Mércores, 11 Decembro de 2024

Alumnos do CEIP de Tebra lánzase ao mundo do emprendemento

Saben que esta é unha oportunidade única para transformar as súas ideas en proxectos concretos de forma unida, democrática e solidaria. Por iso, para os 25 alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tebra crear dende cero as cooperativas ‘Tebralidades’ e ‘Recuncho creativo’ non foi un esforzo, senón que é o resultado “da ilusión por aprender e por emprender que conseguiron transmitirnos as nosas profesoras e profesores”.

Unha ilusión que agora se reflicte nestes dous proxectos postos en marcha ao abeiro do programa ‘DepoEmprende na Escola’ da Deputación de Pontevedra e que quixeron presentar á alcaldesa, Sandra González, que louvou “a forza e as gañas coas que traballan para facer realidade unha idea, un soño, unha ilusión que traspasa as aulas e o centro educativo e que consegue contaxiarnos a todas e todos nós”. “Para Tomiño é un orgullo contar cunha mocidade tan implicada, con gañas de facer cousas e de aproveitar todas as oportunidades que se lles brindan”, salientou.

Os rapaces e rapazas destas cooperativas, formadas ambas por nenos dos dous cursos, traballarán durante todo ano en dúas propostas empresariais coas que buscan achegar o seu gran de area a coidar o medio ambiente mentres colaboran con causas solidarias. Porque, con consello reitor e división por departamentos incluídos, estas iniciativas son xa empresas a pequena escala que buscan devolver a Tomiño parte do que a veciñanza e o municipio lles dá.

Os 12 socios e socias integrantes de ‘Tebralidades’, mestura de ‘Tebra’ e ‘manualidades’,  teñen claro o seu obxectivo: traballar día a día para facer un Tomiño e un mundo máis verde, poror iso elaboran produtos útiles feitos con materiais de refugallo. Plásticos, cartón, tapón e cortiza convértense baixo as súas mans en posavasos e salvamanteis, portalapis e macetas ou organizadores que logo venden á veciñanza. O 40 % dos beneficios recadados irán destinados á asociación Vontade de Tomiño, que traballa con persoas con discapacidade. O 60% restante irá destinado a axudar a financiar unha excursión de fin de curso conxunta coa outra cooperativa do centro, ‘Recuncho creativo’.

Os 13 socios e socias de ‘Recuncho creativo’ quixeron que o seu logo reflectira á perfección as súas intencións, por iso escolleron unhas tesoiras que representan “a igualdade do home e da muller no mundo da costura e un rotundo non á violencia de xénero marcado polos tons violetas dunha parte da imaxe”. Coa creatividade, o esforzo, a colaboración, a paixón, o respecto, a autoconfianza e o diálogo por bandeira, esta cooperativa do alumnado do CEIP de Tebra deseña e elabora prendas de roupa feitas con materiais reciclados ou teas que xa non se usan para reducir o uso de plástico e papel de aluminio para envolver os bocadillos da merenda. Todos os seus produtos están elaborados “de forma tradicional”, cosidos a man ou coa máquina de coser da que dispoñen no centro. Neste caso o 40 % dos beneficios irán destinados á asociación Bicos de papel, que ofrece axuda ás familias con nenas e nenos con cancro do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A rexedora valorou moito ademais “a xenerosidade de todos estes rapaces de doar unha parte do recadado a entidades con tan boas finalidades”. González tamén felicitou á dirección e ao profesorado do CEIP de Tebra polo apoio a estes nenos e nenas e o esforzo por seguir transmitindo esas ganas de aprender, crecer e ter autonomía  entre todo o alumnado.