Ponteareas acolle este mes unha nova visita do programa ‘Coidados porta a porta’, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia e financiada con fondos europeos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través do que se presta de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos residentes na vila.
Deste xeito, os vindeiros días 25, 28 e 29 de novembro volverá ao municipio unha das unidades móbiles do programa, que estará situada diante do Concello e que contará con acceso para persoas con mobilidade reducida. As persoas interesadas en ser atendidas e acudir a algunha consulta deberán solicitar cita previa chamando a través dos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992.
Durante estes tres días, as e os ponteareáns poderán facer unha consulta básica de podoloxía, cunha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas, así como eliminación de durezas, callos e helomas. Pola súa banda, no servizo de audioloxía realízanse valoracións e exploracións funcionais da audición e de prevención da perda auditiva, mentres que no de estimulación da memoria unha persoa profesional realizará unha valoración cognitiva e achegará pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e reducir un posible deterioro.
A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, anima á poboación maior de 55 anos da vila a solicitar cita previa para acudir a estas consultas que “permitirán aos nosos e nosas maiores ter ao seu alcance dun xeito cómodo e gratuíto ferramentas para unha revisión moi importante da súa saúde, pudendo previr problemas máis graves e mellorando a súa calidade de vida”. As unidades móbiles deste programa volverán visitar Ponteareas ao longo o vindeiro ano 2023 para continuar prestando estes servizos de consulta e atención médica.