21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondela'Axentes do cambio' rematan a decoración mural dun dos edificios do antigo...

    ‘Axentes do cambio’ rematan a decoración mural dun dos edificios do antigo apeadeiro de Chapela

    O grupo de participación xuvenil e adolescente, baixo a dirección da artista plástica redondelá Paula Amoedo, realizou un traballo no que deixan clara a aposta da mocidade pola igualdade é a diversidade

    A zona do antigo apeadeiro de Chapela, que marca o final da Vía Verde de Redondela, vai tomando forma e adecuando a súa estética á contorna dun espazo que xa é un dos lugares de ocio preferidos pola veciñanza e que, en moitos dos seus treitos, é un auténtico balcón sobre a ría.

    “Era preciso darlle unha continuidade estética á Vía Verde e recuperar visualmente as dúas edificacións que, no seu momento, foron o apeadeiro do ferrocarril ao seu paso por Chapela”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

    Das dúas edificacións existentes no antigo apeadeiro, o grupo de participación xuvenil e adolescente Axentes do cambio encargouse de recuperar unha das paredes da máis pequena e o fixeron cun proxecto propio, Amor é amor no que baixo a dirección da artista plástica Paula Amoedo, deixan patente a necesidade de apostar pola igualdade e diversidade como elementos para acadar unha sociedade máis xusta.

    O tema do traballo, xa rematado, foi proposto polos propios rapaces e rapazas nas reunións que manteñen dentro do Consello da Infancia e a Adolescencia de Redondela o que, para a alcaldesa Digna Rivas, “amosa o alto grao de implicación da mocidade “na loita pola igualdade e a diversidade ao mesmo tempo que amosan un rexeitamento rotundo a calquera tipo de manifestación ou actuación discriminatoria”.

    Pola súa banda, Paula Amoedo, decorará as paredes restantes “cun traballo que nos sorprenderá e no que a artista plasma a súa sinal de identidade”, explica alcaldesa redondelá.

    “Temos unha infancia e mocidade, comprometida e traballadora”, afirma Digna Rivas “que só esperaba que alguén lles dera unha oportunidade para demostralo”. De feito, dende a súa chegada ao Concello, o Goberno que preside Digna Rivas apostou por que o Consello da Infancia e a Adolescencia un órgano operativo e efectivo que servira como elemento de comunicación entre a mocidade e o Goberno local. “Pasou de ser un ‘elemento decorativo’ e anecdótico, a ser un elemento dinámico na vida de Redondela no que as mozas e mozos propoñen ideas, as trasladan ao Concello para a súa realización”.

    A alcaldesa de Redondela lembrou que as súas propostas permitiron ao Concello mellorar no seu momento o proxecto do skatepark da Marisma, hoxe en funcionamento, e puxeron o foco de atención na importancia de recuperar o campito e construír un skatepark no treito final da Vía Verde, ámbolos dous en Chapela, proxecto nos que xa traballa o Goberno local.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.