8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO programa ‘Puntadas con fío’, clave na loita pola Igualdade en Ponteareas

    O programa ‘Puntadas con fío’, clave na loita pola Igualdade en Ponteareas

    O Concello de Ponteareas continúa traballando man a man coa veciñanza para eliminar as desigualdades entre homes e mulleres, previr e erradicar a violencia de xénero e establecer condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Neste camiño, a Concellaría de Igualdade, dirixida por Verónica Carrera, vén de sacar a licitación o servizo de programación en materia de igualdade da vila co que seguir poñendo a disposición da veciñanza “as ferramentas necesarias para conseguir unha sociedade máis igualitaria”.

    Dentro desta programación, o Concello desenvolverá o ‘Puntadas con fío’, un programa específico co que traballar dende o ámbito educativo pero tamén involucrando pouco a pouco a todas e todos os ponteareáns a través de actividades promovidas conxuntamente dende os centros e as asociacións de nais e pais. “Queremos crear un espazo estábel e permanente onde reflexionar e traballar xuntas e xuntos a través de diferentes bloques de actividades que nos permitan educar en valores e loitar contra a discriminación”, explica a concelleira.

    Un dos obxectivos será traballar cos centros educativos e ANPAs para establecer protocolos de actuación e para ir incorporando de forma paulatina as súas propostas e actividades de prevención e sensibilización entre a poboación xeral. Ademais levaranse a cabo accións coa mocidade, formación entre o profesorado e familias na detección de abusos sexuais, traballarase na localización de puntos violetas, na creación dun espazo feminista na Biblioteca municipal ou en accións dirixidas ás idade máis temperás, entre outras.

    As persoas ou empresas interesadas en presentarse á licitación terán ata o vindeiro 5 de setembro para facer a súa proposta. Esta iniciativa está financiada con fondos propios do Concello e a través da liña de subvencións da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de actuacións a nivel municipal coas que facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres ou previr a violencia de xénero.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.