21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Apalpador visitará 64 concellos da provincia

    O Apalpador visitará 64 concellos da provincia

    O Apalpador, a tradicional figura do Nadal na Galicia, visitará este ano 46 concellos da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’. O departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitaron.

    Están concedidas as actuacións a: Marín, Bueu, Cangas e Moaña no Morrazo; Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo no Salnés; Pontecesures, Portas, Cuntis e Caldas na comarca de Caldas; Dozón, Agolada, A Estrada, Forcarei, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro e Lalín no Deza-Tabeirós; Salceda de Caselas, O Porriño, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Soutomario e Mos na área de Vigo; Poio, Barro, A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade na comarca de Pontevedra; Oia, Gondomar, e Nigrán no Val Miñor; A Cañiza, Salvaterra de Miño, As Neves, Ponteareas, Mondariz , Mondariz- Balneario e Arbo no Condado-Paradanta; e Tomiño, e Tui no Baixo Miño.

    O número de visitas do Apalpador foi multiplicándose nos últimos exercicios debido ao éxito de público acadado nas actuacións. Nos vindeiros días concretaranse as datas e horarios para cada localidade, que se publicarán na web depo.gal. As primeiras xornadas, entre o 19 e o 22 haberá actividades –pasarrúas ao aire libre ou actuacións en espazos pechados- só pola tarde ao haber aínda clases polas mañás, pero de maneira xeral haberá dous eventos pola mañá e dous pola tarde ata o 4 de xaneiro (salvo os días de Nadal e Aninovo).

    Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores  que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

    O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.