O Apalpador, a tradicional figura do Nadal na Galiza, visitará este ano tres concellos da comarca do Baixo Miño man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’. Onte o personaxe tradicional estivo no centro infantil de Príncipe Felipe e pola tarde visitou o Pazo Provincial, onde foi recibido pola deputada María Ortega, responsable do departamento de Lingua, e desexou boas festas a toda a provincia.
Ademais de onte en Pontevedra, o Apalpador xa estivo o luns en Tui na Área Panorámica e volverá o día 31 de decembro ás 12.30 a Tomiño e o 2 de xaneiro a Salceda de Caselas (19 h). Os percorridos itinerantes do pasarrúas polos centros das vilas estarán marcados por cada un dos concellos.
Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.
O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.