8.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasAlén da RaiaA Eurocidade Cerveira-Tomiño debate en Lituania sobre os obstáculos legais para a...

    A Eurocidade Cerveira-Tomiño debate en Lituania sobre os obstáculos legais para a mobilidade transfronteiriza cotiá

    A cidade lituana de Panevėžys foi o lugar elixido para celebrar a quinta e derradeira reunión do proxecto BRIDGE, unha iniciativa na que a EurocidadeCerveira-Tomiño participa xunto con outras 10 entidades e municipios transfronteirizos de 11 países co obxectivo de promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras. Coordinado por Vila Nova de Cerveira e financiado polo Programa Europa para os cidadáns da Unión Europea, a Eurocidade estivo presente expoñendo as dificultades xurídicas que se atopan a diario os municipios transfronteirizos que comparten servizos, cultura e vida.

    Por parte da Eurocidade, a vice-presidenta da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Carla Segadães acompañada, entre outros, polo director da Agrupación de Escolas cerveirense, Venceslau Teixeira, e o representante da Agrupación de Scouts de Campos, Elvis Graça, presentaron a experiencia da Bienal Internacional de Arte de Cerveira e a realidade dos centros escolares da vila portuguesa.

    Pola súa banda, a delegación de Tomiño expuxo ante o público asistente as dificultades para a mobilidade transfronteiriza de menores no territorio, uns obstáculos recollidos polas Valedoras da Eurocidade nun informe realizado xa en 2019 e que propuña medidas que adapten os requisitos de autorización para a mobilidade dos menores ás novas realidades sociais e administrativas a nivel local, ou a promoción de experiencias piloto que permitiran avaliar o avance do exercicio efectivo de dereitos sociais e a construción de identidades compartidas europeas.

    Proxecto BRIDGE

    Durante este novo encontro, presentáronse tamén as conclusións dun cuestionario a todos os integrantes do proxecto, procedentes de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia,  Eslovenia, Italia, Chipre, Lituania, Letonia e Serbia, sobre o impacto da pandemia nas rexións transfronteirizas e a contribución do proxecto BRIDGE para combater o euroescepticismo. As principais conclusións deste documento transformaranse nun informe con recomendacións para a Comisión Europea.

    O celebrado na Panevėžys Civic Art Gallery de Lituania é o derradeiro dos cinco encontros internacionais que arrancaron o pasado 2021 en Cerveira e Tomiño e que se prolongaron ata este 2022 nas diferentes zonas transfronteirizas participantes. O proxecto pretendeu contribuír ao coñecemento da historia e da diversidade da Unión Europea, ademais de promover a cidadanía europea mellorando as condicións de participación cívica e democrática.

    A pesar de ser a última reunión prevista polo proxecto, tanto a Eurocidade Cerveira-Tomiño como o resto de entidades e municipios integrantes manifestaron a súa vontade de continuar co traballo iniciado, esforzándose por garantir unha maior cohesión das rexións transfronteirizas da Unión Europea.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.