8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaPapá Noel chega a Redondela a pesar da choiva

    Papá Noel chega a Redondela a pesar da choiva

    O sábado, 17 de decembro, Papá Noel chegou ao concello de Redondela para encher de ilusión aos nenos, escoitar as súas peticións e ir preparando todo para o día de Nadal. Instálase no municipio con dúas residencias preparadas; unha na Alameda de Castelao e outra na Alameda de Rosalía de Castro en Chapela, nas que ‘grazas a súa maxia’ poderá estar de forma simultánea de  17:00 horas a 19:30 horas ata o 23 de decembro. O día 24 estará en horario de mañá de 10:30 horas á 14 horas, ampliando o horario en Redondela pola tarde de 16:30 a 19:30h. Polas tardes tamén ten tempo de coller o trineo e visitar as 13 parroquias de Redondela de 16 horas a 20:30 horas, sen importar as condicións meteorolóxicas adversas destes días.

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicaba  que “Papá Noel é imparable, ao igual que o espíritu de nadal deste concello. Por ese motivo queremos que se achege, non só aos rapaces e rapazas do casco urbano, senón que tamén percorra todas e cada unha das parroquias para levar unha carga de ilusión ás e aos máis cativos da casa e, se cadra, para os non tan pequenos tamén”.

    A partir de hoxe, 20 de decembro, comezará o percorrido de Papá Noel polas parroquias de Redondela, similar ao de anos anteriores.

    Martes 20 de decembro

    Papá Noel comezará a súa xira en CESANTES, no Campo de San Pedro, entre as 16 h e 16 30 horas e no Centro Cultural de 16:45 h a 17:15 horas para continuar cara ao VISO onde terá un primeiro encontro coa rapazada no Centro Cultural de Soutoxuste de 17:30 a 18 horas e posteriormente no Centro Cultural Saramagoso de 18:15 h a 18:45 horas. Pechará ese primeiro día de visitas en VENTOSELA no Centro Cultural de 19:15 h a 19:45 horas para facelo logo no Cruce estrada Vilar do Mato, da igrexa de Ventosela e de Castiñeira de 20:00 h a 20:30 horas.

    Mércores 21 de decembro

    O mércores 21 será cando Papá Noel visite aos nenos e nenas de REBOREDA primeiro no Centro Cultural de 16 horas a 16:30 horas e máis tarde na Igrexa de Reboreda de 16:45 horas a 17:15 horas. Fará parada, despois, en QUINTELA, no torreiro da Igrexa de 17:30 h a 18 horas para seguir o seu percorrido por SAXAMONDE na antiga escola (camiño de Albarroz, 3) de 18:15 h a 18:35 h e no Camiño da Vía (á altura do número 29) de 18:45 h a 19:15 h. Finalmente, e de retirada a súa casa na Alameda Castelao, estará en REDONDELA na rúa Alfonso XII e Praza da Constitución de 19:30 horas a 20:30 horas.

    Xoves 22 de decembro

    A parroquia de VILAR, no Centro Cultural, será a primeira parada de Papá Noel de 16 h a 16:30 horas para reunirse cos nenos e nenas un pouco despois no parque infantil Pica Morena de 16:45 h a 17:15 horas. Seguirá o percorrido en CABEIRO, primeiro no Centro Cultural de 17:30 h a 18 horas e despois no parque infantil Camiño do Campiño de 18:15 horas a 18:45 h. A xira do xoves a pechará Papá Noel en SANTO ESTEVO DE NEGROS cun percorrido que fará polo Camiño de Fixón de 19 h a 19:20 horas e pechar o día no Centro Cultural de 19:30 h a 20:15 horas.

    Venres 23 de decembro

    O último día de percorrido polas parroquias o comezará Papá Noel en CEDEIRA onde fará tres paradas. Unha primeira en A Portela, de 16 h a 16:20 horas; no Centro Cultural de 16:30 h a 17 horas e en A Formiga (estrada de Cedeira á altura do nº 51) de 17:15 h a 17:35 horas. Seguirá a ruta en TRASMAÑÓ primeiro no Centro Sociocomunitario de 17:50 h a 18:20 horas e posteriormente na intersección do camiño das Pedriñas (a altura do número 18) de 18:30 h a 19 horas. O percorrido do 23 de decembro o pechará en CHAPELA cunha primeira parada na Avenida de Redondela (Centro de Saúde) de 19:15 horas a 19:45 horas e finalmente na Alameda de Rosalía de Castro de 20 horas a 20:30 horas.

    Nunha bonita carruaxe –o frío do inverno e a choiva non supón impedimento algún para quen ten a súa casa no polo norte– Papá Noel parará diante das casas, falará cos nenos e nenas, conversará con eles, entregaralles caramelos e escoitará esas peticións de última hora, que sempre as hai.

    “A Casa de Papá Noel, é unha iniciativa posta en marcha no 2019 polo Goberno local a fin de ofrecer un lugar de descanso a Papá Noel logo da súa longa viaxe dende Laponia. Visitou Redondela durante os anos da pandemia, cando os nenos e nenas de Redondela demostraron un comportamento exemplar para os tempos que lles tocou vivir, e este ano  volta sen restriccións e coa mesma ilusión para premialos como se merecen”, explicaba a rexidora local.

    As casas, situadas na Alameda Castelao en Redondela e na Alameda de Rosalía de Castro en Chapela son similares á que Papá Noel ten en Rovaniemi, na provincia de Laponia, Finlandia, estarán abertas ata o día 23 de decembro en horario de 17 h a 19:30 horas para o día 24, día de Noiteboa, abri en horario de mañá de 11 h a 14 horas.

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, foi a encargada de dar a benvida a Papá Noel “a súa casa e lle agradeceu que dedicase parte do seu tempo a atender ás peticións das e dos máis pequenos”. Tamén quixo expresar a súa satisfacción pola variedade na programación, pero sobre todo por “incluír a tódalas parroquias na programación, para que a ledicia do nadal chegue a tódolos recunchos do municipio que son de igual importancia para o goberno”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.