14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA Guarda“A saia raíña” visibiliza na Guarda o loito e a súa histórica...

    “A saia raíña” visibiliza na Guarda o loito e a súa histórica relación coa muller en Galicia

    A Casa dos Alonsos da Guarda acolle ata o vindeiro 5 de decembro en horario de mañá a exposición “A Saia Raíña”. Trátase dunha exposición de testemuñas nos formatos de fotografía e audiovisual, froito do traballo de campo de Rita Mas Ybáñez en diferentes aldeas e cidades galegas.

    A inauguración, celebrada este xoves día 10 de novembro, contou coa asistencia de preto de medio cento de persoas, intervindo a Concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a autora desta exposición, Rita Mas Ybáñez.

    Para Fátima Rodríguez, “esta exposición pon de manifesto que cada persoa vive en Galicia o loito dunha maneira distinta, en función do seu ámbito familiar, as tradicións dos lugares onde residen ou o seu entorno máis próximo, unha visión global dun feito que a todos nos toca vivir nalgún momento das nosas vidas e que queda reflexado dunha maneira moi visual co excelente traballo feito por Rita Mas Ybáñez”.

    O Alcalde valorou esta exposición dun xeito moi positivo, ademais coincidindo no mes de novembro, tendo pasado fai uns días o día de todos os santos, unha exposición que fai un traballo antropomórfico exacto e real do loito en Galicia.

    Para a realización desta exposición, foron entrevistadas máis de 60 persoas informantes, principalmente mulleres, aínda enloitadas e tamén homes que falan do costume de gardar o loito, tanto temporal coma permanente. As viaxes coas cámaras, a gravadora e mailo caderno de campo percorreron as provincias de Pontevedra, Lugo, Ourense e A Coruña tanto no rural como no ámbito urbano.

    As mulleres falan no documental das súas vivencias, da necesidade ou imposición de gardar o loito, das diferencias do costume entre homes e mulleres, e finalmente da súa evolución que tende a desaparecer no século XXI.

    Rita Mas Ybáñez é poetisa e escritora. Entre outros gañou o Premio Nacional de poesía Jaime Gil de Biedma (Segovia) e premios de poesía e vídeo creación das Mariñas (Carballo). Adicada a comunicación en medios e a etnografía, logo da súa formación audiovisual, é estudante de Antropoloxía Social e Cultural na UNED e realiza o traballo de campo e investigación etnográfica sobre o loito. Ten impartido conferencias e charlas na universidade, Concellos de Vigo, A Coruña, e Bibliotecas Provinciais dentro e fora de Galiza, e actualmente está traballando na próxima publicación do formato libro da monografía referida ao loito e o traballo de campo etnográfico resultado da exposición A Saia Raíña, mulleres galegas enloitadas no século XXI.

    Esta actividade está promovida pola Concellería de Igualdade e o CIM da Guarda, e está subvencionada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

    Dende o Concello da Guarda se lanza un convite xerala toda a cidadanía guardesa para que visite esta magnífica exposición, que estará ata o vindeiro día 5 de decembro na Casa dos Alonsos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.