Luns, 26 Maio de 2025

«O Apalpador» visitará Tomiño, Tui e Salceda grazas ao programa ‘Nadal en Galego’ da Deputación

O Apalpador, a tradicional figura do Nadal na Galiza, visitará este ano tres concellos da comarca do Baixo Miño man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’. Onte o personaxe tradicional estivo no centro infantil de Príncipe Felipe e pola tarde visitou o Pazo Provincial, onde foi recibido pola deputada María Ortega, responsable do departamento de Lingua, e desexou boas festas a toda a provincia.

Ademais de onte en Pontevedra, o Apalpador xa estivo o luns en Tui na Área Panorámica e volverá o día 31 de decembro ás 12.30 a Tomiño e o 2 de xaneiro a Salceda de Caselas (19 h). Os percorridos itinerantes do pasarrúas polos centros das vilas estarán marcados por cada un dos concellos.

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

Pablo Castillo optará a reelección á Alcaldía de Covelo

0

Pablo Castillo optará á reelección á alcaldía do Concello de Covelo. Onte anunciou a súa candidatura diante da xunta local do partido, do presidente provincial, Luis López, e da secretaria xeral, Luisa Piñeiro, tras ser elixido por unanimidade pola executiva do PP local.

Sería o terceiro mandato para Pablo Castillo, tras acceder á alcaldía en novembro de 2014, quen asegura sentirse “con enerxías renovadas” e moita ilusión para asumir un novo mandato, e destaca que “temos en marcha un proxecto de concello que se está notando, que é coñecido e compartido cos veciños, no que se aposta por servizos esenciais de calidade, por potenciar os nosos recursos e cunha aposta decidida pola nosa identidade rural, e agora non se pode deter. Este proxecto debe ter continuidade. É imprescindible seguir avanzando nos próximos anos, e xa temos proxectos en marcha e iniciativas preparadas coas que seguir transformado Covelo e seguir dando resposta ás necesidades e prioridades dos nosos veciños”.

Por iso, “e porque aínda temos moito máis que ofrecer”, asume o reto con compromiso: “o único que nos move é traballar para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños. Non dar nin un paso atrás, para que conten con máis e mellores servizos e infraestruturas”.

Pola súa banda, o presidente provincial, Luis López, destaca que “Pablo sabe moi ben que a política local é fundamental para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e para transformar todo un pobo. El e o seu equipo encarnan ese modelo de xestión e de relación entre un alcalde e os seus veciños. Unha xestión baseada na atención, na colaboración, no diálogo, no entendemento e na procura do interese xeral”.

Amosouse convencido de que Covelo seguirá contando a partir de maio co mellor goberno e cun gran alcalde do Partido Popular, “porque imos revalidar unha nova maioría absoluta. Pablo Castillo é o mellor alcalde para Covelo, e detrás dun gran líder sempre hai un gran equipo de persoas e un gran proxecto que serán recoñecidos en maio cun apoio maioritario”. Con todo, engadiu que, “vistos os resultados electorais de Covelo parece fácil, pero non hai que restarlle mérito e, sobre todo, non hai que confiarse. Hai que seguir traballando de xeito intenso”.

Grande éxito de acollida do proxecto piloto de recollida de biorresiduos urbanos no centro urbano de Ponteareas

Ponteareas quere comezar a facer unha correcta xestión dos biorresiduos. Baixo o lema ‘Ti tes a chave’, o Concello puxo en marcha na Praza de Bugallal unha campaña de divulgación do proxecto piloto de recollida de biorresiduos no centro da vila que tivo unha grande acollida por parte da veciñanza, que se achegou ata a carpa para informarse e amosou o seu interese por comezar a participar de forma activa.

Con dous composteiros comunitarios no centro da vila e 109 composteiros individuais, Ponteareas comeza a camiñar neste novo sistema de xestión dos residuos, que permite tratar de forma separada os residuos alimentarios e asimilábeis, como restos de comida procedentes de fogares, restaurantes e comercio polo miúdo e residuos verdes, aqueles procedentes dos restos de xardíns, parques ou pistas deportivas.

Neste sentido, o Concello de Ponteareas conseguiu captar fondos europeos Next Generation para comezar o proceso de implementación do quinto colector para a recollida selectiva de biorresiduos e, como explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, “continuar apostando así pola economía circular, eliminando do lixo unha importante cantidade de residuos que poderemos reutilizar elaborando compost de calidade. É unha medida que suporá un importante beneficio medioambiental tanto pola eliminación da emisión de gases de efecto invernadoiro”.

Segundo os estudos realizados dende a Concellaría de Medio Ambiente, con este novo proxecto piloto Ponteareas prevé recuperar entre 66.000 e 199.000 kg por ano e entre 26 e 77 quilos por habitante dependendo da porcentaxe de éxito acadado. Nesta previsión tense en conta o número máximo de familias incluídas no proxecto, que se elevará ata as 1.300.

Covelo salienta que as campañas de información e sensibilización deste proxecto piloto “favorecen unha maior separación en orixe, xa que a tendencia dos voluntarios e voluntarias participantes é a de estar máis motivados que a media da poboación e ter mellores hábitos de separación en orixe”.

A xustiza pronúnciase a favor do Concello de Redondela no recurso interposto polo alumeado de Nadal

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, cualificou hoxe de “absoluta irresponsabilidade” o intento do PP de desprestixiar ao goberno local facendo alegacións falsas sobre a contratación do alumeado de Nadal. Por unha banda, a alcaldesa denunciou o intento de boicot, o día do acendido, “mentindo nas redes sociais e nos medios ao dicir que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia ordenou a suspensión do alumeado de nadal; por outra banda xustificaron estas afirmacións con información manipulada que difundiron de forma ilegal e sen contexto”.

A rexedora explica que “as luces de nadal nunca perigaron e o secretario do Concello sempre tivo a certeza da correcta licitación”. De non terse feito a instalación nos días establecidos, podería existir a posibilidade de non executarse o contrato, e polo tanto de que se producira unha situación na que quedaran sen colocar as luces de nadal producindo un prexuízo de difícil reparación, xa que neste lote so existía un adxudicatario posto que a empresa recorrente foi excluída do procedemento por incorrer nun dos supostos de prohibición de contratar contemplados no artigo 71 da LCSP por ter débedas coa seguridade social.

Durante a Mesa de Contratación do 24 de outubro, na que estaba presente representación do partido popular, deuse trámite o recurso presentado polo adxudicatario, no que se falou da execución do contrato, sendo este excluído por incumprir o artigo 71 da LCSP 9/2017 que recolle a imposibilidade de contratar a entidades con débedas coa seguridade social. Motivo polo cal quedaba excluído de forma inmediata e as luces foron adxudicadas a outra empresa que sí cumpría os requisitos legais.

En canto a execución do contrato, sen a ter asinado o mesmo, tanto o informe dos técnicos municipais así como o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, refiren que: “De non ter feito a instalación nestes días, podería existir a posibilidade que non executaran o contrato, e polo tanto que se producira unha situación na que quedara sen colocar as luces de Nadal producindo un prexuízo de difícil reparación, xa que neste lote so existía un adxudicatario posto que o empresa recorrente foi excluída do procedemento por incurrir nun dos supostos de prohibición de contratar contemplados no artigo 71 da LCSP por ter débedas coa seguridade social. “ e “Non debe esquecerse tampouco que nos atopamos ante unha licitación pública, onde debe seguirse un procedemento pautado legalmente, para a satisfacción dunha necesidade pública que, en ocasións o seu momento temporal é importante, como ocorre no presente asunto”, conclúe o Tribunal Administrativo.

O día 2 de decembro o PP tivo acceso ao expediente. Os días 8 e 10 de decembro produciuse a difusión na rede social ‘Facebook’ dun extracto da resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia acerca da medida cautelar consistente na suspensión da contratación da subministración da iluminación de nadal. “Un extracto dun expediente moito máis longo no que a medida cautelar non ten peso para a contratación final, xa que a licitación seguiu o seu curso normal e o Tribunal de Contratación na súa resolución deu a razón ao concello”, explica Rivas.

Neste caso, esta resolución non é de acceso público, senón dirixida ao órgano de contratación do concello, e o acceso ao expediente non conleva o dereito de difusión, producíndose un uso ilexítimo do mesmo polo grupo municipal PP ao difundilo na súa conta de Facebook ‘Populares de Redondela’ e dándolle traslado a tódolos medios de comunicación desa resolución.

A alcaldesa quere reiterar que “o Partido Popular é moi consciente disto, polo que consideramos as súas accións foron premeditadas e con aleivosía, tratando de desprestixiar o bo funcionamento do concello e a súa máxima responsable. Non se cometeu ningunha ilegalidade, o PP está constantemente usando a mentira para o seu rédito político ”.

“No seu intento de boicotear ao goberno socialista, o PP, rematou danando á veciñanza a través de enganos que afectaron á ilusión de moitas persoas. Fixeron crer á xente que as luces de nadal non se poderían acender, algo que non ten perdón”, explicaba Rivas.

En consecuencia, Digna Rivas asegura á veciñanza que “o Goberno utilizará todos os medios que ten para que este acto teña as súas consecuencias legais, facer xustiza e protexer da desinformación aos veciños e veciñas de Redondela”.

Balneario de Mondariz cumpre 150 anos considerado polo sector como o Mellor Balneario de España

Unha data, 16 de xuño de 1873, marcada pola declaración de utilidade pública polo Goberno de España, converteu o destino galego na única vila termal española. A súa casa de baños foi construída en 1880 e a partir de aí o Gran Hotel que, en 1900, rivalizou cos grandes balnearios de Baden-Baden, en Alemaña, e Bath, en Londres.

O nivel dos termalistas que acudían cada verán a Mondariz, chegou a converter o Gran Hotel nun centro social, político e cultural internacional do que deron conta Emilia Pardo Bazán, José Echegaray ou Galdós nos seus escritos; reunións políticas entre as que destaca a celebrada, en agosto de 1929, polo xefe do Goberno español, Miguel Primo de Rivera, e o primeiro ministro de Portugal, Arthur Ivens Feraz aos que se uniu posteriormente o novísimo John Rockefeller III, herdeiro da maior fortuna dos Estados Unidos, son algúns dos exemplos.

O Balneario de Mondariz está situado no val do río Tea, en plena natureza galega. Recoñecido por numerosos premios como o Mellor Balneario de España,  conta con tres edificios históricos, un hotel de 194 habitacións, o spa Palacio da auga, un balneario á carta e un campo de golf de 18 foxos.

O termalismo tradicional ha dado paso no século XXI a toda unha industria turística galega a partir do culto ao corpo E é que as augas mineromedicinales do Balneario de Mondariz pola súa composición bicarbonatadas, carbogaseosas e ferruginosas son únicas en España á hora de loitar contra o envellecemento, tanto a nivel físico como estético.

Citas para a renovación do DNI na Guarda para o mes de xaneiro

0

O vindeiro luns día 2 de xaneiro de 2023 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondente ao mes de xaneiro de 2023.

A apertura do prazo para a solicitude de novas citas en xaneiro ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o luns día 2 de xaneiro de xeito preferentemente telefónico no 986 61 0000 de 9:00h a 14:00h ou presencialmente na Casa dos Alonsos.

A Unidade Móbil desprazarase á Guarda o 17 de xaneiro e a recollida de documentos terá lugar o 20 de xaneiro.

Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.

A Xunta adopta medidas para facilitar a chegada de internet ao rural

O Diario Oficial de Galicia publicou onte unha resolución para facilitar a interpretación que se debe facer da lei do Solo de Galicia e a lei xeral de Telecomunicacións, respecto dos despregamentos das redes de telecomunicacións en núcleos rurais.

A resolución conxunta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo foi asinada hai uns días polos respectivos responsables de ambos departamentos, Julián Cerviño, e Encarna Rivas, co obxectivo de axudar aos concellos na xestión das autorizacións para os despregamentos de redes de fibra óptica nas zonas rurais.

Esta resolución permitirá resolver os problemas detectados en moitos municipios nos que os operadores se limitan a dotar de servizo ás edificacións máis accesibles, que son as que dispoñen actualmente de infraestrutura de cobre, quedando excluídas desta cobertura os inmobles máis illados das redes existentes.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221219/AnuncioG0532-091222-0004_gl.html

Esta nova actuación segue a liña iniciada pola Xunta coa aprobación da Lei galega de impulso e ordenación das infraestruturas de Telecomunicacións e seu desenvolvemento normativo, coa que vén impulsado medidas en colaboración cos concellos para facilitar o despregamento das infraestruturas de telecomunicación en Galicia.

Conectividade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica está tamén a traballar nas actuacións financiadas cos fondos MRR que permitirán complementar as actuacións que leva a cabo o Estado para lograr os obxectivos de conectividade establecidos por Europa, como é o de dotar de internet de altas prestacións a toda a poboación e aos sectores produtivos.

Neste sentido, a Xunta xa ten en marcha as catro medidas predefinidas polo Goberno: a liña de mellora da conectividade en centros públicos; as axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia; os bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables; e a destinada á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios.

En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do Plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91 % dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100 % das poboación teña acceso a banda longa de ao menos 100 Mbps.

Nigrán ofrece un baile de Nadal

0

O Concello de Nigrán ofrece este mércores 21 de Decembro un baile de Nadal para todos os públicos de 18:00 a 21:00 horas no Auditorio Municipal e coa música en directo do Trío Xtra.

Ademais, durante o evento servirase chocolate con churros. A entrada é de balde ata completarse o aforo. O obxectivo do Concello, como cada ano, é que os asistentes gocen dunha tarde de Nadal agradable bailando e socializando. 

Papá Noel chega a Redondela a pesar da choiva

0

O sábado, 17 de decembro, Papá Noel chegou ao concello de Redondela para encher de ilusión aos nenos, escoitar as súas peticións e ir preparando todo para o día de Nadal. Instálase no municipio con dúas residencias preparadas; unha na Alameda de Castelao e outra na Alameda de Rosalía de Castro en Chapela, nas que ‘grazas a súa maxia’ poderá estar de forma simultánea de  17:00 horas a 19:30 horas ata o 23 de decembro. O día 24 estará en horario de mañá de 10:30 horas á 14 horas, ampliando o horario en Redondela pola tarde de 16:30 a 19:30h. Polas tardes tamén ten tempo de coller o trineo e visitar as 13 parroquias de Redondela de 16 horas a 20:30 horas, sen importar as condicións meteorolóxicas adversas destes días.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicaba  que “Papá Noel é imparable, ao igual que o espíritu de nadal deste concello. Por ese motivo queremos que se achege, non só aos rapaces e rapazas do casco urbano, senón que tamén percorra todas e cada unha das parroquias para levar unha carga de ilusión ás e aos máis cativos da casa e, se cadra, para os non tan pequenos tamén”.

A partir de hoxe, 20 de decembro, comezará o percorrido de Papá Noel polas parroquias de Redondela, similar ao de anos anteriores.

Martes 20 de decembro

Papá Noel comezará a súa xira en CESANTES, no Campo de San Pedro, entre as 16 h e 16 30 horas e no Centro Cultural de 16:45 h a 17:15 horas para continuar cara ao VISO onde terá un primeiro encontro coa rapazada no Centro Cultural de Soutoxuste de 17:30 a 18 horas e posteriormente no Centro Cultural Saramagoso de 18:15 h a 18:45 horas. Pechará ese primeiro día de visitas en VENTOSELA no Centro Cultural de 19:15 h a 19:45 horas para facelo logo no Cruce estrada Vilar do Mato, da igrexa de Ventosela e de Castiñeira de 20:00 h a 20:30 horas.

Mércores 21 de decembro

O mércores 21 será cando Papá Noel visite aos nenos e nenas de REBOREDA primeiro no Centro Cultural de 16 horas a 16:30 horas e máis tarde na Igrexa de Reboreda de 16:45 horas a 17:15 horas. Fará parada, despois, en QUINTELA, no torreiro da Igrexa de 17:30 h a 18 horas para seguir o seu percorrido por SAXAMONDE na antiga escola (camiño de Albarroz, 3) de 18:15 h a 18:35 h e no Camiño da Vía (á altura do número 29) de 18:45 h a 19:15 h. Finalmente, e de retirada a súa casa na Alameda Castelao, estará en REDONDELA na rúa Alfonso XII e Praza da Constitución de 19:30 horas a 20:30 horas.

Xoves 22 de decembro

A parroquia de VILAR, no Centro Cultural, será a primeira parada de Papá Noel de 16 h a 16:30 horas para reunirse cos nenos e nenas un pouco despois no parque infantil Pica Morena de 16:45 h a 17:15 horas. Seguirá o percorrido en CABEIRO, primeiro no Centro Cultural de 17:30 h a 18 horas e despois no parque infantil Camiño do Campiño de 18:15 horas a 18:45 h. A xira do xoves a pechará Papá Noel en SANTO ESTEVO DE NEGROS cun percorrido que fará polo Camiño de Fixón de 19 h a 19:20 horas e pechar o día no Centro Cultural de 19:30 h a 20:15 horas.

Venres 23 de decembro

O último día de percorrido polas parroquias o comezará Papá Noel en CEDEIRA onde fará tres paradas. Unha primeira en A Portela, de 16 h a 16:20 horas; no Centro Cultural de 16:30 h a 17 horas e en A Formiga (estrada de Cedeira á altura do nº 51) de 17:15 h a 17:35 horas. Seguirá a ruta en TRASMAÑÓ primeiro no Centro Sociocomunitario de 17:50 h a 18:20 horas e posteriormente na intersección do camiño das Pedriñas (a altura do número 18) de 18:30 h a 19 horas. O percorrido do 23 de decembro o pechará en CHAPELA cunha primeira parada na Avenida de Redondela (Centro de Saúde) de 19:15 horas a 19:45 horas e finalmente na Alameda de Rosalía de Castro de 20 horas a 20:30 horas.

Nunha bonita carruaxe –o frío do inverno e a choiva non supón impedimento algún para quen ten a súa casa no polo norte– Papá Noel parará diante das casas, falará cos nenos e nenas, conversará con eles, entregaralles caramelos e escoitará esas peticións de última hora, que sempre as hai.

“A Casa de Papá Noel, é unha iniciativa posta en marcha no 2019 polo Goberno local a fin de ofrecer un lugar de descanso a Papá Noel logo da súa longa viaxe dende Laponia. Visitou Redondela durante os anos da pandemia, cando os nenos e nenas de Redondela demostraron un comportamento exemplar para os tempos que lles tocou vivir, e este ano  volta sen restriccións e coa mesma ilusión para premialos como se merecen”, explicaba a rexidora local.

As casas, situadas na Alameda Castelao en Redondela e na Alameda de Rosalía de Castro en Chapela son similares á que Papá Noel ten en Rovaniemi, na provincia de Laponia, Finlandia, estarán abertas ata o día 23 de decembro en horario de 17 h a 19:30 horas para o día 24, día de Noiteboa, abri en horario de mañá de 11 h a 14 horas.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, foi a encargada de dar a benvida a Papá Noel “a súa casa e lle agradeceu que dedicase parte do seu tempo a atender ás peticións das e dos máis pequenos”. Tamén quixo expresar a súa satisfacción pola variedade na programación, pero sobre todo por “incluír a tódalas parroquias na programación, para que a ledicia do nadal chegue a tódolos recunchos do municipio que son de igual importancia para o goberno”.

O conservatorio e a escola de música de Tui ofrecen un concerto solidario de Nadal

0

O Teatro Municipal de Tui acolle este mércores, 21 de decembro, ás 20 h o primeiro dos tres concertos previstos dentro da programación Tui, o Camiño do Nadal.

O alumnado do Conservatorio Elemental, Profesional e da Escola de Música de Tui será o encargado deste primeiro evento musical que comezará ás 20 h. No mesmo música e solidariedade irán da man, xa que a entrada ao concerto serán alimentos non perecedoiros, preferiblemente leite, aceite e cacao, que serán doados a SOS Tomiño Baixo Miño.

Solistas, grupos de música de cámara, o grupo de alumnos e alumnas de 5 e 6 anos de música e movemento, o Coro do Grao Profesional, a Big Band do Grao Profesional e Orquestra de corda do Grao Profesional e Elemental, pasarán polo escenario do Teatro Municipal de Tu ofrecendo un variado repertorio no que non faltarán os temas propios destas datas.  

A recollida de entradas e entrega de alimentos realizarase o propio mércores dende ás 18 h e até o inicio concerto.

Sesión informativa sobre a Administración electrónica este xoves en Oia

0

A aula de novas tecnoloxías de Oia, situada nos baixos do Concello, acollerá este xoves 22 de decembro ás 11.30 horas unha sesión informativa na que se prestará axuda no uso das ferramentas da Administración electrónica. Así mesmo, explicaranse os distintos servizos que prestan a Delegación do Goberno en Galicia e a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

Entre outros aspectos, na sesión informarase sobre as vantaxes da “Carpeta Cidadá”, unha aplicación que o Goberno vén de poñer en marcha en fase piloto. Ademais, aproveitarase para facilitar ás persoas asistentes os medios de identificación electrónica e sinatura dixital que permiten o uso desta ferramenta dixital.

Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa “A Administración preto de ti” que está a levar a cabo o Ministerio de Política Territorial e que ten entre os seus obxectivos xeneralizar o acceso da cidadanía á Administración dixital.

Media tonelada de alimentos recadada no VI Torneo Solidario de Bádminton 2022

Deporte e solidariedade déronse a man unha vez máis en Ponteareas esta fin de semana grazas ao VI Torneo Solidario de Bádminton 2022, un certame organizado polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello que reuniu a 110 xogadores de centros educativos e clubs que disputaron un total de 226 partidos ao longo de toda a mañá do domingo.

Un torneo que contou cun grande éxito de público e superou todas as expectativas recadando media tonelada de alimentos non perecedoiros e de produtos de hixiene que se destinarán ao Centro de Reparto de Alimentos municipal, dependente da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ponteareas.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo felicitar “a todos os xogadores e xogadoras por ofrecer un grande espectáculo de bádminton en cada un dos encontros e agradecer a familiares e público en xeral a súa implicación, participación e solidariedade, que cobra grande importancia nestas datas tan sinaladas”. O edil quixo tamén dar os parabéns ao Club Bádminton Ponteareas por seguir achegando o seu gran de area con este torneo que cada ano achega a ponteareás e ponteareáns a este fermoso deporte.

Nos encontros disputados estaba en xogo o liderado de nove categorías, dende a benxamín ata absoluta. Así, en benxamín o ouro foi para Eva Lemos, que compartiu podio con Pablo Fernández na segunda posición e Antón Firvida e Celia Sestelo na terceira. En alevín masculino o ouro foi para David Sampedro, prata para Héctor Nantes e Bronce para Roi Vilchez e  Guillermo Vicente. Pola súa banda, Inés Lemos fíxose co primeiro posto en alevín feminino, seguida de Carlota Muñoz no segundo e de Lara Ramilo e Suamira Iglesias no terceiro.

En infantil feminino o podio rematou con Vera Rodríguez á cabeza, seguida de Julia Lemos no segundo posto e de Lara Sestelo e Carla Romero no terceiro. Na categoría masculina o vencedor foi Carlos Segovia, que compartiu podio con Gabriel Isorna na segunda posición e Adan Castro e Ángel Fernández na terceira. Hugo Díez fíxose co ouro en cadete masculino, mentres que Aitor Fernández acadou prata e Ramón Lago e André Araujo bronce. Na categoría feminina, Daniel Morais rematou primeira, seguida de Lucía Casal (2ª) e de Amara Araujo e Sara Estévez (3ª).

Xa nas categorías absolutas, na feminina o ouro foi para Alba Cid, mentres que a prata foi para María Bargiela e o bronce para Raquel Sampedro e Ana Casellas. No absoluto masculino o vencedor foi Jorge García, mentres que Gabriel Rodríguez acadou prata e Xulio Araujo e Fernando Ramilo levaron bronce.

Servizos Sociais atendeu ata novembro preto de 2.500 persoas

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentoulle á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, aproveitando a súa visita do pasado 9 de decembro a Mos para coñecer a un usuario mosense do Servizo de Axuda no Fogar, SAF, a Memoria Anual dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos do Concello de Mos.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciaba na súa visita á casa de Benjamín Davila, en Herville de Abaixo, que a Xunta de Galicia incrementará o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata os 12€/hora para adiantar o compromiso de lexislatura fixado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e axudar aos concellos na prestación deste servizo municipal.

O SAF ten por obxecto prestar una serie de apoios e atencións a persoas que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situación de risco social para facilitar a permanencia no súa contorna habitual. Este servizo prestase a través do sistema de dependencia, sendo o recurso máis solicitado deste sistema. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou a este respecto que “o número de usuarios/as actuais do SAF en Mos é de 112 persoas e 22 a través do sistema básico ou libre concorrencia. Un total de 134. Para elo desde o Concello de Mos dedicamos unha partida do orzamento municipal para o SAF cun importe anual de 1.130.200 €”.

Así mesmo Arévalo, rexedora local mosense, destacou que “o Concello mosense é punteiro no SAF, no que actualmente conta con 61 traballadoras e case 66.000 horas anuais de servizo, fronte a concellos con máis habitantes e coa metade de horas. Mos é un dos municipios da provincia e da comarca con máis horas anuais de SAF, xa que outros municipios con 15.000 habitantes ao igual que Mos, contan con menos da metade de horas”, explicou.

O Concello de Mos ten 15.190 habitantes e un total de 5.501 horas ao mes de SAF: 66.012 ao ano.

Memoria Anual Municipal

Os servizos sociais comunitarios básicos teñen un carácter local, aberto polivalente e constitúen a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, con que se garante a universalidade do sistema e a súa proximidade ás persoas usuarias ,ás familias e ao ámbito comunitario.

Este servizo no concello de Mos, trasladouse ao Multiusos das Pozas, e o horario de atención ó público é de luns a venres de 9:00  a 14:00 horas, con cita previa.

PROGRAMA DE VALORACIÓN, ORIENTACIÓN E INFORMACIÓN EN MATERIA SOCIAL.

Programa de valoración, orientación e información en materia social

Este programa é o mais demandado, ademais da información especifica de servizos sociais tamén se realizan derivacións a outros servizos e organismos.

Ata o 11 de novembro de 2022, houbo 2.367 persoas atendidas, a través da cita previa, sen contabilizar as solicitudes de información que realizan as auxiliares administrativas sen cita previa ,ao tratarse do primeiro acceso o departamento.

Servizo de axuda no fogar

O SAF ten por obxecto prestar una serie de apoios e atencións a persoas que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situación de risco social para facilitar a permanencia no súa contorna habitual.

Este servizo prestase a través do sistema de dependencia, sendo o recurso mais solicitado deste sistema, ata esta data foron atendidas 112 persoas e 22 a través do sistema básico ou libre concorrencia.

Servizo de educación e apoio familiar

Este programa vai dirixido ás familias para detectar, previr e superar situacións de dificultade. O número de familias atendidas neste ano ascenden a 26 unidades de convivencia.

Ademais tamén se desenvolve o servizo de asesoramento e apoio psicolóxico, no cal se atendeu a 31 persoas.

Programa básico de inserción laboral

Programa para dar resposta ou derivar ao recurso idóneo as persoas en situación de risco ou exclusión social, aplicando tanto proxectos de intervención social personalizado e prestacións económicas.

As persoas que perciben a RISGA (renda de inclusión social de Galicia) na actualidade son 25.

Para poder desenvolver os programas anteriores disponse dunha serie de recursos e servizos, entre outros: TELEASISTENCIA, para persoas non dependentes: 25 usuarios durante este ano. XANTAR NA CASA: 2. TALLERES DE ESTIMULACIÓN COGNITIVA: 12. PROGRAMA DE CAMAS ARTICULADAS: 36. PROGRAMA DE AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL MUNICIPAL: 20. AXUDAS MATERIAL ESCOLAR: 135 solicitudes. PROGRAMA “MOS AXUDA” : 85 unidades familiares.

Trámites de recursos e prestacións

A tramitación dos diferentes recursos e prestación do sistema de servizos sociais, implica unha importante carga de xestión administrativa, contabilizando no Rexistro a través do programa Gestiona, 507 saídas e 1.191 entradas no departamento.

Os recursos e prestacións do sistema que foron tramitados no ano 2022: Trámites do sistema de Dependencia. – 165. Discapacidade . – 155. Tramites de RISGA . -45. Axudas de Inclusión social .- 26. Axudas de emerxencia social Concello .-20. Pensións non contributivas .- 14. Tarxetas Benvida. – 12. Bono social eléctrico. -21. Termalismo Imserso- 12. Familias  numerosas  -14. Estancias temporais en residencia pública .-7. Bono alugueiro .-5. Respiro familiar.- 4. Incapacitacións xudiciais (informes ).-  28 (enviados ,no    solicitados). Tarxeta moedeiro (ata xuño).-  14. Becas ( Ministerio ) .-48. Complemento de aluguer.- PNC-  5 novas solicitudes non prorrogas. Material escolar.- 135. Depotermal –.- 10. Benestar balnearios .– 4. Audiófonos (GAES E AMPLIFÓN). -10. Informes de ARRAIGO. -2. Informes por desafiuzamento( xulgado ).- 8. Solicitudes de programa de alimentos.- 30. Camas articuladas .- 14

Para a maioría das prestacións e intervencións e necesario aplicar unha serie de técnicas de intervención profesional como: Diferentes entrevistas con usuario ou unidade familiar: (informativa, orientación, asesoramento, motivación, seguimento, estudo socio-familiar…) Visita domiciliaria. Coordinación constante e efectiva cos distintos sistemas de benestar e protección social que actúan no termino municipal: Interna coa responsable de Educación familiar, coordinadores do servizo de axuda no fogar, Mos-  axuda, plan galego de inclusión… Externa, colexios, escolas infantís, IES, Atención temperá, CIM, centro de saúde, residencias, asociacións… Así como cos distintos sistemas de benestar, protección social, e entidades de iniciativa social e cooperación con outras administracións e poderes públicos na remisión de información necesaria nos procedementos que correspondan en relación cos servizos sociais comunitarios e as súas persoas usuarias.

Dende o departamento tamén se realiza o tramite e seguimento dos traballos en beneficio da comunidade en coordinación co CIS De Vigo, durante este ano tramitáronse plans de execucións de 14 penados.

SUBVENCIÓNS TRAMITADAS NO DEPARTAMENTO: Plan concertado-Solicitado 774.994,00€. Deputación .- Concedido 80.864,24 €  (persoal + SAF básico). Concedido 13.300,00€ axudas básicas emerxencia. Servizo de atención temperá- Concedido 118.597,44€. O departamento de servizos sociais quere resaltar é poñer en evidencia a brecha dixital , ao considerar que constitúe un elemento mais que agrava a situación de   vulnerabilidade social , posto que na actualidade a maioría de organismos esixen ademais da cita previa o tramite en sedes dixitais que un gran número de usuarios non poden acceder, incrementando  a desvantaxe  social e situacións de desigualdade dos cidadáns ante a administración, colaborando este departamento na súa medida en minimizar esta brecha.

O Planetario Viaxando polo Universo poderá visitarse en Tui do 2 ao 4 de xaneiro

0

Na programación “Tui, o Camiño do Nadal” a Biblioteca Pública Municipal de Tui acollerá entre o luns 2 e mércores 4 de xaneiro o “Planetario viaxando polo universo” unha actividade divulgación científica dirixida a todas as persoas interesadas no mundo da astronomía. Haberá sesións diarias ás 12:00 h, 12:45 h, 13:30, 17:00, 17:45 e 18:30 h con capacidade limitada en cada quenda. Para asistir é preciso inscrición previa no correo electrónico en [email protected]  ou presencialmente no propio centro bibliotecario indicando un telefono de contacto.

No interior dun moderno planetario móbil con capacidade para 20 persoas e utilizando unha metodoloxía interactiva e práctica adaptada a diferentes niveis, as persoas asistentes realizan unha viaxe no espazo e no tempo, que lles leva a descubrir – entre outras materias – o Universo e as galaxias ou o movemento das estrelas, os planetas e os satélites máis importantes que integran o noso Sistema Solar. Aprenden a orientarse observando o ceo nocturno e coñecen os mitos e lendas que as civilizacións clásicas atribuíron ás principais constelacións e como situalas na bóveda celeste.

O planetario recrea con total precisión o ceo nocturno desde calquera lugar da Terra e a visión do Universo desde calquera lugar do espazo, mostrando as posicións exactas dos elementos que o integran en calquera momento presente, pasado ou futuro.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta actividade do “Planetario, navegando polo universo” ofrece unha sesión didáctica que mestura unha experiencia educativa cunha experiencia visual única que nos permite contemplar o Cosmos en todo o seu esplendor a través dun proxector de última xeración apuntado cara a unha gran cúpula semiesférica de 5 metros de diámetro e nun movemento de 360 graos. Sonsoles Vicente convida a todos os nenos e nenas e persoas interesadas na astronomía e na ciencia a participar nesta actividade que enriquece a programación “Tui Camiño do Nadal” do Concello de Tui.

A Cañiza recupera a “Citania Castrexa das Grades”

0

Para o alcalde da Cañiza, Luis Piña, a «Recuperación dos Castros da Cidade de Achas e A Cerquiña é unha das actuacións máis importantes deste mandato. Un compromiso adquirido cando tomei posesión como alcalde, que agora, despois de case 10 meses de tramitación, dá os seus frutos: poder expropiar os terreos, seguindo o procedemento adecuado e co consenso e favor de case todos os propietarios».

Continúa manifestando o rexedor «é unha honra poder sacar adiante este proxecto histórico, cultural e patrimonial que estivo encima da Mesa das distintas Alcaldías durante anos, pero que é agora cando se vai desenvolver».

Proxecto de recuperación dos Castros Cidade de Achas e A Cerquiña

Trátase de 2 asentamentos fortificados, o Grande Castro da Cidade das Achas e o Castro da Cerquiña que destacan polo seu imponente sistema defensivo, dotado de grandes parapetos e murallas, como se recolle en varias memorias e anteproxectos que o Concello da Cañiza xa ten ao seu dispor.

Unhas actuacións que teñen por obxecto documentar os restos arqueolóxicos existentes no castro da Cidade e divulgalos entre os veciños mediante charlas, visitas e obradoiros, fornecendo un recurso patrimonial e turístico, visitable no noso Concello.

Esta actuación contempla tamén a creación dunha imaxe e nome para o proxecto de divulgación arqueolóxica, cun logo exclusivo e forte presencia nas redes sociais e prensa.

Inclúe charlas divulgativas previas á intervención, co obxectivo de concienciar aos veciños e implicalos no proxecto; o desbroce do xacemento e corta de especies arbóreas, principalmente eucaliptos, que non permiten contemplar o tamaño e grande dimensión do xacemento e por último unha importante intervención arqueolóxica co obxectivo de cubrir un mínimo de 8 sondaxes de 2×2 metros polos puntos de maior potencialidade arqueolóxica.

Co obxectivo de constatar restos arqueolóxicos, a intervención estará aberta ao público e divulgada mediante visitas puntuais.

Mellora do turismo

Será unha intervención de gran valor para o turismo, non só da Cañiza, senon tamén da comarca que axudará a fortalecer a cohesión territorial da zona da Paradanta e por suposto axudará A Cañiza a mellorar o seu abanico e competitividade turística.

Ademáis esta actuación axudará a poñer freo á pérdida da biodiversidade xa que o estado de abandono no que se atopa e a falta de uso das parcelas propiciou a ocupación da superficie por especies invasoras, danando a biodiversidade autóctona deste paraxe.

con esta actuación conseguiremos recuperar a memoria da orixe como Comunidade e os inicios da nosa cultura e Pobo e poñelos en valor a través da divulgación e visitas turísticas que tamén axudarán a crear riqueza impulsando a economía local.

Nigrán continúa con actividades de ‘O vaivén das historias’

0

O Concello de Nigrán continúa este martes e xoves con actividades de Nadal de ‘O vaivén das historias’. Concretamente, o martes 20 e xoves 22 de 10:30 a 13:00 ofrecerá no Centro Social de Maiores de Vilameán un faladoiro-obradoiro para adultos no que estes deberán achegar un obxecto de moito valor sentimental para contar a historia que vai ligada a ese obxecto e xuntos reflexionar sobre o apego. Pola súa banda, na mesma ubicación, o martes de 17:30 a 19:00 horas haberá un obradoiro para nenos e avós para, dunha forma divertida, promover o consumo responsable, espertar conciencias e sensibilidades e recoñecer e valorar obxectos, así como a desprenderse deles. Os interesados en participar en calquera destas actividades deben inscribirse previamente no 644674553.

O Concello de Nigrán arrancou este mes unha iniciativa novidosa proposta desde ‘El telefonillo’ que pretende unir ás persoas mediante unha segunda vida (e relato) para os seus obxectos máis queridos. Con este fin, en cada unha das 7 parroquias quedou instalada unha caixa na que os interesados en participar deberán depositar algo persoal xunto cun escrito que resuma a súa particular vinculación co obxecto. O 7 de Xaneiro será o momento de xuntar e expor todo o recolectado nunha festa especial de 12:00 a 14:00 horas no Auditorio Municipal na que os asistentes poderán escoller o agasallo ao que desexan darlle unha nova vida.

“Trátase de poñer o foco do Nadal no que realmente importa: as relacións interpersoais, o cariño, a empatía e a compañía”, explica o alcalde, Juan González. “O único requerimento é que sexan obxectos que teñan unha historia detrás que contar. É unha iniciativa para que participe xente de todas as idades, pero é certo que a xente maior, por cuestión simplemente de idade, acumula máis vivencias e, polo tanto, máis historias”, explica a edil Maria Mayán.

As ‘caixas do vaivén’ están instaladas en Parada no CEE Juan María, en Priegue no Centro Cultural ‘O Torreiro’, en San Pedro no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa, en Panxón no Pavillón de Deportes, en Camos no Centro Cultural ‘A Camoesa’, en Nigrán na Casa Consistorial, e en Chandebrito no bar da rúa Igrexa.

O Porriño saborea o Nadal cun obradoiro infantil de galletas

Qué mellor maneira de gozar das festas do Nadal que poñéndose mans á masa e cociñar ricas galletas. Por iso, o Concello do Porriño organiza, dentro da programación festiva, un Obradoiro infantil de elaboración e decoración de galletas de Nadal dirixido aos nenos de 5 a 12 anos.  

SuperSugar impartirá o curso, a tenda de doces sita na primeira planta da Praza de Abastos. Desenvolverase en tres quendas, os días 28, 29 e 30 de decembro en horario 11 a 12:30 h na zona infantil da Praza de Abastos.

As persoas interesadas en participar poden anotarse enviando un correo a [email protected] cos datos do neno e o titor. A actividade está limitada a 12 nenas/os por quenda que se cubrirán por orde de inscrición.

Cerca de 900 mozos elixen a organización de xogos e actividades musicais transfronteirizas para o 2023

0

Tomiño e Cerveira contan xa con novos proxectos de actividades compartidas para o vindeiro ano. A mocidade dos dous municipios escolleu por maioría dous proxectos relacionados cos xogos tradicionais e con actividades musicais como gañadores dunha nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023, ‘Música Nova’ e ‘Xogos Eurocidade’, unhas iniciativas que ambos os dous municipios desenvolverán durante o primeiro semestre do vindeiro ano e que contarán cun financiamento total conxunto de 20.000 euros.

Un grande éxito de participación, xa que 880 mozos e mozas de Cerveira e Tomiño achegaron a súa preferencia neste proceso participativo da Axenda para a Mocidade da Eurocidade, que integra o proxecto Amizade cofinanciado ao 75% polo programa Interreg VA POCTEP de cooperación transfronteiriza a través de fondos FEDER da Unión Europea. Os resultados desvelan un grande interese por parte da mocidade polos xogos tradicionais, con case o 57% dos votos (501), seguido da proposta musical, que acaparou o 22% das papeletas e votos dixitais (194). O proxecto ‘Youth4Clima’ acadou 107 votos e ‘Eurocidade polo clima’ outros 77, ademais de contabilizarse un voto como nulo. Ademais de exercer o seu dereito a voto a través da web do OPT2023, os rapaces e rapazas puideron deixar a súa elección de forma presencial na Escola Básica e Secundaria e na ETAP de Cerveira e no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño.

Mediante o proxecto ‘Xogos Eurocidade’ promoverase a implicación da mocidade en actividades deportivas e de lecer, fomentando a amizade, a unión e a solidariedade entre mozos e mozas de ambos os dous municipios a través de actividades baseadas en xogos tradicionais e en probas típicas dos Xogos sen Fronteiras da Unión Europea adaptadas a recursos e deportes máis actuais como o paintball, slide, orientación, inchables… Esa adaptación tamén se fará contando coa colaboración de rapaces e rapazas das dúas beiras do Miño.

Pola súa banda, coa iniciativa ‘Música Nova’ buscarase o compromiso da mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomio en actividades musicais conxuntas, procurando a divulgación da tradición e a aprendizaxe de novos estilos musicais, a educación en valores e habilidades sociais a través da música e promocionando o espazo público para a divulgación e o intercambio cultural e xeracional. Será a través de workshops formativos, de ensaios de grupos de música improvisados e de miniconcertos e actuacións de rúa.

Dende a Eurocidade quérese destacar a gran participación nos centros escolares de Tomiño e Cerveira, que superou o 70%, e agradecer a colaboración de todo o profesorado na organización e desenvolvemento do proceso de votación deste proceso participativo da Axenda para a Mocidade que se desenvolveu ao longo de 2022 co obxectivo de implicar á mocidade na achega de ideas e proxectos que contribuán ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas.

Deputación e ESADg lanzan a III edición do certame Microteatro da Memoria

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) veñen de lanzar a terceira edición do Certame de Microteatro da Memoria, un premio que deu satisfactorios resultados en ambas entidades pola súa boa acollida entre a xente moza e pola calidade dos traballos presentados.

Nesta ocasión, o acordo de colaboración para o desenvolvemento da nova anualidade foi ratificado nun encontro pola deputada de Lingua María Ortega, o director da ESADG Roberto Relova, e pola responsable do Servizo de Dinamización da  Lingua Galega da escola, Imna López Silva.

Segundo lembra a deputada María Ortega, o certame de microteatro de memoria ten como finalidade que a poboación en xeral, e a mocidade en particular, reflexione sobre a historia a través de propostas de carácter escénico en formato breve, e que a dramaturxia sexa así ferramenta para visualizar un relato por moito tempo esquecido.

Poderá optar ao premio calquera persoa, sen límite de idade, que presente un traballo escrito en lingua galega dunha extensión máxima de dez páxinas. A temática terá que ter relación coa memoria histórica, sendo válido calquera texto que sirva para dar a coñecer a sociedade previa ao golpe de estado, as circunstancias do golpe, a ditadura, a represión, a resistencia ou a propia transmisión da memoria.

Os textos deberán ser compatíbeis cos valores democráticos, quedando excluído, conforme á lexislación vixente, calquera que faga apoloxía da ditadura ou de valores antidemocráticos como o machismo, a xenofobia,a  transfobia, o clasismo, etc.

O premio, ao igual que nos anteriores exercicios, estará dotado con 500 euros destinados á peza escollida polo xurado. Este estará conformado pola persoa responsable do Servizo de Dinamización da  Lingua Galega da ESAD ou en quen delegue; unha persoa do equipo docente da ESAD e outra designada pola Deputación de Pontevedra.

A ESAD de Galicia  disporá da peza gañadora para uso escénico durante un ano a contar a partir da data do fallo do xurado, sempre no ámbito académico e sen prexuízo doutras cesións de uso se así o decide a persoa responsable da súa autoría. A presentación das pezas será telemática, enviándoas ao correo electrónico esadg.galicia.edu.xunta.gal. No mail deberán enviarse dous documentos. Un levará a peza co título, sen que conste nel a autoría da mesma. No outro incluirase o título da peza e os datos persoais da persoa autora (nome e apelidos, DNI, enderezo postal, enderezo electrónico e número de teléfono). O prazo máximo para a presentación de obras será o 30 de xaneiro de 2023 e admitirase só unha solicitude por cada persoa participante.

A Deputación presenta na Guarda o calendario de competencias 2023

0

As familias, os rapaces, o profesorado e os centros de ensino de Infantil, Primaria e Secundaria da provincia xa teñen a súa disposición os calendarios competenciais 2023 que edita desde hai sete anos a Deputación, unha iniciativa creada, coordinada e dirixida pola mestra e pedagoga Teresa Domínguez. A nova edición desta ferramenta educativa está dedicada ás mulleres da música e inclúe por primeira vez nos seus contidos “Situacións de Aprendizaxe”, actividades propostas na nova lei educativa para desenvolver desde as aulas. Os calendarios, dos que se repartirán máis de 11.000 exemplares, foron presentados esta mañá no IES A Sangriña da Guarda, nun acto no que participaron a presidenta, Carmela Silva, Teresa Domínguez, o alcalde, Antonio Lomba, tamén docente do centro, e o director Carlos Alonso, amais dun centenar de alumnos e alumnas da ESO e o seu profesorado.

Carmela Silva quixo poñer en valor o traballo de Teresa Domínguez na creación destes calendarios que, como subliñou, “son un instrumento para desfrutar da aprendizaxe, que non pode ser algo duro ou que relacionemos con aburrirnos, senón que ten que ser algo vivencial, que nos permita adquirir coñecementos e sobre todo competencias para ensinarnos a vivir como cidadanía que ten un compromiso co seu tempo e moi vinculadas ao territorio onde nos relacionamos”. Neste senso, destacou que as propostas do calendario, “moi ben feito e divertido” están “relacionadas coa cultura, co patrimonio, co cine e coa literatura, e vanvos permitir ter unha aprendizaxe moi experiencial, de descubrir e de aprender aprendendo”. A presidenta provincial subliñou así mesmo o papel da educación como “o instrumento máis importante que temos para construír sociedades onde as persoas teñan todos os dereitos” e, máis en concreto das mestras e mestres, “que son as e os mellores servidores públicos”.

Os calendarios teñen contidos diferenciados segundo as etapas educativas e este 2023 están dedicados ás mulleres da música, co protagonismo das mozas do programa “Descúbreas”, que busca axudar ás rapazas para iniciarse na industria musical, “onde o teñen moi difícil”, como incidiu Carmela Silva. Deste xeito, cada mes está dedicado ás participantes nas dúas edicións deste programa: Inés Cortegoso (Pontevedra); Aroa Ferreiro (Vigo); Sara Sanmartín (Pontevedra); María Ferreirós (Vigo); Xia (Uxía González) (Salceda); Law (Laura Martínez) (Vigo); Alicia Moreira (Poio); Eva Pico (Marín); Sara Baños (Vigo); Alba Nogueira (Vigo); Sara Casas (Vigo); Carolina Vázquez (Vigo); Marina Fernández (Vigo); Ane Fonseca (Cangas) e Amparo Mosquera e Mª Rodríguez (Vigo). A presidenta animou ao alumnado presente a utilizar o calendario e anunciou que a Deputación deixará pegada neste centro da Guarda, concello cuxa imaxe precisamente abre o mes de xaneiro, como recordo da súa implicación e compromiso con esta iniciativa.

Os calendarios competenciais naceron, como lembrou Teresa Domínguez, como ferramenta educativa de axuda para as familias, pero desde 2010 foi medrando e respondendo a novos retos que conflúen coa inclusión das Situacións de Aprendizaxe para o 2023, de maneira que xa son “un recurso para o profesorado” para axudar a alumnos e alumnas, especialmente en Secundaria, “a ser competentes, reflexivos e ser cidadáns/as do presente e críticos do futuro”. A pedagoga agradeceu a implicación da Deputación para levar adiante esta proposta, e destacou a aposta deste ano polo fío condutor das mulleres da música: “Ides ter un auténtico santoral de mulleres vinculadas á musica, porque é importante visibilizar á muller nos distintos eidos da cultura”. Respecto as propostas a desenvolver na aula, destacou que  “van ser unha ferramenta potente” e buscan que o alumnado aprenda no marco da súa contorna cultural, natural e social, “onde poderedes analizar as infraestruturas, crear informes para presentalos ás autoridades competentes”. “Todas as situacións –sinalou- ao longo dos meses levan distintas temáticas, desde a valoración de infraestruturas a analizar a pegada da auga ou a globalización e buscan axudarvos a ser máis críticos, solidarios e ecosostibles”.

Amais das Situacións de Aprendizaxe, nos calendarios aparecen propostas colaborativas, actividades de lecer, consumo responsable, actividades en familia, lugares para visitar (Recanto con encanto), propostas de creación de cuñas publicitarias ou podcast, gravación de vídeos,  propostas para investigar xuntas e xuntos, de  corresponsabilidade no fogar, saudables, solidarias e sostibles. Cada mes tamén se ofrecen ás familias propostas literarias e de cinema  para a franxa de idade á que está dedicada cada calendario e para o público adulto.

O alcalde Antonio Lomba cualificou a iniciativa dos calendarios como “incrible” para promover desde o ámbito educativo, familiar e de amizades que os e as rapazas “poidan divertirse e adquirir competencias poñendo en valor a contorna e traballando en equipo” e destacou o traballo de Teresa Domínguez e o apoio da institución provincial para desenvolver estas políticas educativas en igualdade, “que chegan a calquera idade e son as que van facer que a xente nova se enganche a querer ser, facer, a sentirse motivada e querer seguir aprendendo e adquirindo capacidades, conseguir esa mobilidade social que pode dar a formación”. “Propostas deste tipo –engadiu- como as que fai a Deputación, educativas, centradas na igualdade, nas mulleres, son as políticas que van cambiar o mundo. Fan que a sociedade medre e sexa mellor para todos e todas, son as que nos axudan a cambiar o mundo e agradezo que nos faga partícipes destas políticas”.

No acto o director do IES A Sangriña, Carlos Alonso, destacou os calendarios como unha ferramenta moi axeitada para desenvolver o traballo nas titorías de Secundaria, tendo en conta que “o pé de obra do sistema educativo son as aulas e os axentes o profesorado” e tamén no ámbito familiar “para poder derivar coñecemento e rango competencial” entre o alumnado. Destacou a aposta polos contidos dos calendarios, baseados na igualdade, a educación cívica e o traballo nas competencias.

Chega a ruleta da sorte de Nadal a Redondela

0

O comercio local presenta a súa campaña de Nadal. Unha campaña que ven marcada por unha decoración temática baseada no conto dos Crebanoces que traerá sorpresas durante o Nadal.

O comercio de proximidade aposta por ofrecer a súa clientela as mellores ideas para regalar, premios directos e un gran sorteo final de 3.000 € en vales de compra. Redondela e Chapela, dous espazos comerciais a carón de Vigo, que ofrecen un modelo de compras tranquilas e un trato personalizado para acertar nas compras de Nadal.

Máis de 4.000 premios directos, con ata 8.000€ en premios directos en efectivo e 1.000 agasallos sorpresa estarán escondidos nos rascas dos establecementos da localidade tanto de Redondela como de Chapela. Nunha aposta clara e decidida por os comercios de ambas zonas comerciais a mesma altura.

Ademais a Praza de Abastos contará con tan exitosa ruleta da sorte. A primeira xornada da ruleta celebrarase o día 23 de decembro na propia praza de Abastos de Redondela. Os premios máis frescos do Nadal daranse cita nesta sorprendente ruleta. O día 23 antes do inicio da ruleta, previsto para as 11:30 terá lugar o sorteo dos 3 depósitos de carburante.

O Apalpador chega hoxe a Tui

0

O Apalpador chegará hoxe luns, 19 de decembro, ás 19 h a Tui. Durante unha hora fará un percorrido polo centro urbano dende o Paseo da Corredoira interactuando co público e levando a música e as súas historias a pequenos e maiores. O Apalpador, o seu burro Río Lor, e o acordeonista Servando Barreiro darán a coñecer a tradición galega do Nadal ás nenas e nenos fomentando o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable e dinamizando a lingua galega.

Amais o Apalpador entregará xa o luns un agasallo ao concello de Tui, será unha árbore autóctona que logo será plantada nun espazo público. 

A visita do Apalpador forma parte do programa “Nadal en Galego” da área de Lingua da Deputación de Pontevedra.

O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

SmartPeme pecha o ano con cinco obradoiros esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta as cinco últimas formacións  do ano, antes do lapso de Nadal. Estas formacións, enmarcadas na carteira de obradoiros, estarán impartidas de xeito online. As accións tratarán temas de estratexia SEO e SEM, o phising, redes sociais para establecementos turísticos, utilización de Google Data Studio e creación dun Linktree con Canva.

Este luns 19 de decembro haberá dous obradoiros. Pola mañá, a temática versará sobre ciberseguridade co experto en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire. O obxectivo do obradoiro “Ciberseguiridade, o phishing” é dar a coñecer o phishing que é a forma máis sinxela de ciberataque e, ao mesmo tempo, a máis perigosa e efectiva. Na quenda de tarde, a graduada en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Carrera explicará como traballar correctamente o SEO e o SEM. No taller “A prende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM” ensinarase a buscar as palabras clave adecuadas para garantir un oco no mercado online e xerar o maior número de vendas posibles.

O martes 20 impartiranse outras dúas novas formacións. Pola mañá a graduada en Turismo, Patricia Cabaleiro, impartirá a formación “Redes sociais para establecementos turísticos”  sobre as vantaxes e inconvenientes de usar as redes sociais como estratexia para captar clientes e como e cando se debe usar cada unha delas segundo o público obxectivo. Pola tarde será a quenda da licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller, que dirixirá un obradoiro para pemes e autónomos, “Obtén o valor dos teus datos con Google Data Studio” no que tratará de mostrar o uso de Google Data Studio, onde se poden unificar e conectar os datos obtidos nas distintas ferramentas de Google e outras plataformas e formatos externas para elaborar informes globais dunha empresa.

Finalmente o curso do mércores 21, “Crea o teu Linktree con Canva”, pechará o ciclo de obradoiros do 2022. Esta formación estará impartida por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico. Os Linktrees son unha boa ferramenta para dar a coñecer moitos ámbitos dun negocio dixital e con Canva pódense personalizar seguindo a identidade de marca.

Isabel Blanco, «Bambú»

Xa comentamos nalgunha ocasión neste mesmo espazo que os límites entre xéneros literarios estanse a difuminar de maneira progresiva e que os autores e autoras contemporános pescudan sen apuro nese terreo bretemoso que son as lindes entre narrativa, teatro e poesía. O resultado desas pescudas son traballos novidosos, orixinais e difíciles de catalogar, como é o caso do que hoxe colocamos neste andel. «Bambú» –definido pola autora, Isabel Blanco, como «un artefacto»–, foi ideado orixinalmente, segundo a súa propia confesión, como un relato en prosa. Un conto que se negou a sí mesmo, podemos chegar a pensar, e que preferiu converterse, con todo merecemento, nun longo poema. Como tal será tratado nesta recensión. Prosa poética, se preferides velo así.

Este «artefacto» preséntase a través dun espazo concreto como é a vivenda da protagonista –o «eu poético», que asume o papel narrador–, pero ese espazo, que debería ser concibido como acubillo, como refuxio fronte ao mundo, convértese nun lugar inhóspito por obra e graza dun pai que responde aos estereotipos máis rancios do patriarcado tradicional. Así, a protagonista, afogada por ese entorno hostil, adopta voluntariamente un papel de illa e outórgalle á súa nai, afable e amorosa, o de istmo, a principal conexión coa vivenda-continente que habita. Baixo esta premisa, percorremos as distintas estancias da casa en sentido físico, pero tamén emocional, o que é tanto como dicir que paseamos polo interior da narradora; e asistimos ao abafante ambiente que se respira cando el está presente, como contraposición ás vivencias cordiais e afectuosas que experimenta en compañía da súa nai. Neste paseo adquire especial relevancia o balcón, no que a nai prantou bambú nunha maceta, elemento que exerce de simbólica forza motriz do relato.

As implicacións reivindicativas son evidentes. A literatura de Isabel Blanco, se por algo se caracteriza, é pola férrea defensa da muller e da feminidade, entendida esta no seu aspecto máis amplo, así como pola denuncia de certos comportamentos que redundan na submisión e no achicamento do espazo no que a muller se move. Unha simple exposición da situación pola que a protagonista pasa no seu entorno máis íntimo, abonda para deixar claro ese posicionamento e só hai que facer unha lectura aberta de mente para entendelo.

O poema está escrito cun estilo diáfano e fresco, pero moi coidado, no que a precisión da palabra toma unha enorme forza (non hai máis que ver as «listas» que a protagonista fai para entendelo). A autora xoga con habilidade cos silencios e as ideas suxeridas para dotar o texto dunha fluidez que nos acompañará ao longo das súas páxinas ata desembocar nun final aberto á esperanza e á renovación.

«Bambú» representa, ao meu entender, a maduración literaria dunha autora que xa nos ten deixado momentos de enorme interese na súa obra anterior. Mais coido que o paso que acaba de dar con este «artefacto», presentado en edición bilinbüe galego-castelá (as linguas que emprega a cotío nos seus traballos), implica unha evolución da que xa non hai volta atrás. O tempo darame ou quitarame a razón!

Isabel Blanco

«Bambú» (edición bilingüe galego-castelán)

100 páxinas

As pistas de xeo e karts chegan a Redondela coa inauguración do parque de atraccións de Nadal

0

O Concello de Redondela inaugura o parque de atraccións de Nadal o sábado 17 de decembro, unha instalación de xogos que inclúe módulos de Eco Roller Coast, unha montaña rusa movida por pedais de 14 metros de percorrido; Rampa Tubbing, 6 inchables de distintos tamaños e unha pista Bumper Car, así como moitas máis sorpresas.

“O Cocello de Redondela quere ofrecer una programación familiar para o goce dos máis cativos e cativas, que poderán patinar sobre xeo, deslizarse por togobáns xigantes, conducir un car e montarse nunha montaña rusa de 14 metros e todo dende unha perspectiva ecolóxica con ambiete de nadal”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

As atraccións consisten nunha Eco Roller Coast, unha montaña rusa movida por pedais de 14 metros de percorrido; Rampa Tubbing, un tobogán xigante de 25m de longo e cun chan sintético que permite o deslizamento con 6 inchables de distintos tamaños e unha pista Bumper Car cunha área de 6x10m de pista sintética e que engade 4 Bumper Cars.

A pista de xeo  ten un área de 10x5m e inclúe o equipamento que consiste en 40 pares de patíns en préstamo ás persoas usuarias da atracción, máquina de afiar patíns, un cercado de madeira, e os consumibles necesarios.

 “Buscabase a sostentabilidade para respectar a zona, polo que consideramos importante contratar unha instalación e aluguer de equipamentos que ofrecera un  entretenemento ecolóxico. Dito equipamento non só debe cumprir coas medidas de seguridade esixidas, senón tamén co aforro enerxético vixentes que axude á reducción do consumo eléctrico de maneira responsable e eficiente”, engade a rexidora. Ademais contará  con persoal para as tarefas de organización e control de aforo das persoas asistentes para vixiar que as normas do uso se cumpran en todo o momento.

A pista de xogos do Nadal abrirá as súas portas o sábado ás 11:00 horas. Unha proposta orientada ao público familiar que funcionará en horario de mañá e tarde (11:00 a 13:00 horas e de 16:30 a 20:30) ata o domingo 8 de xaneiro, agás os días lectivos nos que tan só funcionará en horario de tarde. Os días 25 de decembro e 1 de xaneiro as atraccións non estarán operativas.

Alumnos do CEIP de Tebra lánzase ao mundo do emprendemento

0

Saben que esta é unha oportunidade única para transformar as súas ideas en proxectos concretos de forma unida, democrática e solidaria. Por iso, para os 25 alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tebra crear dende cero as cooperativas ‘Tebralidades’ e ‘Recuncho creativo’ non foi un esforzo, senón que é o resultado “da ilusión por aprender e por emprender que conseguiron transmitirnos as nosas profesoras e profesores”.

Unha ilusión que agora se reflicte nestes dous proxectos postos en marcha ao abeiro do programa ‘DepoEmprende na Escola’ da Deputación de Pontevedra e que quixeron presentar á alcaldesa, Sandra González, que louvou “a forza e as gañas coas que traballan para facer realidade unha idea, un soño, unha ilusión que traspasa as aulas e o centro educativo e que consegue contaxiarnos a todas e todos nós”. “Para Tomiño é un orgullo contar cunha mocidade tan implicada, con gañas de facer cousas e de aproveitar todas as oportunidades que se lles brindan”, salientou.

Os rapaces e rapazas destas cooperativas, formadas ambas por nenos dos dous cursos, traballarán durante todo ano en dúas propostas empresariais coas que buscan achegar o seu gran de area a coidar o medio ambiente mentres colaboran con causas solidarias. Porque, con consello reitor e división por departamentos incluídos, estas iniciativas son xa empresas a pequena escala que buscan devolver a Tomiño parte do que a veciñanza e o municipio lles dá.

Os 12 socios e socias integrantes de ‘Tebralidades’, mestura de ‘Tebra’ e ‘manualidades’,  teñen claro o seu obxectivo: traballar día a día para facer un Tomiño e un mundo máis verde, poror iso elaboran produtos útiles feitos con materiais de refugallo. Plásticos, cartón, tapón e cortiza convértense baixo as súas mans en posavasos e salvamanteis, portalapis e macetas ou organizadores que logo venden á veciñanza. O 40 % dos beneficios recadados irán destinados á asociación Vontade de Tomiño, que traballa con persoas con discapacidade. O 60% restante irá destinado a axudar a financiar unha excursión de fin de curso conxunta coa outra cooperativa do centro, ‘Recuncho creativo’.

Os 13 socios e socias de ‘Recuncho creativo’ quixeron que o seu logo reflectira á perfección as súas intencións, por iso escolleron unhas tesoiras que representan “a igualdade do home e da muller no mundo da costura e un rotundo non á violencia de xénero marcado polos tons violetas dunha parte da imaxe”. Coa creatividade, o esforzo, a colaboración, a paixón, o respecto, a autoconfianza e o diálogo por bandeira, esta cooperativa do alumnado do CEIP de Tebra deseña e elabora prendas de roupa feitas con materiais reciclados ou teas que xa non se usan para reducir o uso de plástico e papel de aluminio para envolver os bocadillos da merenda. Todos os seus produtos están elaborados “de forma tradicional”, cosidos a man ou coa máquina de coser da que dispoñen no centro. Neste caso o 40 % dos beneficios irán destinados á asociación Bicos de papel, que ofrece axuda ás familias con nenas e nenos con cancro do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A rexedora valorou moito ademais “a xenerosidade de todos estes rapaces de doar unha parte do recadado a entidades con tan boas finalidades”. González tamén felicitou á dirección e ao profesorado do CEIP de Tebra polo apoio a estes nenos e nenas e o esforzo por seguir transmitindo esas ganas de aprender, crecer e ter autonomía  entre todo o alumnado.

O Rosal dá un novo paso na rehabilitación integral da Escola Unitaria de Tabagón

0

O Rosal segue dando pasos para reforzar e modernizar a educación de proximidade ao tempo que recupera o seu legado patrimonial e aposta pola eficiencia enerxética. Neste camiño, e tras a reforma da Escola de Pías, o Concello xa traballa na rehabilitación integral da Escola Unitaria de Tabagón, que suporá un investimento de 600.000 euros cofinanciado con fondos europeos a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

“No Goberno municipal continuamos facendo un grande esforzo na captación de fondos europeos para levar adiante proxectos vitais para o noso concello como o da Escola de Tabagón, co que non só conseguimos recuperar, conservar e valorizar o patrimonio edificado de todos os veciños e veciñas, senón tamén mellorar a calidade de vida das persoas cun custo enerxético moi reducido”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A rexedora e o equipo técnico mantiveron fai unhas semanas un encontro coa veciñanza para debullar os pormenores dun proxecto que foi deseñado contando coa comunidade educativa para incluír as demandas e necesidades reais. Así, con estas obras rehabilitarase enerxeticamente o edificio, ademais de mellorar e reordenar os espazos interiores, mellorar a accesibilidade interior e reducir os custos enerxéticos das instalacións. As obras comezarán previsiblemente ao remate do curso escolar 2022-2023 e, tras a rehabilitación do inmoble, a Escola Unitaria de Tabagón acollerá a sede do CRA María Zambrano do Rosal.

A rehabilitación da Escola Unitaria de Tabagón suporá un investimento de 600.000 euros dos que 390.000€, o 65%, será financiado a través do programa PIREP Local e outros 210.000 euros, o 25%, a través de fondos propios do Concello. A remodelación destas instalacións xa contara cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a redacción do proxecto de mellora de eficiencia enerxética, que ascendía a 8.500 euros.

Como salienta a alcaldesa, este proxecto de rehabilitación enmárcase na estratexia de actuación do Concello para mellorar progresivamente a eficiencia enerxética de todos os edificios de titularidade pública. Unha iniciativa na que, como explica Fernández Callís, “as nosas escolas unitarias son unha prioridade, xa que ademais de ser edificios cun gran valor patrimonial e arquitectónico fomentan unha educación de proximidade e axudan a fixar poboación e manter vivo O Rosal”.

Gorka Gómez recibe á medallista Judith Rodríguez no Pazo Provincial

O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, recibiu no Pazo Provincial a Judith Rodríguez, recente medalla de bronce no Europeo de esgrima adaptada celebrado en Varsovia. A deportista viguesa acaba de lograr con este triunfo na modalidade de espada en esgrima en cadeira de rodas a primeira medalla individual da historia para a modalidade paralímpica española nunha cita continental.

O responsable provincial da área de Deportes cualificou á medallista como “a referente de esgrima nacional e internacional da provincia de Pontevedra”. Gorka Gómez remarcou así mesmo que este ano a Deputación de Pontevedra puxo en marcha as axudas Depo Dan+ para “cubrir as necesidades e reforzar o apoio ás e aos deportistas con diversidade funcional”. Unhas achegas que naceron dunha iniciativa da propia Judith Rodríguez e que o deputado de deportes considera que “levan o seu nome”. “Era unha reivindicación xusta, comprometémonos a escoitar a demanda, buscar solucións e aportar recursos” co fin de que estes e estas deportistas teñan máis facilidades para chegar ao deporte de elite.

Neste senso, o deputado destacou que “para que a sociedade sexa máis inclusiva, a inclusión comeza por aportar recursos” . “Dende a institución provincial –dixo- imos estar sempre ao voso lado, camiñando xuntos. Temos que visibilizar estes éxitos para que se recoñeza a figura destas e destes deportistas”.

Pola súa banda, Judith Rodríguez agradeceu á Deputación o “apoio que me brindaron sempre” e manifestou a súa satisfacción pola aprobación das axudas Depo Dan+ : “Nós temos máis dificultades para acadar material, visibilidade ou representación –indicou-. Encantoume que se levara a cabo porque era moi importante”. No ámbito deportivo, manifestou o seu “soño” de participar nos Xogos Paralímpicos de París 2024 e “levar o nome da Provincia de Pontevedra a París”.

Tui propón un percorrido pola súa decoración de Nadal

0

A maxia do Nadal inunda as rúas de Tui, enchendo de cores, luces, casiñas de madeira, renos, réplicas da Catedral de Santa María ou da ponte internacional icónicos puntos da cidade. Estes elementos veñen recollidos no rueiro de Nadal editado polo Concello que se pode descargar na web municipal ou obter impreso na Oficina de Turismo.

O percorrido comeza na rúa Ourense, onde pode atoparse unha recreación en madeira dunha aldea dunha postal de Nadal que, acompañada cun luminoso que desexa unhas boas festas á cidadanía, dando a benvida ao Nadal tudense.

A rúa Augusto González Besada desemboca na praza da Inmaculada, onde a iluminación é a protagonista, cun manto de estrelas amarelas, renos iluminados e até un oso ataviado cos complementos de Papá Noel. Coma é tradición, fronte aos antigos xulgados, atópase o belén de luces.

Na súa fronte, no Paseo da Corredoira, mantense aberto o Mercado de Nadal, que até o vindeiro 5 de xaneiro ofrece a tudenses e visitantes produtos típicos en dez casiñas de madeira e foodtrucks.

A este céntrico paseo tamén chegaron os Reis Magos, presidindo unha casiña de madeira, mentres no percorrido até a Glorieta de Vigo, atopamos tres anxos no Palco da Música, e un reno ou un boneco de neve feitos con madeira, no propio paseo.

Camiñando cara o conxunto histórico na rúa Ordóñez preside a decoración unha árbore branca feita de madeira, a frecha do Camiño e a palabra Tui. Xa na praza de San Fernando atopamos unha réplica da vella ponte internacional, pola que os máis pequenos poden atravesar camiñando, mentres as luces do Nadal tenden un manto luminoso sobre a praza.  

A decoración de Nadal chega tamén as prazas de Fromista cunha reprodución da Catedral de Santa María; a da Estrela con decoración de Nadal en vermello e verde, á da praza da Armada cunha embarcación, e a do Pracer con animais de madeira.

O ambiente navideño do centro urbano complétase coa iluminación das rúas e prazas , e da gran árbore situada na intersección entre o Paseo da Corredoira e a Avenida da Concordia que da benvida á cidade nestas datas.

Nigrán ofrece no auditorio unha exposición do pintor Rafael Jiménez Ambel

0

O Concello de Nigrán ofrece duranto todo o Nadal no Auditorio Municipal una exposición do pintor Rafel Jiménez Ambel, afincado en Panxón e quen o ano pasado homenaxeou aos bombeiros do GES Val Miñor cun mural alusivo á loita contra os incendios de 2017 en Chandebrito. A exposición estará aberta de luns a venres todas as mañás e as fins de semana que haxe actos no Auditorio.

Ambel naceu en Huéscar, provincia de Granada (España) en 1958. Aos 10 anos foi vivir a Valencia. Na actualidade reside en Panxón e exerce como profesor, pintor e escultor. É Doutor Cum Laude en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (1986) e diplomado en Estudos Avanzados en Deseño en Enxeñería e en Comunicación Audiovisual e Publicidade pola Universidade de Vigo. Ademais de pintor, é profesor de debuxo no Ensino Secundario.

O Mercado de Tomiño acada unha axuda para seguir sendo excelente

0

O Mercado de Tomiño segue a traballar para manter os estándares asociados ao seu selo de Mercado Excelente e ao mérito de ser a primeira praza de abastos de Galicia en conseguir este distintivo. Neste sentido, o Concello acadou unha subvención de máis de 9.100 euros da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destinados ao financiamento de gastos de mantemento das instalacións do mercado e á mellora da eficiencia enerxética, así como á promoción do comercio no mesmo e á formación dos praceiros e praceiras, uns custos que durante o 2022 ascenderon a case 12.000 euros.

Esta subvención forma parte das axudas outorgadas en réxime de concorrencia non competitiva postas en marcha pola Xunta de Galicia para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos.

A praza de abastos de Tomiño acadou o selo de Mercado Excelente no ano 2018 pola súa resposta aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, así como pola proximidade e o trato personalizado que ofrece á clientela. A imaxe do propio mercado, as instalacións e accesibilidade, a organización e profesionalidade dos praceiros e praceiras, a atención á clientela e prestación de servizos e a implicación e integración do mercado na vida social do concello foron determinantes para conseguir este distintivo.

Mos remata o ano con 12 asfaltados finalizados

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e os técnicos municipais, Raquel González e Ramón Vega, visitaron esta semana os traballos de asfaltado do Camiño de Pantaño, parroquia de Louredo e do Camiño das Maravillas, na parroquia de Mos, que mide 740 metros e no que estes días lévanse tamén a cabo labores de reposición do firme.

Os representantes municipais, Arévalo e Augusto, informaron a este respecto de que ata final deste ano asfáltanse no termo municipal un total de 12 camiños e de que Mos rematará o ano con 20 asfaltados acometidos dentro do seu Plan Anual Municipal (incluídos estes últimos 12) e preto de 12 quilómetros asfaltados en total durante 2022.

Os camiños que se asfaltan desde agora ata fin de ano son 12 en total cunha inversión de preto de 400.000 euros.

A mellora do Camiño de Pantaño finánciao a Xunta de Galicia, cun importe de 60.436,21 euros. E os outros 11 realízanse con fondos propios municipais investindo o Concello un total de 329.764,82 euros.

As melloras de pavimentacións que realiza o propio Concello son as do Camiño Crasto (Guizán), Camiño das Maravillas (Mos), Estrada Olegario Rodríguez Pérez (Cela), Camiño das Escolas (Dornelas), Camiño dos Castros (Dornelas), Camiño Casal Vello (Tameiga) Camiño os do López (Sanguiñeda),Camiño Salgada (Sanguiñeda), Camiño Nogueiras (Sanguiñeda), Camiño Moroto (Sanguiñeda) e Camiño Piñeiro (Sanguiñeda).

A realización da mellora da pavimentación dos camiños municipais supón a mellora da seguridade viaria nos mesmos. As obras inclúen actuacións previas como desbroce lateral, e limpeza de cunetas.

Os traballos de firmes e pavimentos consisten na rehabilitación dos mesmos, acordes coa Instrucción de Estradas do Ministerio de Fomento.

As obras realizadas son: regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración do asfalto, adoptándose en función do estado no que se atope cada un dos camiños, entorno ao 20 e o 30 % da superficie total. Recrecido: consiste na extensión dunha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente, tipo formigón bituminoso de 5 cm de espesor, con áridos de desgaste, estendida e compactada. Previa a extensión de dita capa, realízase unha limpeza e barrido da superficie, para a posterior aplicación do rego de adherencia con emulsión asfáltica. Obras adicionais: as obras adicionais son as necesarias para realizar actuacións que non están englobadas na pavimentación, pero que son imprescindibles para que a obra quede perfectamente rematada e garantir totalmente a seguridade viaria. Como obras adicionais considéranse o recrecido das tapas das arquetas e dos pozos e o arranxo das beiravías. Ademáis tamén se realizará o pintado dos camiños para mellorar a seguridade viaria.

Salceda reúnese en comisión de traballo para a constitución dunha mesa de intervención comunitaria en saúde e benestar

O concello de Salceda celebrou no seu salón de plenos a primeira comisión de traballo no eido de saúde e benestar presidida pola alcaldesa Verónica Tourón.

Esta iniciativa impulsada pola coordinación do Centro de Saúde de Salceda, estivo formada por profesionais da sanidade, ensino e servizos sociais do municipio, xunto coa concelleira de sanidade, educación, infancia e benestar Gela Ledo, e a alcaldesa.

O obxectivo fundamental da comisión é crear unha Mesa de Intervención Comunitaria en Saúde e Benestar na que participen ademais das persoas que compoñen a mesa, representantes dos diferentes consellos sectoriais do Consello de Participación Veciñal de Salceda.

Esta Mesa ten como finalidade identificar, a través dunha diagnose exhaustiva, coa aportación das distintas áreas e colectivos participantes, as necesidades comunitarias neste senso e poñer en marcha medidas, actuacións e iniciativas que axuden a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza, poñendo principalmente o foco na infancia, mocidade e persoas maiores.

A comisión volverá a reunirse o próximo 2 de marzo co cometido de facer unha análise conxunta da situación actual, marcar as prioridades e os retos do futuro, para establecer medidas concretas ao mesmo tempo que se traballará de xeito paralelo na formalización da Mesa de Intervención Comunitaria en Saúde e Benestar.

Dende o concello, Verónica Tourón e Gela Ledo, valoran de xeito moi positivo a posta en marcha desta comisión e trasladaron o agradecemento ás profesionais dos distintos eidos que forman parte, “todas elas excelentes profesionais no eido da saúde, ensino e atención social”. Unha Mesa que xunto coas persoas dos consellos veciñais nos vai axudar a poñer en marcha importantes iniciativas para mellorar o benestar da veciñanza do noso municipio.

Baiona, imaxe de postais de Nadal

0

Unha imaxe de Baiona, da súa emblemática rúa Elduayen, centra a mirada nunha postal do Nadal coa que Correos quere promocionar nestas datas tan especiais a Baiona por todo o territorio nacional. 

A presentación oficial desta postal levou a cabo esta mañá. Nela participaron  o Alcalde, Carlos Gómez, e polo director da oficina de Correos da localidade, Carlos Meijome e os autores da bonita ilustración, Ramón Quintás e Noelia Molinos, á fronte da tenda de estudo e ilustración Papelier de Baiona.

Esta bonita composición  xa está dispoñible de forma gratuíta na oficina de turismo de Baiona para que visitantes, peregrinos e peregrinas enviei esta tarxeta publicitaria ao longo e ancho de España. Tamén no Concello de Baiona na praza de abastos para todos aqueles baioneses e baionesas que queiran felicitar o nadal.

Trátase dunha postal prefranqueada, da que se fixeron 500 exemplares.  O obxectivo desta emisión é a promoción e difusión da Vila de Baiona .

A Tarxeta Postal, emitida polo Concello de Baiona, está prefranqueada coa tarifa A de envíos nacionais, para que poida viaxar facilmente a través da rede postal podendo ser depositada en calquera Caixa de correos ou Oficina de Correos sen custo adicional.

O Concello de Baiona e a oficina de Correos da localidade, traballaron unidos para lograr esta iniciativa que servirá para promocionar Baiona como destino turístico a través dunha serie de postais. A primeira delas, emitiuse o pasado mes de marzo e esta ocasión tratouse dunha postal promocional da “XXVI Festa dá Arribada”, realizada para conmemorar  o “529 Aniversario da Arribada da Carabela A Pinta” a Baiona. Unha segunda postal coa imaxe   Unha imaxe de Baiona desde o estuario da Foz do Miño foi emitada no mes de xuño.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, detallou que “a postal se compón dunha ilustración dunha das rúas máis emblemáticas da nosa localidade con ornamentación  do Nadal  e na que mesmo se ve paseando aos reis magos,  e no reverso, aparece un código QR que permite visualizar o anuncio promocional da Turismo de Baiona. A postal dispón do franqueo postal incluído co cal o envío da mesma será gratuíto. Esta iniciativa pretende poñer en valor a nosa localidade e dala a coñecer en todo o territorio nacional  e que sirva como foco de atracción en Nadal. Agora con esta nova tarxeta postal, dáse continuidade a esta nova iniciativa de promoción e difusión do municipio para atraer xente ao municipio para consumir nos negocios e comercios locais nas datas do Nadal”.

Gómez destacou “o amplo retorno publicitario que terá o envío destas postais”.  Por todo iso, o mandatario quixo aproveitar a presentación para trasladar a súa gratitude á entidade Correos así como á oficina da localidade e ao seu director, Carlos Meijome Juíz,  polo seu traballo e por apostar por Baiona e dar a coñecer deste xeito os seus atractivos. Tamén  agradeceu a Ramón e Noelia de Papelier Baiona, a bonita ilustración que deseñaron da vila de Baiona.

Nigrán ofrece o domingo o III Certame de Rondallas do Val Miñor

0

O Concello de Nigrán e o C.C.R. Parada do Miñor ofrecen o domingo 18 de decembro desde as 10:30 horas na Alameda de San Campio de A Ramallosa o III Certame de Rondallas do Val Miñor. Participan todas as formacións da comarca (Santiago de Parada, Centro Cultural A Merced de Chaín, a Asociación de Veciños Galiñeiro Vincios) e asiste como invitada a Rondalla do Centro Cultural e Veciñal de Valadares. En total, máis de 300 rondallistas darán cor á alameda neste multitudinario certame que se recupera tras a crise da Covid-19.

“Desde o Concello de Nigrán e a Rondalla de Parada queremos seguir apostando e promovendo este Certame que representa a vitalidade desta cultura tradicional tan arragaida no Val Miñor. Nesta edición convidamos a Valadades por tratarse dunha agrupación moi cercana e querida na comarca, asi que será un evento multitudinario en público e rondallistas”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González.

Pola súa banda, o tradicional pasarrúas da Rondalla de Santiago de Parada na mañá do día 24 por Nigrán posponse ata o día 30 ante a previsión de choiva.

O AECT Rio Minho e os concellos transfronteirizos abren un proceso de participación cidadá

A elaboración das Axendas Urbanas Transfronteirizas do Río Miño consiste nun traballo de planificación conxunta entre os municipios das dúas marxes, promovido polo AECT Rio Minho en colaboración cos concellos do territorio, no que se leva traballando dende finais do pasado ano. Despois dun amplo proceso de capacitación e do desenvolvemento de varias mesas de traballo con axentes locais é agora a quenda de abrir un novo proceso de participación que permita dar voz á cidadanía na toma de decisións de cuestións que afectan ao seu día a día.

En concreto, as equipas técnicas dos municipios de Melgaço-Arbo-As Neves-A Cañiza-Crecente, Caminha-A Guarda-O Rosal e a Eurocidade de Tomiño-Cerveira deseñaron nos últimos meses varias propostas de intervención sobre diferentes asuntos e problemáticas que afectan a cada un destes  territorios tomando como base de traballo os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas. Agora todas aquelas persoas interesadas poderán dar a súa opinión a través dunha enquisa  online xa dispoñible na web do AECT Rio Minho https://aectriominho.eu/axendas-urbanas-transfronteirizas/enquisa/ ata o vindeiro 15 de xaneiro.

Cada grupo de traballo transfronteirizo elaborou un cuestionario diferente enfocado nas temáticas seleccionadas polas equipas técnicas municipais. Así, no caso Melgaço-Arbo-As Neves-A Cañiza-Crecente a sondaxe céntrase na vivenda e mobilidade. Na enquisa de A Guarda, Caminha e O Rosal as preguntas están enfocadas na mobilidade, cultura e patrimonio. Por último, o cuestionario da Eurocidade Tomiño-Cerveira inclúe preguntas sobre reciclaxe e economía circular, mobilidade, hábitos de consumo, igualdade e programación cultural.

A implantación das Axendas Urbanas Tranfronteirizas no territorio do Rio Minho permitirá que a área transfronteiriza sexa máis inclusiva, resiliente e sostible. A importancia desta ferramenta de planificación conxunta reside no seu carácter innovador, trátase dunha iniciativa de cooperación que quere concibir o territorio como un espazo funcional e buscar novos xeitos de atallar problemas que afectan directamente á vidas das persoas.

O programa de capacitación “Axendas Urbanas Transfronteirizas das Eurocidades do Río Miño” intégrase no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal.

Ponteareas avanza con éxito no seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible

O Concello de Ponteareas aprobaba en 2020 o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) convencido da importancia desta ferramenta para a preparación da vila ante os retos que esixe o cambio climático en todos os territorios. Agora, tras dous anos de traballo, o Goberno municipal realizou un informe de seguimento cun balance moi positivo e con algunhas das accións previstas completadas case ao 100 %.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, salienta a aposta estratéxica do Goberno municipal por transformar Ponteareas nunha vila máis sostíbel e o firme compromiso “de acadar as metas marcadas, como a redución das emisións de CO2 como mínimo nun 40% ata o 2030 mediante o aumento da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovábeis”.

Durante este dous anos o Concello de Ponteareas puxo en marcha numerosas accións de mitigación dos efectos do cambio climático, como o cambio do alumeado público por luminarias de alta eficiencia de tecnoloxía LED en todo o municipio, unha medida financiada a través de fondos IDAE e que está practicamente finalizada que permitirá reducir o consumo nesta área ata un 60 %.

Outra as accións contempladas no plan que se atopan máis avanzadas e relacionadas coa anterior medida é o emprego de sistemas de acendido mediante reloxo astronómico en todos os centros de mando de alumeado municipal, axustando mellor o funcionamento do alumeado en maior medida entre o solpor e o amencer e conseguindo unha redución do consumo anual do 5 % nesta área. Esta iniciativa, que tiña como data de remate 2025, está xa completada ao 85 %.

O Goberno municipal leva traballando nos últimos anos para conseguir unha vila máis eficiente enerxeticamente tamén nas instalacións municipais, por iso durante os últimos meses leváronse a cabo diferentes obras de mellora da envolvente de edificios municipais para mellorar o seu illamento térmico, unha medida que se prevé estender ao 75% dos edificios municipais e que se está a desenvolver a través de diferentes fondos europeos e rexionais.  

Ceamsa doa 150 lotes de Nadal a SOS Porriño

A empresa Ceamsa (Compañía Española de Algas Marinas SA) vén de doar 150 lotes de produtos de Nadal ao Concello do Porriño destinados ao servizo municipal de alimentos SOS Porriño. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, recepcionaron hoxe os alimentos que serán entregados ás familias máis necesitadas do municipio.

Os representantes municipais recibiron esta mañá a doazón de mans de Jorge Trigo, responsable de Ceamsa, a quen agradeceron este xesto solidario.

“Con accións como estas contribuímos a que estas familias que están a pasar momentos difíciles pasen un pouco mellor o Nadal”, afirmou o alcalde, “É de agradecer que as empresas colaboren con nós para poder axudar a todas as persoas que o necesitan e Ceamsa é un claro exemplo de compromiso e implicación coa sociedade porriñesa. A sensibilidade que demostra coas súas doazóns ao banco de alimentos durante todo o ano adquire se cabe máis valor nestas datas”.

O Concello da Guarda financiará o turismo co Plan de Recuperación

0

En Galicia foron aprobados 16 proxectos de sostibilidade turística entre os cales se atopan o “PSTD A Guarda” cun orzamento de 1.000.000 € e o proxecto “Despensa de Galicia”, financiado con 1.500.000 €, presentado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, unha agrupación de 14 concellos entre os que tamén se atopa a Guarda.

O principal obxectivo que se tivo en conta para elaborar o “PSTD A Guarda”  foi o de consolidar o turismo mediante unha serie de accións que reforcen a sostibilidade do destino apoiándose nos seus recursos fundamentais: a gastronomía, o patrimonio cultural e o patrimonio natural, que o converten nun destino único onde o mar, río e patrimonio material e inmaterial xeran unha paisaxe singular e crean sinerxías coas actividades do sector privado, ao que se lle atribuirá unha maior gobernanza.

Foron moitos os axentes locais que participaron na elaboración e apoio do “PSTD A Guarda”. O concello agradece a todos os particulares, empresas e entidades que, ben a través de reunións sectoriais, cartas de apoio ou enquisas se implicaron neste proxecto turístico. Estas achegas foron fundamentais para conseguir o financiamento.

O plan inclúe, entre outras actuacións: a protección e rexeneración do ecosistema dunar da praia do Muíño, actuacións relacionadas coa mellora da xestión do uso do Monte Trega, implantando medidas que regulen o acceso a este espazo de alta presión de visitantes coa creación dun estacionamento disuasorio na zona da Porta do Trega. Un novo proxecto artístico para o dique norte coa incorporación de iluminación artística. A mellora do tramo de senda da estrada de Camposancos, entre o cruce co paseo de Portugal e a entrada do barrio do Couto. O impulso á náutica deportiva e tradicional coa instalación de pantaláns flotantes no porto da Guarda e na Pasaxe. A posta en valor da Guarda como destino gastronómico, a creación de contidos dixitais e a dixitalización da comercialización dos servizos turísticos municipais.

Este ambicioso Proxecto Sostible de Turismo en Destino desenvolverase en tres anualidades entre o 2023-25 e dará resposta a necesidades e demandas que tan unha vila turística como A Guarda na que é necesario potenciar a gobernanza e modernización do sector.

A Deputación levará o documental ’20 anos de dignidade’ a Mondariz

0

A Deputación de Pontevedra vai levar ao Concello de Mondariz o documental ’20 anos de dignidade’, baseado no afundimento do petroleiro Prestige na costa galega, do que se vén de cumprir o vixésimo aniversario o pasado 13 de novembro, e que provocou a maior catástrofe medio ambiental na historia do país. O visionado realizarse o vindeiro luns 19 de decembro na sala de proxeccións do auditorio municipal en dous pases, ás catro e cuarto da tarde e ás oito e media da noite, con entrada libre ata completar capacidade.

As proxeccións organizaranse dende o departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico dirixido pola deputada María Ortega, quen subliñou que “é fundamental poder transmitir o que supuxo o afundimento do Prestige, tanto polas súas terribles consecuencias medioambientais como pola marea de solidariedade colectiva que se produciu”.

O audiovisual, do director Jose Manuel Aragunde Pereira, ten unha duración de 45 minutos e foi creado especialmente pensando na xente máis nova, que naceu despois da traxedia: un 15,7% da poboación galega actual ten menos de 20 anos e non foi partícipe do suceso en 2002. De feito, as proxeccións poderán realizarse en centros de ensino.

A peza transmite un relato do acontecido no momento do afundimento, amosando imaxes do estado da costa galega, das praias, da flora e da fauna afectadas polo chapapote derramado. Conta con entrevistas a un amplo sector da sociedade que viviu a situación en primeira persoa, desde xente do mar que saíu a frear a marea negra ao voluntariado, pasando polas persoas que se encargaron da xestión.

A proxección lembrará os feitos que están e se manterán que na memoria das persoas que viviron o suceso no seu momento: que o accidente trouxo consigo un gran desastre económico coa prohibición de pescar e mariscar desde o 16 de novembro e durante varios meses, feito que ocasionou grandes perdas económicas a todas o sector vinculado, tanto directa como indirectamente, co sector do mar.

No caso da provincia de Pontevedra, con 398 quilómetros de costa, unha das zonas con gran afectación medio ambiental foi o parque nacional Illas Atlánticas e, en especial, a Illa de Ons,  tanto na súa superficie como no seu fondo mariño.

Ademais do Concello de Mondariz, as proxeccións faranse noutros cinco concellos da provincia, os primeiros que presentaron a instancia e cumpriron os requirimentos técnicos das bases.