8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Deputación presenta na Guarda o calendario de competencias 2023

    A Deputación presenta na Guarda o calendario de competencias 2023

    As familias, os rapaces, o profesorado e os centros de ensino de Infantil, Primaria e Secundaria da provincia xa teñen a súa disposición os calendarios competenciais 2023 que edita desde hai sete anos a Deputación, unha iniciativa creada, coordinada e dirixida pola mestra e pedagoga Teresa Domínguez. A nova edición desta ferramenta educativa está dedicada ás mulleres da música e inclúe por primeira vez nos seus contidos “Situacións de Aprendizaxe”, actividades propostas na nova lei educativa para desenvolver desde as aulas. Os calendarios, dos que se repartirán máis de 11.000 exemplares, foron presentados esta mañá no IES A Sangriña da Guarda, nun acto no que participaron a presidenta, Carmela Silva, Teresa Domínguez, o alcalde, Antonio Lomba, tamén docente do centro, e o director Carlos Alonso, amais dun centenar de alumnos e alumnas da ESO e o seu profesorado.

    Carmela Silva quixo poñer en valor o traballo de Teresa Domínguez na creación destes calendarios que, como subliñou, “son un instrumento para desfrutar da aprendizaxe, que non pode ser algo duro ou que relacionemos con aburrirnos, senón que ten que ser algo vivencial, que nos permita adquirir coñecementos e sobre todo competencias para ensinarnos a vivir como cidadanía que ten un compromiso co seu tempo e moi vinculadas ao territorio onde nos relacionamos”. Neste senso, destacou que as propostas do calendario, “moi ben feito e divertido” están “relacionadas coa cultura, co patrimonio, co cine e coa literatura, e vanvos permitir ter unha aprendizaxe moi experiencial, de descubrir e de aprender aprendendo”. A presidenta provincial subliñou así mesmo o papel da educación como “o instrumento máis importante que temos para construír sociedades onde as persoas teñan todos os dereitos” e, máis en concreto das mestras e mestres, “que son as e os mellores servidores públicos”.

    Os calendarios teñen contidos diferenciados segundo as etapas educativas e este 2023 están dedicados ás mulleres da música, co protagonismo das mozas do programa “Descúbreas”, que busca axudar ás rapazas para iniciarse na industria musical, “onde o teñen moi difícil”, como incidiu Carmela Silva. Deste xeito, cada mes está dedicado ás participantes nas dúas edicións deste programa: Inés Cortegoso (Pontevedra); Aroa Ferreiro (Vigo); Sara Sanmartín (Pontevedra); María Ferreirós (Vigo); Xia (Uxía González) (Salceda); Law (Laura Martínez) (Vigo); Alicia Moreira (Poio); Eva Pico (Marín); Sara Baños (Vigo); Alba Nogueira (Vigo); Sara Casas (Vigo); Carolina Vázquez (Vigo); Marina Fernández (Vigo); Ane Fonseca (Cangas) e Amparo Mosquera e Mª Rodríguez (Vigo). A presidenta animou ao alumnado presente a utilizar o calendario e anunciou que a Deputación deixará pegada neste centro da Guarda, concello cuxa imaxe precisamente abre o mes de xaneiro, como recordo da súa implicación e compromiso con esta iniciativa.

    Os calendarios competenciais naceron, como lembrou Teresa Domínguez, como ferramenta educativa de axuda para as familias, pero desde 2010 foi medrando e respondendo a novos retos que conflúen coa inclusión das Situacións de Aprendizaxe para o 2023, de maneira que xa son “un recurso para o profesorado” para axudar a alumnos e alumnas, especialmente en Secundaria, “a ser competentes, reflexivos e ser cidadáns/as do presente e críticos do futuro”. A pedagoga agradeceu a implicación da Deputación para levar adiante esta proposta, e destacou a aposta deste ano polo fío condutor das mulleres da música: “Ides ter un auténtico santoral de mulleres vinculadas á musica, porque é importante visibilizar á muller nos distintos eidos da cultura”. Respecto as propostas a desenvolver na aula, destacou que  “van ser unha ferramenta potente” e buscan que o alumnado aprenda no marco da súa contorna cultural, natural e social, “onde poderedes analizar as infraestruturas, crear informes para presentalos ás autoridades competentes”. “Todas as situacións –sinalou- ao longo dos meses levan distintas temáticas, desde a valoración de infraestruturas a analizar a pegada da auga ou a globalización e buscan axudarvos a ser máis críticos, solidarios e ecosostibles”.

    Amais das Situacións de Aprendizaxe, nos calendarios aparecen propostas colaborativas, actividades de lecer, consumo responsable, actividades en familia, lugares para visitar (Recanto con encanto), propostas de creación de cuñas publicitarias ou podcast, gravación de vídeos,  propostas para investigar xuntas e xuntos, de  corresponsabilidade no fogar, saudables, solidarias e sostibles. Cada mes tamén se ofrecen ás familias propostas literarias e de cinema  para a franxa de idade á que está dedicada cada calendario e para o público adulto.

    O alcalde Antonio Lomba cualificou a iniciativa dos calendarios como “incrible” para promover desde o ámbito educativo, familiar e de amizades que os e as rapazas “poidan divertirse e adquirir competencias poñendo en valor a contorna e traballando en equipo” e destacou o traballo de Teresa Domínguez e o apoio da institución provincial para desenvolver estas políticas educativas en igualdade, “que chegan a calquera idade e son as que van facer que a xente nova se enganche a querer ser, facer, a sentirse motivada e querer seguir aprendendo e adquirindo capacidades, conseguir esa mobilidade social que pode dar a formación”. “Propostas deste tipo –engadiu- como as que fai a Deputación, educativas, centradas na igualdade, nas mulleres, son as políticas que van cambiar o mundo. Fan que a sociedade medre e sexa mellor para todos e todas, son as que nos axudan a cambiar o mundo e agradezo que nos faga partícipes destas políticas”.

    No acto o director do IES A Sangriña, Carlos Alonso, destacou os calendarios como unha ferramenta moi axeitada para desenvolver o traballo nas titorías de Secundaria, tendo en conta que “o pé de obra do sistema educativo son as aulas e os axentes o profesorado” e tamén no ámbito familiar “para poder derivar coñecemento e rango competencial” entre o alumnado. Destacou a aposta polos contidos dos calendarios, baseados na igualdade, a educación cívica e o traballo nas competencias.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.