexio Nosa Señora dos Remedios, para facilitar o acceso en bicicleta dos escolares dentro dunha acción de promoción deste transporte proposta por este centro educativo que se pretende desenvolver no vindeiro curso escolar.

O CRC do Porriño acolle a exposición “Punto de encuentro”

O Círculo Recreativo Cultural acolleu onte a inauguración da mostra que recolle os traballos dos artistas da asociación O Porriño Arte.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acudiu onte ao acto inaugural da exposición “Punto de encuentro”, composta por 44 obras que acreditan o talento e boa técnica dos artistas que compoñen a asociación dirixida por Nuria Vilanova.

Andrea Cardoso, Rosa Pereira, Raquel Souto, Ana Carrera, Adela Crespo, Antía Lorenzo, Chola Amoedo, Pepa Carrera, Susana Carballas, Martina Caride, Breixo Paz, Mara Vicente e Candela Eiras expoñen o resultado do traballo de todo o curso.

“O Porriño é moito máis que o Concello do Deporte, tamén é o Concello da Cultura e proba diso son colectivos como O Porriño Arte que plasman sobre o lenzo a creatividade, o talento e a técnica artística da veciñanza do Porriño”, explicou o alcalde, “Por iso convídovos a todos a descubrir os seus traballos neste punto de encontro coa arte, que estou seguro non vos deixará indiferentes”.

A mostra permanecerá aberta ao público no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño durante todo o mes de setembro, en horario de tarde.

O paseo da corredoira acollerá unha alfombra de flores adicada ao Camiño Portugués

0

Invitados pola Concellería de Cultura que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente, a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas confeccionará unha alfombra floral no paseo da corredoira, diante da igrexa de San Francisco, e irá adicada ao Camiño Portugués que pasa pola cidade de Tui.

Esta alfombra está enmarcada do marco de “O teu Xacobeo”, que é un programa de axudas específicas para a dinamización sociocultural do Camiño de Santiago e a promoción do Xacobeo 2021-2022, promovido pola Xunta de Galicia. A alfombra se engloba amais no proxecto denominado “Alfombras para o Camiño”, co que se porá en valor os diversos camiños que conflúen en Santiago de Compostela, a través de alfombras de flores que cada ano se realizan en centenares de vilas e pobos de Galicia e España, con motivo das festas do Corpus Christi.

A alfombra ten dous símbolos como son a vieira e a cruz, e é unha alegoría adicada aos peregrinos dos cinco continentes que percorren os camiños hacia Santiago de Compostela.

No proxecto de Alfombras para o Camiño elixiuse a cidade de Tui como representante do Camiño Portugués. A maioría de peregrinos circulan por unha arteria principal que pasa por núcleos importantes como Santarem, Coímbra, Porto e Valença, para cruzar a fronteira e adentrarse en Galicia pola cidade tudense: a ponte internacional sobre o Río Miño, que une ambos países.

Tui é a porta de entrada do Camiño portugués a Galicia, e como tal situouse entre os principais puntos de partida de peregrinos hacia Compostela. Precisamente a distancia desde Tui a Santiago, algo más de 100 quilómetros, é a mínima para acadar a Compostela.

Amais, elaborarase outra alfombra diante da oficina de Turismo adicada á Rede de Xuderías de España, enmarcada nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía.

Arbo homenaxea ao Arbo CF e a José Juan Domínguez na Gala da Lamprea

0

Durante o acto, o Concello de Arbo fixo entrega dos premios dos concursos da LX Festa da Lamprea e do Certame “Brais Alonso”, e aos alumnos do CEIP Antonio Carpinteiro gañadores do Concurso de redacción e debuxo da LX Festa da Lamprea, gañadores do concurso de fotografía, un recoñecemento a Asociación mulleres Rurais Arbenses polos seus 20 anos.

Na categoria do deporte fixose entrega de galardóns pola súa importante labor a favor do deporte a  Alfonso Cabeiras Fernández, Pedro Rodríguez Cerdeira, Iria Groba, María de Sa, Carmen de Sa e Candela Gil, ao equipo de Alevín e Biberóns do Arbo, C.F e aos Veteranos Esmorga-Arborock.

En nome do Concello e da Vila de Arbo, o alcalde Horacio Gil, outorgaba o galardón de Arbense Distinguido, que este ano, por primera vez; considerouse merecían pola súa traxectoria e repercusión a prol do desenvolvemento e promoción de Arbo, converterse en símbolo e orgullo de todos os arbenses, dous referentes desta Vila, en vez de un so, como viña sendo habitual.

Polo que este ano 2022   este recoñecemento se entregaba ao Arbo Club de Fútbol, que este ano cumpriu 50 anos de historia e a D. José Juan Domínguez, gran embaixador da nosa vila ao longo da súa dilatada carreira aeronáutica durante a que sempre tivo a gala presumir das súas fondas raíces nesta

D. JOSÉ JUAN DOMÍNGUEZ de orixe moi humilde, e orfo de pai a moi curta idade, a pesar das dificultades, conseguiu estudar a base de moito esforzo e bolsas, ata ingresar como oficial na Academia Xeral do Aire en San Javier, Murcia, en 1958 o que lle deu a oportunidade de voar por todo o mundo, trasladando nesas viaxes moitas autoridades españolas nas que sempre que tiña a oportunidade, identificábase como español, galego e natural de Arbo, lembrándolles a importancia da pequena localidade pontevedresa por ser a “Vila dá lamprea”, berce do bo viño de albariño e condado, e exemplo de magnífica contorna natural para visitar. Durante o tempo que estivo no Exército, preto de 21 anos, tamén tivo a ocasión de deixar constancia da existencia de Arbo e importancia desta localidade, deixando reflectido para sempre nas cartas aeronáuticas mundiais o nome dita poboación pontevedresa, ao ser JJ Dominguez o que implementou en dita cartografa o punto de notificación obrigatoria para aeronaves “ NARBO”, xa que se debía establecerse un punto de paso nas inmediacións de ARBO. A razón de NARBO en lugar de ARBO, é simplemente polo feito que se tivo que engadir unha “ N”, ao necesitar por regulamentación aeronautica que este tipo de puntos teñan cinco letras. Hoxe en día todas as aeronaves que transitan desde España a Portugal teñen que sobrevoar ARBO e notificar na vertical o seu paso.

Arbo Club de Futbol, que comezou a súa andadura grazas a un grupo de veciños entusiastas que convertía o equipo do Arbo nun “Club” oficial no ano 1972, levando a cabo un feito de relevancia social longamente agardado. Por fin, cumpríase o soño daquela vella tradición futbolística arabense, que unha e outra vez repetía a frase de “Hai que federarse!”.nConfigúrase a primeira Directiva e un cadro de vinte xogadores: Chico, Manolo, Lito, Alfonso, Anxelín, Fontiñas, Miguel, Tistas, Borín, Peseta, Cancelas, Genaro, Jose, Emilio, Ino, Dalmiro, Julio, Laureano,… e unha extensa lista que se vai engadindo en etapas seguintes. As ordes do primeiro adestrador, Sr. Vidal, os novos ídolos da afección arabense van perdendo a súa inocencia ligueira no memorable “Bouza de Miguel” ou “Pedramol”, aínda con algúns croios e ao descuberto nesta temporada inicial, pero sí con vestiarios e auga corrente.  

O Arbo CF transitou pola 2ª e 3ª Rexional e 1ª, 2ª e 3ª Autonómica, rexistrando ascensos á 1ª Autonómica nas temporadas 2005-2006, 2008-2009 e 2010-2011. Na temporada 2016-2017.

Ao longo destes 50 anos (1972-2022) baixo a dirección de dezasete presidentes/as: Juan Cañas, Ricardo Gómez, Germán Pérez, Luís González, Ángel López, Tomás Puga, José Méndez, Gumersindo Ferro, Emilio González, Benito Martínez, Guillermo García, Jesús Expósito, Horacio Gil, Marta Gregorio, María Dolores Pérez, Mercedes Martínez e Iria Taboada e o labor arduo de moitos directivos/as hai que salientar fundamentalmente  o mérito de manter, consolidar e engrandecer esta institución ata os días de hoxe sen parénteses, unha andaina na que se rexistraron momentos felices, pero tamén ocasións nas que non faltaron fortes quebradizos de cabeza. Á hora de afrontar o esforzo económico que leva esta actividade, ademais do compromiso dos socios, cómpre recoñecer o patrocinio por parte de entidades privadas entre elas  as adegas Vizhoja, As Laxas e Desguaces Gil y Gil,  pero sobre todo o amparo do concello e as súas alcaldías: Jorge Freijanes (1970-1978), Hermenegildo Rivero (1979-1991), Manuel Rivera (1992-2011), Xavier Simón (2011-2014) e Horacio Gil (2014-2022).

Redondela pon en marcha un proxecto pioneiro para recuperar, conservar e poñer en valor o patrimonio oral das persoas maiores do municipio

0

O centro de día de Cesantes foi, este verán, punto de partida dun proxecto promovido polo Servizo de Normalización Lingüística dependente da Concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas que, baixo o nome de «A memoria da estirpe», busca recuperar, conservar e poñer en valor o patimonio oral do municipio. Trátase dun ambicioso plan de traballo co que se pretenden custodiar unha parte importante da historia de Redondela. Esta iniciativa diríxese aos centros de día para que as persoas usuarias participen cedendo como legado a súa vida e experiencias.

“Detrás de cada persoa maior, hai unha vida única chea de experiencias e vivencias que se perde coa súa desaparición. Nós debemos perpetuar a súa memoria e esa experiencia vital porque son parte esencial da nosa historia”, afirma a alcaldesa Digna Rivas na visita que realizou ao centro de día de Cesantes acompañada por Rocío Marín, directora de Mekané Didáctica, empresa que executa o proxecto, e Tamara Laíño, traballadora social do Concello de Redondela.

«A memoria da estirpe» divídese en cinco grandes áreas de traballo: antropoloxía, toponimia, memoria fotográfica, léxico e música. A través de entrevistas individualizadas coas persoas maiores e contando previamente cos permisos tanto da persoa en si como das súas familias, así como coa colaboración do propio centro, vaise recollendo unha información de enorme interese. Porque a Galicia de hai medio século cambiou radicalmente á que hoxe coñecemos. Por iso, “dende o SNL de Redondela, rexistrouse esta iniciativa pioneira co propósito de non perder todo este acervo cultural”, matiza a rexedora redondelá.

O proxecto comezou a executarse ao longo do verán no centro de día de Cesantes e continuará este vindeiro ano noutros centros de día de Redondela para, dese xeito, seguir ampliando este tesouro patrimonial. A alcaldesa Digna Rivas tamén adiantou a intención do Concello de presentar este proxecto á Xunta de Galicia “co propósito de exportar esta idea a todos os centros de día públicos de Galicia”. “Cada persoa maior ten unha vida repleta de vivencias únicas, a gran parte delas moi duras e cheas de grandes esforzos e sacrificios e que deben ser un exemplo para todas e todos nós”.

No proxecto, apuntan dende o SNL, colabórase con proxectos lingüísticos da Universidade de Santiago de Compostela e da Real Academia Galega subliñando a importancia “do léxico dialectal e da microtoponimia”. As persoas entrevistadas son de varios perfís pero ligados a Redondela e ao mar: mariscadoras, carpinteiros de ribeira, traballadoras de fábrica, etc.

Ponteareas prepara a volta ao colexio con xogos populares

Banastra, a federación do comercio, hostalaría e servizos de Ponteareas organiza este venres 2 de setembro xunto co Concello unha xornada de lecer de balde coa que prepararse para a volta ao cole a golpe de entretemento e diversión. Coa Praza Maior como escenario, o público poderá participar en diferentes xogos populares dende as 17.00 ás 20.00 horas.

Dende a Concellaría de Promoción económica quérese agradecer a Banastra non só o seu traballo para organizar unha nova xornada de encontro e lecer para os e as ponteareás, senón tamén “por non deixar de realizar actividades que buscan dinamizar a economía da nosa vila ao longo de todo o ano”.

O Concello anima a todos os veciños e veciñas a participar nesta iniciativa e a seguir comprando local, apostando polo comercio de Ponteareas, onde atopar “todo tipo de produtos aos prezos máis competitivos, igual de axeitados para épocas de maiores gastos como pode ser a volta ao cole”.

A oficina de turismo da Guarda camiña cara un modelo dixitalizado

0

A oficina de turismo da Guarda beneficiarase da aposta que a Deputación de Pontevedra fai por implantar un modelo de oferta turística integral e dixitalizado na rede Info Rías Baixas, á que está adherida. Anunciárono a deputada encargada da área de Turismo, Ana Laura Iglesias, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quen se desprazaron ata o lugar para concretar as medidas que se tomarán neste punto de información. Con elas, a oficina da Guarda renovará o modelo de atención ás persoas visitantes ao incorporar elementos dixitais e impulsar así o sector turístico na provincia.

Máis polo miúdo, a oficina da Guarda mergullarase no mundo dixital ao abeiro do programa Tourist Inside, que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado. E farao coa instalación dunha pantalla de 55 polgadas que ofrecerá información ás e aos visitantes a través da interconexión coa rede Info Rías Baixas. Ademais, o interior desta oficina albergará unha tableta na que se poderán realizar enquisas de satisfacción. A dixitalización da oferta turística propagarase tamén polo municipio da Guarda coa colocación de 19 “beacons”, unhas balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

Máis de 5.000 visitantes

A Guarda acadou no que vai de ano a cifra de 5.018 visitantes, chegados na súa maior parte (64 %) de diversos puntos do Estado entre os que destacan as e os turistas de Madrid (26 %), Araba ou Badaxoz. No que atinxe ao turismo estranxeiro (36 %) detectouse unha maior presenza de visitantes de Alemaña, Estados Unidos ou Portugal.

A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas adheridas e espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.  

Mos e O Porriño amosan o seu desacordo coa postura de Vigo ante o risco de seca en Eiras

Os Concellos de Mos e O Porriño participaron na reunión convocada por Vigo con motivo do risco de seca na área abastecida por Eiras.

Ante as declaracións verquidas polo alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, tras a celebración da mesma, os rexedores mosense e porriñés, Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo, fixeron público o seu “total desacordo coa postura deste señor que, unha vez máis, só busca o circo mediático e a confrontación política”.

Arévalo e Lorenzo aseguran que “as administracións locais ás que representamos, asistiron con actitude contructiva e por respecto e coherencia,  co fin, e así o indicaba a convocatoria, de coordinar as actuacións precisas para afrontar unha posible situación de seca. Non para facer demagoxia nin intentar obter rédito político dunha situación que afecta á nosa veciñanza, pero semella que o obxecto da xuntanza non foi outro que ese”.

“Nós non estamos en rebelión contra ninguén, e moito menos contra a Xunta de Galicia”, apuntaron os rexedores, “Fixemos o noso traballo. Na nosa ETAP levouse a cabo unha auditoria para detectar e solventar as fugas, activamos o Plan de emerxencia contra a seca do que dispoñemos e aplicamos medidas de reducción de consumo dende hai dous meses. O problema ao que se enfrenta Vigo non se dá nos nosos concellos. Fixemos os deberes e non imos consentir que quen non os fixo pretenda facernos cómplices do seu circo”.

Os alcaldes concluíron destacando que se a pretensión era buscar solucións, deberían ter participado na reunión todos os concellos que se abastecen de Eiras, tamén o de Soutomaior que non foi convocado, e a Xunta de Galicia.

A Praza da Mina róuballe protagonismo ao Seixo na programación de verán en Tomiño

0

A Praza da Mina, en pleno núcleo urbano do Seixo, transformouse dende a súa reforma integral nun dos principais eixos da actividade cotiá na vila. Por primeira vez, este céntrico espazo converteuse no escenario de parte da programación de verán de Tomiño, especialmente daquela dirixida a público infantil e familiar.

Un emprazamento único no que os tomiñeses puideron desfrutar da ‘Máquina do tempo’ de Teatro Ghazafelhos , do ‘Consertasso na horta’ de Brais Gutiérrez, ‘A corda’ de Avela Circo e de ‘A voar’, de Cé Orquestra Pantasma, catro espectáculos que tiveron unha grande acollida por parte do  público.

As obras de mellora remataron no mes de xuño e supuxeron unha renovación total do anterior parque, convertendo toda a superficie nun elemento de xogo en si mesmo, accesible e inclusivo, que está a devolverlle á Praza da Mina a súa condición de espazo de reunión, convivencia e lecer no que os pequenos son os protagonistas.

A alcaldesa, Sandra González, asegura que “a actuación, que pretendía crear un espazo máis seguro para que nenos e nenas puideran xogar sen perigo, conseguiu devolverlle a súa esencia a un dos puntos máis concorridos do núcleo do Seixo, que ademais está situado nas proximidades dun xardín de infancia e dunha escola infantil, polo que é perfecto para que as cativos e cativas coincidan e compartan o seu tempo de lecer”. A rexedora tomiñesa informa tamén de que tralo éxito da programación de verán, a Praza da Mina repetirá como escenario de novos eventos e espectáculos infantís.

Os nenos de maior idade, terán tamén o seu propio espazo. Os traballos de rehabilitación do Campo da Feira están a piques de comezar e dotarán ao parque dunha pista de skate máis ampla que a actual e novos elementos de xogo.

Tui acolle o Campionato de España de Radiocontrol Térmico

0

Esta fin de semana celébrase en augas do río Miño en Tui, a carón da rúa Olímpicos tudenses, o Campionato de España de Radiocontrol Térmico organizado pola Real Federación Galega de Motonáutica, en colaboración co Concello de Tui, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Real Federación Española de Motonáutica e a Comandancia Naval do Miño.

Na presentación deste evento participaron este mediodía o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o xefe do servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, e o piloto galego Emilio Cadaveira.

No mesmo van participar 21 pilotos de Galicia, Valencia, Cantabria, Madrid, Castellón, Santander e Murcia en tres categorías 7,5 cc, 15 cc e 35 cc. O circuíto terá forma de M nunha caixa de 100 por 50 metros.

Este mediodía o alcalde, Enrique Cabaleiro, salientaba na presentación que “para nós é un inmenso orgullo ser sede deste campionato. Ningún lugar mellor ca este para unha proba coma esta, porque aínda que a proba oficialmente  se celebra no ámbito do Concello de Tui materialmente se realiza no Miño, e cando vimos a Tui vimos a un territorio que temos a inmensa fortuna e o inmenso privilexio de compartir cos nosos irmáns de Valença”. Nese senso engadía que “ese carácter transfronteirizo lle da a todos os eventos, e coma non a unha proba tan importante coma esta un valor engadido”. Concluía que as persoas que veñen a disfrutar desta proba tamén teñen a oportunidade de disfrutar dun medio natural privilexiado e dun medio patrimonial único en Galicia e no país.

Pola súa banda o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, salientou coma esta é a terceira proba nacional de motonáutica que se celebra en Tui, amosando a vontade do Concello de Tui por seguir apostando por este tipo de eventos. Aproveitou para animar ao público a achegarse ao río a presenciar estas probas tanto o sábado coma o domingo.

Pola súa parte o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, agradeceu a “hospitalidade dun concello coma Tui”, un lugar no dicía “os deportes náuticos teñen gran valor”.  Salientaba que un evento  coma este “nos pon no mapa, e moita xente con ese pretexto se achega a Galicia, se acerca a Tui e descubre que hai unha gran hospitalidade, unha gran organización”. Con este campionato “temos a excusa perfecta para vir a Tui, facer turismo e mover a economía” dicía.

O presidente da Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, amosou o agradecemento a todos os que fan posible a realización deste campionato, en especial ao Concello de Tui sen cuxo apoio non sería posible a celebración do Campionato. Remataba a súa intervención salientando que “todos traballamos e colaboramos por unha palabra: deporte”

Un dos pilotos galegos que participará neste campionato é Emilio Cadaveira, un referente no mundo da motonáutica, quen reiteraba o agradecemento ao Concello de Tui polas facilidades e a acollida para facer a proba. Salientaba que “trataremos de dar o mellor espectáculo deportivo que se poida”.

O Campionato de España de Radiocontrol Térmico comezará o sábado cos adestramentos libres a partir das 10.30 h. A primeira manga disputarase ás 12.45 h, e a segunda ás 17.45 h. O domingo os adestramentos comezará as 9 h, e a terceira manga será ás 10.45 h. A entrega de trofeo está prevista ás 12.30 h.

O Concello de Nigrán ofrece cursos para mulleres desempregadas

0

O Concello de Nigrán a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) desenvolverá o Programa FORMA-T destinado prioritariamente a mulleres empadroadas en situación de desemprego.

O programa inclúe as seguintes acción formativas:

  • Xestión de almacén e manexo de carretilla elevadora con 138:00 horas de duración. Inclúe prácticas non laborais en empresas do sector. Data de inicio: 19/09/22
  • Mobilización e cambios posturais de persoas dependentes con 20:00 horas de duración. Data de inicio: 26/09/22
  • Necesidades educativas especiais a través do ocio con 25:00 horas de duración. Data de inicio: 03/10/22
  • Administración electrónica con 15:00 horas de duración. Data de inicio: 04/10/22
  • Iniciación á informática con 20:00 horas de duración. Data de inicio: 17/10/22

Destinado a mulleres empadronadas no Concello de Nigrán, terán preferencia as mulleres en situación de desemprego.

O prazo de inscrición comezará o vindeiro día 1 de setembro e rematará 10 días antes do inicio de cada un dos cursos.

Lugar de inscrición: as mulleres interesadas deberán presentar o formulario de inscrición no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica, acompañada da documentación pertinente.

Para mais información poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres no teléfono 986383081 ou no correo electrónico: [email protected].

Baiona clausura o campamento urbano gratuíto ofertado polo Concello

0

A praza do Concello de Baiona acolleu esta mañá o acto de clausura da segunda quincena do campamento urbano ou0fertado de forma gratuíta a través da concellería de cultura.

A actividade e está destinada a menores de 5 a 12 anos.

A Concellería organiza esta actividade para ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre as persoas máis pequenas.

Para a celebración das actividades establecéronse dúas quendas no mes de agosto: do 1 ao 12 de agosto e do 16 ao 31 de agosto. Os horarios son de luns a venres de 10.30 a 13.30 horas e hai 30 prazas por quenda.

Durante o campamento desenvolveuse un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Houbo distintas clases de xogos: de presentación, de cooperación, de integración… visitas a distintos monumentos, museos, prazas e praias da vila. Entre as actividades programáronse visitas á Carabela Pinta, á Casa da Navegación, á Virxe da Roca, ao  Parador de Turismo Conde de Gondomar, á Estatua de Martín Alonso Pinzón, ao monumento “Atopo entre dous mundos”, ao porto… Tamén  se realizou  un tramo do Camiño Portugués pola Costa, unha recollida de residuos na praia e unha festa temática para este fin de quenda.

A concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, fixo entrega dun diploma a cada un dos nenos e nenas participantes na actividade que intercambiaron coa concelleira as súas impresións acerca de loas actividades na que participaron estes días de campamento urbano.

O programa ‘Puntadas con fío’, clave na loita pola Igualdade en Ponteareas

O Concello de Ponteareas continúa traballando man a man coa veciñanza para eliminar as desigualdades entre homes e mulleres, previr e erradicar a violencia de xénero e establecer condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Neste camiño, a Concellaría de Igualdade, dirixida por Verónica Carrera, vén de sacar a licitación o servizo de programación en materia de igualdade da vila co que seguir poñendo a disposición da veciñanza “as ferramentas necesarias para conseguir unha sociedade máis igualitaria”.

Dentro desta programación, o Concello desenvolverá o ‘Puntadas con fío’, un programa específico co que traballar dende o ámbito educativo pero tamén involucrando pouco a pouco a todas e todos os ponteareáns a través de actividades promovidas conxuntamente dende os centros e as asociacións de nais e pais. “Queremos crear un espazo estábel e permanente onde reflexionar e traballar xuntas e xuntos a través de diferentes bloques de actividades que nos permitan educar en valores e loitar contra a discriminación”, explica a concelleira.

Un dos obxectivos será traballar cos centros educativos e ANPAs para establecer protocolos de actuación e para ir incorporando de forma paulatina as súas propostas e actividades de prevención e sensibilización entre a poboación xeral. Ademais levaranse a cabo accións coa mocidade, formación entre o profesorado e familias na detección de abusos sexuais, traballarase na localización de puntos violetas, na creación dun espazo feminista na Biblioteca municipal ou en accións dirixidas ás idade máis temperás, entre outras.

As persoas ou empresas interesadas en presentarse á licitación terán ata o vindeiro 5 de setembro para facer a súa proposta. Esta iniciativa está financiada con fondos propios do Concello e a través da liña de subvencións da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de actuacións a nivel municipal coas que facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres ou previr a violencia de xénero.

As obras do Centro Social da Devesa grazas á Deputación completan a transformación de Salceda

A “porta de entrada” a Salceda, a través do antigo Campo da Feira, completa a súa transformación da man da Deputación de Pontevedra. As obras do Centro Social da Devesa, cun orzamento total de 673.674 euros que a institución provincial financia na súa integridade (80 % con cargo ao plan extraordinario ReacPon e o 20 % restante a través das achegas do Plan Concellos), foron visitadas polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa Verónica Tourón. Os traballos, con xa preto da metade executados, rematarán a principios do ano próximo.

A actuación serve tamén para pechar toda a peza urbanística da nova praza da Devesa, construída con cargo a outra achega de preto de 500.000 euros realizada no pasado mandato pola Deputación con cargo ao Plan DepoRemse. Unha obra que xa permitiu o embelecemento do antigo Campo da Feira e a creación, con criterios de calidade urbana, dun parque para a veciñanza e a infancia, ademais, da adecuación do espazo de aparcamento en superficie.

O novo Centro Social é un proxecto que pasa pola modernización dun inmoble que data de 1962 para cumprir non só toda a normativa en materia de accesibilidade, sostibilidade e eficiencia enerxética, senón para dar satisfacción ás necesidades sociais dun concello cun gran dinamismo, como demostran as preto de 50 asociacións culturais, deportivas e sociais existentes. Unha destas asociacións, a de Persoas Xubiladas, que conta con 600 socios/as, é unha das principais beneficiarias do Centro Social. A colaboración da Deputación fai posible, por tanto, que Salceda de Caselas poida acometer unha iniciativa dun importante calado económico e que, ademais, contribuirá a incrementar a cohesión social.

A actuación

A modernización do Centro Social de A Devesa comezou co baleirado integral do interior, deixando só os muros e a estrutura en pé. A partir de aí, a vella arquitectura está a dar paso a un interior accesible, máis saudable e concibido para o aforro enerxético. Crearase un vestíbulo principal no andar baixo para acceder con comodidade a un pequeno auditorio e unha zona de exposición exterior, ademais do almacén, sala de xuntas, cafetería, aseos.

Ademais, dotarase ao novo Centro Social de ascensor para eliminar as barreiras arquitectónicas ata o primeiro andar, onde haberá outra sala de xuntas, salas para o uso das asociacións e aseos. Ademais, renovaranse tódalas instalacións térmicas e a envolvente térmica será cambiada actuando no forxado baixo cuberta, nos trasdosados interiores, carpinterías exteriores e tamén baixo o futuro solado. Sobre a cuberta, que tamén será completamente renovada, instalaranse paneis fotovoltaicos para reducir a dependencia enerxética. Por último filtrarase a radiación de gas radón cunha barreira de protección e unha soleira ventilada. A reforma conclúe coa mellora do acceso ao edificio e a instalación de expositores luminosos na fachada.

Situación hidrolóxica no concello da Guarda

0

Estamos diante dunha situación de seca que afecta a toda a península Ibérica da que Galicia non se libra e que pode prolongarse no tempo. No presente ano hidrolóxico, que comezou o 1 de outubro de 2021, as precipitacións estiveron un 40 % por debaixo da media histórica. A Xunta anunciou en abril a situación de prealerta hidrolóxica na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, demarcación na que se atopa unha parte do concello.

Na Guarda, conscientes da situación de emerxencia por seca que se está producindo a nivel xeral, tomáronse medidas puntuais este verán que se suman as accións que se veñen realizando para optimizar o subministro estes últimos anos. Grazas ás medidas que se teñen tomado, pero sobre todo as políticas de prevención, non foi necesario, ata o momento, producir cortes no subministro.

Como medidas puntuais tomadas este verán: fíxose unha campaña de información e sensibilización no mes de xullo, pecháronse as duchas e lavapés das praias, limitáronse os regos automatizados, realízanse os baldeos e regos manuais con auga non apta para o consumo humano, contrólase o nivel do depósito regulador e o consumo varias veces ao día, e ademais, extremouse a vixilancia de fugas e reparanse de maneira urxente cando se detectan, traballando a brigada municipal en domingos e festivos cando é necesario.

A finais de 2021 redactouse o “Plan de Seca do concello da Guarda” un documento que serve como instrumento de planificación para xestionar os episodios de seca, de tal maneira que se asegure o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

A principios de verán conectáronse dous novos pozos ao depósito regulador, un de pequeno caudal e outro cun caudal importante. Este último necesitou unha obra considerable para a súa conexión que foi posible executar grazas ao financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Estes dous pozos incrementan o subministro de auga ao depósito regulador en máis de 350 m3/día. Dende o concello xa se están buscando novos xacementos de auga para estar mellor preparados en futuras crises ou no caso de prolongarse esta seca.

É sabido que un dos puntos débiles das redes de abastecemento de auga son as fugas e perdas de auga. Por iso o concello da Guarda solicitou unha subvención para realizar unha auditoría municipal de abastecemento para minimizar as perdas de auga, subvención concedida por Augas de Galicia cun importe de 8.000 €.

En canto a distribución da auga: na Guarda hai dúas comunidades de auga independentes a parte da rede municipal. A comunidade de usuarios do Castro e a de Camposancos. No primeiro caso a rede de subministro é totalmente independente. No caso de Camposancos, cuxa auga é xestionada pola Entidade Local Menor, hai unha conexión entre a rede municipal e a da Entidade para poder cederlle auga no caso de que o necesite.

No que se refire á procedencia e cantidade de auga que se consume: dende mediados de xullo o consumo medio na rede municipal de auga é de 2450 m3/dia. En plena tempada alta o abastecemento desta auga procede maioritariamente dos pozos de captación do concello, 2100 m3/día de media, pero hai que completar o subministro con auga procedente do Consorcio de Augas do Louro, 350 m3/día de media. O concello da Guarda está recibindo do Consorcio unha media de 550 m3/día, xa que Camposancos ven solicitando unha media de 200 m3/dia. Nesta tempada o concello da Guarda ven subministrando a Camposancos toda a auga que teñen demandado dende a Entidade Local Menor. Respectando a independencia na xestión da auga o obxectivo e evitar que se produzan cortes en todo o termino municipal.

Dende todas as administracións, incluído o concello da Guarda, estase pedindo á cidadanía un uso responsable no consumo da auga, petición que se reitera diante das previsións de que esta situación de seca continúe e para evitar futuras restricións.

Clausurados os cursos gratuítos de informática para nenos en Redondela

0

“O correcto coñecemento e utilización das novas tecnoloxías, é fundamental para o desenvolvemento das nosas fillas e fillos nun mundo”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas logo da clausura dos cursos que, durante todo este mes de agosto, se levaron a cabo nas Aulas CeMIT de Chapela e Redondela.

Tratábase de actividades totalmente gratuítas e dirixidas á infancia e mocidade con idades comprendidas entre os 6 e 14 anos que permitiu ás e aos participantes realizar actividades didácticas de desenvolvemento da vista, o oído, o razoamento e a asociación de ideas no entorno Linux e con internet.

A iniciativa, explica a alcaldesa, forma parte das actividades que a Concellería de Novas Tecnoloxías, que xestiona Olga García Ballesteros “desenvolve de xeito periódico e que dota á veciñanza de todas as idades, das ferramentas precisas para aproveitar toda a potencialidade de internet, ben sexa para o ocio ou para a realización de tarefas e xestións cotiás”.

Os traballadores contratados ao abeiro do Plan Concellos a piques de rematar o contrato

0

Desde a última semana do pasado mes de marzo, 9 traballadores desenvolveron a súa actividade profesional no Concello de Gondomar. Estes contratos, financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra con un importe total de 105.568,26 euros, permitiron ao concello dispor durante un periodo de 6 meses de 6 peóns de obra pública, 1 auxiliar administrativa, 1 conductor e 1 técnico de turismo.

Próxima á finalización dos seus contratos o alcalde da vila, Paco Ferreira, quixo agradecer o traballo feito por estes profesionais: “queremos agradecer a súa gran labor durante estes meses, e desexarlles moita sorte no futuro, e decirlles que sempre terán as portas do noso concello abertas”.

O rexedor quixo tamén agradecer a posta en marcha de esta acción por parte da Deputación de Pontevedra xa que “este tipo de axudas para os concellos medianos e pequenos sirve para mellorar a nosa operatividade e a nosa xestión”.

Mos celebrou a súa 32 edición da Festa da Terceira Idade con record de afluencia

0

O pasado domingo celebrouse a tradicional Festa da Terceira Idade do Concello de Mos que nesta súa trixésimo segunda edición acadou a maior afluencia da súa historia.

Tras dous anos sen poder celebrala por mor da pandemia, a veciñanza mosense tiña máis ganas que nunca de homenaxear aos seus maiores e ao amor que se profesan os matrimonios mosenses que levan medio século xuntos, nunha festa que a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, define como “a máis entrañable de todas as que temos en Mos”.

101 matrimonios foron o total de homenaxeados este ano o domingo día 28 de agosto, en Costoias, parroquia de Tameiga.

Trátase de parellas, das dez parroquias mosenses, que cumpren ou cumpriron os 50 anos de casados. A deste ano foi unha edición moi especial, xa que se homenaxeou tanto aos matrimonios que os cumpriron neste 2022, como nos dous anos previos, 2020 e 2021, e que debido á pandemia non puideron celebrar.

Esta emblemática festa concíbese desde a administración local mosense como parte do programa destinado aos maiores, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade, así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas. A xornada do domingo desenvolveuse contando coa presencia de toda a Corporación Municipal, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o Director Xeral de Maiores, Antón Acevedo, a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, e a deputada autonómica, Feli Rodríguez. Os actos celebrados foron: a partir das 12:00h Misa cantada pola coral Ventos do Val, seguida da Banda de Música Xuvenil de Torroso; a partir das 14:00h comezou o xantar, a cargo do Concello para os matrimonios homenaxeados, quen tamén convidou a todos os asistentes a unha degustación de callos. A partir das 16:00 h tivo lugar a homenaxe aos matrimonios. A animación e o baile correu a cargo do grupo Club Naval.

Baiona celebra esta tarde unha festa infantil de “fin de verán”

0

O paseo Riberia de Baiona acollerá a partir das 17:00 h unha festa infantil de “fin de verán” organizada de forma gratuíta pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona e que forma parte da programación Baiverán 2022.

Os nenos e nenas da Villa poderá gozar de inchables, un taller de tatuaxes e flocos de millo gratis para todos aquelas persoas que se acheguen a gozar destas actividades gratuítas programadas para a diversión dos máis pequenos e pequenas.

A xornada acabará cunha sesión de cinema ao aire libre, tamén para público familiar. A Praza do Concello albergará a proxección da película “Space Jam, novas lendas” a partir das 22:30 horas.

A Guarda acolle en setembro un itinerario formativo de 120 horas de duración para a dixitalización de mulleres

0

O Concello da Guarda colabora no Programa de Formación para a dixitalización de mulleres “Galegas Dixitais”, acollendo 3 módulos de formación que arrancan o 19 de setembro e durarán ata o 30 de outubro. A formación realizarase na Guarda en horario de 09:00 a 14:00.

É unha formación gratuíta dirixida a mulleres da Guarda orientada á mellora das capacidades dixitais, ao aumento das posibilidades de atopar emprego e adquirir os coñecementos en novas tecnoloxías precisos para o día a día.

Módulos

  • Competencias dixitais básicas: Coñecementos dixitais para o día a día (40h).
  • Competencias dixitais avanzadas: Coñecementos dixitais para o traballo (40h).
  • Competencias dixitais para o empredemento: Coñecementos dixitais para o negocio (40h).

As inscricións están xa abertas nos teléfonos 986 61 00 00 e no whatsapp 604 039 575, na recepción do Concello da Guarda e na web http://galegasdixitais.es/.

Protección Civil Val Miñor adquire un novo furgón

A Mancomunidade do Val Miñor vén de investir 14.000 € nun furgón para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor, concretamente unha Fiat Scudo de 9 prazas.

“Realizan de maneira altruísta unha labor encomiable e fundamental para a seguridade dos tres concellos, así que desde a Mancomunidade entendemos que era urxente solventar esta carencia que lles complicaba a súa propia organización”, explica Juan González, alcalde de Nigrán e actual presidente da Mancomunidade.

Este vehículo de segunda man permitirá remplazar definitivamente o todoterreo Nissan Patrol de case 30 anos de antigüidade e, ao mesmo tempo, facilitará moitísimo os grandes dispositivos na comarca, xa que se empregará fundamentalmente para o movemento de persoal e/ou traslado de material. “Eventos como a Arribada, San Xoan, a Vig-Bai, as cabalgatas de Reis ou a Festa da Bicicleta ou a seguridade nas praias implican moitos desprazamentos de persoal, polo que este furgón facilitará enormemente a nosa labor”, explica Iago Álvarez, o seu presidente, quen destaca que se trata dunha das agrupacións máis numerosas de Galicia con 136 voluntarios a día de hoxe. Así, este vehículo que ‘xubilará’ ao actual Patrol sumarase ao todoterreo e á camioneta pickup que conforman a súa frota.

Aberto o prazo de confirmación de praza para a aula matinal do curso 2022/23 en Ponteareas

Co calendario escolar a piques de arrancar, o Concello xa ten aberto o prazo de confirmación de praza de aqueles nenos e nenas que solicitaran a aula matinal dos centros educativos públicos de Ponteareas que, como cada ano, subvenciona o Goberno municipal nos colexios de educación infantil e primaria do ámbito rural e urbano.

As persoas interesadas teñen á súa disposición na web o formulario de autorización de cobro necesario para a formalización da praza, que pode entregarse de xeito presencial no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica. Tamén está accesíbel o formulario para aquelas familias que queiran realizar a súa solicitude.

Como sinala a alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, “o Concello fai un esforzo para ofrecer cada ano este servizo á veciñanza, xa que supón un importante apoio para que as familias poidan conciliar a vida persoal e laboral”. Ademais, a aula matinal permite “potenciar o desenvolvemento integral do alumnado, fomentar valores sociais como o compañeirismo e incentivando en cada neno e nena habilidades sociais, actitudes cooperativas, democráticas e cívicas”.

“Callos anti inflación” esta fin de semana en Salceda

A Praza do Concello acolleu a presentación da XXVIII Festa dos Callos que se celebrará esta fin de semana en Salceda de Caselas. A presentación, conducida polo Concelleiro de Cultura e Festexos, Álex Rodríguez contou coa presenza do Presidente do Grupo Señorío de Rubiós Antonio Méndez, cos representantes do grupo Coren Fernando Córdoba e Alejandro Alonso, e coa alcaldesa Verónica Tourón. Un dos puntos importantes a destacar na volta á normalidade da festa é que se mantén o prezo das últimas edicións. A ración de callos para degustar na propia festa, incluíndo o viño, o pan, o prato e a cunca, terá un prezo de 8 €, podendo tamén levar os callos “en tarteira” a 6 € a ración. Ademais, por terceiro ano, na festa serviranse tamén callos sen gluten para que as persoas celíacas non deixen de desfrutar do evento.

O presidente Antonio Méndez quixo mostrar o seu agradecemento ao Concello de Salceda de Caselas por contar un ano máis coa adega das Neves para a cita gastronómica, e presentou o viño que acompañará aos Callos esta fin de semana, un Sousón Tinto de Señorío de Rubiós, a uva máis abundante de Rubiós, e que grazas ao traballo feito especialmente por esta bodega, os tintos Rías Baixas contan cada vez cunha maior calidade.

Alejandro Alonso, o mestre cociñeiro encargado da elaboración do prato confirmou que se prepararán en torno as 20.000 racións de callos, para as cales se empregarán 1900 kg de ventre de vacún, 920 kg de carne de pata de tenreira, 2.200 kg de garavanzo remollado, 425 kg de lacón e 350 kg de chourizo galego, co seu sofrito correspondente, que sumarán un total de máis de 5.000 quilos de produto. A preparación dos callos comezará sobre a 1:30 para sobre as 7:30 facer a mestura do sofrito coas carnes e ter o produto preparado ás 8:30 para empezar a despachar sobre as 9:30. Fernando Córdoba, director da unidade de conservas e pratos do grupo de Coren definía a Alejandro como un claro referente de esforzo, traballo, compromiso, dedicación e sobre todo cercanía coa cultura galega, destacando tamén a importancia para o grupo Corén de poder colaborar coas administracións públicas neste tipo de eventos, que fan que se poña en valor un prato tan representativo da cultura galega como os Callos.

A cita virá acompañada por unha ampla programación ´preparada polo Concelleiro de Cultura Álex Rodríguez que comezará xa este xoves, e que inclúe a volta de citas consolidadas como o XIV Serán dos Callos, que este ano se celebrará no venres, e a primeira edición do Concurso de Charangas, organizado xunto á Charanga SGHAE, e que fará que durante toda a tarde do sábado a música e o ambiente festeiro enchan as rúas e praza da vila. Pepo Suevos será o encargado de dar o pregón da festa o domingo ás 12 do mediodía, pregoeiro que volverá subir ao escenario ás 20.00 horas no Auditorio Municipal para ofrecer o seu show. Esta é solo unha pequena mostra do amplo abano de propostas culturais e de ocio que acompañarán os callos durante toda a fin de semana.

Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “Este ano volvemos a organizar a Festa dos Callos co seu formato tradicional, nunha fin de semana que sirve de motor dinamizador da economía e turismo da vila, e no que recibiremos a visita de milleiros de persoas de Salceda e da contorna, para o cal é imprescindible o traballo e esforzo dos empregados municipais e do voluntariado”.

Verónica Tourón, alcaldesa: “Nesta edición recuperamos o pulso da Festa dos Callos con moita forza, con novidades e coa ilusión de que a nosa veciñanza poida desfrutar como sempre dunha cita gastronómica tan importante para o noso pobo. Esta fin de semana Salceda volverá a ser esa vila acolledora  a que acudiran milleiros de visitantes para celebrar connosco á volta á unha das nosas festas máis importantes”.

PROGRAMACIÓN

XOVES 1 SETEMBRO

  • 20.00 Rockeamos todas con Pakolas. Praza do Concello
  • 22.00 Concerto dúo Souzar. Auditorio Municipal

VENRES 2 SETEMBRO

  • 18.00 Festivaliño on the Road 2022. Praza do Concello
  • 22.30 XIV Serán dos Callos. Praza do Concello

SÁBADO 3 SETEMBRO

  • 19.00 Concurso de Charangas
  • 00.00 Concerto Turre’s Band. Praza do Concello

DOMINGO 4 DE SETEMBRO

  • 09:30 Apertura de billeteiras e despacho de callos.
    • Animación con Animar-T e charanga Nova Jomada.
  • 12:00 Lectura do pregón a cargo de Pepo Suevos.
  • 20:00 Monólogo Pepo Suevos. Auditorio Municipal

Covelo avanza e suma novos tramos á rede de saneamento

0

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que veñen de comezar as obras do proxecto de “ramais de saneamento de Carballeda, en Covelo e O Barreiro e As Óseas, en Santa Mariña”.

O goberno de Covelo continúa así na súa estratexia de mellora dos servizos básicos investindo, nesta nova obra, un total de 69.753,81 € que se suman aos tramos xa executados nos ramais de saneamento en O Castro en Covelo, Costa en Godóns; Santa Cruz en Santa Mariña e Margarida en Paraños.

Ademais de ofrecer un servizo básico á cidadanía, as melloras na rede de saneamento son fundamentais para preservar e protexer o medio natural, un dos principais compromisos deste goberno.