Mércores, 11 Decembro de 2024

Violeta de Santiago presenta a súa candidatura á alcaldía de Tomiño

A número 1 do PSdeG-PSOE local recibe o apoio da veciñanza de Tomiño, militantes do Baixo Miño e cargos socialistas

O PSdeG-PSOE presentou á súa candidata á Alcaldía de Tomiño nun concorrido xantar celebrado esta fin de semana na localidade do Baixo Miño. Violeta de Santiago, que repetirá como aspirante á Alcaldía catro anos despois e con claras expectativas de crecemento, recibiu o apoio de moitos veciñoa e veciñas, representantes da sociedade tomiñesa e da militancia do Baixo Miño, ademais de cargos públicos como o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o secretario xeral provincial, David Regades. Tamén asistiron as deputadas Ángeles Marra, Olga Alonso e Leticia Gallego. A última hora, por unha indisposición, non puido acudir o secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso.

“En Tomiño vai haber un xiro enorme. A partir do próximo 28 de maio de 2023 vai haber outro xeito de gobernar”. As palabras de Rubén Muñoz, membro da Executiva local preludiaron a intervención dunha Violeta de Santiago que prometeu continuar traballando por Tomiño e a súa xente, como demostran as 20 mocións e as innumerables preguntas presentadas ao Pleno nestes tres anos e medio, “iniciativas todas elas en positivo e que foron desbotadas con arrogancia”. De Santiago garantiu que o próximo Goberno municipal de Tomiño será moito máis transparente, con máis calidade democrática e moita, moita máis capacidade de diálogo que o actual. “Que ninguén agarde de nós ameazas, como sucede agora”. “Defendemos un proxecto político baseado na igualdade e na transformación da vida das persoas, vivan onde vivan e voten a quen voten”, afirmou.

A candidata socialista amosouse orgullosa de ter estado sempre ao lado da xente e reivindicou a iniciativa, que o PSdeG-PSOE tivo en solitario, despois de non recibir apoio na Corporación municipal, para a creación da Plataforma da Sanidade Pública. Así anunciou que traballará para a creación dun punto limpo, dun Centro de Información á Muller, dun Centro Social para a terceira idade e un local de ensaio para a mocidade. Tamén se comprometeu a pelexar para que haxa máis investimento en saneamento e outras cuestións que seguen pendentes. Aproveitando a presencia de Carmela Silva agradeceulle a apertura da Biblioteca municipal, un tema do que as e os socialistas locais fixeron bandeira.

Abel Caballero destacou que “Tomiño é o noso partido, porque somos o partido da xente; igual que Vigo é o noso partido, ou Tui, ou A Guarda”. “Os proxectos políticos transmítense con corazón e, se fai falta, bailando break dance; pero tamén se defenden baixando o IVE do gas, topando a tarifa eléctrica ou conseguindo, como fixo Pedro Sánchez, miles de millóns de euros de Europa, que agora están chegando a tódolos concellos”.

Carmela Silva vaticinou un “excelente resultado de Violeta de Santiago nas próximas Municipais” “porque os concellos están nas mellores mans cando os gobernamos nós; por iso gobernamos a 600.000 das 900.000 persoas desta provincia”. “Non teño ningunha dúbida de que en Tomiño imos mellorar, pero tampouco a teño de que imos a por todas nas próximas Municipais. Pero non porque queiramos máis poder, senón porque non podemos permitir que se pare a transformación desta provincia. Non hai máis que subir a un coche e comprobar de quen son os carteis de obras e servizos que hai por todas partes. De quen? Da Deputación, por suposto”. En contraposición puxo a unha Xunta de Galicia “de caciques” que só inviste nos concellos do Partido Popular.

David Regades puxo moi en valor o labor de Violeta de Santiago e Mirta Misa, concelleiras socialistas en Tomiño durante este mandatomunicipal: “Non é nada doado facer oposición a un partido que di ser de esquerdas, pero que aquí, en Tomiño, non se comporta como un partido de esquerdas”. Lembrou que hai tres anos e medio o PSdeG-PSOE subiu un 65% en Tomiño e ese crecemento continuará en maio próximo. Un crecemento amparado na credibilidade dun traballo das dúas concelleiras socialistas e tódolos membros da Agrupación local que pasou por loitar pola sanidade e estar sempre ao lado da xente.