21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoCerca de 900 mozos elixen a organización de xogos e actividades musicais...

    Cerca de 900 mozos elixen a organización de xogos e actividades musicais transfronteirizas para o 2023

    Tomiño e Cerveira contan xa con novos proxectos de actividades compartidas para o vindeiro ano. A mocidade dos dous municipios escolleu por maioría dous proxectos relacionados cos xogos tradicionais e con actividades musicais como gañadores dunha nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023, ‘Música Nova’ e ‘Xogos Eurocidade’, unhas iniciativas que ambos os dous municipios desenvolverán durante o primeiro semestre do vindeiro ano e que contarán cun financiamento total conxunto de 20.000 euros.

    Un grande éxito de participación, xa que 880 mozos e mozas de Cerveira e Tomiño achegaron a súa preferencia neste proceso participativo da Axenda para a Mocidade da Eurocidade, que integra o proxecto Amizade cofinanciado ao 75% polo programa Interreg VA POCTEP de cooperación transfronteiriza a través de fondos FEDER da Unión Europea. Os resultados desvelan un grande interese por parte da mocidade polos xogos tradicionais, con case o 57% dos votos (501), seguido da proposta musical, que acaparou o 22% das papeletas e votos dixitais (194). O proxecto ‘Youth4Clima’ acadou 107 votos e ‘Eurocidade polo clima’ outros 77, ademais de contabilizarse un voto como nulo. Ademais de exercer o seu dereito a voto a través da web do OPT2023, os rapaces e rapazas puideron deixar a súa elección de forma presencial na Escola Básica e Secundaria e na ETAP de Cerveira e no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño.

    Mediante o proxecto ‘Xogos Eurocidade’ promoverase a implicación da mocidade en actividades deportivas e de lecer, fomentando a amizade, a unión e a solidariedade entre mozos e mozas de ambos os dous municipios a través de actividades baseadas en xogos tradicionais e en probas típicas dos Xogos sen Fronteiras da Unión Europea adaptadas a recursos e deportes máis actuais como o paintball, slide, orientación, inchables… Esa adaptación tamén se fará contando coa colaboración de rapaces e rapazas das dúas beiras do Miño.

    Pola súa banda, coa iniciativa ‘Música Nova’ buscarase o compromiso da mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomio en actividades musicais conxuntas, procurando a divulgación da tradición e a aprendizaxe de novos estilos musicais, a educación en valores e habilidades sociais a través da música e promocionando o espazo público para a divulgación e o intercambio cultural e xeracional. Será a través de workshops formativos, de ensaios de grupos de música improvisados e de miniconcertos e actuacións de rúa.

    Dende a Eurocidade quérese destacar a gran participación nos centros escolares de Tomiño e Cerveira, que superou o 70%, e agradecer a colaboración de todo o profesorado na organización e desenvolvemento do proceso de votación deste proceso participativo da Axenda para a Mocidade que se desenvolveu ao longo de 2022 co obxectivo de implicar á mocidade na achega de ideas e proxectos que contribuán ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.