15 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaSituación hidrolóxica no concello da Guarda

    Situación hidrolóxica no concello da Guarda

    Estamos diante dunha situación de seca que afecta a toda a península Ibérica da que Galicia non se libra e que pode prolongarse no tempo. No presente ano hidrolóxico, que comezou o 1 de outubro de 2021, as precipitacións estiveron un 40 % por debaixo da media histórica. A Xunta anunciou en abril a situación de prealerta hidrolóxica na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, demarcación na que se atopa unha parte do concello.

    Na Guarda, conscientes da situación de emerxencia por seca que se está producindo a nivel xeral, tomáronse medidas puntuais este verán que se suman as accións que se veñen realizando para optimizar o subministro estes últimos anos. Grazas ás medidas que se teñen tomado, pero sobre todo as políticas de prevención, non foi necesario, ata o momento, producir cortes no subministro.

    Como medidas puntuais tomadas este verán: fíxose unha campaña de información e sensibilización no mes de xullo, pecháronse as duchas e lavapés das praias, limitáronse os regos automatizados, realízanse os baldeos e regos manuais con auga non apta para o consumo humano, contrólase o nivel do depósito regulador e o consumo varias veces ao día, e ademais, extremouse a vixilancia de fugas e reparanse de maneira urxente cando se detectan, traballando a brigada municipal en domingos e festivos cando é necesario.

    A finais de 2021 redactouse o “Plan de Seca do concello da Guarda” un documento que serve como instrumento de planificación para xestionar os episodios de seca, de tal maneira que se asegure o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

    A principios de verán conectáronse dous novos pozos ao depósito regulador, un de pequeno caudal e outro cun caudal importante. Este último necesitou unha obra considerable para a súa conexión que foi posible executar grazas ao financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Estes dous pozos incrementan o subministro de auga ao depósito regulador en máis de 350 m3/día. Dende o concello xa se están buscando novos xacementos de auga para estar mellor preparados en futuras crises ou no caso de prolongarse esta seca.

    É sabido que un dos puntos débiles das redes de abastecemento de auga son as fugas e perdas de auga. Por iso o concello da Guarda solicitou unha subvención para realizar unha auditoría municipal de abastecemento para minimizar as perdas de auga, subvención concedida por Augas de Galicia cun importe de 8.000 €.

    En canto a distribución da auga: na Guarda hai dúas comunidades de auga independentes a parte da rede municipal. A comunidade de usuarios do Castro e a de Camposancos. No primeiro caso a rede de subministro é totalmente independente. No caso de Camposancos, cuxa auga é xestionada pola Entidade Local Menor, hai unha conexión entre a rede municipal e a da Entidade para poder cederlle auga no caso de que o necesite.

    No que se refire á procedencia e cantidade de auga que se consume: dende mediados de xullo o consumo medio na rede municipal de auga é de 2450 m3/dia. En plena tempada alta o abastecemento desta auga procede maioritariamente dos pozos de captación do concello, 2100 m3/día de media, pero hai que completar o subministro con auga procedente do Consorcio de Augas do Louro, 350 m3/día de media. O concello da Guarda está recibindo do Consorcio unha media de 550 m3/día, xa que Camposancos ven solicitando unha media de 200 m3/dia. Nesta tempada o concello da Guarda ven subministrando a Camposancos toda a auga que teñen demandado dende a Entidade Local Menor. Respectando a independencia na xestión da auga o obxectivo e evitar que se produzan cortes en todo o termino municipal.

    Dende todas as administracións, incluído o concello da Guarda, estase pedindo á cidadanía un uso responsable no consumo da auga, petición que se reitera diante das previsións de que esta situación de seca continúe e para evitar futuras restricións.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.