Mércores, 11 Decembro de 2024

Aventuras, convivencia e diversión encheron o verán da ludoteca municipal de Ponteareas

Co inicio do curso, a ludoteca municipal de Ponteareas puxo xa punto e final a todo un verán cheo de aventuras, deporte, amizades e convivencia. Dous meses con actividades “pensadas para ofrecer a nenos e nenas de 6 a 12 anos un lecer lúdico, divertido e educativo no que rapazas e rapaces aproveitaron as vacacións estivais para aprender xogando”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

Acompañados sempre por un monitor, durante xullo e agosto a ludoteca organizou numerosas saídas e actividades, tanto dentro das instalacións municipais como fóra. Así, nenos e nenas alternaron actividades como xogos de pelota ou de mesa, paracaídas, xogos de auga, manualidades, clases de repostería, pilates ou a busca do tesouro con excursións nas que visitaron, por exemplo, todos os parques de Ponteareas a través de xincanas, rastrexos e grandes xogos. Tamén coñeceron máis a vila e a súa tradición de Corpus coa visita ao Museo a Ceo Aberto, desfrutaron da Freixa ou achegáronse aos cabalos visitando Hípica Char.

As saídas levaron ás e aos participantes a coñecer tamén os concellos da contorna, con excursión a Mondariz e Mondariz Balneario ou ás termas e ao Parque da Canuda en Salvaterra de Miño. “A través da ludoteca achegamos unha oferta lúdica moi variada na que os nenos e nenas son os propios protagonistas, cunha atención personalizada e de calidade onde o benestar da infancia é o fundamental”, asegura a edil.

E tras a época estival, a ludoteca xa está a preparar as actividades para este curso 2022/2023, que comezarán o vindeiro luns 3 de outubro. Serán dúas horas en horario de tarde con actividades destinadas a nenos e nenas de 6 a 12 anos e unha cota de 14,64 euros ao mes. As familias interesadas teñen ata o vindeiro 30 de setembro para matricular aos cativos.