23.9 C
Pontevedra
Luns, 14 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui acolle o Campionato de España de Radiocontrol Térmico

    Tui acolle o Campionato de España de Radiocontrol Térmico

    O río Miño será o escenario onde se desenvolva a competición entre categorías 7,5 cc, 15 cc e 35 cc

    Esta fin de semana celébrase en augas do río Miño en Tui, a carón da rúa Olímpicos tudenses, o Campionato de España de Radiocontrol Térmico organizado pola Real Federación Galega de Motonáutica, en colaboración co Concello de Tui, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Real Federación Española de Motonáutica e a Comandancia Naval do Miño.

    Na presentación deste evento participaron este mediodía o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o xefe do servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, e o piloto galego Emilio Cadaveira.

    No mesmo van participar 21 pilotos de Galicia, Valencia, Cantabria, Madrid, Castellón, Santander e Murcia en tres categorías 7,5 cc, 15 cc e 35 cc. O circuíto terá forma de M nunha caixa de 100 por 50 metros.

    Este mediodía o alcalde, Enrique Cabaleiro, salientaba na presentación que “para nós é un inmenso orgullo ser sede deste campionato. Ningún lugar mellor ca este para unha proba coma esta, porque aínda que a proba oficialmente  se celebra no ámbito do Concello de Tui materialmente se realiza no Miño, e cando vimos a Tui vimos a un territorio que temos a inmensa fortuna e o inmenso privilexio de compartir cos nosos irmáns de Valença”. Nese senso engadía que “ese carácter transfronteirizo lle da a todos os eventos, e coma non a unha proba tan importante coma esta un valor engadido”. Concluía que as persoas que veñen a disfrutar desta proba tamén teñen a oportunidade de disfrutar dun medio natural privilexiado e dun medio patrimonial único en Galicia e no país.

    Pola súa banda o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, salientou coma esta é a terceira proba nacional de motonáutica que se celebra en Tui, amosando a vontade do Concello de Tui por seguir apostando por este tipo de eventos. Aproveitou para animar ao público a achegarse ao río a presenciar estas probas tanto o sábado coma o domingo.

    Pola súa parte o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, agradeceu a “hospitalidade dun concello coma Tui”, un lugar no dicía “os deportes náuticos teñen gran valor”.  Salientaba que un evento  coma este “nos pon no mapa, e moita xente con ese pretexto se achega a Galicia, se acerca a Tui e descubre que hai unha gran hospitalidade, unha gran organización”. Con este campionato “temos a excusa perfecta para vir a Tui, facer turismo e mover a economía” dicía.

    O presidente da Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, amosou o agradecemento a todos os que fan posible a realización deste campionato, en especial ao Concello de Tui sen cuxo apoio non sería posible a celebración do Campionato. Remataba a súa intervención salientando que “todos traballamos e colaboramos por unha palabra: deporte”

    Un dos pilotos galegos que participará neste campionato é Emilio Cadaveira, un referente no mundo da motonáutica, quen reiteraba o agradecemento ao Concello de Tui polas facilidades e a acollida para facer a proba. Salientaba que “trataremos de dar o mellor espectáculo deportivo que se poida”.

    O Campionato de España de Radiocontrol Térmico comezará o sábado cos adestramentos libres a partir das 10.30 h. A primeira manga disputarase ás 12.45 h, e a segunda ás 17.45 h. O domingo os adestramentos comezará as 9 h, e a terceira manga será ás 10.45 h. A entrega de trofeo está prevista ás 12.30 h.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.