A Xunta iniciou onte as obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ponteareas que suporán un investimento autonómico de máis de 48.000 euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, unha vez asumida a xestión temporal desta terminal e dado o deterioro que presentaban as instalacións, está a executar diferentes actuacións de mellora da infraestrutura.
A intervención abrangue traballos como a apertura de acceso peonil ás dársenas desde a rúa, sen barreiras arquitectónicas.
Tamén se acometerá unha nova rede de saneamento nos baños, en substitución da actual; o reforzo da soleira de soporte na calzada de saída dos autobuses; ou a substitución de bancadas de espera deterioradas.
O proxecto tamén inclúe a reparación da instalación eléctrica da estación, da rede de fontanería ou do lucernario interior.
Ademais procederase ao pintado interior de paramentos verticais, á limpeza da planta inferior da área de intervención e á reparación de papeleiras, tulipas de luminarias e outros elementos deteriorados.
Cómpre lembrar que a Xunta está a xestionar a estación de autobuses de Ponteareas, de forma temporal, mediante un contrato para a explotación e outro para a limpeza.
Dadas as deficiencias que presentaban as instalacións no momento da cesión por parte do Concello, o Goberno galego está a executar estes traballos co fin de mellorar a terminal e ofrecer mellores servizos aos usuarios.
Este contrato temporal de xestión estará en servizo ata que entre a operar o novo concesionario da terminal, que xestionará conxuntamente as estacións de Vigo, de Cambados, de Cangas e de Ponteareas.
O inicio deste contrato está supeditado á apertura da nova estación de autobuses de Vigo, rematada en xullo de 2021 e á espera de que o Concello de Vigo habilite os accesos á estación.