10.4 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasRodrigo Iglesias, novo director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo

    Rodrigo Iglesias, novo director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo

    Ante a marcha do ata agora director da Banda de Música de Xinzo, Javier Blanco, por motivos profesionais, a agrupación pontareana ten xa novo director. Trátase do vigués Rodrigo Iglesias, quen tomará a batuta da banda ata, como mínimo, finais deste ano. En xaneiro, a Banda de Xinzo abrirá probas para a elección definitiva de director.

    Rodrigo Iglesias (Vigo, 1994) conta cun destacado currículo, pois, tras comezar os seus estudos musicais en Valladares, continuou a súa formación como trompetista no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, onde obtivo o premio de Fin de Grao. Pero non sería este o único, pois ao finalizar en 2018 o grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo, volveu ser recoñecido cun galardón similar, o Premio Extraordinario de Fin de Grao Superior. A isto, súmase o seu paso por orquestras tan importantes como a Orquestra Joven da Sinfónica de Galicia ou a Orquestra Joven Leonesa, así como a súa colaboración aínda a día de hoxe noutras como a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Sinfónica de Extremadura. Ademais, traballa como profesor de trompeta en varias escolas de música.

    A partir de agora, á súa traxectoria engádese o poñerse a cargo da agrupación pontareana. “Síntome moi agradecido e entusiasmado por esta oportunidade de dirixir a Banda de Música Xuvenil de Xinzo”, asegura Rodrigo, para quen é “un pracer tomar a batuta dunha agrupación que conta cun gran nivel e unha traxectoria impecable”.

    Co seu novo director ao mando, a Banda de Xinzo céntrase xa na próxima gran cita: o concerto anual en honra a Santa Icía, que terá lugar a finais de novembro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.