Martes, 5 Novembro de 2024

O asociacionismo guardés, máis vivo ca nunca

Este ano 2022 o movemento asociativo da Guarda retomou con moita forza e ilusión a súa festa asociativa tras dous anos do descanso obrigatorio imposto pola pandemia.

Na xornada do pasado sábado día 10 de setembro as asociacións e colectivos deportivos, culturais e sociais da Guarda voltaron á rúa para participar na IV edición da Mostra asociativa.

A IV edición da Mostra Asociativa arrancou ás 15:30 horas na Praza Avelino Vicente coa Performance de Trans Miño e actuación de Asociación Studio 88, seguido dunha actuación musical e de baile conxunta entre o Coro Arpegios Cantábile, Na Revolta, Xamaraina e Vento Mareiro.

A Asociación Alfombras da Guarda continuaba a programación cunha entretida peza teatral na que tamén colaborou Coiro Vello, para proseguir a Asociación FOCO cunha Performance da rapazada do Proxecto Axentes Antibulos.

A Exhibición de Baile e Danza do grupo Dansá do CD Baixo Miño congregou a moito público para dar paso á derradeira actividade desta edición, a V edición da Carreira de Carrilanas organizada pola Festa das Mercedes da Gándara, unha proba que este ano trasladouse ata o casco urbano e que contou coa participación dun total de 11 bólidos e 6 driftrikes, ademais dunha afluencia de espectadores moi significativa, con milleiros de persoas que se congregaron ao longo da Rúa Concepción Arenal para presenciar esta proba.

En palabras de Fátima Rodríguez, Concelleira de Desenvolvemento Local, “A IV Mostra Asociativa, coa participación de 28 stands de colectivos guardeses, sirve para que as entidades poidan expor parte do seu traballo e ensinen e divulguen as súas accións e actividades.” Este ano contouse cunha ampla programación con de actividades diversas como xogos(interactivos, tradicionais…), obradoiros de nós, chapas, probas de remo ergómetro, sorteos, …

Esta edición da Mostra Asociativa, que xa se consolida no calendario anual de eventos, ven a por de manifesto unha vez máis que o municipio brilla coa presenza de moitas das entidades que dia a día realizan actividades, idean proxectos e prestan apoio, para facer da Guarda un lugar máis cooperativo, participativo e dinámico.