Venres, 6 Xuño de 2025

A Guarda oferta formación gratuita sobre o aproveitamento da resina natural con posibilidades de inserción laboral

0

Nestas xornadas que promove o Concello da Guarda, en colaboración coa empresa Laxes Ambiental SL (Oia, Pontevedra), que a día de hoxe é a empresa con maior produción de resina natural en Galiza, abordaranse temas como a historia da resina na nosa comunidade autónoma, rendibilidade, usos, métodos de extracción, ou estudos de calidade do produto obtido. Tamén incluirá unha xornada durante a que se realizarán unhas prácticas de campo.

A día de hoxe China, un dos países con maior produción deste produto, non só deixou de exportar resina natural de pino, senón que é demandante desta substancia e, debido ao incremento actual do prezo dos transportes, atopámonos con que xa non resulta rendible importar resina de Brasil. Por outra banda os/as profesionais na materia defenden que a resina de pino da nosa zona ten unha calidade moi apreciada a nivel de mercado.

Polas razóns anteriormente comentadas pode resultar interesante recibir esta formación que permite obter coñecementos específicos para realizar a extracción do produto de forma respectuosa coa árbore e ao mesmo tempo maximizando a rendibilidade na extracción. Na nosa comunidade autónoma este traballo está en vías de converterse nunha actividade con moita saída profesional que permitiría traballar tanto por conta allea, en empresas como a que imparte a formación, como por conta propia.

Para realizar a inscrición pode acudirse persoalmente á recepción do Concello, chamando por teléfono ao 986 61 00 00, ou enviando un correo electrónico a [email protected] indicando nome completo, DNI e número de teléfono. O curso ten prazas limitadas e para cubrilas atenderase de xeito estrito á orde de inscrición.

O Trail do Trega chega este domingo á súa novena edición

0

Na xornada deste martes día 15 de novembro tiña lugara presentación da IX edición do Trail do Trega contando coa presenza de Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes, concelleira de Deportes; Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude e Serafín Acevedo, coordinador da proba deportiva.

As inscricións para a IX edición do Trail do Trega, a proba deportiva que forma parte da Pontevedra Trail League e que este ano celebrarase o domingo 20 de novembro, contando co apoio do Concello da Guarda e das Comunidades de Montes, rematan ás 00:00h deste mércores día 16 de novembro.

Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes do Concello da Guarda, destaca a importancia deste tipo de eventos para a dinamización deportiva da Guarda e da súa comarca, un evento ao que asisten numerosos participantes de toda a xeografía galega e de Portugal, promovendo tamén o turismo e a gastronomía local.

Para Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, o Trail do Trega é un evento deportivo que transcorre nun dos emblemas galegos e na xoia máis importantes da Guarda como é o Monte Santa Trega, un espazo que gozaran os amantes do deporte este domingo cando visiten A Guarda.

Ana Laura Iglesias, Deputada de Turismo e Xuventude, indicou que este é un espazo idílico para un evento deportivo destas características, manifestando o apoio da Deputación de Pontevedra a esta proba, incluída na Pontevedra Trail League.

Serafín Acevedo, coordinador da proba deportiva, destacou que é unha proba xa consolidada no calendario anual de Trails en Galicia, contando cunha alta participación de persoas de toda a xeografía galega, española e tamén do país veciños con numerosos portugueses inscritos, agardando contar con preto de 400 corredores.

O Trail do Trega é unha proba deportiva que este ano trae un percorrido de 16 quilómetros cun desnivel positivo de 800 metros, contando coas mellores vistas e entorno natural de Galicia como é o Monte de Santa Trega.

A proba transcorrerá 100% polo monte Trega, un dos lugares máis visitados da xeografía galega. A carreira non ten un desnivel significativo pero o cambio de terreo constante, a orografía, climatoloxía farán que sexa unha proba dura e para a que se necesita unha boa preparación. Establécense 4 categorías de competición: Absoluto (masculino e feminino), Sénior (masculino e feminino), Veteranos 40 (masculino e feminino)  e Veteranos 50 (masculino e feminino).

A organización habilitará dous avituallamentos no percorrido e paralelamente celebrarase unha andaina de 10 quilómetros con guía incluído.

A saída da Andaina será ás 10:00h e a saída da Carreira ás 10:30 h dende a Alameda da Guarda. A entrega de premios será sobre ás 13:00h, onde se coñecerán aos gañadores e gañadoras da Pontevedra Trail League, entregándose os premios aos gañadores e gañadoras absolutos, así coma aos empradroados na Guarda. As inscricións xa están abertas a través do seguinte link: https://bit.ly/3S0b7aD e toda a información da carreira se pode consultar na web oficial da proba: www.traildotrega.com.

Aberto o prazo para participar no concurso de micro-beléns de Sabarís

0

A asociación de empresarios Coemsa de Sabarís, organiza un certame de micro-beléns en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Baiona.

A finalidade deste certame é potenciar as artes plásticas e as manualidades, incentivar a creatividade, así como conservar as tradicións e fomentar as actividades en familia.

O tamaño do belén non poderá exceder de 30×60 centímetros, e todos os traballos presentados a concurso estarán expostos do 10 de decembro ao 7 de xaneiro no edificio multiusos Mercado de Sabarís.

Establécense as seguintes categorías; micro-belén máis orixinal, micro-belén máis laborioso e micro-belén máis popular, elixirase por votación popular a través da web do Concello de Baiona (www.baiona.gal).

Este certame compleméntase coa categoría Belén familiar en domicilio particular, o cal terá un tamaño libre, estando prevista unha visita guiada aos beléns máis destacados.

A inscrición para participar realizarase na Oficina de Rexistro do Concello ou a través da Sede electrónica, do 15 de novembro ao 7 de decembro, cubrindo o correspondente formulario xunto co DNI. Máis información na Concellería de Cultura do Concello de Baiona, no teléfono 986 385 921, ou na asociación de empresarios Coemsa.

Aberta a inscrición para o mercadillo de Nadal Arbonadal

0

Arbonadal é un evento organizado polo Concello de Arbo, que volta ao concello, os días 10 e 11 de decembro.

Con esta actividade  pretendese promocionar e potenciar os recursos culturais e patrimoniais da nosa vila, dirixida a artesáns, anticuarios, asociacións, ONGs e establecementos comerciais.

As persoas, autónomos, empresas, Asociacións, ONGS, que desexen participar deberán cubrir o modelo de Inscrición facilitado polo Concello e deberán especificar na mesma, como condición indispensable para adxudicar os espazos, o tipo de produto a expoñer e vender, o nome da asociación, cooperativa, ONG…, así como os metros cadrados necesarios para a colocación do posto, nome comercial e representante.

Todos os participantes que o desexen poderán realizar demostracións dos seus respectivos produtos no seus postos, co fin de que o público asistente coñeza as técnicas de elaboración, previa comunicación a organización para facelo constar no programa e establecer os horarios no caso de existir varias demostracións ou charlas.

A participación “ArboNadal 2022 – Mercadillo Solidario de Nadal” ten carácter gratuíta.

Máis información nas redes sociais do Concello de Arbo, a través do correo electronico [email protected] ou no telefono 986 66 50 00

O Prazo de Presentación das solicitudes de participación remata o día 30 de novembro

O Rosal saca a licitación o espazo gastronómico do renovado mercado

0

Un lugar de degustación e de encontro social onde os rosaleiros e rosaleiras poidan ir tomar algo, comer e desfrutar de actividades e do tempo de lecer. Con ese obxectivo nace o espazo gastronómico do mercado municipal que acaba de sacar a licitación o Concello, “un innovador recuncho que dará valor engadido non soamente á renovada praza de abastos, senón tamén á transformada Praza do Calvario”.

“Con este espazo queremos achegar máis dinamismo social, activando e reforzando a nosa economía ao tempo que poñemos en valor o produto fresco da nosa praza de abastos e de produtores e produtoras locais e vinculados ao territorio, seguindo a liña dos Mercados de Excelencia, con espazos adaptados aos novos hábitos dos e das consumidoras”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Tratarase dun bar gastronómico con case 200 metros cadrados con servizo de menú do día para tomar ou levar para o que se deberán empregar produtos locais, especialmente do mercado e preferiblemente ecolóxicos. Á hora da adxudicación tamén se terá en conta a calidade e orixinalidade do servizo que se poña en marcha, así como o emprego de bolsas ou contedores de empaquetado e cubertos reutilizables, biodegradables e non contaminantes.

O espazo sae a licitación por 4.500 euros ao ano máis a taxa de prestación de servizos do mercado e o contrato terá unha duración de cinco anos, con posibilidade de dúas prórrogas de cinco anos máis cada unha. Os pregos de licitación tamén establecen que o horario mínimo de apertura deberá ser de 09.00 a 22.00 horas de martes a domingo.

Coa ampliación do edificio do mercado e a posta en marcha deste espazo gastronómico, o Concello rematará o proxecto de mellora da praza de abastos, outorgándolle unha imaxe totalmente renovada e moderna, facéndoa máis confortable e atractiva para o público como lugar de compra, de encontro e de desfrute do produto local.

Nigrán repetirá o mercado de Nadal ‘Bulebule’

0

A Praza Rosalía de Castro de Nigrán volverá a ser a antesala do Nadal na comarca grazas ao mercado de inverno ‘Bulebule’. Esta segunda edición, organizada novamente entre o Concello e Brétema Studio, terá lugar do 16 ao 18 de Decembro e ocupará toda a praza ao pasar dos 14 postos de venda de 2021 aos 36 deste ano, o máximo previsto. O evento volverá a mesturar artesanía, gastronomía e marcas emerxentes con música en directo e obradoiros para crianzas. Así, os concertos repetiranse en sesión vermú e de tarde-noite. Ao longo dos vindeiros días irán publicándose os horarios das actividades e o nome das empresas participantes a través da web www.bulebulenigran.es e as súas redes sociais.

“A proba do éxito do ano pasado é que neste esgotáronse as prazas para participar hai xa semanas. Queremos volver a  ofrecer un ambiente festivo no núcleo urbano ao tempo que dinamizamos o comercio da zona”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a maioría dos vendedores  son, precisamente, da comarca, e Brétema Studio está composto por dous mozos de Nigrán, Bárbara Ceballos e Mak Aguiar. “Bulebule Nigrán é un espazo onde hai cabida para todas esas mentes creativas que queren mostrar os seus produtos ao mundo, onde convive coas familias que veñen a pasar unha finde diferente, chea de diversión e actividades para todas ás idades”, explican ambos.

Así, a estética do mercado volverá a xogar un papel importante, con alumeado de Nadal e motivos referentes a esta data, ademais de presentar todos unha uniformidade e coherencia na decoración.

A obra de teatro “As que limpan” chega ata A Guarda

0

O vindeiro xoves día 24 de novembro chegará ata A Guarda a que é sen dúbida a obra da temporada: “AS QUE LIMPAN”, última proposta da Compañía A Panadaría. Esta función aborda a loita das camareiras de piso dos hoteis por conseguiren uns dereitos laborais e sociais xustos, nun mundo, o das cadeas hoteleiras e o do turismo que se impón no século XXI como modelo do desenvolvemento económico. A obra por tanto fai repensarse as relacións laborais, o reparto da riqueza e o funcionamento dun sistema avaricioso e inxusto. Así mesmo fai repensar non só a loita de clase senón tamén a loita de xénero nunha sociedade na que a muller segue asumindo o rol dos coidados, tan importante e tan menosprezado e tan silenciado. É por isto que a obra se representará o xoves 24 de novembro, na véspera do Día Internacional contra violencia machista, para evidenciar unha nova forma de discriminación sobre a muller.

A produción que contou coa colaboración do Centro Dramático Nacional está a ser todo un éxito, percorrendo non só a xeografía galega senón tamén a española. E é que a compañía composta por Areta, Ailén e Noelia conseguiu erixirse en todo un referente polo seu particular modo de facer teatro, mesturando o humor e a reivindicación dun xeito moi persoal e característico.

Na Guarda son vellas coñecidas pois xa estiveron coa súa primeira representación PAN! PAN! E posteriormente con ELISA E MARCELA. Desta volta acuden ata a Guarda grazas ao ciclo de teatro da Deputación de Pontevedra “Tornar as Táboas”. Para acudir á representación é preciso retirar as entradas previamente dende o día 17 de novembro ás 9:00 h. Poderán retirarse de forma presencial na recepción do Concello en horario de 9 a 14 h. Ou vía online a través do enlace: https://www.eventbrite.es/o/concello-da-guarda-35370803503.

O Apalpador visitará 64 concellos da provincia

O Apalpador, a tradicional figura do Nadal na Galicia, visitará este ano 46 concellos da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’. O departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitaron.

Están concedidas as actuacións a: Marín, Bueu, Cangas e Moaña no Morrazo; Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo no Salnés; Pontecesures, Portas, Cuntis e Caldas na comarca de Caldas; Dozón, Agolada, A Estrada, Forcarei, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro e Lalín no Deza-Tabeirós; Salceda de Caselas, O Porriño, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Soutomario e Mos na área de Vigo; Poio, Barro, A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade na comarca de Pontevedra; Oia, Gondomar, e Nigrán no Val Miñor; A Cañiza, Salvaterra de Miño, As Neves, Ponteareas, Mondariz , Mondariz- Balneario e Arbo no Condado-Paradanta; e Tomiño, e Tui no Baixo Miño.

O número de visitas do Apalpador foi multiplicándose nos últimos exercicios debido ao éxito de público acadado nas actuacións. Nos vindeiros días concretaranse as datas e horarios para cada localidade, que se publicarán na web depo.gal. As primeiras xornadas, entre o 19 e o 22 haberá actividades –pasarrúas ao aire libre ou actuacións en espazos pechados- só pola tarde ao haber aínda clases polas mañás, pero de maneira xeral haberá dous eventos pola mañá e dous pola tarde ata o 4 de xaneiro (salvo os días de Nadal e Aninovo).

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores  que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

Chega ás parroquias de Baiona “Cultiva a Mente”

0

O Concello de Baiona inicio con gran éxito de participación nas parroquias do municipio o programa de prevención ao deterioro “Cultiva a Mente”.

A actividade está dirixida a persoas maiores de 55 anos sen deterioro cognitivo, interesadas na prevención do deterioro cognitivo e o coñecemento do envellecemento activo.

O obxectivo é o fomento de hábitos saudables dende un enfoque activo e positivo en áreas cognitivas, emocionais, funcionais e sociais como precursor dun axeitado mantemento de vida independente nas persoas adultas maiores participantes.

A metodoloxía é activa e dinámica, sempre cunha explicación e capacitación da funcionalidade e obxectivo de cada serie de exercicios e propostas.

Itinerario das sesións:

  • Acollida
  • Información e formación teórica sobre hábitos e capacidades
  • Desenvolvemento de actividades e exercicios de base cognitiva
  • Desenvolvemento de actividades e exercicios de base funcional e motriz
  • Desenvolvemento de actividades emocionais e sociais

Peche: planificación da próxima sesión e proposta de actividades a domicilio.

As sesións desenvolveranse entre outubro 2022 e xuño 2023, realizaranse unha vez por semana e teñen unha duración de unha hora e media, serán impartidas polo equipo técnico de AFAGA.

A actividade de “CULTIVA A MENTE” está próxima comezou nas parroquias, tralo éxito do desenrolo da actividade en Baiona no edificio multiusos Ángel Bedriñana, r/ Carabela La Pinta. Nas parroquias lévase a cabo nos seguintes lugares e co seguinte horario: Baredo, Centro Cultural. Xoves 18:30-20:00. Belesar, Centro Cultural. Xoves 11:00-12:30. Sabarís, Multiusos. Martes 11:00-12:30. Baíña, Centro Cultural. Martes 18:30-20:00.

Requisito necesario: persoas empadroadas no Concello de Baiona.

As persoas interesadas en participar poderán recoller os impresos da súa solicitude no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona, de luns a venres en horario de 9 a 14 horas. Deberán rexistrar dita solicitude por rexistro de entrada do Concello de Baiona, horario de atención ao público, de 9 a 14 horas. Máis información chamando ao teléfono 986 38 59 26.

Na folla de inscrición se recollen os seguintes datos: nome e apelidos, enderezo, n.º DNI, data de nacemento, teléfono de contacto.

A música latina, gran protagonista do concerto de Santa Icía da Agrupación Musical de Goián

0

Tomiño celebra o día da patroa da música por todo o alto. A Agrupación Musical de Goián subirase ao escenario este sábado 19 de novembro ás 19.30 horas para representar o seu tradicional concerto de Santa Icía, unha actuación que contará coa participación dos e das integrantes da propia agrupación así como da súa banda xuvenil baixo a batuta de Pedro Villarroel.

O auditorio de Goián acollerá un ano máis unha actuación moi agardada e festiva, unha cita co público na que a música latina será a gran protagonista. Un percorrido dende México ata Chile ou Arxentina a través de diferentes pezas musicais que representan o sentir de cada país e de cada territorio co que a Agrupación Musical de Goián volverá sorprender ao público.

A alcaldesa, Sandra González, anima a toda a veciñanza a achegarse ao auditorio e desfrutar un ano máis dun concerto único co que a Agrupación Musical namorará ao público. A actuación conta coa colaboración do Concello de Tomiño, así como da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. A entrada será de balde.

José Luis Baños recibe o premio Vidal Bolaño coa súa obra “Lume”

O IES Ribeira do Louro acolleu onte a entrega do V Premio Vidal Bolaño, que este ano recoñeceu a José Luis Baños de Cos pola súa obra “Lume”, unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.  

Acompañando ao gañador estiveron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a secretaria do premio e profesora do instituto porriñés, Raquel Castro, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

Tal e como explicou Raquel Castro o xurado do Premio de Textos teatrais Roberto Vidal Bolaño, destacou da peza “que é unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais, como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todas as personaxes sofren as consecuencias”. Tamén a escrita “cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dalle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social”.

Pola súa banda, Francisco Castro, quixo agradecer ao Concello do Porriño o seu compromiso xa que “son cinco anos xa apostando por este premio que xa podemos dicir que está consolidado” e ao IES Ribeira do Louro “por ser vangarda e referencia do teatro xuvenil en Galicia”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo destacar a importancia “dos valores que trasmite a obra gañadora, Lume, xa que a concienciación social é parte da esencia deste premio, achegando a través do teatro a importancia do respecto aos mozos e mozas”. Lorenzo rematou destacando que “o Premio Vidal Bolaño é xa parte da nosa identidade cultural. Chegou para quedarse situando ao Porriño no centro da dramaturxia xuvenil e por iso dende o Concello o seguiremos respaldando”.

O gañador, José Luis Baños de Cos, explicou a dureza de escribir esta obra “que foi xurdindo pouco a pouco a través da realidade, que moitas veces supera a ficción en dureza. Creo que é necesario falar do acoso, da violencia de xénero… xa que é unha forma tamén de loitar contra elas”.  

José Luis Baños de Cos , natural de Jerez de la Frontera, é Licenciado en en Antropoloxía Social e cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra “O faiado”, da compañía O Cubo Teatro, “A espera”, de Titereficcións, e “Suite up”, de Fanfarra Teatro. En 2028 gañou o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle coa obra “O círculo”, e en 2019, A pegada de Microteatro, convocada por ESAD Galicia, con “Cheas de Bestas”. Tamén o XIV Premio Abrente do MIT de Ribadavia con “Asfixia”. En 2020 gañou o III Premio Vidal Bolaño pola súa obra “A cámara escura”.

A nova biblioteca da Guarda máis preto de converterse nunha realidade

0

O Concello da Guarda vén de sacar a licitación pública as obras para o proxecto da nova Biblioteca Municipal, que estará situada nos baixos do Centro Cultural e contará con dous espazos diferenciados para diferentes tipos de públicos e usos.

O proxecto posibilita a recuperación do entorno social e cultural, a través do mundo da lectura. A modificación das tres salas da planta baixa do edificio do centro cultural da Guarda consegue un espazo pensado para as actividades interactivas, protagonizado pola lectura e enfocado ao ocio. Un lugar onde pequenos e maiores son libres en movemento e forma. Desfacémonos dos conceptos preestablecido e abrimos paso á imaxinación.

Cambiamos o silencio destes espazos por o son dos sorrisos, a conversa e en definitiva da actividade en convivencia, non é unha aula de estudo, é un espazo vivo e activo. O proxecto divídese en dúas áreas, a zona infantil cun forte carácter imaxinativo capaz de captar a atención dos máis pequenos, ofrecendo un espazo onde a lectura e o xogo son un, e un espazo de lectura deseñado para o público xuvenil e adulto, confortable e informal. Espazos para ser vividos onde os libros son a principal alternativa de ocio, pero se mesturan nun lugar para a actividade e a interacción social.

Falamos da nova biblioteca da Guarda, como un espazo que se mostra na oferta cultural da zona como algo máis que un servizo de consulta ou recollida de libros, falamos dun punto de encontro para a poboación, un espazo de conexión, un servicio de eles e para eles.

A aula de estudio existente, manterase ante a alta demanda por parte do alumnado que prepara oposicións e exames e que emprega este espazo de xeito habitual, cun alto índice de uso nestes tempos de pandemia.

Todas as empresas que desexen participar neste proceso de licitación, poden acceder á plataforma de contratación do estado onde está toda a información desta licitación, que conta cun orzamento de 70.781,25€ sen IVE. Data límite de presentación de ofertas 24 de outubro.

O proxecto da nova Biblioteca Municipal se suma a outros proxectos que está a executar o equipo de goberno municipal, coma a mellora da accesibilidade no edificio do Obradoiro de Emprego coa instalación dun ascensor, as diferentes actuacións de mellora realizadas na Praza de Abastos, a mellora das instalacións e dependencias da Policía Local, a mellora e centralización do arquivo municipal, entre outras.

A gastronomía da Cañiza presente no Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar”

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, presentou este sábado, no recoñecido Salón Internacional de Turismo Gastronómico «Xantar» de Ourense, os activos gastronómicos da Cañiza, abanderados polo xamón, xunto cos cocidos, os viños da zona e a tetilla, a mel e o chocolate.

Nun exitoso acto no que Luis Piña, acompañado das concelleiras do Goberno e do cañicense e prestixioso cortador de xamón Víctor Burgos, director dos Concursos de Cortadores da Feira do Xamón da Cañiza, fixeron as delicias dos asistentes, divulgando e dando a saborear todos os productos da vila.

Un ano máis o stand da Cañiza foi un dos máis visitados polo público deste Salón de Turismo. A orixinalidade na presentación, así como a degustación e a excelente calidade dos productos  garantiron o apoio  e o eloxio dos asistentes.

O xamón da Cañiza é o maior abandeirado da gastronomía pero tamén o son outros produtos cárnicos de porco que fan que os cocidos da vila sexan reclamo dabondo para atraer á Cañiza a centos de comensais durante todo o ano. Así presentou o rexedor, Luis Piña, a oferta gastronómica que se completa cos excelentes viños da zona, “Eido da Fonte” de Valeixe e “Abelán” de Foxo-Pintelos, pertencentes á Denominación de Orixe Rías Baixas e os caldos da “Adega Torgo” de Parada cos seus dous viños ecolóxicos de variedade albariña.  Xamón e Viño que xuntos crean a maridaxe perfecta cos queixos elaborados na Cañiza da casa «Castro Xaneiro», o mel dos apicultores Inocencio López,  Antonio Sendín e Rogelio Rodríguez e os chocolates tradicionais da casa “López”. 

Toda unha exquisitez que obriga dunha visita á Cañiza para poder degustala.

Todo preparado para os VI Premios Provinciais á Xuventude da Deputación

A Deputación de Pontevedra celebrará o próximo venres 18 de novembro a Gala de entrega dos VI Premios Provinciais á Xuventude. A cita comezará ás 18:00 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial, estará conducida pola xornalista cultural e actriz Adela Bértolo e a guinda musical correrá a cargo de Eva Pico, alumna da 1ª edición do programa de mentorías de Descúbreas.

Nesta convocatoria presentáronse un total de 75 candidaturas, un incremento do 18% con respecto a 2021. Salienta especialmente o caso das propostas na categoría de investigación, novidade deste ano, xa que se recibiron un total de 15 traballos e foi a segunda categoría con máis participación (só por detrás da de fotografía orixinal, con 23 traballos optando aos galardóns).

Os VI Premios Provinciais á Xuventude están dotados dun total de 32.000 euros repartidos en 10 categorías: iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, investigación, contido audiovisual, traballo musical –música clásica e outros xéneros–, traballo literario breve –narrativa e poesía–, banda deseñada, fotografía orixinal –serie fotográfica e fotografía– e deseño e moda. Poden participar mozas e mozos empadroados na provincia de entre 16 e 35 anos, agás no caso da categoría de educación en valores, na que se poden postular proxectos levados a cabo en aulas de educación secundaria e bacharelato (entre 12 e 18 anos).

A Deputación tamén premia o compromiso da mocidade co cambio climático

Como vén sendo habitual, na cita tamén se entregarán os premios do concurso ReAcción polo Clima, co que a Deputación premia a creatividade das mozas e mozos da provincia á hora de denunciar o cambio climático. A rapazada de 16 a 30 anos puido presentar vídeos reivindicativos empregando calquera formato característico de medios sociais como YouTube, Instagram ou TikTok. Os traballos gañadores reciben 4000 € repartidos nun primeiro, segundo e terceiro premio (2400 €, 1000 € e 600 €, respectivamente). O evento será retransmitido en directo nos perfís da Deputación de Pontevedra en YouTube e Twitter.

Xa está convocado, un ano máis, o concurso escolar de Postais de Nadal de Tui

0

A Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui convoca unha nova edición do concurso, dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio, para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2022.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explica que “a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal”. Destaca que o traballo gañador deste certame será que o empregue o Concello de Tui na súa postal de Nadal coa que tradicionalmente se felicita á veciñanza do concello. O positivo resultado da convocatoria deste certame nos pasados anos 2020 e 2021 animou ao Concello, en palabras de Sonsoles Vicente, a darlle continuidade á convocatoria.

A temática deste concurso de debuxo escolar é “O Nadal en Tui”. O que se pretende é que os nenos e nenas tudenses, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello, por tanto é obrigatorio incluír na postal algunha referencia a Tui.

Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados. Cada participante presentará un único traballo orixinal e inédito con técnica libre. Establécese coma condición que o deseño non presente releves, nin purpurinas ou outro material similar para facilitar a súa reprodución impresa. Cada centro escollerá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de novembro.

Establécense tres premios:

  • 3º premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 40 euros
  • 2º premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 50 euros
  • 1º premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 100 euros. A obra gañadora do concurso será a postal do Nadal do Concello de Tui.

Nigrán prepara una excursión a Bueu e ao Museo Massó

0

O Concello de Nigrán continúa co seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión o 23 de novembro a Bueu e arredores, Museo Massó, e xantar-baile no restaurante Casas, en Redondela. O prezo total é de 23 €/persoa e inclúe transporte, visita guiada, entrada ao museo e comida. A inscrición realizarase este venres 18 de Novembro na Oficina de Turismo Dunas de Gaifar (Panxón) de 9:00 a 12:00 horas (só se permite anotar un acompañante por cada solicitude e as prazas cubriranse por rigorosa orde de chegada).

A excursión partirá ás 8:45 horas en autobús desde a Oficina de Turismo Dunas de Gaifar para visitar o Museo Massó, instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos, nas inmediacións do porto de Bueu, na ría de Pontevedra e en pleno corazón da península do Morrazo. Documentación marítima, instrumentos de navegación ou testemuños das factorías conserveira e baleeira conforman este espazo. Ademais de coñecer Bueu e, segundo o tempo o permita, visitarase algún outro punto dos seus arredores, finalmente haberá xantar-baile no restaurante Casas de Redondela. O menú consta de langostinos, vieiras, merluza á romana, codillo, sobremesa, café e bebidas. O baile comezará ás 16:00 e a hora aproximada de regreso é ás 19:00.

O Goberno local de Nigrán entende que viaxar “non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para as persoas maiores, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.

O mercado de Ponteareas ofrece unha degustación gratuíta

A Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4), organiza este martes, a partir das 11:30 h, no Mercado de Abastos de Ponteareas, unha degustación gratuíta a base de distintas preparacións de rapante e pescada para que os consumidores coñezan de primeira man a marca de peixe “Fresco & Salvaxe” que está presente xa en mercados das peixarías de Vigo e a súa área metropolitana.

O produto baixo a marca Fresco e Salvaxe garante que o peixe foi capturado no mar mediante pesca extractiva tradicional e que nunca foi conxelado, tan só refrixerado, nin provén de piscifactoría. En conclusión, este selo deixa claro en supermercados e prazas de abastos, nunha soa lectura, a procedencia salvaxe do peixe para diferencialo do peixe de acuicultura ou conxelado.

Esta acción está organizada pola Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4), coa colaboración da Conselleria do Mar, o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP) e o Concello de Ponteareas.

Xa están rematadas as obras da glorieta que comunicará a EP-4006 e EP-4202 co centro das Neves

0

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4006, nas Neves. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, o alcalde da vila, Xosé Manuel Rodríguez, e o tenente de alcalde Marcelino Couto visitaron os traballos que se realizaron nesta vía de dobre sentido que comunica As Neves con Ponteareas, e que tamén transcorre por Salvaterra de Miño. As obras tiveron un orzamento de 142.000 € financiados integramente pola Deputación xa que o 30 % correspondente ao concello, preto de 43.000 €, corre a cargo do Plan Concellos.

A actuación centrouse na mellora da rotonda situada na intersección desta vía coa EP-4202, a continuación da senda peonil acometida pola Deputación fai un par de anos partindo do núcleo do Rabelo, en Tortoreos, ata a conexión dos centros educativos e o centro das Neves. A solución deseñada deu prioridade ao tráfico peonil e supón unha mellora para a seguridade deste e do tráfico rodado, así como da funcionalidade da estrada. Increméntase o espazo ocupado polas beirarrúas e reordénanse os accesos á glorieta e ao aparcadoiro de autobuses.

O proxecto tamén contemplou a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais coa reposición dos sumidoiros ou a renovación do alumeado público substituíndo os puntos de luz actuais por luminarias LED e a incorporación de dúas novas na contorna dunha nova marquesiña e doutras tres ornamentais no terreo interior da rotonda. Tamén se instalaron 9 árbores ao longo das beirarrúas, 4 bancos de pedra granítica, nova sinalización horizontal e vertical e letras decorativas que forman o texto “#ViveNasNeves” nunha das beirarrúas. A actuación comprende un treito total de 120 metros.

Turismo de Porto e Norte de Portugal porá en marcha dúas accións formativas para promotores turísticos

0

Dentro do proxecto “Río Miño: Un Destino Navegable”, a Entidade de Turismo de Porto e Norte de Portugal porá en marcha dúas accións formativas para promotores turísticos. O primeiro ten lugar na Eurocidade Valença-Tui, os días 17, 18 e 25 de novembro, e o segundo na Eurocidade Monção-Salvaterra de Miño, os días 12, 14 e 16 de decembro.

Constando de dúas mañás e unha xornada completa, xa está dispoñible a inscrición para cada acción, cun mínimo de 12 e un máximo de 20 persoas. Os os interesados poden inscribirse a través da seguinte ligazón:

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScGPyYB80BJow0ZeAp5USkfThs7wRqK2HnXFU3v1OgNrtphug/viewform?vc=0&c=0&w=1&flr=0

Dirixidas aos axentes turísticos da comarca, situados en oficinas de información ou “portais” da comarca, como museos, tendas turísticas, restaurantes ou unidades de aloxamento, as accións teñen como obxectivo reforzar a marca común “Rio Miño”, potenciando o coñecemento e o traballo en rede. dos profesionais do sector.

Tamén se pretende transmitir información detallada dos principais puntos de interese dos catro concellos, así como dos seus respectivos produtos potenciais e endóxenos. Entre os obxectivos propostos tamén se inclúen visitas a centros históricos, paseos pola beira do río Miño, transmisión de técnicas de comunicación e creación de produtos turísticos transfronteirizos.

Días

17, 18 e 25 de novembro

12, 14 e 16 de decembro

Programas

Programa (primeira acción)

Programa (segunda acción)

Inscrición

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScGPyYB80BJow0ZeAp5USkfThs7wRqK2HnXFU3v1OgNrtphug/viewform?vc=0&c=0&w=1&flr=0

Redondela únese á Chocolatada Solidaria da asociación Andaina

0

O Concello de Redondela colabora na campaña de mobilización da Chocolatada Solidaria da asociación Andaina, axudando a súa expansión e publicidade por toda a contorna. Ten como obxectivo acadar os 4000 euros necesarios para a  instalación no seu centro educativo dunha cociña para o módulo formativo de hostalería dos alumnos do Programa de Prelaboral. Para facelo, organizan un reto solidario en colaboración con Pegadas con alma, unha asociación redondelá dedicada a recadar fondos de forma altruísta. 

“Andaina e Pegadas con Alma están facendo unha labor solidaria para mellorar a calidade da educación dos rapaces e rapazas do municipio con necesidades especiais. Consideramos este tipo de accións imprescindibles, polo que loitaremos para facelo posible”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

O desafío consiste en mobilizar a poboación para organizar distintas  chocolatadas durante as datas de nadal, nas que a xente da contorna poderá doar cartos para Andaina e gozar dunha cunca de Chocolate quente e un petisco doce.  A intención da campaña é sumar a participación das escolas, centros deportivos, centros culturais, empresas e comercios da contorna para que colaboren de forma libre.

A iniciativa aínda está na súa fase inicial, polo que precisa que se impliquen o maior número de centros e empresas posibles. As datas para celebrar a merenda poden variar segundo a necesidade de cada colectivo, pero a idea e que sexa preto do nadal, momento consideran idóneo para este tipo de actividades. 

É necesario que cada centro encárguese da súa propia elaboración do chocolate e o donativo por cada cunca escólleo cada organizador, encontrando un balance no que consideren apropiado. Aqueles centros educativos ou empresas que prefiran almorzar ou merendar con outro alimento que non sexa o cacao, poden organizalo da mesma forma. Dende Andaina poden facilitar o contacto dun cátering ou provedor, así como os carteis. Para inscribir o teu centro só tes que enviar un correo a: [email protected].

Arbo incentiva a compra no mercado coa campaña “O noso Mercado tamén en Nadal”

0

O Concello de Arbo inicia unha campaña de apoio ao comercio local para a próxima campaña de Nadal. “O noso Mercado tamén en Nadal” celebrarase desde o 16 de novembro e ata o 16 de decembro.

Os establecementos da Praza do Mercado, por cada 15 euros de compra, darán un número para o sorteo de tres cestas. A iniciativa foi posta en marcha polo Concello de Arbo que quere dar difusión ao valor da compra de proximidade fomentando a colaboración entre os comerciantes e a administración pública.

Segundo destaca o alcalde da localidade, Horacio Gil, decidiron poñer en marcha esta iniciativa para tamén en Nadal, dado o éxito cultivado no mes de maio, con este sorteo.

Mercar na Praza de Abastos de Arbo, é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos galegos e ofrecendo a variedade de carnes, lácteos, froitas, verduras, pescados, mariscos, hortalizas…que require unha dieta equilibrada e saudable. Xuntan tradición e modernidade, adáptanse ás demandas dos seus clientes, ofertan os mellores prezos en produtos frescos de alimentación e incorporan cada día novos servizos complementarios e personalizados.

O sorteo terá lugar o 17 de decembro na Praza do Mercado.

Nigrán retoma este curso o programa de terapia canina

0

O Concello de Nigrán volve a ofrecer este curso o seu programa de terapia canina no Centro de Educación Especial Juan María (Parada). As sesións comezaron xa a inicios de semana e contaron coa visita do alcalde, Juan González, para ver de preto esta metodoloxía con beneficios científicos contrastados. Deste xeito, o alumnado e usuarios do Centro de Día e Ocupacional continuará recibindo esta terapia que estrearon no 2021 coa empresa especializada Yaracan tras autofinanciarse primeiramente coa venda de almanaques solidarios e despois a través do Concello.

Ao igual que no curso pasado, as persoas inscritas no Centro Juan María participan no programa complementario de educación asistida un día á semana en horario lectivo e en sesións individuais ou en aula atendendo ás necesidades concretas de apoio educativo. A terapia desenvolverase con tres cans (2 golden retriever e un cavalier) e os seus respectivos técnicos especialistas.

“Non dubidanos en continuar con este programa porque somos coñecedores de primeira man dos beneficios que aporta, así que o achegamos como parte da nosa política de ‘Un Nigrán para todos’, estamos encantados de sumar”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González.

Desde a propia empresa especialista e o CEE Juan María destacan que á activación emocional positiva que xera o contacto cos cans súmase que non xulgan, non senten mágoa e trátannos a todos por igual. O feito xa contrastado de que favorecen a redución do ritmo cardíaco, a diminución da presión arterial e a segregación de endorfinas e oxitocina, permite traballar en áreas cognitivas, psicomotrices, comunicativas e sociais como un potente recurso de apoio para os profesionais do CEE Juan María.

ENDESA reclámalle ao Concello de Mondariz unha importante débeda

0

O pasado 26 de outubro, a compañía ENDESA comunicoulle por escrito ao Concello de Mondariz que a débeda pendente con esta empresa subministradora de electricidade é de “144.385,75 euros siendo el importe de la misma con antigüedad mayor de 60 días, y por lo
tanto vencida y exigible de 81.952,30 euros”.

A empresa pon en coñecemento do Concello que “nos vemos obligados a iniciar los trámites de suspensión del suministro para los contratos no esenciales, acción que se llevará a cabo de mantenerse el impago”.

A maiores, a empresa Correos, que mantén co Concello de Mondariz un contrato para a prestacións de Servizos Postais e Telegráficos, reclamoulle por escrito o pasado 13 de outubro o pagamento de 910,51 € que tamén debe correspondente a comunicacións postais dos meses de abril, maio, xuño e xullo. Correos infórmalle que “la cantidad adeudada debe efectuarse sin más demora se les requiere formalmente para que en el plazo de DIEZ DÍAS NATURALES desde la entrega de esta comunicación”.

Á vista destes impagamentos e doutra débeda que lle reclama o Concello de Mondariz Balneario por valor de máis de 152.278 € en concepto de depuración de augas residuais dos anos 2019, 2020 e 20211, Xoán C. Montes Bugarín, portavoz de Alternativa por Mondariz, quere facer pública a súa preocupación pola situación económica que atravesa o Concello pola súa elevada débeda.

O portavoz da forza política máis votada nas últimas eleccións municipais pídelle ao goberno municipal seriedade e responsabilidade na xestión do diñeiro público para non hipotecar o concello durante os próximos anos, o que obrigaría ao próximo goberno municipal que saia das urnas o vindeiro mes de maio de 2023 a recortar, ou mesmo anular, os investimentos públicos necesarios para mellorar os servizos públicos que presta.

A veciña máis lonxeva do Porriño cumpre un século de vida

O Porriño celebrou onte o aniversario da súa veciña máis lonxeva, Bienvenida Lorenzo, que cumpriu un século de vida. Non todos os días se cumpren 100 anos e tampouco é doado alcanzar esa idade en boas condicións para disfrutar da celebración como fixo Bienvenida que, rodeada da súa familia, recibiu a visita do alcalde, Alejandro Lorenzo, en tan sinalado día. E é que ademais, en casa de Bienvenida festexábase por partida dobre xa que tamén se celebra o 18 aniversario de Daniel, un dos seus bisnetos, que comparte aniversario con ela.

O rexedor felicitou a ambos e entregou á homenaxeada un simbólico un fermoso ramo de flores en nome de todo o pobo do Porriño, como símbolo do agarimo dos seus veciños e veciñas.

“Faime inmensamente feliz compartir con Bienvenida a felicidade deste momento e máis aínda comprobar o fantástico estado no que se atopa a veciña máis lonxeva do noso pobo”, explicou o alcalde,  “Ela é unha testemuña da nosa historia recente e garda valiosos recordos que hoxe tivo o detalle de compartir conmigo. É un enorme luxo que contemos con ela”.

Bienvenida naceu o 13 de novembro de 1922 no municipio veciño de Mos, pero con tan só 18 aniños mudouse ao Porriño onde viviu ata o de agora ao carón do antigo campo da feira. Como destaca a súa familia foi e é unha nai e avoa excepcional, que coidou dos seus catro fillos, catro netos e oito bisnetos.

SmartPeme trae esta semana catro novas accións formativas

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta catro novas accións formativas impartidas de xeito mixto, combinando cursos online e presenciais, enmarcados na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a ciberseguridade nos móbiles, comercialización de aloxamentos con Airbnb, plataformas para crear tendas en liña e programación con Arduino.

O luns 14 de setembro, Manuel Freire, experto universitario en Robótico, programación e Impresión 3D, será o encargado de impartir o obradoiro “Ciberseguridade, dispositivos móbiles”. Este curso ten como obxectivo ver a importancia de protexer os dispositivos móbiles, xa que cada vez somos máis dixitais. Será ás 10.00 horas de xeito telemático. Freire tamén dirixirá o derradeiro dos obradoiros da semana, o xoves 17, será “Programación con Arduino II. Teórico II”. Este curso forma parte dun itinerario que ten como obxectivo iniciarse e adquirir soltura cunha das linguaxes de programación máis populares actualmente como é Arduino, combina talleres teóricos en liña e talleres prácticos para experimentar o aprendido.

O martes 15 ás 11 da mañá terá lugar vía Zoom “Airbnb: comercialización en liña de aloxamentos e experiencias”, un obradoiro no que se falará de como converterse en anfitrión de aloxamentos e actividades e cales son as condicións e vantaxes de formar parte desta plataforma dixital. O curso estará guiado por Sonia Torres, posgraduada en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas pola Universidade de Santiago de Compostela.

A penúltima das accións formativas celebrarase o mércores 16 pola tarde, ás 18.00 horas, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, será quen imparta o taller “Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña”. Trátase dun obradoiro no que se verá a situación actual do comercio electrónico, que pasos dar para crear unha tenda en liña e cales son as mellores plataformas para creala.

O programa ‘Coidados porta a porta’ regresa a finais de novembro a Ponteareas

Ponteareas acolle este mes unha nova visita do programa ‘Coidados porta a porta’, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia e financiada con fondos europeos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través do que se presta de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos residentes na vila.

Deste xeito, os vindeiros días 25, 28 e 29 de novembro volverá ao municipio unha das unidades móbiles do programa, que estará situada diante do Concello e que contará con acceso para persoas con mobilidade reducida. As persoas interesadas en ser atendidas e acudir a algunha consulta deberán solicitar cita previa chamando a través dos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992.

Durante estes tres días, as e os ponteareáns poderán facer unha consulta básica de podoloxía, cunha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas, así como eliminación de durezas, callos e helomas. Pola súa banda, no servizo de audioloxía realízanse valoracións e exploracións funcionais da audición e de prevención da perda auditiva, mentres que no de estimulación da memoria unha persoa profesional realizará unha valoración cognitiva e achegará pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e reducir un posible deterioro.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, anima á poboación maior de 55 anos da vila a solicitar cita previa para acudir a estas consultas que “permitirán aos nosos e nosas maiores ter ao seu alcance dun xeito cómodo e gratuíto ferramentas para unha revisión moi importante da súa saúde, pudendo previr problemas máis graves e mellorando a súa calidade de vida”. As unidades móbiles deste programa volverán visitar Ponteareas ao longo o vindeiro ano 2023 para continuar prestando estes servizos de consulta e atención médica.

“A saia raíña” visibiliza na Guarda o loito e a súa histórica relación coa muller en Galicia

0

A Casa dos Alonsos da Guarda acolle ata o vindeiro 5 de decembro en horario de mañá a exposición “A Saia Raíña”. Trátase dunha exposición de testemuñas nos formatos de fotografía e audiovisual, froito do traballo de campo de Rita Mas Ybáñez en diferentes aldeas e cidades galegas.

A inauguración, celebrada este xoves día 10 de novembro, contou coa asistencia de preto de medio cento de persoas, intervindo a Concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a autora desta exposición, Rita Mas Ybáñez.

Para Fátima Rodríguez, “esta exposición pon de manifesto que cada persoa vive en Galicia o loito dunha maneira distinta, en función do seu ámbito familiar, as tradicións dos lugares onde residen ou o seu entorno máis próximo, unha visión global dun feito que a todos nos toca vivir nalgún momento das nosas vidas e que queda reflexado dunha maneira moi visual co excelente traballo feito por Rita Mas Ybáñez”.

O Alcalde valorou esta exposición dun xeito moi positivo, ademais coincidindo no mes de novembro, tendo pasado fai uns días o día de todos os santos, unha exposición que fai un traballo antropomórfico exacto e real do loito en Galicia.

Para a realización desta exposición, foron entrevistadas máis de 60 persoas informantes, principalmente mulleres, aínda enloitadas e tamén homes que falan do costume de gardar o loito, tanto temporal coma permanente. As viaxes coas cámaras, a gravadora e mailo caderno de campo percorreron as provincias de Pontevedra, Lugo, Ourense e A Coruña tanto no rural como no ámbito urbano.

As mulleres falan no documental das súas vivencias, da necesidade ou imposición de gardar o loito, das diferencias do costume entre homes e mulleres, e finalmente da súa evolución que tende a desaparecer no século XXI.

Rita Mas Ybáñez é poetisa e escritora. Entre outros gañou o Premio Nacional de poesía Jaime Gil de Biedma (Segovia) e premios de poesía e vídeo creación das Mariñas (Carballo). Adicada a comunicación en medios e a etnografía, logo da súa formación audiovisual, é estudante de Antropoloxía Social e Cultural na UNED e realiza o traballo de campo e investigación etnográfica sobre o loito. Ten impartido conferencias e charlas na universidade, Concellos de Vigo, A Coruña, e Bibliotecas Provinciais dentro e fora de Galiza, e actualmente está traballando na próxima publicación do formato libro da monografía referida ao loito e o traballo de campo etnográfico resultado da exposición A Saia Raíña, mulleres galegas enloitadas no século XXI.

Esta actividade está promovida pola Concellería de Igualdade e o CIM da Guarda, e está subvencionada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Dende o Concello da Guarda se lanza un convite xerala toda a cidadanía guardesa para que visite esta magnífica exposición, que estará ata o vindeiro día 5 de decembro na Casa dos Alonsos.

Salceda saca a concurso a cantina do campo do Penedo Redondo

O Concello de Salceda iniciou o proceso de licitación para o uso privativo da cantina do campo do Penedo Redondo, mediante un procedemento aberto de licitación.

Esta cantina dotada de mobiliario para a súa explotación, atópase dentro das instalacións de titularidade municipal, que foron reformadas e melloradas coa súa ampliación, para poder atender á demanda crecente das persoas usuarias.

As persoas interesadas poderán acceder ao prego de Claúsulas Administrativas Particulares, no Perfil do contratante da Plataforma  de Contratos Públicos de Galicia na dirección https://www.contratosdegalicia.gal.

O prazo de presentación de proposicións será de quince días naturais, contados dende o día seguinte ao 9 de novembro de 2022, día no que se realizou a publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante de dita plataforma.

Así mesmo a presentación de proposicións so poderá realizarse de forma electrónica, a través da URL do Sistema de Licitación Electrónica  da Xunta de Galicia (SILEX) na seguinte dirección web: https://silex.conselleriadefacenda.es/SLE_Internet/.

Próximos cortes de tráfico en Baiona

0

O Concello de Baiona, a través da Xefatura da Policía Local de Baiona, vai realizar un corte de tráfico e desvío na rúa “Porta da Vila” o vindeiro martes, 15 de novembro, en xornada de mañá con motivo de realización de obras na citada rúa. Habilítase a rúa Herminio Ramos para a incorporación á estrada provincial PO-552 aos residentes e usuarios.

Maica Larriba coordina o dispositivo policial preventivo para garantir a operatividade dos transportes nos principais centros loxísticos

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, coordinou esta mañá cos principais mandos policiais da provincia o dispositivo preventivo co que se garantirá a operatividade das comunicacións con motivo da convocatoria dun paro patronal por parte dunha plataforma minoritaria do transporte. A subdelegada deu instrucións para que se tomen as medidas operativas oportunas que propicien a libre circulación dos transportistas que non secunden o paro, ante a posible presenza de piquetes.

Os dispositivos especiais terán lugar nos principais centros loxísticos da provincia, como son os portos de Vigo, Marín e Vilagarcía, así como os polígonos industriais con maior actividade relacionada co transporte de mercadorías. Despregaranse nestes puntos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que vixiarán para que se cumpra o dereito ao traballo dos transportistas e para que se manteña o subministro a puntos de venda, supermercados e superficies comerciais. O operativo desenvolverase desde a madrugada do luns.

A coordinación dos dispositivos tivo lugar no marco da Xunta Provincial de Seguridade presidida pola subdelegada do Goberno, na que tamén se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os dez primeiros meses do ano. Acudiron ao encontro diversos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, entre os que se atopaban o comandante da Garda Civil, Óscar Graña, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro García, o comisario xefe da Comisaría de pontevedra, Juan José Díaz, e o comandante da Garda Civil de Tráfico na provincia, Antonio pérez Piteira.

É preciso ter en conta que a comparativa realizouse en relación ao mesmo período do ano 2021, un exercicio con cifras anómalas debido ás restricións sociais e da mobilidade derivadas da situación sanitaria provocada pola covid-19.

Tras analizar os datos achegados polos principais mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da provincia, a subdelegada concluíu que “se rexistra un crecemento do 20% nas infraccións penais, estreitamente vinculado ao aumento dos delitos leves, tales como os pequenos furtos, os danos ou as lesións, froito da recuperación da actividade social normal tras a pandemia e, en moitas ocasións, relacionados co ocio nocturno”. Tamén contribúe a lastrar a estatística a maior incidencia dos ciberdelitos, que foron un 30 % superiores aos producidos nos dez primeiros meses de 2021.

Con todo, Maica Larriba destacou a importante actividade e eficacia policial ao longo deste período, o que se traduce nun 15,23 % máis en canto ao índice de esclarecemento de delitos e nun 13,52 % no número de detidos e postas a disposición de reclamados xudiciais. Así mesmo, as estafas a través de internet resolvéronse en case un 75 % e a participación policial en auxilios creceu un 33 %.

Doutra banda, a subdelegada tamén informou de que no ámbito provincial os delitos contra a liberdade sexual descenderon entre xaneiro e outubro un 12 %, mentres que se produciron 10 roubos con forza en vivendas máis. Maica Larriba alertou de que se está a detectar un repunte dos pequenos furtos en vehículos, segundo os mandos policiais, causados en moitos casos por persoas toxicómanas que rompen as fiestras para procurar diñeiro ou obxectos de valor. Porén, a subdelegada fixo un chamamento a evitar que, na medida do posible, se deixen nos vehículos teléfonos móbiles, dispositivos electrónicos, gafas de sol, prendas ou outros elementos que poidan incitar ao roubo.

Por cidades

En relación ás cifras globais rexistradas nas catro principais cidades da provincia desde xaneiro a outubro de 2022, a subdelegada explicou que estas seguen a tendencia provincial. En Pontevedra os delitos contra a liberdade sexual mantéñense nos mesmo rexistros que en 2021, increméntanse lixeiramente os furtos e denuncias por pelexas e pequenas lesións vinculadas ao ocio nocturno, mentres que as estafas por internet caen nun 7 %.

En Vigo, rexistrouse tamén unha baixada do 11 % nos delitos contra a liberdade sexual, mais incrementáronse de xeito importante os pequenos furtos relacionados coa recuperación total da actividade social tras a pandemia. Constátase, principalmente, un aumento das subtraccións en vehículos, así como dos furtos, lesións e danos leves. Como exemplo, Maica Larriba sinalou que se contabilizaron 475 furtos en coches, apelando, novamente, a non deixar obxectos á vista.

Doutra banda, destaca a gran actividade policial no esclarecemento de delitos que é un 15,39 % superior á do ano pasado, sendo especialmente significativa no relativo a roubos leves, onde crece un 43 % e nos roubos con violencia (28,57 %). Así mesmo, a subdelegada subliñou o importante labor policial na cidade cun 23 % máis de detidos e un 12,89 % máis de postas a disposición xudicial de persoas reclamadas.

A subdelegada quixo sinalar tamén que en Vilagarcía os delitos contra a liberdade sexual baixan nos primeiros dez meses do ano un 25%, os roubos con violencia un 12,5% os pequenos furtos un 51% e as ciberestafas redúcense nun 22%. O número de detidos caeu en 8 persoas con respecto ao mesmo período de 2021.

Por último, en Marín descenden á metade os delitos contra a liberdade sexual, os roubos con violencia son un 75% menos, os roubos con forza en vivendas redúcense nun 25% e os pequenos furtos nun 36%. Non obstante, tamén aumentan as substraccións en vehículos.

Botellóns

A subdelegada do Goberno analizou xunto aos mandos policiais a problemática dos botellóns nas dúas principais cidades da provincia e sinalou que, “sendo conscientes dos contratempos que esta actividade produce, os mandos policiais trasládannos que non existe preocupación relacionada coa seguridade cidadá”. “Así”, explicou, “a realidade é que as zonas de botellón rexistran menor incidencia de delitos que outras zonas de concentración de ocio nocturno”.

Con todo, a actividade policial para velar pola seguridade nos botellóns está a ser moi elevada, como exemplifican as máis de 80 actuacións preventivas levadas a cabo en Vigo nas que se busca, sobre todo, controlar a presenza de menores consumindo alcohol e outros estupefacientes.

Na zona portuaria levantáronse este ano 5 actas por consumo de estupefacientes, 4 por furtos e 3 por lesións, cifras que contrastan coas 210 actas levantadas noutras zonas de ocio nocturno da cidade.

En Pontevedra tamén se leva a cabo un importante labor de control, malia ser a presenza de menores e o seu control unha competencia da Unidade da Policía Autonómica (UPA). A maior parte dos servizos realizados nos botellóns de Pontevedra tiveron que ver con labores de auxilio ante intoxicacións etílicas, mentres que só dúas foron por roubos e outras dúas por lesións.

Tráfico

Na Xunta Provincial de Seguridade tamén se analizaron datos relacionados co tráfico. A subdelegada destacou que “aínda que nunca se pode falar de cifras positivas cando hai falecidos, o número de mortos nas estradas provinciais nos dez primeiros meses de 2022 ascende a 10 fronte aos 21 do mesmo período de 2021”. Malia todo, o número de accidentes con feridos sobe un 13 %.

Ademais, Maica Larriba informou de que no que vai de 2022 se realizaron 153.762 controis de alcoholemia das que 4.426 foron positivas. No relativo a drogas, o 61,42 % das probas realizadas tanto de maneira preventiva, como tras accidentes, deron positivo. Do total de condutores denunciados o 77,13 % deron positivo en consumo de cannabis, sendo a cocaína a segunda substancia máis detectada, por diante das anfetaminas.

Un informe sobre ‘Sustentabilidade e economía verde’ no territorio do río Miño sinala a silvicultura como factor de competitividade de futuro

0

O AECT Rio Minho presentou hoxe en O Rosal o informe sobre ‘Sustentabilidade e Economía Verde’ no territorio miñoto elaborado dentro do Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do Rio Minho por especialistas da Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo. Entre moitas ideas de desenvolvemento circular para a zona subliñouse unha conclusión clara: a silvicultura será un importante factor de competitividade no futuro do territorio.

No workshop participaron a alcaldesa do Rosal Ánxela Fernández Callís , o técnico de proxectos do AECT Rio Minho Luís Ulloa que presentou o Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas (ODT), e o propio coordinador do ODT e profesor da UVigo, Xavier Martínez Cobas, quen expuxo o último estudo realizado sobre o territorio. Tamén participaron na mesa redonda sobre ‘A sustentabilidade no sector primario’ a presidenta de ACUBAM María Victoria Álvarez Fernández; o responsábel de Raiz da Terra, José Augusto Martín; o director técnico de Terras Gauda Emilio Rodríguez Canas e o presidente da Adega Cooperativa Regional de Monção Armando Fontainhas, baixo a moderación da alcaldesa de Tomiño Sandra González Álvarez.

O profesor Cobas sinalou que as numerosas crises e fracasos asociados ao paradigma económico en vigor incrementaron a necesidade de buscar unha economía respectuosa co ambiente, reaccionando ante a combinación da crise climática, a degradación e a escaseza da auga e a perda da biodiversidade. En concreto, no caso do sector agrario no territorio do Río Miño, Martínez Cobas explicou que o desenvolvemento da economía verde e a sustentabilidade “atópanse ben situados respecto de Galicia e Portugal”.

Segundo salientou, no informe estudáronse as actividades de agricultura, gandaría, caza e actividades relacionadas; as actividades de silvicultura e explotación forestal; as de pesca e acuicultura; e as de extracción de produtos minerais na zona, observándose que son maioritarias as primeiras, ocupando un papel relevante na economía da área transfronteiriza. O segundo lugar ocúpano as empresas dedicadas á pesca, esencialmente situadas nas zonas costeiras do AECT Rio Minho e algunhas máis ao interior, vinculadas á pesca do río.

De maneira específica, Cobas defendeu que “a silvicultura é a actividade que menos importancia ten no territorio, aínda que o número de empresas é tamén considerable”, mais subliñou que as empresas de silvicultura son as únicas que están a crecer no territorio. “Este aspecto sinala que a silvicultura posiblemente sexa un importante factor de competitividade deste territorio no futuro”, subliñou.

Neste sentido, destacou que o grande desafío é evitar os incendios e os seus efectos, e en particular o efecto dos grandes incendios, coma os vividos en 2017. “Con este fin, a silvicultura preventiva pode ser a maior ferramenta de protección. O tratamento das árbores, a elección de especies e os modelos de explotación, limitando as localizacións nos puntos críticos, son liñas a seguir”, dixo.

Fertilizantes co bagazo e placas solares para eficiencia enerxética

Por outra banda, o profesor tamén destacou no informe que todas as todas as actividades asociadas á economía circular están a incrementar o número de empresas no territorio, indicando que na área do AECT Rio Minho estanse a valorar actividades asociadas á economía da enerxía eléctrica ou valorización e xestión de residuos, como tendencia a unha maior sustentabilidade. Destacou que no caso da viticultura e a planta ornamental é preciso desenvolver subprodutos compatibles co medio, limitando o uso de compoñentes químicos que danen a biodiversidade.

Neste sentido, na mesa de debate sobre a sustentabilidade no sector da vitivinicultura, Terras Gauda acudiu como exemplo dunha empresa importante da bisbarra con proxectos pioneiros, como o que na actualizade está a desenvolver para converter o bagazo en fertilizante e pesticida de calidade grazas ao estudo denominado ‘Vitalver’. A contraparte do país veciño unha das entidades dos vinhos verdes que máis importancia teñen na subzona de Melgaço-Monção como é a Adega Cooperativa Regional de Monção explicou tamén o seu proxecto de eficiencia enerxética coa instalación de paneis solares, que permiten traballar con menos consumo enerxético e menos custos de funcionamento.

O obradoiro desenvolveuse no ámbito do Proxecto ‘Rede de Apoio as dinámicas locais de cooperación no rio Miño transfronteirizo’ (REDE_LAB_MINHO), financiado polo Programa lnterreg V-A España Portugal (Actividade 2 – Construción e dinamización de unha rede de cooperación e observación das dinámicas transfronteirizas).

Avanzan a bo ritmo as obras da Senda do Foxo Vello en Pereiras, Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e o edil da parroquia de Pereiras, Leo Costas, visitaron onte as obras de acometida do proxecto de humanización Senda do Foxo Vello, acompañados polos técnicos municipais, Ramón Vega (arquitecto), e Purificación Barciela (arquitecto técnico).

Esta obra, que supón un paso máis no Plan Mos Humanizado, avanza a bo ritmo e suporá un antes e un despois para a parroquia de Pereiras, segundo declararon hoxe os representantes municipais Arévalo, Augusto e Costas.

Os traballos contan con subvención ao Concello de Mos no marco do Plan Concellos 2022-2023, cun investimento de 406.926,42 euros e un prazo de execución de 5 meses.

A alcaldesa destaca sobre esta obra que “continuamos dando pasos no noso Plan Mos Humanizado, que é un dos nosos principais compromisos do goberno local da presente lexislatura, no que damos ademais resposta a demandas veciñais; por iso priorizamos actuacións como esta Senda de Pereiras ou Senda do Foxo Vello”.

A senda peonil e mellora da seguridade en Pereiras, inclúe entre as obras a realizar a construción dunha senda peonil dende a Igrexa da parroquia de Pereiras ata a senda de Atín, nas proximidades da estrada de titularidade autonómica PO-331. Coa execución desta obra, perséguese a mellora da circulación peonil tanto para a poboación en xeral como para os pais, nais e nenos do CEIP de Atín, e garantir unha comunicación segura dende a Igrexa ata estrada PO-331.

O tramo de actuación comprenderá dende o adro da Igrexa de Pereiras (punto 0+00) ata o remate da senda peonil de Atín (punto 0+720). No trazado diferenciaranse dúas zonas: zona 1.- camiño do Foxo Vello e camiño Pazos, discorrerá paralelo a traza de cada un dos camiños, seguindo a mesma configuración xeométrica cos mesmos. – camiño Pazos, marxe dereita. – camiño Foxo Vello, marxe esquerda e marxe dereita. Zona 2.- inmediacións do CEIP de Atín, circunda o peche do colexio definindo zonas verdes e de aparcamento. Adóitase este trazado para evitar grandes movementos de terra e muros de contención cunha altura máxima de 3,00 m., así como compensar os desmontes e os terrapléns. As obras comprenderán: construción dunha senda peonil co fin de darlle continuidade á senda de Atín. Remate da mellora do itinerario peonil ao CEIP de Atín dende o núcleo de Atín.

Realizarase a execución da recollida de augas pluviais dos camiños do Foxo Vello e Pazos, baixo o trazado da senda peonil, conducindo as mesmas ata un rego existente no camiño do Foxo Vello. Dotarase a senda de iluminación mediante farois situados cada 20-25,00 m. E sinalización viaria da senda, con sinais verticais e pasos de peóns elevados.

A mellora da seguridade viaria lograrase coa realización desta actuación comunicando equipamentos e favorecendo a integración e mobilidade. A senda estará destinada a dar servizo á mobilidade cotidiá, executarase sen estreitar a beiravía existente e buscando a mellor integración paisaxística posible. Primará ante todo a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns.

Redondela denuncia o abandono das estradas por parte da Xunta

0

O Concello de Redondela denuncia o que cualificou de “lamentable abandono” e deterioro daquelas estradas competencia da Xunta de Galicia. A alcaldesa Digna Rivas considera o feito “un insulto á cidadanía de Redondela” ao constatar que nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2022, “non se contempla nin un euro para a reforma da Avenida Mendiño, ao igual que para a Avenida de Vigo ou a estrada PO-250”, todas responsabilidade da administración da Xunta.

Lembra o goberno redondelán que o 26 de febreiro de 2019, cunhas eleccións municipais á vista, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitaba Redondela para anunciar a reforma da Avenida Mendiño “a través do que máis lle gustaba ao goberno popular: as infografías”. Nesa visita, Vázquez aseguraba que as obras “licitaránse en verán, xa que o proxecto está redactado e aínda seguimos esperando a súa resolución en 2022”.

Como outros moitos grandes proxectos, di o executivo que preside Digna Rivas, “demostrase tempo despois que non eran máis que anuncios puramente electoralistas”. Eses anuncios, engade a alcaldesa de Redondela, “quedan agora en evidencia xa que para esa obra os Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, non recollen nin un só euro”.

As obras da primeira fase da humanización da avenida de Vigo, ao seu paso polo tramo comercial do núcleo urbano de Chapela, comezou a principios de abril de 2017. “A día de hoxe seguimos esperando pola resolución da Fase 2 e 3 da humanización da avenida de Vigo, parada dende fai máis de 4 anos”, denuncia Rivas.

O goberno socialista tamén reclama o “estudo e mellora da mobilidade e seguridade peonil da Estrada de Reboreda (PO-250), xa que esta é un perigo para o tráfico e en consecuencia para a cidadanía”. Entre as esixencias piden a ampliación e mellora da vía realizando as obras previstas na parcela expropiada para eliminación da curva situada no punto kilométrico 0,250 ou a mellora das beirarrúas e a construcción de lombos de burra.

É lamentable que un goberno da Xunta, que se da por sentado que ten que gobernar para todos e todas as galegas e, polo tanto “para todos os municipios baixo criterios de equidade”, elabore uns orzamentos “absolutamente arbitrarios favorecendo aos concellos que lle son afíns e esquecendo, por completo ao resto”.

“O goberno que presido, –recalcou Digna Rivas– non vai quedar cruzado de brazos mirando como se despreza ao cuarto municipio da provincia e como se lle falta ao respecto, de xeito continuado, á súa veciñanza” polo que, a alcaldesa redondelá, adiantou que “utilizaremos todos os medios ao noso alcance para esixir, da Xunta de Galicia, o cumprimento dos compromisos adquiridos con este municipio e coa súa cidadanía”.

Tomiño traballa para eliminar a entrada de augas pluviais á rede de saneamento

0

O Concello de Tomiño en colaboración con Aqualia levará a cabo nas vindeiras semanas unha campaña de inspección e control das redes municipais de saneamento e das conexións particulares de augas pluviais co obxectivo de “evitar que, en momentos intensos de choivas como os que estamos a ter, suframos a insuficiencia dalgúns colectores, incapaces de asumir os volumes de augas que reciben para o seu transporte ata a Estación Depuradora de Augas Residuais de Tomiño (EDAR)”, como sinala o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.

Esa conexión irregular nalgunhas vivendas xunto coas infiltracións na rede provocan unha saturación na EDAR de Tomiño, ademais de causar que os colectores non poden facer fronte ao volume de auga que reciben, facendo entrar en carga ás tubaxes e provocando o levantamento de tapas, retrocesos de augas e inundacións, así como problemas no propio tratamento da estación depuradora.

Nas vindeiras semanas un técnico encargarase de revisar as posibles verteduras de pluviais ao sistema municipal de saneamento que se poidan estar a producir e de avisar ás persoas propietarias do inmoble.

En caso de que algunha vivenda se atope en situación irregular por estas verteduras, o propietario ou propietaria deberán dar os pasos necesarios para regularizar a situación. Para iso será necesario acudir á oficina de Aqualia en Tomiño os mércores e xoves de 09.00 a 13.00 horas, chamar ao teléfono de atención ao cliente 900 81 33 57 ou contactar co Concello a través do teléfono 986 62 20 01, extensión 6, onde a técnica de Medio Ambiente tomará nota do aviso para realizar a posterior chamada ou visita.

Hoxe ábrese a autocita para a vacinación da segunda dose de reforzo da Covid

A Consellería de Sanidade abriu a autocita para todas as persoas que, por diferentes motivos, non foron vacinadas coa segunda dose de reforzo da covid-19. Así, a partir de hoxe venres, 11 de novembro, poderase xestionar a cita para a vacinación, que terá lugar en grandes recintos. A citación farase a partir do luns, 14 de novembro.

As persoas dos seguintes grupos de idade e coas características que se detallan de seguido, poderán reservar a súa cita tanto a través da páxina web como da aplicación Sergas Móbil.

Recoméndase a vacinación coa dose de recordo aos seguintes grupos:

  • Persoas de 60 a 79 anos que non puideron acudir a vacinarse.
  • Sanitarios que non acudiron á cita ou que non foran citados.
  • Persoas menores de 60 anos con enfermidades crónicas cardiovasculares, neurolóxicas ou respitarorias –incluindo displasia bronco-pulmonar, fibrose quística e asma–.
  • Persoas de entre 12 e 59 anos con patoloxías de risco.
  • Mulleres embarazadas en calquera trimestre de xestación e mulleres que, despois de 6 meses do parto, non se vacinaran durante o embarazao.
  • Convivintes con persoas de alto grado de inmunodepresión.

A auga da Fonte do Pombal de Baiona volve a ser apta para o consumo humano

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, informa de que, tras o resultado da última analítica de potabilidade das fontes naturais existentes no municipio, a auga da Fonte do “Pombal”, situada no Camiño Real (Sabarís), está dentro dos parámetros normáis que garantizan o consumo humano.

Cómpre lembrar que na segunda semana de setembro o Concello, co fin de salvagardar a saúde dos veciños daba aviso que non se debía consumir a auga de dita fonte ao dar as analíticas realizadas que atopábase no límite de potabilidade para o consumo humano.

Mondariz aposta polo emprendemento local a través das III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural

0

Este sábado, 12 de novembro, están programadas as III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural de Mondariz. Nesta edición, as iniciativas de recuperación de terras abandonadas que se visibilizan xiran arredor de experiencias emprendedoras no territorio galego que poidan servir de inspiración para persoas e colectivos sociais que estean buscando oportunidades de desenvolvemento socioeconómico no medio rural.

Terán lugar nunha das salas polivalentes da biblioteca municipal de Mondariz. Durante a xornada de mañá (9:30 h-13:30 h) está programada a inauguración oficial a cargo do alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo, Xosé Emilio Barros. De seguido, representantes da Comunidade de Montes en Man Común de Pinzás (Tomiño) presentarán as súas experiencias de pastoreo, acompañados pola alcaldesa tomiñesa, Sandra González Álvarez.

Despois da pausa para o café das 11:00 horas intervirán o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, para falar de oportunidades de emprendemento no sector agroalimentario, e a directora da Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia, Inés Santé Riveira, para presentar os instrumentos da lei de recuperación de terras agrarias de Galicia.

Durante a xornada de tarde (17:00 h-19:00 h) darase especial protagonismo ás experiencias de desenvolvemento exitosas que podemos atopar no Concello de Mondariz e na súa contorna. Hermindo Álvarez e Sara Cifuentes, promotores da horta ecolóxica BioChousa na parroquia de Gargamala, presentarán o seu proxecto ás 17:00 h; mentres que Eva González e Nelson Alonso, promotores de Carabuñas, falarán do sabugueiro como recurso alimentario e das oportunidades de desenvolvemento que hai arredor desta árbore ás 18:00 h. As xornadas rematarán, como é habitual, cunha degustación de balde para as persoas asistentes.

Inspirar o emprendemento local no medio rural

As III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural de Mondariz son un evento aberto e gratuíto que non require inscrición previa. Xurdiron no outono de 2019, por iniciativa da Alcaldía, dentro dunha estratexia política municipal para reflexionar colectivamente sobre a xestión do territorio desde a perspectiva do desenvolvemento socioeconómico sostible.

Naquela primeira edición, as charlas e as experiencias de emprendemento presentadas xiraron arredor da fruticultura e os produtos derivados da mazá, como a sidra. Despois de ser canceladas en 2020 por mor da pandemia de Covid-19, as xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural foron recuperadas en 2021, cos froitos secos como tema principal. Nesta segunda edición, presentáronse iniciativas relacionadas co cultivo da abelá para a súa comercialización e transformación produtiva.

Xunta e Concello impulsan a tramitación da modificación puntual urbanística que permitirá recuperar o mosteiro

0

A Xunta e o Concello de Oia reuníronse na mañá do xoves co fin de analizar a situación actual da modificación urbanística promovida polo Goberno local para permitir a recuperación do Real Mosteiro de Oia e tratar de impulsar a súa tramitación nos vindeiros meses.

A tal fin, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, trasladoulle á alcaldesa, Cristina Correa, ao propietario do Mosteiro de Oia, Juan Martínez, e aos técnicos municipais que os acompañaron durante a xuntanza cales son os principais pasos a seguir tanto desde o punto de vista urbanístico como ambiental para poder avanzar cara á aprobación definitiva dos cambios propostos nas Normas Subsidiarias que rexen neste concello desde o ano 1996.

Así mesmo, Rivas púxose á disposición do concello para resolver calquera posible dúbida que poida xurdir a partir de agora con relación a esta modificación urbanística, así como para colaborar na medida do posible co fin de contribuír a axilizar os trámites dependentes do seu departamento.

Cómpre subliñar que os cambios normativos que quere acometer o Concello teñen como obxectivo, entre outras cuestións, dar amparo urbanístico ao proxecto de recuperación do Real Mosteiro de Oia, unha construción que data do século XII e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1931.

Pertencente á época cisterciense, trátase dun conxunto arquitectónico cun gran valor histórico e patrimonial, de aí o interese municipal por facilitar un encaixe normativo axeitado para o proxecto, que prevé rehabilitar o mosteiro e tamén a súa contorna.

Facultade Ágora aplaude o modelo ‘Ponteareas Vila Dez’

Os ‘Obradoiros’ da Facultade Ágora remataron hoxe en Ponteareas cun aplauso xeral ao modelo da vila implantado dende a chegada do actual goberno local, que permitiu aumentar a calidade de vida da veciñanza e que gañou, só nos últimos tres anos, 40.000 metros cadrados de espazo público para as persoas retirándollelo aos coches.

A vila do Condado foi escenario do último dos talleres de traballo da Deputación neste 2022 que pretenden formar a representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia sobre como recuperar o espazo público e fomentar as mobilidades activas. Segundo subliñou o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, Ponteareas é un referente de como se deben facer as cousas recuperando a vila para a xente desenvolvendo unha filosofía que é unha “onda imparable” a nivel mundial, unha afirmación que tamén corroborou a enxeñeira civil portuguesa Paula Teles, quen participou no taller como observadora externa.

[su_image_carousel source=”media: 63681,63674,63675″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O nacionalista destacou que o traballo feito en Ponteareas “é dunha especial satisfacción” porque foi o concello co que a Deputación iniciou tamén o seu cambio de modelo para fomentar a mobilidade natural fronte á motorizada. “Lembro no 2015 ao alcalde Xosé Represas dicíndome que quería facer cousas e que non sabía como. Dende aí soubemos que a Deputación tiña que ser un apoio para axudar aos concellos no novo modelo e comezamos a facer cousas. Hoxe Ponteareas ten un proxecto claro e é un entusiasta participante da Rede Ágora de Concellos polo espazo público”, destacou.

A alcaldesa Cristina Fernández, pola súa banda, explicou ás persoas participantes ao taller (persoal de varios concellos da provincia, dos colexios de Arquitectura e Enxeñería así como de empresas de consultoría en mobilidade) que o goberno de Ponteareas, dende 2015, sempre tivo claro que era preciso construír unha vila máis amable.

Destacou que os primeiros anos de goberno se centraron en preparar documentación e construír estratexia e que, a partir de 2019, xa comezaron a executarse obras e melloras. “Tiñamos claras as ideas. A nosa acción de goberno fíxose para transformar Ponteareas de maneira integral. Fixemos unha aposta valente e acertamos nas decisións duras”, salientou, facendo unha lembranza e recoñecemento ao traballo co falecido xefe da Policía Local Benigno Moldes.

Fernández quixo agradecer á Deputación as súas achegas. Salientou que o goberno provincial tivo un “papel esencial” no cambio da vila, xa que achegou fondos, ideas e asesoramento para levar adiante a reforma urbana. Subliñou as subvencións para realizar o plan de mobilidade, o PMUS, os proxectos de sete rúas que conectan coa praza Bugallal, os fondos do ReacPON para a execución dun camiño escolar seguro ou os convenios e proxectos para outras moitas actuacións.

[su_image_carousel source=”media: 63679,63682,63678,63677,63676,63673″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O primeiro tenente de alcalde Roberto Mera completou os datos achegados pola alcaldesa e fixo balance numérico do que se deu en chamar proxecto ‘Ponteareas Vila 10’, nome escollido en referencia á calidade de vida excelente para a veciñanza, e tamén a que se trata dunha localidade na que a mobilidade natural permite desprazamentos a pé en só dez minutos a todos os puntos da vila.

Mera destacou que a recuperación de espazo público entre 2000 e 2019 supuxo gañar ao coches 5.500 metros cadrados para as persoas, unha cifra que se multiplicou por oito nos últimos tres anos (2019-2022), chegando ata os 40.000 m2 actuais. Desas superficies, explicou o concelleiro, preto de 34.000 metros foron grazas a peonalizacións, e outros 6.000 debido á ampliación de itinerarios peonís. Agora mesmo, con execución a futuro medio prazo, sinalou que hai proxectos que permitirán recuperar outros 12.300 metros cadrados para a veciñanza.

Segundo lembrou o nacionalista, no ano 2019 comezou o groso das obras de transformación do núcleo urbano, da creación de itinerarios peonís, de ampliación de beirarrúas, de peonalizacións, de calmado de tráfico, de melloras de aparcamento, e de eliminación de circuítos de tráfico de paso e axitación mediante a súa reordenación, a eliminación de dobres sentidos, a redución de sobreanchos ou os controis de velocidade, hoxe reducida a 20 km/h e a 10 km/h nas zonas de preferencia peonil. “O resultado está á vista. Teremos que ver se tamén nos presentamos a premios como Pontevedra”, dixo a alcaldesa.

Bodegas La Val entrega íntegra a recadación do seu “La Val Solidario 2021” a DisCamino

Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, fixo entrega hoxe aos representantes de DisCamino dun cheque polo importe íntegro resultante da venda das 200 botellas da V Edición Limitada do seu albariño “La Val Solidario 2021”.

O acto de entrega celebrouse en Bodegas La Val, situada en Salvaterra de Miño e nel, Fernando Bandeira, socio e xerente da adega e Antonio Ruiloba, socio e administrador, entregaron o cheque por valor de 1.800 euros ao responsable de DisCamino, Javier Pitillas que veu acompañado por Mónica Mera e Miguel Angel González, pilotos de Handbike e Tándem, respectivamente.

Fernando Bandeira, socio e xerente de La Val, dicía: “para nós foi un pracer poder colaborar con DisCamino a través deste proxecto solidario. Estamos orgullosos de facer hoxe a entrega do cheque da quinta entrega desta acción que parece que veu para quedar”.

DisCamino destinará esta doazón para continuar co seu proxecto e seguir logrando que calquera persoa con discapacidade poida gozar de todo o que a peregrinación do Camiño ofrece. Esta colaboración permitirá dotar de equipamento á asociación.

Pola súa banda, Javier Pitillas, director xeral da Fundación, engadiu: “Estamos moi agradecidos por ser os beneficiarios desta V Vendima Solidaria, parécenos unha moi boa iniciativa e cremos que é necesario que se fagan este tipo de colaboracións”.

Péchase así o ciclo iniciado coa V Vendima Solidaria, tras a venda do albariño “La Val Solidario 2021” e a entrega do cheque a DisCamino. O pasado setembro, co inicio da vendima, Bodegas La Val presentou a súa VI Vendima Solidaria, e o próximo La Val Solidario 2022 será en favor de Apamp (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral).

Sobre DisCamino

DisCamino naceu no ano 2009, destinada a posibilitar a realización do Camiño de Santiago a todas as persoas con discapacidade que mostren interese neste roteiro de peregrinación como vía de superación persoal ademais de difundir os valores da cultura do deporte e do esforzo, así como o recoñecemento e a valía de todas as persoas, independentemente das súas características. Na actualidade, DisCamino conta con case 40 voluntarios que co seu traballo posibilitaron que ata o de agora 305 persoas con discapacidade puidesen vivir a experiencia do Roteiro Xacobeo. En total, desde hai xa 11 anos e de maneira ininterrompida, realizáronse 80 camiños, entre os que destacan catro veces o Camiño Francés, dous a Vía da Prata e distintas probas deportivas como a volta ciclista a España, a volta ciclista por Andalucía, a volta ciclista polo Cantábrico ou os roteiros polos Alpes e os Pireneos.

Sobre Bodegas La Val

Bodegas La Val nace en 1985, converténdose así nunha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas. Situada na Finca Arantei, en Salvaterra de Miño (provincia de Pontevedra), conta cunha adega equipada coas tecnoloxías máis punteiras do sector e ten unha superficie de 6.000 m2. Os seus viñedos en propiedade atópanse enmarcados en tres leiras: Finca Arantei, Finca Porto e Finca Taboexa e en total suman 53 hectáreas. Bodegas La Val mantén unha produción anual ao redor de 500.000 botellas, e está presente en máis de 20 países en todo o mundo.

Na actualidade produce 8 viños: La Val (Albariño), Finca Arantei (Albariño), La Val Fermentado en Barrica (Albariño), La Val Crianza Sobre Lías (Albariño), La Val Vendimia (Albariño), Más que 2 (Condado), La Val Treixadura (Treixadura), La Val Sousón (Sousón).