Xoves, 21 Agosto de 2025

O Concello reforza as rúas peonís como lugar de estancia coa colocación de máis de 20 bancos

O goberno municipal de Ponteareas continua avanzando na recuperación do espazo público para as persoas e na redución do tráfico a motor e da contaminación no centro urbano. Nas últimas semanas instaláronse 21 bancos repartidos por un total de nove rúas peonís da vila, que se engaden aos 57 bancos, tanto en madeira como en pedra, instalados nos últimos tres anos nos traballos de humanización do Paseo Matutino, a Praza Dr. Fernández Vega, diante do Mercado, a rúa San Roque, a Rúa Redondela, a Praza de Bugallal ou o Complexo Deportivo Álvaro Pino e o Centro de Saúde.

A estes bancos sumaranse antes de fin de ano outros 17 na rúa Trobador Xoán García de Guillade e no camiño escolar até preto do alto da Gloria, actualmente en obras. O goberno do BNG-PSOE salienta que “en pouco máis de tres anos Ponteareas incrementou en case o triplo o número de bancos en rúas, pasando de 33 a 87, e case nun 50% o total de bancos incluíndo parques e prazas, pasando de 194 a 289”.

Segundo o goberno municipal a colocación deste novo mobiliario urbano persigue varios obxectivos.

O espazo público como lugar de estancia

Para o goberno local as rúas non deben ser unicamente lugares destinados aos desprazamentos senón tamén un espazo para a estancia e a relación social. Os bancos contribúen a ese obxectivo e atenden ás necesidades de segmentos sociais máis vulnerábeis e fráxiles como as persoas maiores. As beirarrúas moi estreitas e as rúas con coches ocupando toda a calzada condenan a moitos maiores a recluírse nas súas casas ao non poder percorrer treitos longos até prazas ou parques. O mesmo acontece coas persoas que pola súa idade ou saúde precisan bancos para realizar paradas, descansar e continuar os seus paseos. Agora, a veciñanza da contorna de rúas peonís como Virxe dos Remedios, Concha Brey, Vidales Tomé, Morales Hidalgo, Esperanza ou Arxentina pode saír dos seus fogares sen atrancos nin riscos, desfrutar do espazo público, relacionarse socialmente e pasear con bancos nos que descansar.

Por iso, o Goberno prevé continuar coa instalación de máis bancos nos vindeiros meses, para paliar un déficit histórico que se reflicte en exemplos tan significativos como a Avenida de Castelao e a Avenida Bouza Brey onde, en máis dun quilómetro de percorrido, só existen dous bancos.

Calmado do tráfico

A colocación do mobiliario urbano e o pintado da calzada con simboloxía peonil executado recentemente en numerosas rúas peonís tamén persigue o calmado do tráfico de vehículos autorizados. As actuacións realizadas axudan a que eses condutores autorizados, como repartidores ou usuarios de garaxes, entendan que a rúa é un espazo destinado ás persoas. O mobiliario foi colocado de forma que obriga a circular moi lentamente e con precaución, ao ter que sortear de forma zigzagueante os bancos, mellorando así a seguridade.

O Concello lembra que as actuacións nestas rúas son transitorias ou de urbanismo táctico mentres non se acometan os traballos de humanización definitivos. Nas vindeiras semanas o Concello presentará os proxectos de transformación definitiva de 9 rúas do centro urbano.

Redondela recibe o diploma con distinción de ouro do programa «Praias sen fume»

0

O Monte Real Club de Iates de Baiona foi o escenario escollido pola Consellería de Sanidade para facer entrega dos diplomas acreditativos do programa sanitario «Praias sen fume» que fomenta os areais libres de tabaco. O Concello de Redondela, representado polo concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, recolleu o diploma con distinción de ouro, galardón que salienta que todos os areais do municipio están declarados como praias libres de fume.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradeceu que por parte da Consellería se recoñeza un logro “que non é feito da casualidade, senón dunha planificación minuciosa por parte do Goberno local para que, os nosos areais, sexan saudables no máis amplo sentido do termo”.

Rivas lembrou que, amais dos beneficios que ten para a saúde e para a comodidade das familias que durante o verán gozan dos areais redondeláns, “declarar as praias sen fume é unha extraordinaria contribución ao medio ambiente”. As veces, sinala a alcaldesa de Redondela, esquecémonos dun dato tan básico como alarmante que é o feito de que unha soa cabicha dun cigarro tarda ata 12 anos en desintegrarse e contamina ata 10 litros de auga mariña”. Se ese número o aplicamos aos centos de cabichas que eran deixadas nas praias, “estamos a falar dun elemento altamente contaminante que, afortunadamente, podemos solucionar con pequenos xestos”.

O CEIP de Tebra estrea comedor escolar

0

O alumado do CEIP Plurilingüe de Tebra xa dipón de comedor escolar. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, visitaron este xoves o centro educativo para coñecer de primeira man unhas novas instalacións coas que se dá resposta a unha demanda da comunidade educativa.

O Concello investiu máis de 7.400 euros nas obras de posta en marcha deste servizo que, como salienta a rexedora, “supón dar un paso máis na nosa aposta por favorecer unha maior conciliación laboral e familiar entre os nosos veciños e veciñas”. “Con estas novas instalacións pechamos un ciclo e conseguimos que, por primeira vez, todos os centros educativos do municipio dispoñan de comedor escolar”, explicou González.

Para a adecuación das instalacións, o Concello colocou unha nova instalación eléctrica, de fontanaría e saneamento, cambiou todas as luminarias por un sistema LED que garanta a eficiencia enerxética, pintou o espazo, instalou as mosquiteiras e matamoscas esixidos pola normativa e dotou ao comedor de todo o mobiliario necesario. Pola súa banda, centro educativo e ANPA colaboraron proporcionando os electrodomésticos precisos para o desenvolvemento do servizo. Mentres, a Xunta de Galicia será a encargada da xestión do cátering do comedor.

Covelo ofrece un curso de manipulación, transformación e comercialización de produtos do medio rural

0

A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Covelo, Lourdes Enes, informa da celebración dun curso de manipulación, transformación e comercialización de produtos vinculados co medio rural. O curso terá lugar os días 26, 27, 28, 29 e 30 de setembro de 2022 de 16:30 a 20:30 horas na casa cultural da Lamosa, Covelo.

O prazo de inscricións xa está aberto e deberán formalizarse no número de teléfono do Concello de Covelo 986650027 (ext. 4) ou 986594033 de luns a venres de 8:00 a 14:00 horas.

Este novo curso ofértase para un máximo de 15 participantes en situación de desemprego ou traballadores en activo.

Esta é unha iniciativa do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación realizado en colaboración co Concello de Covelo.

Volven as clases de defensa persoal no Porriño

As clases de autodefensa para mulleres, impulsadas pola Concellería de Igualdade, volven este sábado tras o parón estival. Impartiranse no ximnasio “Jovhen Sport”, de 10 a 12 horas.

Dende o Concello do Porriño convidamos a todas as mulleres interesadas en recibir esta formación a acudir a estas clases, que son totalmente gratuítas e para as que non se require inscrición previa. Tan só é necesario acudir á hora sinalada anteriormente con roupa deportiva e ganas de aprender.

 O curso, organizado polo Concello coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e á Policía Local, conta con monitores de defensa persoal que, en colaboración con axentes da Policía Local, ensinan ás participantes técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

O Concello de Tui recibe a medalla de ouro ‘Praias sen fume’

0

O Concello de Tui recibiu a medalla de ouro de praias sen fume ao contar coa totalidade dos seus areeiros libres de tabaco.

O pasado venres tivo lugar en Baiona o acto de entrega destas distincións, onde o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, recibiu o diploma acreditativo de mans do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

En concreto no Concello de Tui son as praias de Areeiros, en Guillarei, e do Penedo, en Caldelas, as que forman parte da Rede Galega de Praias sen Fume. Este programa ten un fin educativo, de promoción da saúde e de protección do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario. Deste xeito, busca promocionar unha vida sen tabaco e desnormalizar o seu consumo na sociedade mediante a promoción turística dunhas praias nas que tamén se respecte e coide o medio ambiente.

Ismael Diz, concelleiro de Medio Ambiente, amosou a satisfacción que supón este distintivo para Tui ao verse incluído nun selecto grupo de 214 areais en 80 concellos. Diz fixo unha valoración ‘moi positiva’ dun proxecto que o goberno local vén desenvolvendo dende a pasado mandato. Agora recolle os seus froitos “continuando con constancia e coa aposta pola saúde e por facer máis inclusivas para todos as praias de Tui”.

Pertencer a esta rede compromete aos concellos a colocar toda a sinaléctica e materiais de difusión que recoñecen a estes espazos libre de fume. Tamén implica desenvolver actividades e accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco.

A inscrición na III edición do concurso “O Enxeño Engaiolado” estará aberta ata o 30 de setembro

0

Con motivo do día Internacional do Libro, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura e do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal, convocou a III edición do Concurso de Relato Curto e Conta Infantil “ O Enxeño Engaiolado”.

“Esperamos que os veciños e veciñas de Baiona anímense a participar e demóstrenos todo o seu talento neste concurso que naceu  durante o confinamento, por este motivo ten  este título tan especial. Con esta terceira edición pretendemos seguir incentivando e premiando a capacidade artística, literaria e creativa dos participantes, e contribuír con iso ao desenvolvemento e implicación dos baioneses para que deixen voar a súa imaxinación”, comenta a concelleira de cultura, Miriam Costas.

Na categoría de relato curto, o certame está aberto á participación de todas as persoas maiores de 16 anos que deberán presentar un relato breve cunha extensión comprendida entre 1.500 e 4.500 palabras. En canto á de conto infantil,  poderán participar as persoas de entre 12 e 16 anos que deberán presentar unha historia cunha extensión  mínima de dous folios e máxima de catro.

Os participantes de ambas as categorías deberán realizar os escritos a dobre espazo en Arial de 12 puntos. Os orixinais que deberán ser inéditos, poden estar escritos en galego ou castelán. Os orixinais enviaranse por correo electrónico á dirección [email protected] en formato PDF e asinados cun pseudónimo. Nun correo aparte co mesmo pseudónimo, enviarase outro arquivo cos datos persoais do autor ou autora (nome e apelidos, DNI e teléfono). O prazo para presentación de traballos, abriuse o sábado 23 de abril coincidindo co Día do Libro, e permanecerá aberto ata o 30 de setembro do 2022.

O xurado, composto por especialistas no ámbito bibliotecario e literario, concederá  aos gañadores na categoría de relato curto tres premios consistentes en cheques-librería trocables en librerías de Baiona ata o 31 de decembro de 2022. O primeiro premio consistirá nun vale de 300 €; o segundo premio, 200 € e, finalmente, o terceiro premio, 100 €. En canto á categoría de conto infantil, entregarase un único premio de 100€.

As obras gañadoras publicaranse na páxina Web do Concello de Baiona: www.baiona.gal.

O fallo do xurado farase público no Concello de Baiona e na Biblioteca o día 19 de outubro de 2022. Ese mesmo día comunicarase a forma de entrega dos premios.

SOS Porriño adáptase ás necesidades para prestar un servizo máis xusto

O Goberno Municipal conseguiu onte o respaldo do pleno á proposta de modificación das bases que regulan o banco municipal de alimentos, SOS Porriño.

Tendo en conta que a actual situación socioeconómica agravou as condicións de precariedade e vulnerabilidade de moitas familias residentes no Porriño, a actividade do banco municipal de alimentos SOS Porriño debe adaptarse a este contexto.

“É necesario redefinir os requisitos e criterios económicos de acceso ao programa para poder prestar este servizo da maneira máis xusta e igualitaria posible. Trátase de que ninguén se quede atrás e sen respaldo na difícil situación económica que se presenta”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

A tal fin, impulsouse unha modificación das bases que permita un acceso máis acaído ao servizo. “Ata o de agora para acceder a esta axuda había un límite de ingresos de 579 euros para unha persoa que viva soa”, explicou o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, “Con esta modificación deduciranse neste importe o aluguer ou hipoteca ata un límite de 400 euros”.  En definitiva, tal e como indicou o edil, “o que queremos é que un incremento no aluguer ou hipoteca non impida o acceso á axuda”.

O programa municipal de alimentos, SOS Porriño, atende na actualidade a unhas 150 familias, que reciben unha vez ao mes alimentos, con carácter xeral, aínda que tamén hai achegas a maiores en ocasións destacadas dependendo da dispoñibilidade de recursos.

A Eurocidade Cerveira-Tomiño debate en Lituania sobre os obstáculos legais para a mobilidade transfronteiriza cotiá

A cidade lituana de Panevėžys foi o lugar elixido para celebrar a quinta e derradeira reunión do proxecto BRIDGE, unha iniciativa na que a EurocidadeCerveira-Tomiño participa xunto con outras 10 entidades e municipios transfronteirizos de 11 países co obxectivo de promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras. Coordinado por Vila Nova de Cerveira e financiado polo Programa Europa para os cidadáns da Unión Europea, a Eurocidade estivo presente expoñendo as dificultades xurídicas que se atopan a diario os municipios transfronteirizos que comparten servizos, cultura e vida.

Por parte da Eurocidade, a vice-presidenta da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Carla Segadães acompañada, entre outros, polo director da Agrupación de Escolas cerveirense, Venceslau Teixeira, e o representante da Agrupación de Scouts de Campos, Elvis Graça, presentaron a experiencia da Bienal Internacional de Arte de Cerveira e a realidade dos centros escolares da vila portuguesa.

Pola súa banda, a delegación de Tomiño expuxo ante o público asistente as dificultades para a mobilidade transfronteiriza de menores no territorio, uns obstáculos recollidos polas Valedoras da Eurocidade nun informe realizado xa en 2019 e que propuña medidas que adapten os requisitos de autorización para a mobilidade dos menores ás novas realidades sociais e administrativas a nivel local, ou a promoción de experiencias piloto que permitiran avaliar o avance do exercicio efectivo de dereitos sociais e a construción de identidades compartidas europeas.

Proxecto BRIDGE

Durante este novo encontro, presentáronse tamén as conclusións dun cuestionario a todos os integrantes do proxecto, procedentes de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia,  Eslovenia, Italia, Chipre, Lituania, Letonia e Serbia, sobre o impacto da pandemia nas rexións transfronteirizas e a contribución do proxecto BRIDGE para combater o euroescepticismo. As principais conclusións deste documento transformaranse nun informe con recomendacións para a Comisión Europea.

O celebrado na Panevėžys Civic Art Gallery de Lituania é o derradeiro dos cinco encontros internacionais que arrancaron o pasado 2021 en Cerveira e Tomiño e que se prolongaron ata este 2022 nas diferentes zonas transfronteirizas participantes. O proxecto pretendeu contribuír ao coñecemento da historia e da diversidade da Unión Europea, ademais de promover a cidadanía europea mellorando as condicións de participación cívica e democrática.

A pesar de ser a última reunión prevista polo proxecto, tanto a Eurocidade Cerveira-Tomiño como o resto de entidades e municipios integrantes manifestaron a súa vontade de continuar co traballo iniciado, esforzándose por garantir unha maior cohesión das rexións transfronteirizas da Unión Europea.

A Deputación aposta pola compra de talento innovador de cara á mellora da xestión pública

A Deputación de Pontevedra apura o proceso de Consulta Previa ao Mercado (CPM) para o programa Depoinnova, que se perfila como un macroconcurso de ideas e que agarda financiarse co PERTE de Dixitalización do ciclo da auga e un proceso de Compra Pública de Innovación do Ministerio de Ciencia e Investigación. O propósito é fomentar a innovación como ferramenta clave de desenvolvemento da provincia. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou esta primeira convocatoria dun programa que nace con espírito de continuidade e que xurdiu dun “gran traballo para delimitar as seis áreas que criamos que debían ter respostas innovadoras” para mellorar a xestión pública tanto dende a Deputación como dos concellos. “Imos moi en serio, puxemos isto en marcha porque queremos desenvolvelo”. A xornada contou cunha grande asistencia con máis de 100 especialistas do “ecosistema da innovación” que encheron o Salón de Plenos provincial e que xa están comezando a facer chegar as súas ideas no marco dos retos definidos pola Deputación.

Carmela Silva debullou os seis grandes retos que foron identificados polas equipas técnicas da Administración provincial. O primeiro, a dixitalización do ciclo da auga, nace da necesidade de poñer fin aos problemas existentes “que realmente non son de futuro, senón de presente” coa xestión deste ben natural fundamental. Outro dos retos é a xestión dos residuos e a economía circular, pois “os planetas e as persoas que vivimos nel xa non podemos soportar o modelo antigo, hai que ter respostas para o que está acontecendo e que pon en perigo a propia existencia”, subliñou a Carmela Silva, que lembrou que “a pandemia ten moito que ver con como tratamos ao planeta, polo que debe estar entre as nosas prioridades”. O terceiro reto a resolver é a xestión das infraestruturas provinciais, xa que “son as administracións provinciais as que xestionan a maior parte dos quilómetros que percorren e vertebran o territorio e que son vías de conexión entre diferentes concellos” e que precisan “dunha resposta medioambiental, tecnolóxica, innovadora e intelixente”.

A presidenta da Deputación presentou o cuarto dos retos, a transformación dixital da administración pública, botando a vista atrás e lembrando que “hai sete anos a maioría dos concellos da provincia non tiñan administración electrónica, aínda que había unha lei que obrigaba a tela –remarcou-. Mais era imposible sen recursos e sen medios, polo que foi esta Administración a que o fixo posible”. Pero aínda hai outras cuestións que precisan “propostas innovadoras, ademais de formar á cidadanía para rachar coa fenda dixital”. Depoinnova tamén pon o foco nos programas sociais e de emprego ante o reto demográfico, que sitúa á provincia nun presente cunha “poboación envellecida”, e, para poder atendela, é preciso “contar con elementos tecnolóxicos que dean información, permitan prestar un bo servizo, ter unha atención inmediata, etc.”.

Por último, a Deputación busca levar ao Museo de Pontevedra ao século XXI. Carmela Silva definiuno como “o grande museo de Galicia” e explicou que na actualidade está facendo un importante cambio para que chegue a tecnoloxía. Desta maneira, defendeu o gran valor da “visita presencial, pois é unha marabilla desfrutar coa presencia física do museo” aínda que non esqueceu a necesidade de “democratizar o coñecemento, aproximando o museo ás persoas de diversas formas”, proceso para o que son vitais as novas tecnoloxías.

A prazo para presentar propostas a Depoinnova (a través de www.depo.gal/-/depoinnova) continúa aberto ata o vindeiro 28 de setembro, e Carmela Silva animou a todas as persoas presentes, así como ás empresas, institutos tecnolóxicos, centros de investigación e universidades da provincia e de todo o Estado, a presentar as súas ideas. “Queremos ser unha administración innovadora, incorporar o talento que existe e favorecer o ecosistema tecnolóxico e innovador”, subliñou, ao tempo que incidiu en que “as Administracións teñen o deber e a obriga de liderar o cambio e de non quedar alleas”. “Unha Administración moderna non consiste nunha persoa nun despacho tomando as decisións. Temos que ter unha escoita activa, porque hai moito talento desexando axudar”.

Preto de 200 patinadores de toda Galicia dánse cita na II Fase Categoría Rexional de Patinaxe Artística

0

O Clube de Patinaxe Artística Rosaleira de Mos e a Federación Galega de Patinaxe organizan esta fin de semana a II Fase Categoría Rexional de Patinaxe Artística, que foi presentada esta mañá no salón de Sesións do Concello de Mos polo coordinador de deporte escolar en Vigo, José Manuel Freire Piñeiro, o concelleiro de Deportes de Mos, José Areal, e a coordinadora deportiva do CPA Rosaleira, Beatriz Fernández Bahamonde.

O Pavillón Óscar Pereiro acollerá esta II Fase da Categoría Rexional durante o sábado 17 de setembro e o domingo día 18 en horario de 9.00 horas da mañá a 21.00 horas da noite.

Participarán un total de 175 patinadores e patinadoras procedentes de clubes de toda Galicia e de categorías desde benxamín a categoría absoluta con idades comprendidas desde os 6/7 anos ata os 19/20 anos.

Con esta II Fase Rexional a patinaxe artística mosense e galega continúa a súa tempada deportiva tras o descanso estival con moita forza e ganas.

O baloncesto máis solidario toma as rúas de Ponteareas

O baloncesto volve esta fin de semana a Ponteareas. Concello e Club Baloncesto Condado organizan este sábado 17 de setembro unha nova edición do ‘Basket na rúa 3×3’, unha modalidade que garante a disputa dun mínimo de 6 partidos a cada equipo e unha tarde de lecer e deporte ao aire libre para o  público asistente.

O torneo celebrarase a partir das 16.00 horas na Praza Maior de Ponteareas. Cada equipo debe ter un máximo de 5 compoñentes que deben vestir camisetas da mesma cor durante os encontros. A inscrición será por rigorosa orde de chegada e estará limitada nun principio a un máximo de 16 equipos. Os grupos da categoría senior-junior deberán abonar unha cota de inscrición de 20 euros, mentres que para as infantil-cadete e minibasket-benxamin será de balde.

Ademais, a competición sacará a cara máis solidaria de todas as persoas participantes, xa que cada un dos integrantes dos equipos deberá doar un produto de primeira necesidade, como leite, cacao, botes de legumes, produtos de hixiene… Todo o recadado irá destinado á asociación Ponte Solidario.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, anima a todas e todos os afeccionados a este deporte a participar nesta xornada de baloncesto “na que deporte, lecer e solidariedade danse unha vez máis a man. É un orgullo poder participar e colaborar en iniciativas cun calado social tan relevante”.

O Club Baloncesto Condado ten habilitado o número de teléfono 670 969 826 para resolver posibles dúbidas ou cuestións relacionadas co torneo. Os equipos interesados en participar poderán inscribirse a través dun formulario en liña ata o vindeiro venres 16 de setembro ás 23.59 horas.

A Capitanía Marítima de Baiona acolle a exposición da artista Laine Villero “Negros Americanos”

0

A pintora e ilustradora Laine Villero presenta a súa colección “Negros Americanos”.

Licenciada en Administración de Empresas, pintora e ilustradora, a venezolana radicada en Nigrán, plasma sobre lenzo ou calquera superficie retratos, paisaxes, figuras, liñas urbanas ou movemento dentro dunha ampla gama de estilos, técnicas e materiais (óleo, impasto, acuarela, acrílico). Recentemente gañadora do Concurso de Pintura Camelias “VERANO EN VIGO” membro do grupo Galeoska, Traballa co grupo de Fusión de Arte Solaina como ilustradora de varios traballos, entre eles, “Dedas”, Un “Paseo Por Nigrán”,  “Un Paseo por Baiona” , etc…

“Negros Americanos” é o reflexo cultural que proxecta un estado íntimo cun temática transversal que nos mergulla na arte dos negros americanos a través de seis obras realizadas con moita forza, nostalxia, e paixón.

Cada representación visual das obras reflicten momentos ambientados nos anos 70 e 80 de Nova York.

Poderase gozar desta exposición na capitanía marítima de Baiona este venres 16 de setembro a partir das 18:30 horas e ata o 30 de setembro en horario de 18:00 a 21:00 horas de mércores a vernes. Os sábados e domingos de 12:00 a 14:00 horas.

Covelo abre a inscrición para o curso de informática e internet aplicado ás explotacións do medio rural

0

O goberno de Covelo informa da celebración dun curso de informática e internet aplicado ás explotacións do medio rural. O curso celebrarase os vindeiros 22, 23, 29 e 30 de setembro e e o 6 de outubro en horario de 16:30 a 20:30 na biblioteca pública municipal de Covelo.

As inscricións deberán formalizarse no número de teléfono do do Concello de Covelo 986650027 (ext. 4) ou 986594033 de luns a venres de 8.00 h a 14.00 h.

O curso, que será de balde para os/as participantes, atenderá a un máximo de quince participantes en situación de desemprego ou traballadores/as en activo.

Esta é unha iniciativa do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación realizado en colaboración co Concello de Covelo.

O Rosal únese para que o lixo non chegue ao mar

0

Fomentar a conservación do patrimonio natural do Camiño de Santiago implicando á poboación, a peregrinos e peregrinas, ao tecido asociativo e a diversas entidades. Ese é obxectivo de ‘Stop and help! Que o lixo non chegue ao mar’, un proxecto impulsado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e que, en colaboración coa Asociación A Jalleira e co Concello, chega este domingo 18 ao Rosal cunha xornada de limpeza de lixo mariño na praia de Portecelo.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima aos rosaleiros a participar nesta iniciativa, coa que “todas e todos podemos achegar o noso gran de area para acabar cun problema que afecta a toda a poboación. Será seguro unha xornada de limpeza pero tamén de convivencia, aprendizaxe e concienciación sobre como protexer e coidar os nosos mares e océanos”. 

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden xa inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected] o a través do teléfono 606 128 293.

A iniciativa, que percorrerá outros concellos da comarca, rematará cunha intervención artística final con parte dos refugallos retirados a cargo de reputadas personalidades do mundo da arte contemporánea galega, expertas no eido das intervencións arte-natureza, como Carme Hermo ou Antón Sobral. O resultado final exporase no centro de visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia coa finalidade de servir de memoria viva na loita contra os lixos mariños e as súas consecuencias sobre o medio ambiente.

Grande éxito de participación nos concursos ecuestre e canino da XIV Feira Tradicional dos Remedios

A Feira Tradicional dos Remedios celebrou a pasada fin de semana a súa décimo cuarta edición recuperando a mostra de gando na Feira Vella e poñendo en valor as especies animais autóctonas. Durante toda a xornada as e os visitantes puideron gozar coa presenza de exemplares de vaca rubia galega e de vaca cachena, de galiña piñeira e galiña de Mos ou de porco celta, entre outros. Unha mostra que se completou coa celebración dos primeiros concursos morfolóxicos ecuestre e canino que acolleron unha gran presenza de público e participantes.

No concurso oficial de eguas de Pura Raza Galega a gañadora foi Fonteíña II, de Carlota Fontenla, da Estrada, que quedou en primeira posición por diante de Pichi, de Alfonso Vázquez de Teixeiro, e de Mora, de Nohara Alejandra Puso, de Tomiño. Na categoría de sementais Alfonso Vázquez volveu repetir podio co seu primeiro posto para Comanche e terceiro para Campero de Esteiro, mentres que o segundo clasificado foi Chocolate FR, de Brais Laya, da Estrada.

Emocionante tamén o concurso morfolóxico de cans de palleiro, no que as e os exemplares participantes disputábanse un oco nalgunha das catro categorías establecidas, así como o título de Can do Día, que foi para Narco de Laracha, de Francisco Ponte, que repetiría como gañador masculino e absoluto na clase aberta, de exemplares de máis de 18 anos e confirmados como aptos para a reprodución. A raíña da categoría feminina nesta clase foi Aine, de Sergio A. García.

Na clase Moi cachorros (de 3 a 6 meses) Ceo, de Mercedes Lago, quedou en primeira posición na categoría masculina e absoluta, mentres que Xesta, de Iria Grandal foi a primeira clasificada feminina. E Lor de Aveal, de Joaquín Fernández facíase co título de mellor macho e absoluto na clase Xóvenes (de 9 a 18 meses), na que Xesta da Pardiñeira, de Mª Mercedes Seoane quedaba como primeira da categoría feminina.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, salientou que estas iniciativas “serven para achegar o noso gran de area na recuperación e posta en valor das nosas especies autóctonas, algunhas delas unhas grandes descoñecidas para a xente”.

O edil agradeceu á Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega, ao Club Can de Palleiro e a todas e todos os participantes o seu esforzo e implicación, así como ao público a súa asistencia e o seu interese.

O Concello de Baiona reorganiza as súas áreas de goberno coa entrada da nova concelleira Andrea Pérez González

0

Andrea Pérez González será mañá oficialmente concelleira do Equipo de Goberno do Concello de Baiona. A toma de posesión producirase este xoves, 15 de setembro, no pleno ordinario convocado ás doce da mañá.

Tras a marcha do Concelleiro de Urbanismo, Victor Muñoz Aciñeiras, por cuestións laborais, Pérez González entra no consistorio como titular da Concellería de Deportes, Comercio e  Mercado.

Coa incorporación da nova edila, o alcalde reorganizou as áreas de goberno. Con este cambio, o primeiro tenente de alcalde de Baiona, Óscar Martínez Álvarez, modifica parte das súas responsabilidades, pasando a ocuparse tamén da área de urbanismo. Deste xeito, Martínez quedará á fronte da Concellería de Urbanismo, Vías e Obras, Iluminación Pública e Seguridade Cidadá. Tamén verá modificadas as súas responsabilidades Miriam Costas Iriarte, que pasará a área de Deportes á nova concelleira, co que pasará a estar ao cargo en exclusiva da Concellería de Cultura.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, dá a benvida á nova concelleira do equipo de Goberno  e destaca que “asumir estas responsabilidades nos últimos  nove meses desta lexislatura é todo un reto, tanto para ela como para o grupo de goberno,  pero que ao mesmo tempo, estou convencido de que coas súas capacidades e co seu compromiso vai poder asumir a súa tarefas sen ningún tipo de problema”. 

O resto de concellerías non van experimentar cambios, polo que o equipo de Goberno do Concello de Baiona quedará da seguinte forma, tras o pleno de mañá:

  • Concellería de Turismo, Vivenda e Mar: Carlos Gómez Prado, Alcalde.
  • Concellería de Urbanismo, Vías e Obras, Alumeado público e Seguridade Cidadá: Óscar Martínez Álvarez, Primeiro Tenente de Alcalde.
  • Concellería de Facenda, Organización e Recursos Humanos: Luis Carlos de la Peña Arizaga, Segundo Tenente de Alcalde.
  • Concellería de Medio Ambiente e Participación Cidadá: Iago Pereira Moreda, Terceiro Tenente de Alcalde.
  • Concellería de Medio Ambiente e Parroquias: Rosa María Domínguez Roda.
  • Concellería de Servizos Sociais, Mobilidade e Accesibilidade: Concepción Vara Rodríguez.
  • Concellería de Cultura: Miriam Costas Iriarte.
  • Concellería de Deportes, Comercio Y Mercado: Andrea Pérez González.
  • Concellería de Educación e Emprego: Ósacar Carreño Miniño.
  • Concellería de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías: Yasmina Moreira Costas

Ponteareas promove deporte e saúde a través da marcha nórdica

O Concello de Ponteareas organiza neste último trimestre do ano unha serie de xornadas técnicas de marcha nórdica, o deporte recomendado por todo o que achega á saúde de cada persoa independentemente da súa idade. “Esta disciplina non parou de gañar popularidade nos últimos tempos e numerosos estudos revelan os seus grandes beneficios para a saúde, xa que pon en funcionamento o 90% da musculatura corporal, uns 600 músculos, superando incluso á natación”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Este curso de iniciación á marcha nórdica arrancará esta semana con dúas xornadas técnicas na Casa Cultural de Areas, unha o sábado 17 ás 17.30 horas e outra o domingo 18 ás 10.00 horas. A formación rematará cunha ruta que se celebrará o vindeiro sábado 24 de setembro ás 17.00 horas na propia parroquia de Areas.

A actividade será de balde con inscrición previa ata completar o grupo máximo de 20 persoas, aos que se lles proporcionará os bastóns específicos empregados nesta disciplina. Todas e todos aqueles interesados en participar poden reservar xa a súa praza a través do teléfono 682 101 445.

As xornadas técnicas completaranse ademais con novas actividades relacionadas, como unha charla informativa no centro de saúde o vindeiro mes de outubro “para achegar os beneficios deste deporte a toda a veciñanza en xeral” ou unhas novas xornadas con ruta final na parroquia de Arcos durante o mes de novembro.

A Eurocidade Tui-Valença convértese na capital europea da mobilidade autónoma coa presentación do proxecto 5G-MOBIX

A Eurocidade Tui-Valença converteuse hoxe na capital europea da mobilidade conectada coa presentación do proxecto 5G-Mobix. Así o destacou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen sinalou o idóneo deste territorio para acoller esta presentación tendo en conta que é o lugar de maior tránsito transfronteirizo da península, e que une dous polos de gran actividade coma é a franxa atlántica de Galicia e o norte de Portugal. 

Enrique Cabaleiro, na súa intervención tanto no Teatro Municipal coma a carón da vella Ponte Internacional, agradeceu ao CTAG ter elixido a Eurocidade coma sede deste proxecto e máis concretamente “un lugar emblemático coma a vella Ponte Internacional”.

O alcalde de Tui lembrou que xa trasladaron aos responsables do CTAG o interese da Eurocidade neste vehículo autónomo para mellorar a comunicación dos dous centros urbanos . Nese senso avanzaba que a través de fondo europeos “imos tratar de optar a este proxecto” porque dicía “sería unha magnífica oportunidade, en aras de mellorar a mobilidade entre Valença e Tui, e sobre todo tamén en termos de economía social e eficiencia enerxética, dispor dun vehículo autónomo que funcionase de forma seguida e conectase os centros urbanos de Valença e Tui”.

A vicepresidenta da Cámara de Valença, Ana Paula Xavier, amosou o seu agradecemento porque este territorio fose elixido para este proxecto, salientando o seu dinamismo poboacional e empresarial. unha aposta clara pola cooperación no territorio transfronteirizo máis dinámico do país.

Francisco Sánchez, director de Electrónica e Sistemas Intelixentes de Transporte do CTAG, explicaba esta mañá que a tecnoloxía 5G será a clave para a mobilidade autónoma permitindo que sexa máis segura e eficiente. 

Engadía coma hoxe amósanse os resultados principais deste proxecto e de coma a tecnoloxía 5G permite informar ao vehículo autónomo da presenza de peón ou permitir o control remoto do mesmo. 

O vehículo autónomo do CTAG, con capacidade para 12 persoas e unha velocidade máxima de 40 km/h, circulou hoxe pola vella Ponte Internacional, amosando as distintas situacións que na condución se poden dar coma a presenza dun peón ou dun obstáculo, aos que fai fronte grazas á tecnoloxía 5G, e que permite tamén no caso de ser preciso realizar unha condución remota do mesmo.

Os peregrinos de Menela inician a última andaina a Santiago de Compostela

0

Hoxe os rapaces do Centro de adultos Castro Navás volven a sentirse como peregrinos ante o inicio, este luns 19, das cinco etapas que separan Pontevedra de Santiago de Compostela, onde chegarán o venres 23 de setembro. Por este motivo, a Fundación Menela, na súa sede de Castro-Navás (Priegue) presentou esta mañá a terceira e derradeira edición do proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’, unha iniciativa que se enmarca dentro do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia para a dinamización do Xacobeo 21-22 e que conta, un ano máis, có apoio e colaboración do Concello de Nigrán.

Xacobeo Autismo. Un camiño de todos preséntase como unha reedición do proxecto executado ao abeiro das dúas anteriores convocatorias do programa ‘O teu Xacobeo’. Nelas un grupo de 20 rapaces e rapazas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do Centro de Día e Residencial Castro Navás, do que é titular Fundación Menela, realizaron o Camiño de Santiago na súa variante do Camiño Portugués da Costa de A Guarda a Nigrán, 2019, e de Nigrán a Pontevedra, 2021. Agora será o culme ao comprender a parte final de Pontevedra a Santiago . A mellora da accesibilidade cognitiva mediante a colocación de pictogramas nos Concellos de paso, albergues e Centros de Saúde, e o agradecemento e recoñecemento o labor que desenvolveron os profesionais da Área Sanitaria de Vigo durante a pandemia vivida por mor da COVID-19, foron accións que enriqueceron o proxecto.

“Autismo, Inclusión, Diversidade, Participación, Accesibilidade e Visibilidade” son as palabras que, sen dúbida, mellor definen o proxecto, según o director xeral da Fundación Menela, Cipriano L. Jiménez Casas, quen tamén destaca os valores de esforzo e superación de cada unha das persoas que participa neste proxecto, así como o goce dunha experiencia compartida como a que se vive durante o Camiño.

“É unha alegría e unha honra para Nigrán ter un centro coma Menela no seu municipio e que se preocupe e teña a sensibilidade por facer o Camiño Portugués pola Costa accesible a todos os peregrinos. Nesta edición acadarán a meta de Santiago pero saben que o ano que ven o Concello colaborará con calquera outro proxecto que contribúa a construír o ‘Nigrán para todos’ polo que traballamos”, indicou o alcalde, Juan González. Pola súa banda, o director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa Montenegro, destacou a importancia de que sintan o Camiño tamén como seu e que, precisamente, poidan contribuír a mellorar a súa accesibilidade e a visibilizar o TEA ante a sociedade.

Pola súa banda, Adrián Vázquez Prol, usuario de Menela e quen participou nas derradeiras edicións, destacou como o máis positivo a posibilidade de durmir en albergues e nas súas literas, compartir momentos con outros peregrinos  de toda Europa e, especialmente, coa rapazada dos colexios que os acompañou  nas diferentes etapas. “Hoxe sentímonos ledos por poder seguir sumando experiencias”, resumíu ante o aplauso dos seus compañeiros.

Esta terceira edición transcorre por cinco etapas que enlazan as cidades de Pontevedra e Santiago de Compostela entre os días 19 e 23 de setembro de 2022; Barro, Caldas de Reis, Padrón e O Milladoiro serán os nosos puntos de pernocta.  Unha peregrinación na que irán acompañados polos seus monitores e monitoras, compañeiros de viaxe e, sen dúbida, os mellores apoios que poden ter para gozar da experiencia, emocións e os valores humanos e sociais, culturais e espirituais do Camiño.

Ao abeiro do programa desenvolvéronse outras accións complementarias que o enriquecen e o enchen de valor. Alumnos do ciclo de Servizos Socioculturais á Comunidade do CIFP A Xunqueira de Pontevedra, e do CIFP Compostela de Santiago de Compostela, nos acompañarán na saída desde Pontevedra e na chegada a Santiago de Compostela, respectivamente. Asemade, no marco desta experiencia, Fundación Menela contribuirá a construción dunha sociedade máis igualitaria para todos mellorando a accesibilidade do Camiño de Santiago. Nesta edición colocará pictogramas, apoios visuais que facilitan a comprensión do entorno a persoas con TEA e outras dificultades de comunicación, nas estancias do Albergue Milladoiro, Albergue A Queimada en Caldas de Reis e na Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón.

O Concello de Mos incumpriu as bases do Plan Concellos cun cartel propagandístico

0

A colocación dun cartel propagandístico por parte do Concello de Mos sobre as inminentes obras da senda peonil do Foxo Vello, na parroquia de Pereiras, aproveitando a celebración das festas da parroquia pon en risco a subvención de 406.926,42 euros solicitada ao abeiro da convocatoria do Plan Concellos 2022-23. O cartel omite que as obras están financiadas ao 100 % pola Deputación. A alcaldesa, Nidia Arévalo, vén de recibir unha carta asinada pola xefa do servizo provincial de Cooperación, e instrutora do expediente administrativo da subvención, cun recordatorio da obriga do Concello de cumprir as bases, así como das posibles consecuencias do contrario.

A presencia do valado promocional, de grandes dimensións, está acreditada, cando menos, entre o 9 e o 12 deste mes no torreiro das festas da parroquia de Pereiras coincidindo coas festas do Libramento. Baixo un gran escudo e o nome do Concello de Mos aparece unha infografía sobre o aspecto final da obra. O texto reflicte: “Próxima actuación. Senda do Foxo Vello en Pereiras. Importe total proxecto: 406.926,42 euros”, cantidade coincidente coa subvención solicitada á Deputación. A obra, cuxa licitación, corresponde ao concello  está a piques de seren adxudicada. A achega provincial repártese entre 154.603,67 euros na anualidade de 2022 e os restantes 252.322,75 euros na de 2023. A pesar de achegar o 100% do importe, non hai mención algunha á Deputación.

O deputado de Cooperación Santos Héctor lamenta un comportamento que só pode cualificarse como “unha absoluta deslealdade institucional” e lamenta, ademais, que o valado fose montado “con nocturnidade e alevosía”. “Está claro que houbo mala fe porque é un cartel encargado e instalado para que o vise a xente da parroquia e do resto do municipio que foi  ao Libramento, dado que está colocado nun lugar protagonista en pleno recinto festivo”.

A base  18ª do Plan Concellos 2022-23 obriga aos concellos beneficiarios a dar a adecuada publicidade ao financiamento por parte da Deputación das actuacións subvencionadas. No punto b) concreta a obriga de “facer constar en todas as accións de comunicación ou publicidade (carteis, folletos, programas, placas, cartas ou páxina web, entre outras) o apoio que dá a Deputación. Isto farase mediante a inclusión do seu logotipo nun lugar visible”. Ademais, a base 21, no seu punto primeiro “faculta á Deputación a comprobar “en calquera momento” que se fixo a publicidade da subvención concedida nos termos previstos nas bases e, de non ser así, non procederá ao libramento”.

“Tendo constancia de que se colocou un cartel sen a debida publicidade do financiamento da Deputación é a miña obriga advertirlle para que inicien as medidas necesarias para a subsanación desta omisión da colaboración da Deputación de Pontevedra, de forma que procuren que en todas as accións de comunicación que se realicen se faga constar expresamente a subvención concedida pola Deputación”, apunta a xefa do servizo de Cooperación na carta á alcaldesa.

Santos Héctor lamenta que se produzan este tipo de comportamentos “cunha Administración provincial tan municipalista, aberta e transparente como é esta Deputación, que achega importantísimos recursos a tódolos concellos da provincia, sempre en base a criterios regrados e sen ningún tipo de discrecionalidade política”. A este respecto destacou que Mos ten recibido máis de 11,2 millóns de euros dende 2016 ata a actualidade dos que case 7,5 millóns corresponden ás achegas dos sucesivos Plan Concellos cos que se financiou máis dunha trintena de obras. De feito con cargo á convocatoria bianual 2022-23 están solicitadas, ademais da senda do Foxo Vello en Pereiras, a nova beirarrúa dende o Centro Cultural de Guizán ao Cruce do Moreno (657.456 euros), a mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na estrada Mos-Puxeiros (133.963 euros) e a mellora da seguridade na estrada da Vía (parroquias de Tameiga, Dornelas e Torroso), con outros 354.929 euros.

O Concello de Covelo realizará obras de mellora no cemiterio municipal de San Salvador de Prado

0

O Concello de Covelo procederá á realización de obras de mellora no cemiterio municipal de San Salvador de Prado, así o informou o seu alcalde, Pablo Castillo. O cemiterio, ubicado no lugar da Costiña en As Cabazas foi construído en 1880 e no ano 1990 incorporou un panteón central en altura, entre outras reformas. Na actualidade, e froito do desgaste do paso do tempo, cairon algunhas das pezas de granito que estaban fixadas no panteón central, motivo polo que o Concello de Covelo procederá a súa substitución nas vindeiras semanas.

Co obxectivo de mellorar a seguridade no camposanto e evitar unha maior degradación, o Concello de Covelo executará obras por valor de 6.997,61€ financidadas con fondos propios permitindo unha mellora continua dos servizos públicos municipais.

O Concello intervirá no panteón central, de 13,50 m de largo x 5,10 m de profundidade, reparando o acabado exterior, mediante rexuntado entre pezas con morteiro hidrófugo, subministro e colocación de pezas de granito, similares ás existentes.

Abertas as inscricións para o IX Trail do Trega

0

Dende este mércores día 14 de setembro están xa abertas as inscricións para a IX edición do Trail do Trega, a proba deportiva que forma parte da Pontevedra Trail League e que este ano celebrarase o domingo 20 de novembro, contando co apoio do Concello da Guarda e das Comunidades de Montes.

Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes do Concello da Guarda, destaca a importancia deste tipo de eventos para a dinamización deportiva da Guarda e da súa comarca, un evento ao que asisten numerosos participantes de toda a xeografía galega e de Portugal, promovendo tamén o turismo e a gastronomía local.

O Trail do Trega é unha proba deportiva xa consolidada e que este ano trae un percorrido de 16 quilómetros cun desnivel positivo de 800 metros, contando coas mellores vistas e entorno natural de Galicia como é o Monte de Santa Trega.

A proba transcorrerá 100% polo monte Trega, un dos lugares máis visitados da xeografía galega. A carreira non ten un desnivel significativo pero o cambio de terreo constante, a orografía, climatoloxía farán que sexa unha proba dura e para a que se necesita unha boa preparación. Establécense 4 categorías de competición: Absoluto (masculino e feminino), Sénior (masculino e feminino), Veteranos 40 (masculino e feminino)  e Veteranos 50 (masculino e feminino).

A organización habilitará dous avituallamentos no percorrido e paralelamente celebrarase unha andaina de 10 quilómetros con guía incluído.

As inscricións xa están abertas a través do seguinte link: https://bit.ly/3S0b7aD e toda a información da carreira se pode consultar na web oficial da proba: www.traildotrega.com.

Os prezos de inscrición serán de:

  • 14 euros do 14 o 18 de setembro de 2022
  • 16 euros do 19 de setembro o 13 de novembro de 2022
  • 18 euros do 14 o 16 de novembro de 2022

A alcaldesa de Ponteareas pide explicacións e urxe á Xunta que dote de persoal o Centro de Saúde

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, vén de dirixirse ao Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia co obxectivo de que visite a localidade para coñecer de primeira man “o caos e a precariedade da atención sanitaria no Centro de Saúde”.

A finalidade, segundo detalla a rexedora, é “concretar as medidas a adoptar para reforzar de xeito inmediato o persoal do Centro de Saúde e PAC de Ponteareas, poñendo dunha vez os recursos precisos para unha sanidade pública de calidade”.

Cristina Fernández Davila lembrou que na actualidade “hai máis de 8.000 veciños e veciñas que non contan con medico nin médica asignada, debendo acudir a urxencias ou a un facultativo diferente cada vez que precisan atención sanitaria ou control dalgunha enfermidade crónica”.

A alcaldesa xa mantivo nos pasados días unha conversa co Xerente da Área Sanitaria de Vigo ante a situación do Centro de Saúde de Ponteareas, e desta despréndese “que as veciñas e veciños do noso municipio seguirán sen contar coa atención que lles corresponde”, sinalou Fernández Davila.

“A situación é insostíbel e non podemos seguir con parches improvisados. O Concello de Ponteareas sempre estará coa man tendida á Xunta, ofrecendo a colaboración que precisen para mellorar a situación actual, pero é necesario que nos dean explicacións e que tomen todas as medidas para rematar definitivamente coa actual situación de colapso da Atención Primaria, que pon en perigo a vida dos nosos veciños”, concluíu a alcaldesa.

Publicadas as bases do II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento e comunicación da violencia machista

0

O Concello de Redondela presentou o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento e comunicación da violencia machista, un certame que busca recoñecer o traballo que realizan os profesionais do xornalismo que, á hora de tratar temas relativos á violencia de xénero, fuxan dos sensacionalismos e salvagarden a intimidade tanto das vítimas coma das súas familias.

A segunda edición deste premio foi presentada na Casa do Concello de Redondela nun acto no que a alcaldesa, Digna Rivas, estivo acompañada de Joshua Mateo –fillo de Sesé Mateo– e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa e no que a rexedora local reafirmou o compromiso do seu Goberno “na loita pola erradicación da lacra que supón a violencia machista en todas as súas manifestacións”. Non se pode acadar a igualdade, engadiu Digna Rivas, “mentres existan mulleres maltratadas e aterrorizadas polas súas parellas”.

Os premios non só buscan ser un recoñecemento ao traballo “profesional e comprometido de homes e mulleres que, a través da súa labor, contribúen a loitar contra un dos peores males da actual sociedade”, senón que tamén queren ser un “permanente recordatorio ás vítimas”.

“Redondela foi sempre un municipio pioneiro en igualdade e referente na loita contra a violencia machista e, coa convocatoria desta II edición, non facemos senón dar outro paso mais no longo camiño da loita por unha sociedade máis xusta, obxectivo que non se pode acadar ata a erradicación da violencia e da desigualdade”, afirmou Digna Rivas.

Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento e comunicación da violencia machista

A segunda edición do Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, dotado con 1.500 euros en metálico, está aberto aos traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados, en medios escritos (diarios, revistas ou medios dixitais acreditados), radio ou televisión, entre o 1 de setembro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e que deberán ser presentados antes do 30 de setembro do 2022.

Os traballos poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, en horario do Rexistro de Entrada (09:00 a 14:00 horas), ou nos lugares que sinala o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entre os cales se atopa a Sede Electrónica do Concello de Redondela.

No caso de non presentar a solicitude no rexistro ou na sede electrónica do Concello de Redondela, a persoa ou entidade aspirante deberá dirixir ao enderezo electrónico: [email protected], e con anterioridade ao remate do prazo, unha copia da solicitude na que conste o rexistro de entrada e a documentación que achegue, para os efectos de que poida ser incluída na relación de persoas ou entidades admitidas.

En calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa ou á entidade participante que achegue información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta valoración da solicitude presentada.

Ao certame poderanse presentar aqueles e aquelas xornalistas, maiores de idade, que asinen noticias cos requisitos sinalados nas bases e tamén poderán presentar propostas e candidaturas os xornais, radios ou televisións. Neste caso, de resultar premiado o traballo, a beneficiaria e quen recibirá o premio será a persoa autora do traballo.

Só se poderá presentar un traballo por persoa. No caso de coexistir un traballo presentado
polo autor e outro ou o mesmo dese autor proposto por calquera entidade, prevalecerá a candidatura do autor, rexeitándose a presentada polo xornal, radio ou televisión,
respectándose así a Lei de propiedade intelectual (RDL 1/1996, do 12 de abril).

Os traballos poderán presentarse en lingua galega ou castelá, pero valorarase con maior puntuación os realizados en lingua galega por ser o seu uso minoritario no ámbito xornalístico e tendo en conta que “Redondela foi sempre pioneiro no uso, potenciación e espallamento da lingua galega”.

As bases ao completo, poden consultarse na ligazón https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2022/08/31/2022055986 no BOPPO nº 166 do 31 de agosto do 2022.

O Concello de Baiona realiza traballos de mellora na Escola de Educación Infantil O Areal

0

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Baiona ultimou nestes días os traballos de mellora nos distintos centros educativos do municipio ante o inicio do ano escolar.

Así, procedeuse a realizar traballos na Escola de Educación Infantil O Areal. Trátase da a construcción dun armario empotrado para almacenamento e organización de material de utilidade para o centro educativo. Unha solicitude realizada pola comunidade escolar que o consistorio non  dubidou en materializar.   Tamén se realizaron arranxos de acondicionamento nas aulas.

A isto hai que sumar as labores de roce e limpeza levadas a cabo polo departamento de Medio Ambiente do Concello de Baiona.

O Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez Álvarez, destaca que  “para ofrecer a mellor educación aos nosos fillos e as nosas fillas, non só se require dispoñer do profesorado preciso e dos medios necesarios para que ninguén quede atrás por cuestións económicas, senón que ademais unha educación de calidade require unhas instalacións acordes, para o que non só é necesario investir en novos colexios e institutos, senón tamén en poñer ao día a rede de centros públicos”.

Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez Prado, lembra que, dentro das competencias municipais en virtude da Lei de Bases de Réxime Local, o Concello de Baiona é o responsable do mantemento dos colexios de cidade, “e precisamente, esa foi unha das prioridades deste Equipo de Goberno, a mellora dos colexios públicos do municipio”. Nesta liña, sinala o alcalde que desde o primeiro orzamento que elaborou este Equipo de Goberno “incluímos partidas de investimento para acometer importantes obras de infraestruturas nestes edificios de titularidade autonómica, pero de mantemento municipal, traballos que se realizan escoitando aos equipos directivos dos centros para priorizar as actuacións máis urxentes e necesarias”.

Volta ao cole con normalidade no Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, acompañaron onte ao xefe territorial de Educación, César Pérez Árez, e aos directores e directoras dos centros educativos do Porriño no acto de inauguración do curso escolar no municipio.

Este ano, o acto realizouse no CEIP da Ribeira, en Torneiros, un centro que acolle a nenos e nenas das parroquias de Torneiros, Chenlo e Pontellas.

“Recuperamos a normalidade nas aulas tras dous anos marcados polas restricións da pandemia, os nenos e nenas poden verse as caras, xogar e abrazarse, con precaucións por suposto, pero poderán volver a ser nenos”, afirmou o alcalde, quen agradeceu aos profesores e profesoras “o enorme traballo que fixestes en momentos tan difíciles, tanto vós como as ANPAS”. “Gracias a vós todo foi máis sinxelo para eles e moito menos traumático”, apuntou.

O rexedor aproveitou para reiterar o apoio do Concello do Porriño aos equipos directivos. “Tedes a nosa man tendida para o que precisedes”, concluíu, “os nosos centros precisan moitas melloras e traballaremos para todas elas se leven a cabo”. Lorenzo quixo poñer en valor o labor da concelleira de Educación, Carolina González, que “compaxina a súa labor de docente coa de concelleira e traballa moi duro para atender todas as necesidades de todos os centros do Porriño, cunha máxima sempre: os nosos nenos e nenas merecen unha educación pública de calidade”.

Éxito de participación nas actividades da Xornada Europea da Cultura Xudía en Tui

0

O domingo 11 de setembro finalizou en Tui o amplo programa de actividades organizado polo Concello tudense para á celebración da Xornadas Europea da Cultura Xudía, con actividades entre o 1 e o 11 de setembro. Arredor de seiscentas persoas teñen asistido a esta programación ao longo destas xornadas destacando a presenza de arredor de 150 participantes tanto na visita nocturna, á luz das candeas, celebrada o venres 2 de setembro coma á visita teatralizada desenvolvida polo conxunto histórico tudense onte, domingo 11 de setembro que foi adiada do anterior domingo debido as previsións meteorolóxicas.

Tamén contou cun número amplo de asistentes, arredor do centenar de persoas, o concerto titulado “Melodías sefardís de sempre” que correu a cargo da cantante e arpista portuguesa, Helena Madeira, que deleitou ao público coa súa potente voz e as canción populares e de orixe sefardí interpretadas na igrexa de San Domingos, onde finalmente tivo lugar o concerto en lugar da Praza do Pracer debido as condición meteorolóxicas.

Tamén estiveron concorridas tanto á presentación da exposición “As familias criptoxudías, entre a diáspora e a asimilación: os Coronel” a cargo do comisario da mesma, o historiador Suso Vila celebrada o xoves 1 de setembro, como a posterior mesa redonda titulada “Anticipando o IV centenario de Francisco Sánchez” na que participaron o xa referido Suso Vila xunto a Rafael Sánchez Bargiela e o médico Rosendo Bugarín González. Igualmente cerca de cincuenta persoas asistiron á conferencia do investigador Elyjah Byrzdett que realizou unha achega xenérica á cultura xudía de grande interese.

Completou a programación as “Xornadas gastronómicas sefardís” onde tanto o Parador de Turismo como o Gastrobar “O trisco do Miño” ofreceron diversas receitas arredor do bacallau. E finalmente a cidade irmá de Valença acolle unha exposición titulada “Diálogos” preparada pola Biblioteca Nacional de Israel e a Red de Juderías de España, que está ao longo do mes de setembro no Paiol de Marte no centro histórico valenciano.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, resulta unha satisfacción comprobar o interese suscitado pola programación da Xornada Europea da Cultura Xudía tanto entre os veciños de Tui como en numerosos visitantes, que en alto número, se achegaron a Tui para asistir a algún destes eventos. Para o rexedor tudense esta programación contribúe moi positivamente á difusión e valorización do patrimonio cultural da nosa cidade onde o legado xudeu posúe especial relevancia.

A integración de Tui na Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad no ano 2019 ten contribuído moi positivamente á difusión  do acervo patrimonial tudense, tanto o ligado á presenza de comunidades xudías como criptoxudías na nosa cidade como o amplo conxunto histórico que atesoura Tui. Integración que queda simbolizada coa placa de bronce descuberta na facha da Casa Consistorial co logotipo desta Red de Juderías e que identifica a Tui como membro desta asociación de municipios.

Nigrán amplía ata o 15 de setembro o prazo de matrícula para o curso ‘Xestión de Almacén e Manexo de Carretilla Elevadora’

0

O Concello de Nigrán amplía ata o 15 de setembro o prazo de inscrición ao curso ‘Xestión de Almacén e Manexo de Carretilla Elevadora’ que comeza o día 19 cunha duración de 138 horas e que está dirixido prioritariamente a mulleres empadroadas en Nigrán e desempregadas. Este inclúe prácticas laborais en empresas. As interesadas deberán presentar o formulario de inscrición no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica, acompañada da documentación pertinente.

Este curso forma parte da formación ofrecida polo Concello a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e grazas ao Programa FORMA-T (destinado prioritariamente a mulleres empadroadas en situación de desemprego).

O programa inclúe, a maiores, as seguintes acción formativas:

  • Mobilización e cambios posturais de persoas dependentes con 20:00 horas de duración. Data de inicio: 26/09/22
  • Necesidades educativas especiais a través do ocio con 25:00 horas de duración. Data de inicio: 03/10/22
  • Administración electrónica con 15:00 horas de duración. Data de inicio: 04/10/22
  • Iniciación á informática con 20:00 horas de duración. Data de inicio: 17/10/22

O prazo de inscrición para cada un rematará 10 días antes do inicio de cada curso. Para mais información poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres no teléfono 986383081 ou no correo electrónico: [email protected].

A Xunta dá comezo ás obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ponteareas

A Xunta iniciou onte as obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ponteareas que suporán un investimento autonómico de máis de 48.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, unha vez asumida a xestión temporal desta terminal e dado o deterioro que presentaban as instalacións, está a executar diferentes actuacións de mellora da infraestrutura.

A intervención abrangue traballos como a apertura de acceso peonil ás dársenas desde a rúa, sen barreiras arquitectónicas.

Tamén se acometerá unha nova rede de saneamento nos baños, en substitución da actual; o reforzo da soleira de soporte na calzada de saída dos autobuses; ou a substitución de bancadas de espera deterioradas.

O proxecto tamén inclúe a reparación da instalación eléctrica da estación, da rede de fontanería ou do lucernario interior.

Ademais procederase ao pintado interior de paramentos verticais, á limpeza da planta inferior da área de intervención e á reparación de papeleiras, tulipas de luminarias e outros elementos deteriorados.

Cómpre lembrar que a Xunta está a xestionar a estación de autobuses de Ponteareas, de forma temporal, mediante un contrato para a explotación e outro para a limpeza.

Dadas as deficiencias que presentaban as instalacións no momento da cesión por parte do Concello, o Goberno galego está a executar estes traballos co fin de mellorar a terminal e ofrecer mellores servizos aos usuarios.

Este contrato temporal de xestión estará en servizo ata que entre a operar o novo concesionario da terminal, que xestionará conxuntamente as estacións de Vigo, de Cambados, de Cangas e de Ponteareas.

O inicio deste contrato está supeditado á apertura da nova estación de autobuses de Vigo, rematada en xullo de 2021 e á espera de que o Concello de Vigo habilite os accesos á estación.

Francisco Álvarez, Koki, presenta a súa última obra na biblioteca municipal do Rosal

0

A literatura tamén ten un oco importante na axenda cultural rosaleira. Este venres 16 de setembro o escritor guardés Francisco Álvarez, Koki, presentará ás 20.00 horas na biblioteca municipal do Rosal a súa última obra, ‘Aldea Buxán’, un libro singular escrito por un emigrante que recorda o eido orixinario e a el retorna coa memoria cada pouco.

Cunha morea de libros ás súas costas, o autor é capaz de transportar ao público lector a esa lingua rica en matices, coloquial, verdadeira, que flúe coa sinxeleza dun regueiro dos montes galegos. Álvarez, escritor e animador cultural, residiu durante moitos anos en Nova York, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para espallar a cultura galega. Xunto a ‘Aldea Buxán’ ten publicado numerosas obras en galego, como o poemario ‘A memoria das palabras’, a novela ‘Ratas en Manhattan’ e os libros infantís ‘Un neno na emigración’ e ‘Vasoiras Barreiro’. Tamén ten obra publicada en castelán e participa habitualmente en libros colectivos sobre a relación dos e das autoras españolas cos Estados Unidos.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a desfrutar desta nova proposta cultural e a mergullarse no mundo literario deste escritor nado comarca. A entrada será de balde con entrada libre ata completar aforo.

Rodrigo Iglesias, novo director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo

Ante a marcha do ata agora director da Banda de Música de Xinzo, Javier Blanco, por motivos profesionais, a agrupación pontareana ten xa novo director. Trátase do vigués Rodrigo Iglesias, quen tomará a batuta da banda ata, como mínimo, finais deste ano. En xaneiro, a Banda de Xinzo abrirá probas para a elección definitiva de director.

Rodrigo Iglesias (Vigo, 1994) conta cun destacado currículo, pois, tras comezar os seus estudos musicais en Valladares, continuou a súa formación como trompetista no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, onde obtivo o premio de Fin de Grao. Pero non sería este o único, pois ao finalizar en 2018 o grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo, volveu ser recoñecido cun galardón similar, o Premio Extraordinario de Fin de Grao Superior. A isto, súmase o seu paso por orquestras tan importantes como a Orquestra Joven da Sinfónica de Galicia ou a Orquestra Joven Leonesa, así como a súa colaboración aínda a día de hoxe noutras como a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Sinfónica de Extremadura. Ademais, traballa como profesor de trompeta en varias escolas de música.

A partir de agora, á súa traxectoria engádese o poñerse a cargo da agrupación pontareana. “Síntome moi agradecido e entusiasmado por esta oportunidade de dirixir a Banda de Música Xuvenil de Xinzo”, asegura Rodrigo, para quen é “un pracer tomar a batuta dunha agrupación que conta cun gran nivel e unha traxectoria impecable”.

Co seu novo director ao mando, a Banda de Xinzo céntrase xa na próxima gran cita: o concerto anual en honra a Santa Icía, que terá lugar a finais de novembro.

Presentado o Plan de Acción da Axenda Urbana a través da Radio Municipal de Tui

0

Para chegar a toda a cidadanía posible o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presentou o Plan de Acción da Axenda Urbana de Tui nun especial radiofónico aberto ao público. No encontro celebrado na sala de exposicións do edificio Francisco Sánchez, antiga Área Panorámica, asistiron e participaron o equipo de goberno, o urbanista e planificador de estratexias Luciano Alfaya, responsable da diagnose; Jesús Irisarri, arquitecto e profesor de proxecto na ETSA de A Coruña; María Ferreirós, arquitecta técnica responsable do ARI de Tui, Sonia de Gregorio, profesora de urbanismo na Politécnica de Madrid e redactora do contido da Axenda Urbana Española; Miriam García, profesora de urbanismo en Barcelona, experta en medioambiente e transformacións verdes, coautora da proposta gañadora para o fronte fluvial de Tui, e Antonio Paz, economista e redactor do Plan de Acción de Tui.

Neste espazo a través das ondas da Radio Municipal de Tui o alcalde trasladou á cidadanía os tres grandes retos da estratexia de crecemento dos vindeiros dez anos.

Por un lado Tui apostará pola revitalización da cidade histórica e a súa contorna con accións de dinamización e modernización do comercio, humanizacións do centro urbano, melloras de accesibilidade, impulso da vivenda social, creación de bolsas de vivenda, fomento do emprego, recuperación de edificios municipais e melloras de eficiencia enerxética, entre outras moitas accións como a implantación da Smart City ou o impulso da economía de coidados. Outro dos retos de Tui é traballar no reequilibrio territorial a través da mellora de servizos nas parroquias e a protección medioambiental conectando os ríos co Aloia creando eixos verdes e fomentando os usos agrícolas aproveitando a fertilidade das terras de Tui. O reforzo do papel transfronteirizo dende a innovación económica é o terceiro dos retos apostando por un espazo intermodal de intercambio internacional de todo tipo de transportes, promovendo e fortalecendo as relacións socio-económicas con Valença e norte de Portugal e posicionándose como referente da innovación como motor económico.

Cabaleiro destacou a singularidade de Tui que como concello cabeceira de comarca debe planificar para un conxunto de poboación que vai moito máis alá do seu territorio dando servizos e sendo referente dos concellos da contorna e do outro lado da Raia.

Os e as arquitectas e urbanistas participantes coincidiron en salientar a riqueza de Tui e a súa singularidade, ademais da importancia xeográfica, cultural, patrimonial e paisaxística que ten a cidade.

Pola súa riqueza histórica e patrimonial, por ser un referente a nivel turístico e pola súa situación xeográfica, o Concello de Tui é un punto estratéxico que debe medrar planificando non só para a mellora do día a día da súa cidadanía, tamén para acoller á toda a poboación que no seu día a día interactúa coa cidade e para aqueles que a visitan.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.

A Axenda Urbana de Tui conta cunha páxina web propia da estratexia https://axendaurbanatui.gal/.

Arranca en Baiona o curso formativo “Galegas Dixitais” para mulleres

0

A acción formativa “Galegas Dixitais”, un programa de formación para a dixitalización das mulleres, coa que colabora a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona comenzou esta mañá no centro multiusos Ángel Bedriñana.

 O programa , organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación, está  financiado polos Fondos europeos Next Generation EU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional. O principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situacion de desemprego ou en mellora de emprego . Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero .

A formación está agrupada nos seguintes bloques temáticos:

  • Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración

O programa desenvolverase dende o luns 12 de setembro ata o 21 de outubro de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas . Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán por en práctica o aprendido.

A vendima na finca do Castelo de Soutomaior desborda as previsións inciais de recollida de uva

A vendima na finca do Castelo de Soutomaior desbordou esta pasada fin de semana todas as previsións, coa recollida dun total de 18.651 quilos de uva, cifra que supera amplamente os 12.000 quilos estimados inicialmente e que supón a mellor colleita desde o ano 2015. Vinte persoas participaron nestes traballos desenvolvidos o pasado venres 9 e o sábado da man da empresa Enoturismo Acha, que resultara adxudicataria da poxa aberta pola Deputación para a colleita nas catro hectáreas de viñedos.

A meirande parte da colleita é de uva albariña, con 16.201 quilos, e o resto corresponde á variedade de godello (2.450 quilos).  Na poxa, a firma adxudicataria ofertara un prezo de 2,70€ por quilo de uva albariña e de 1,04€ para o resto de variedades.

A deste ano convértese na mellor colleita desde que a Deputación implantou o sistema de poxa para a vendima e explotación da uva da finca do Castelo, superando por exemplo de longo a cifra acadada no 2018, con 17.754 quilos recollidos, e tamén a do pasado ano 2021, con 16.827 quilos.   

Os viñedos do Castelo de Soutomaior foron plantados nos anos 80 e esténdese por 4 hectáreas. A explotación distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmicos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente, o que fai que as producións non sexan moi altas. A uva é autóctona, na súa maioría albariño, habendo outras variedades tanto brancas (godello, torrontés, loureiro e treixadura) como tintas (mencía e sousón).

A fin de semana sáldase con catro detidos no Porriño

A Policía Local do Porriño informou da detención de catro persoas esta fin de semana no Porriño.  

A primeira actuación policial desenvolveuse na noite do sábado 10 de setembro. Ás 5:25 h unha patrulla da Garda Civil solicitaba a colaboración dos axentes tras saltar a alarma de roubo nun céntrico establecemento da vila. Unha vez no lugar, compobaron as imaxes dos presuntos autores dos feitos nas cámaras de seguridade. Nelas distinguíase claramente a tres mozos dunhas características moi concretas, dos que ademais se tiña constancia de que intentaran abrir vehículos estacionados na vía pública en outra ocasión.

Tras montar un dispositivo conxunto coa Garda Civil de vixilancia estreita no centro urbano, localizaron a un dos mozos nas proximidades do pavillón municipal e, minutos máis tarde, a outros dous escondidos baixo dous turismos. Por todo isto, procederon á detención destas tres persoas por un presunto delito de Roubo con forza nas cousas, cuxas penas oscilan entre 1 e 3 anos de prisión.

A segunda intervención tivo lugar o domingo pola tarde nun dos Polígonos Residenciais de Torneiros. Unha persoa foi detida pola presunta comisión dun Delito de furto, tras subtraer a un veciño pertenzas por valor de 1050 euros. A vítima, denunciou que se olvidara nas escaleiras da súa vivenda un ordenador portátil e unha cazadora e que ao ir buscalo non estaba. O home viu sair a unha persoa cargada con bolsas cara un vehículo e, tras preguntarlle, este negou ter algo que ver co roubo, polo que alertou á policía. Tras personarse no lugar localizaron no interior dun turismo o material roubado.

O asociacionismo guardés, máis vivo ca nunca

0

Este ano 2022 o movemento asociativo da Guarda retomou con moita forza e ilusión a súa festa asociativa tras dous anos do descanso obrigatorio imposto pola pandemia.

Na xornada do pasado sábado día 10 de setembro as asociacións e colectivos deportivos, culturais e sociais da Guarda voltaron á rúa para participar na IV edición da Mostra asociativa.

A IV edición da Mostra Asociativa arrancou ás 15:30 horas na Praza Avelino Vicente coa Performance de Trans Miño e actuación de Asociación Studio 88, seguido dunha actuación musical e de baile conxunta entre o Coro Arpegios Cantábile, Na Revolta, Xamaraina e Vento Mareiro.

A Asociación Alfombras da Guarda continuaba a programación cunha entretida peza teatral na que tamén colaborou Coiro Vello, para proseguir a Asociación FOCO cunha Performance da rapazada do Proxecto Axentes Antibulos.

A Exhibición de Baile e Danza do grupo Dansá do CD Baixo Miño congregou a moito público para dar paso á derradeira actividade desta edición, a V edición da Carreira de Carrilanas organizada pola Festa das Mercedes da Gándara, unha proba que este ano trasladouse ata o casco urbano e que contou coa participación dun total de 11 bólidos e 6 driftrikes, ademais dunha afluencia de espectadores moi significativa, con milleiros de persoas que se congregaron ao longo da Rúa Concepción Arenal para presenciar esta proba.

En palabras de Fátima Rodríguez, Concelleira de Desenvolvemento Local, “A IV Mostra Asociativa, coa participación de 28 stands de colectivos guardeses, sirve para que as entidades poidan expor parte do seu traballo e ensinen e divulguen as súas accións e actividades.” Este ano contouse cunha ampla programación con de actividades diversas como xogos(interactivos, tradicionais…), obradoiros de nós, chapas, probas de remo ergómetro, sorteos, …

Esta edición da Mostra Asociativa, que xa se consolida no calendario anual de eventos, ven a por de manifesto unha vez máis que o municipio brilla coa presenza de moitas das entidades que dia a día realizan actividades, idean proxectos e prestan apoio, para facer da Guarda un lugar máis cooperativo, participativo e dinámico.

Aventuras, convivencia e diversión encheron o verán da ludoteca municipal de Ponteareas

Co inicio do curso, a ludoteca municipal de Ponteareas puxo xa punto e final a todo un verán cheo de aventuras, deporte, amizades e convivencia. Dous meses con actividades “pensadas para ofrecer a nenos e nenas de 6 a 12 anos un lecer lúdico, divertido e educativo no que rapazas e rapaces aproveitaron as vacacións estivais para aprender xogando”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

Acompañados sempre por un monitor, durante xullo e agosto a ludoteca organizou numerosas saídas e actividades, tanto dentro das instalacións municipais como fóra. Así, nenos e nenas alternaron actividades como xogos de pelota ou de mesa, paracaídas, xogos de auga, manualidades, clases de repostería, pilates ou a busca do tesouro con excursións nas que visitaron, por exemplo, todos os parques de Ponteareas a través de xincanas, rastrexos e grandes xogos. Tamén coñeceron máis a vila e a súa tradición de Corpus coa visita ao Museo a Ceo Aberto, desfrutaron da Freixa ou achegáronse aos cabalos visitando Hípica Char.

As saídas levaron ás e aos participantes a coñecer tamén os concellos da contorna, con excursión a Mondariz e Mondariz Balneario ou ás termas e ao Parque da Canuda en Salvaterra de Miño. “A través da ludoteca achegamos unha oferta lúdica moi variada na que os nenos e nenas son os propios protagonistas, cunha atención personalizada e de calidade onde o benestar da infancia é o fundamental”, asegura a edil.

E tras a época estival, a ludoteca xa está a preparar as actividades para este curso 2022/2023, que comezarán o vindeiro luns 3 de outubro. Serán dúas horas en horario de tarde con actividades destinadas a nenos e nenas de 6 a 12 anos e unha cota de 14,64 euros ao mes. As familias interesadas teñen ata o vindeiro 30 de setembro para matricular aos cativos.

Nigrán continúa coa instalación de marquesinas 100 % accesibles

0

O Concello de Nigrán continúa coa instalación de marquesinas de espera de transporte público 100 % accesibles e non discriminatorias, cumplindo así co seu proxecto global de ‘Un Nigrán para todos’. Cun investimento de 10.000 €, engadíronse dúas novas unidades ubicadas en puntos onde non existía refuxio algún e demandaba a cidadanía para agardar o transporte público na Avenida Portugal en Xunqueira e en Estrada pola Vía enfrente Nova Biblioteca Pública Municipal.

A particularidade delas é que contan con asentos isquiáticos, estes permiten o descanso nunha posición semisentada e axudan a recobrar a posición erguida fácilmente, sendo especialmente indicados para persoas maiores ou con algunha discapacidade física. Estas comezaron a instalarse desde o ano 2019 en Patos, Manuel Lemos, Avda.Val Miñor, ou no cruce da Areíña. “Apostamos por marquesinas destas características porque forman parte dese ‘Nigrán para todos’ que temos sempre como obxectivo, aspectos tan sinxelos como os asentos isquiáticos facilitan enormemente o día a día de moitas persoas”, explica o alcalde, Juan González.

Miden 2,3 metros de alto e 3 metros de ancho, cunha profundidade de 1,5. A estrutura é totalmente de aceiro inoxidable brillo con tellado do mesmo material en chapa. Traseira e laterais son completamente pechados en policarbonato, un material antivandálico porque resisten mellor os impactos. Nos laterais pegouse un vinilo vermello para facelas máis visibles e accesibles. O banco co que conta ten repousabrazos e é tamén de aceiro inoxidable; o asento isquiático contínuo ao banco consiste nunha barra situada a 75 cm do chan.

Case 8.500 persoas iniciaron en agosto o Camiño Portugués en Tui

0

Tui consolídase coma o segundo lugar de inicio do Camiño de Santiago, do mesmo xeito que o Camiño Portugués ocupa o segundo lugar nas rutas xacobeas elixidas polos peregrinos e peregrinas durante o mes de agosto. Os datos publicados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago sitúan á cidade de Tui como o segundo lugar escollido polos peregrinos e peregrinas xacobeos para iniciar o seu Camiño cara a tumba do apóstolo Santiago na cidade de Santiago.

En concreto, un total de 8.438 peregrinos elixiron a nosa cidade para iniciar a súa peregrinación,o que representa o 48 % dos 17.530 peregrinos que realizaron o Camiño Portugués o pasado mes de agosto.

Desta forma, a cidade tudense supera a Porto (con 3.849 peregrinos que iniciaron alí a súa ruta), a Valença (1.823) ou O Porriño (1.386) no número de persoas que parte das mesmas cara Compostela. Unha posición líder que repite a do mes de xullo pasado, onde se rexistraran 6.317 peregrinos que comezaran o Camiño en Tui.

Por outra banda, o Camiño Portugués segue ocupando a segunda posición no número de persoas que realizan a súa peregrinación con 17.530 peregrinos fronte ao 40.745 do Camiño Francés no pasado mes de agosto.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresa a súa satisfacción por estes datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago que confirman a importancia que a nosa cidade ten no ámbito xacobeo, ao ser o lugar maioritariamente escollido para iniciar a peregrinación a Compostela. Sinala Enrique Cabaleiro que son unhas cifras que non se cinguen exclusivamente ao mes de agosto, senón que estamos comprobando como agora no mes de setembro os fluxos de peregrinos manteñen un amplo dinamismo.

Para Enrique Cabaleiro esta achega dos peregrinos resulta de gran importancia para Tui pois contribúe ao desenvolvemento socio-económico do noso concello e posiciona a nosa cidade no ámbito turístico como unha referencia permanente para os peregrinos de múltiples nacionalidades que atopan en Tui un lugar hospitalario e con servizos no seu camiño a Santiago.