7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia«Aquí faltan páxinas», inédita colección de podcasts para dar voz e visibilizar...

    «Aquí faltan páxinas», inédita colección de podcasts para dar voz e visibilizar os logros de grandes mulleres galegas

    A antoloxía de relatos sonoros visibilizará a doce mulleres referentes con relación coa provincia e 9 concellos acollerán faladoiros guiados por persoas expertas nestas figuras

    Encher a parte silenciada da historia rescatando episodios fundamentais protagonizados por doce mulleres galegas extraordinarias. Este é o principal obxectivo co que nace “Aquí faltan páxinas”, unha pioneira iniciativa que será desenvolvida por vez primeira co formato podcast, que pon en marcha a Deputación xunto a O Cable Inglés para poñer en valor a contribución feminina ao desenvolvemento da humanidade. O proxecto arranca cunha colección de relatos sonoros que dará a coñecer no 2023 os logros destas mulleres, unha por mes, que se complementarán con 12 faladoiros en 9 concellos da provincia que tiveron relación con elas. As imaxes das protagonistas ocuparon hoxe o Salón de Plenos na presentación do proxecto que explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á coordinadora Marián Fernández, e Guillermina Domínguez, Milagros Bará e Loli Docampo, que protagonizarán tres dos coloquios previstos.

    Así, desde xaneiro, a colección de podcasts, que se colgarán no propio site “Aquí faltan páxinas” da web da Deputación e con ligazón a Spotify, reunirá mes a mes as historias narradas por Marián Fernández de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa, referentes en distintos ámbitos como o deporte, a educación, a investigación ou o activismo. Amais, publicarase unha ruta virtual que amosará os puntos máis importantes da biografía da protagonista do mes

    Carmela Silva: “Poñemos voz a mulleres imprescindibles dunha historia esquecida pero nunca enterrada porque as súas aportacións non as pode borrar ninguén”

    A presidenta provincial, Carmela Silva destacou que este proxecto, que nace con vocación de continuidade, dá voz “a mulleres imprescindibles, a nosa historia esquecida, pero nunca enterrada”. “As aportacións das grandes mulleres -apuntou- non as pode borrar ninguén e iso que empeño puxeron”. A presidenta agradeceu ao Cable Inglés e as relatoras o traballo para recuperar “a estas extraordinarias mulleres” que tiveron relación coa provincia, “aínda que son inmensamente galegas, españolas, europeas e universais, e proceden de distintos ámbitos porque houbo, hai e haberá mulleres sempre en todos os eidos da vida”. “Estas doce son únicas, as nosas referentes –engadiu-, e foron imprescindibles mentres viviron coas súas aportacións. Pero hoxe o son tamén para que teñamos referentes que nos permitan seguir crecendo poderosas e optando a todo”.

    “Somos –sinalou Carmela Silva- a metade do mundo, temos aportado moito e non estamos dispostas a que se nos siga silenciando e calando. Estiveron, estamos e estarán”. Louvou o formato dos podcasts para “falar destas mulleres, poñelas de pé e no centro e convertelas en referencia, moi particularmente para a xente moza, que precisa de ter a mulleres referentes para poder crecer na verdade. Se se oculta ás mulleres, edúcasenos na falta da metade do mundo, e polo tanto non está toda a verdade presente”.

    A coordinadora do proxecto, Marián Fernández, destacou o papel da Deputación no liderado de accións e programas de igualdade “tecendo sinerxías importantes” coa sociedade e subliñou a necesidade “de seguir escribindo as páxinas que quedaron esquecidas, obviadas e ninguneadas na historia, porque esta colección nace con vocación universal e temos moita fame de referentes”, de xeito que a colección parte de mulleres na provincia, pero “nos gustaría seguir incorporando nomes de calquera ámbito, tanto público e privado, porque sen elas non estariamos aquí”. Pola súa banda, Guillermina Domínguez, que falará de María Soliña, destacou “a historia das mulleres é indispensable e básica para lograr a súa emancipación e é preciso visibilizala”. Milagros Bará, experta en Elisa Patiño, cualificou a nova iniciativa provincial de “imprescindible” para “axudar a normalizar a situación”. “Faltan páxinas –sinalou- para poñer en valor ás pontevedresas e galegas do mundo que fixeron importantes aportacións á historia”. E Loli Docampo, que protagonizará a charla sobre Maruja Mallo, confía en que o proxecto sirva “para desentrañar a pegada e dar a coñecer a traxectoria desta artista, que aínda non ten a repercusión que debe”.

    O programa

    “Aquí faltan páxinas” arrancará en xaneiro coa figura de María Soliña, (1551-?), acusada de bruxería e símbolo dos abusos contra as mulleres, e dela falará Guillermina Domínguez en Cangas. En febreiro a protagonista será a pioneira da aviación española, a “muller paxaro” Elisa Patiño, (1890-1919), co faladoiro de Milagros Bará en Sanxenxo. Marzo rescatará a historia da primeira galega en licenciarse en medicina, Olimpia Valencia (1898-1987), coa charla de Ana Fuentes na sede da Deputación de Vigo e abril será a quenda da artista Maruja Mallo (1902-1995), coa intervención de Loli Docampo en Bueu.

    Por outra banda, en maio falarase da humanista e activista Concepción Arenal (1820-1893), de quen falará Anna Caballé na cárcere da Lama; mentres que en xuño o podcast estará dedicado a Antonina Sanjurjo, xogadora de hockey (1910-1939), coa charla protagonizada por Cristina López Villar na sede da Deputación en Vigo. En xullo rescatarase a figura da escritora e feminista María Vinyals (1875-década 40), de quen versará o faladoiro de Isabel Blanco no Castelo de Soutomaior.

    A comprometida mestra Ernestina Otero (1890-1956) será protagonista en agosto e dela falará Manuel Puga en Redondela mentres que en setembro tocaralle á oceanógrafa e pioneira da investigación mariña Ángeles Alvariño (1916-2005) cuxa traxectoria enxalzará Ángeles Leira na sede de Vigo. Na recta final do ano, a primeira muller almirante, Isabel Barreto, (1567-1612) protagonizará o podcast de outubro e dela versará o faladoiro de Eloísa Gómez no Pazo Provincial en Pontevedra; mentres que novembro estará dedicado a Carolina Otero (1868-1965), a icona da Belle Époque, coa intervención de Carmen Posadas en Valga. Por último, o programa pecharase en decembro coa compositora e música Sofía Novoa (1902-1987) e a charla de Carmen Losada na sede de Vigo.

    “Aquí faltan páxinas” é tamén protagonista da axenda institucional para 0 2023 que edita a Deputación na que cada mes está dedicado, ao igual que os podcast, a unha das protagonistas coa súa correspondente biografía. Amais, cada mes recolle tamén as efemérides máis destacadas no ámbito da igualdade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.