Domingo, 20 Xullo de 2025

A Deputación reúne a 35 concellos para asinar a ‘Declaración de Pontevedra’

A Deputación de Pontevedra, a Irmandade Xurídica Galega e a Xunta de Galicia, xunto a 35 pequenos concellos da provincia, asinaron a ‘Declaración de Pontevedra’, un manifesto no que se comprometeron a fomentar o uso do galego nas relacións entre as corporacións locais e a xustiza. Segundo subliñaron a presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, este compromiso supón “un feito histórico” na normalización do idioma do país, xa que nestes momentos a lingua galega fica aínda relegada no uso xudicial por cuestións históricas.

O manifesto establece como obxectivo  normalizar o galego como lingua do dereito e das relacións e procesos nos que interveñan os concellos, así como o compromiso de que as e os representantes municipais (mediante asesorías propias ou externalizadas) soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma da Galiza. No texto tamén se recolle que, de aquí en diante,  as contratacións de asesorías xurídicas externas por parte dos concellos deberán incluír unha cláusula para que as actuacións procesuais que se realicen en nome de cada unha das corporacións locais asinantes da ‘Declaración de Pontevedra’ sexan en lingua galega.

No acto, no que tamén se conmemorou o 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego, foron anfitrioas a presidenta da Deputación Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, que estiveron acompañadas do secretario xeral de
Política  Lingüística da Xunta de Galicia Valentín García, e do presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, xunto a representantes de 35 concellos.  Como relatoras falaron a maxistrada Ana Filgueira Paz, a representante da Irmandade e da FEGAMP Patricia Vilán, a avogada Ana Mosquera, e o responsable da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra, Xavier Munaiz, municipio que xa realiza todos os seus trámites xurídicos en galego. Asistiron grande número de maxistradas e maxistrados entre os que se puideron recoñecer Ramón Villares ou Xesús Palmou, entre outros.

A presidenta da Deputación Carmela Silva quixo destacar que o acto pola galeguización xurídica dos concellos realizado hoxe na Deputación “é imprescindible” para falar da situación da lingua, xa que “é o armazón do país e sen ela dificilmente se pode construír un pobo e o seu pensamento”. Subliñou que o galego é “prestixioso por si mesmo” e que “se o usamos nos lugares nos que reside o poder do pobo, o Executivo, o Lexislativo e o Xudicial, trasladámoslle á cidadanía que é unha lingua que hai que defender”.

Pola súa banda, a deputada de Lingua María Ortega insistiu en que o da xustiza é un ámbito no que aínda é preciso dar moitos pasos adiante, por iso agradeceu a sensibilidade de todas e todos os representantes do mundo local que hoxe asinaron a ‘Declaración de Pontevedra’ para fomentar o uso do galego. “Hai que rachar con esta situación e mover os marcos da lingua, remediar as inercias do pasado e xuntar sinerxias entre todas as administracións para acadar unha maior unidade de acción na defensa do galego”, subliñou.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García destacou que as administracións locais asumiron historicamente de maneira rápida o uso do galego no seu funcionamento e como lingua de proximidade. Recoñeceu que queda moito por facer na xustiza e destacou a necesidade de desenvolver ferramentas informáticas e de traballo para as persoas do ámbito xudicial. “Alguén debe ter a iniciativa –de fomentar o uso na xustiza- e poñer o tema sobre a mesa. Se é inducido por alguén con responsabilidades administrativas, mellor. Dende a Xunta sempre van ter a nosa colaboración. Poñer recomendacións do uso do galego nos pregos dos concellos para contratar asesorías non custa, non é máis caro nin vai levantar ‘sarpulllido’”, subliñou.

Finalmente na parte institucional, o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, fixo un percorrido polas conquistas do galego no mundo xurídico e administrativo, lembrando que o seu uso na política fixo que gañara prestixio social. Subliñou que os concellos teñen un papel primordial fronte á resistencia de que o galego se use no mundo xurídico porque “boa parte dos procesos que se ventilan” son locais. “Temos que conseguir que as asesorías internas ou externas usen o galego e dean un paso adiante”, destacou, asegurando que a lingua galega non será recibida nun “ambiente hostil nin discriminatorio” xa que só da Irmandade Xurídica Galega hai 300 profesionais que utilizan o galego. “Galiza é un país en construción e o galego é o formigón armado para construírmos o país. Por iso temos que coidalo, finalizou”.

A maxistratura e o galego

Na parte da maxistratura, para falar da necesidade dos concellos de normalizar o galego, tomaron a palabra a maxistrada Paz Filgueira, quen salientou que “o galego non é unha lingua minoritaria, senón minorizada” que debe avanzar nas institucións, que segundo dixo “teñen unha débeda histórica”. Salientou que o problema da lingua galega foi a súa caída na diglosia que perpetuou a idea de que a lingua centralista ostentaba un poder superior fronte a un suposto baixo status e tratamento pexorativo para a lingua nacional da Galiza. “Esa diglosia non debe existir. Non hai linguas de primeira e de segunda”, subliñou.

Patricia Vilán, pola súa banda, asegurou en modo de avogada e integrante da FEGAMP a necesidade de non só apostar dende os concellos pola galeguización do día a día, que ao seu entender xa está acadada, senón tamén na relación das corporacións cos tribunais. Destacou que a ‘Declaración de Pontevedra’ é un compromiso vinculante polo que manifestou o seu convencemento de que “o que veña a partir de agora van ser éxitos”.

A avogada Ana Mosquera, pola súa banda, preguntou ao auditorio presente no salón de plenos da Deputación se o que o pobo galego quere é que a súa lingua sexa un “obxecto de Museo”, asegurando que as persoas relacionadas co mundo da xustiza que queren facer o seu traballo en galego deben pasar moito máis traballo que os que non o fan, pois deben traducir formularios e non contan coas ferramentas informáticas e as aplicacións necesarias para desenvolverse con soltura. “Non estamos á mesma altura e iso precisa implicación. A lingua é patrimonio de todos nós”, sentenzou.

Xa por último, Xavier Munaiz, da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra, relatou a experiencia nun dos poucos concellos da provincia que a día de hoxe realizan todos os seus expedientes, procesos e relacións coa xustiza en lingua galega. “Pedíronme que contase as nosas vicisitudes na asesoría e non hai nada que contar. Diante dos xulgados as intervencións orais, as vistas, os textos… son todos en galego e sen inconvenientes”, destacou, salientando que os concellos pequenos que contratan asesorías externas “poida que estean mellor defendidos, pero non reparan nunha circunstancia non menor: as asesorías que os representan están a representar a unha administración pública que debe fomentar o galego”, insistiu.

A xornada pechou coa descuberta dunha placa nos xardíns laterais do pazo provincial en conmemoración do 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego e de lembranza da sinatura da ‘Declaración de Pontevedra’.

Concellos de todas as comarcas e signos políticos

Como representantes dos concellos asistiron e asinaron a ‘Declaración de Pontevedra’ persoas de todas as comarcas, sen distinción de signo político: o alcalde de Lalín Xosé Crespo, e a concelleira de Silleda Ángela Troitiño no Deza Tabeirós (por motivos de última hora non puido asistir a representante de Forcarei, que rubricará o texto a posteriori); pola comarca de Caldas estiveron o alcalde de Caldas Juan Manuel Rey eo vicealcalde de Portas Alfonso Reboredo, xunto ao de Valga (Cuntis asinará a posteriori); a alcaldesa de Meis Marta Guiráldez xunto a concelleiros e concelleiras de Vilagarcía, Cambados, Illa de Arousa e Sanxenxo polo Salnés; o alcalde de Barro  Xosé Manuel Abraldes  e o de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela, xunto a concelleiras de Ponte Caldelas e Poio da comarca de Pontevedra; da comarca do Morrazo estiveron presentes a alcaldesa de Moaña Leticia Santos e o alcalde de Bueu Félix Juncal (asinará posteriormente o concello de Cangas).

Da área de Vigo estiveron a alcaldesa de Redondela Digna Rivas, a alcaldesa de Salceda Verónica Tourón, e os e as concelleiros de Soutomaior, Mos, e a tenente de alcalde de O Porriño Carolina González Costas; da comarca do Val Miñor estiveron representando a Nigrán a deputada Raquel Giráldez, o alcalde de Baiona Carlos Gómez e a concelleira Iria Lamas de Gondomar. Do Baixo Miño acudiron a alcaldesa do Rosal Ánxela Fernández e representantes de Tui e Tomiño (A Guarda asinará a posteriori). Finalmente, do Condado-Paradanta estiveron o alcalde de Mondariz Xosé Emilio Barros, o de Mondariz Balneario José Antonio Rodríguez, e concelleiras e concelleiros de Ponteareas e As Neves.

Nigrán homenaxea a Domingo Villar en Fitur

0

O Concello de Nigrán homenaxeará na Feria Internacional de Turismo (FITUR) ao aclamado escritor Domingo Villar (Vigo, 06.03.1971-18.05.22) presentando o roteiro literario ‘A Praia dos Afogados’, cuxa trama principal discorre pola parroquia de Panxón. Deste xeito, o Concello estrea en FITUR un folleto turístico específico en galego e castelán que reproduce os pasos do carismático personaxe Leo Caldas nesta internacionalmente famosa novela negra traducida a máis de 15 idiomas e levada ao cine no 2015. As persoas interesadas poderán atopalo físicamente na Oficina de Turismo de Panxón ou descargalo directamente na web www.nigran.es.

“Domingo Villar foi, sen pretendelo, o mellor embaixador posible do noso municipio, por iso queremos manter viva a súa memoria a través deste roteiro que sabemos que interesa a miles de persoas e que recompila algúns dos lugares máis espectaculares de Nigrán e que el tan ben describe”, explica o alcalde, Juan González, quen incide nos “centos de lectores entusiastas’ que este verán participaron nos roteiros guiados que o Concello realizou como homenaxe ao escritor falecido en Vigo en Maio de 2022 e que gozaba de moitas vacacións estivais en Nigrán. “Colleitaron un éxito de público incrible, con esa experiencia e atendendo ás opinións dos participantes, realizamos este folleto”, explica González.

A andaina deseñada ten una lonxitude de 4,5 km divididos en 5 paradas e unha duración estimada de 2,5 horas cun grado de dificultade media. Seguindo o propio discorrer da novela, arranca na Praia da Madorra, onde aparece o cadáver maniatado dun mariñeiro que abre a investigación. A continuación continúa no Porto de Panxón, onde se atopa a lonxa ou a taberna ‘El Refugio del Pescador’, ademais das nasas ou embarcacións tradicional moi mencionadas no libro. A terceira parada é o Templo Votivo do Mar do arquitecto Antonio Palacios, lugar onde o inspector Leo Caldas se entrevista co párroco e cuxo interior contén mosaicos de esceas de naufraxios. Seguidamente, o camiñante debe dirixirse cara a península de Monteferro para visitar Punta Lameda, zona onde aparece afundida a barco de ‘O Rubio’ e, finalmente, conclúe no Monumento á Mariña Universal, contorna cuxas vistas sorprenden a Rafael Estévez, axudante de Caldas. Estas cinco ‘paradas’ figuran xeolocalizadas, con cadansúa frase da novela vinculada a esa zona en concreto e, a maiores, cunha breve información turística ao respecto. Deseñado como un folleto manexable, con forma de libro que se pode gardar no bolsillo, e con gran protagonismo das imaxes, inclúe un pequeno mapa e outros puntos de interese para aquelas persoas que desexen ampliar o roteiro, como poderían ser o cemiterio de Panxón, o Arco Visigótico, Monte Lourido, o Miradoiro de Monteferro… Todos eles puntos de interese mencionados dalgún xeito na novela.

‘A praia dos Afogados’

Publicada no ano 2009, trátase da segunda entrega da famosa triloxía de novela negra de Domingo Villar. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata a praia da Madorra. Se non tivese as mans atadas ás costas, Xusto Castelo sería simplemente outro dos fillos do mar que atopou a súa tumba entre as augas mentres faenaba. Pero o océano nunca necesitou amarras para matar. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do falecido, o lacónico inspector Leo Caldas mergullarase no ambiente mariñeiro do pobo, tratando de esclarecer o crime entre homes e mulleres que se resisten a desvelar as súas sospeitas e que, cando se decidan a falar, apuntarán nunha dirección demasiado insólita. Un asunto inoportuno para Caldas, que atravesa días difíciles: Alba volveu a dar sinais de vida, o único irmán do seu pai está gravemente enfermo e a súa colaboración no programa de radio está a volverse insoportable.

SmartPeme trae esta semana cinco novos obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta as cinco novas formacións online para esta semana, enmarcados na carteira de obradoiros de Smartpeme. As accións tratarán temas como os uso da VPN, recomendacións para crear unha páxina web, mellora da produtividade, contido audiovisual e Blockchain.

Os obradoiros darán comezo hoxe luns 16 pola mañá, no primeiro, a temática versará sobre ciberseguridade co experto en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire. O obxectivo do obradoiro “Ciberseguiridade, o uso da VPN” é o de fomentar o uso das VPN, por que se deben usar e de que forma protexen.

O martes 17, impartirase unha nova formación guiada pola licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller, que dirixirá “Consideracións previas para crear a túa páxina web” un obradoiro no que se amosarán os primeiros pasos para crear unha web.

O mércores 18 haberá dúas accións formativas; pola mañá a licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, Fátima Faílde, impartirá o curso “Mellora a túa produtividade con Trello e outras aplicacións II”, para ensinar técnicas de produtividade e ferramentas que permiten transformar as tarefas. Na quenda de tarde o protagonista será o vídeo márketing. Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos e de Deseño Gráfico, explicará a como comezar a crear un contido audiovisual interesante, dinámico e fácil de compartir no taller “Vídeo Márketing I – Contido audiovisual, a última tendencia”.

Finalmente o curso do venres 20 de xaneiro, “Blockchain e criptomoedas”, pechará a semana lectiva. Con esta formación iníciase unha serie de obradoiros informativos relacionados coa tecnoloxía Blockchain. Neste curso abordarase o tema das criptomoedas. A formación estará impartida, novamente, por Manuel Freire.

Máis de 93 mil peregrinos realizaron o Camiño Portugués en 2022

0

Máis de 93 mil persoas realizaron en 2022 o Camiño Portugués. Segundo os datos proporcionados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago 93.184 peregrinos e peregrinas recibiron a “Compostela” logo de realizar o Camiño Portugués. Trátase do maior número rexistrado até o de agora nas estatísticas, e que representa un 21% dos peregrinos que chegaron a Compostela no ano santo 2022 (438.323 peregrinos). Estes datos consolidan á ruta portuguesa que entra en Galicia a través de Tui como a segunda en número de peregrinos e peregrinas.

Tendo en conta estes datos oficiais e o feito de que se estima que entre un 20 ou 25 % das persoas que realizan o Camiño non recollen a Compostela, pódese estimar que o número de peregrinos que pasaron pola nosa cidade achégase a un número próximo ás 120.000 persoas.

Tui, como porta histórica dos Camiño Portugueses en Galicia, foi escollida por un total de 33.719 persoas para iniciar a súa peregrinación ao sepulcro do apóstolo Santiago, o que supón un 38,18 % do total. Deste xeito, Tui consolídase como unha das catro localidades de inicio de todas as rutas xacobeas. Se sumamos os peregrinos que iniciaron o seu camiño en Valença, 11.950 (12,8 %), temos que na Eurocidade Tui-Valença comezaron a súa peregrinación o 47,48 % dos peregrinos do Camiño Portugués.

Portugal, Alemaña, Italia, EEUU, Reino Unido, Francia, República Checa, Eslovaquia, e México foron os principais puntos de orixe dos peregrinos internacionais que o ano pasado pola Oficina Municipal de Tui, onde se rexistraron persoas realizando o Camiño de até 59 países dos cinco continentes.

Pontevedra, Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Cádiz, Málaga, As Palmas ou León foron os principais lugares de orixe dos peregrinos e peregrinas nacionais, rexistrándose persoas de todas as provincias españolas na Oficina de Turismo tudense.

Na valoración dos datos de peregrinaxe de 2022 cómpre ter en conta que segundo a Oficina do Peregrino 30.609 persoas  realizaron o Camiño Portugués da Costa, e un número crecente deles realiza esta ruta seguindo o trazado oficial do Caminho Portugués da Costa que dende Caminha chega ata Valença e Tui e non figuran conceptuados como peregrinos polo Camiño Portugués.

A nivel comparativo podemos lembrar que no ano 2019 (desbotando os ano 2020 e 2021 por mor da pandemia) os peregrinos polo Camiño Portugués alcanzaron a cifra de 72.357, por tanto os datos do ano 2022 supoñen un incremento do 29% no número de peregrinos polo Camiño Portugués. Crecemento exponencial de máis do 170% se atendemos aos datos do anterior ano santo no ano 2010, onde os peregrinos polo Camiño Portugués acadaron a cifra de 34.147.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes datos ratifican a impresión que apuntaba a que este pasado ano 2022 o Camiño Portugués superaría amplamente o número de peregrinos verbo dos anos anteriores. Ao tempo que supoñen para todos os axentes implicados na xestión do Camiño de Santiago, tanto públicos como privados, na nosa cidade un reto para lograr manter estes niveis de peregrinos mediante un incremento da calidade na acollida e hospitalidade deste enclave histórico do Camiño Portugués que é a cidade de Tui.

O Concello do Rosal licita o servizo de axuda no fogar

0

O Rosal avanza co obxectivo de converterse nun municipio máis inclusivo e que vela polo benestar e o coidado de persoas en situación de dependencia. O Concello vén de sacar a licitación o servizo de axuda no fogar, na modalidade de dependencia, por dúas anualidades e prorrogable tres anualidades máis por unha duración de un ano cada unha delas.

O contrato contempla un total de 17.604 horas de servizos, 1.500 horas delas en días festivos e outras 16.104 en horario ordinario. Esta nova licitación supón un incremento de 1.200 horas anuais con respecto ao servizo anterior, ao que hai que engadir a incorporación aos pregos administrativos da posibilidade de incrementar nun  20% o servizo en función da demanda e da dispoñibilidade orzamentaria.

Segundo explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “este novo contrato contempla significativas melloras que amplían as xa contempladas no prego anterior, como  10 camas articuladas con carro elevador e barreiras, 10 guindastres, 10 cadeiras de rodas para WC e ducha ou 10 colchóns antiescaras, todas elas melloras técnicas que consideramos moi necesarias para garantir que as e os rosaleiros dependentes reciban un servizo óptimo”.

Como novidade, os pregos contemplan a prestación de servizos complementarios que suporán un substancial salto de calidade para todos os usuarios e usuarias, xa que se inclúe o transporte a centros sanitarios con 50 viaxes de ida e volta, 40 servizos de podoloxía, 60 de perruquería e 10 limpezas de choque anuais.

O valor estimado do contrato ascende a máis de 1,8 millóns de euros, podendo chegar aos 2,2 millóns se se incrementa a demanda e a dispoñibilidade orzamentaria o permite. Este servizo non só permite mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, senón que, entre outros aspectos, tamén posibilita a permanencia das persoas na súa residencia habitual, favorece e potencia a autonomía persoal no domicilio ou mantén, mellora e recupera as redes familiares e sociais.

As empresas interesadas deberán presentar un proxecto técnico do que se valorarán tanto os aspectos técnicos e metodolóxicos como os recursos materiais e humanos. Valorarase tamén a oferta económica e, por suposto, as melloras propostas. O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 13 de febreiro.

O Comité do Consorcio de Augas do Louro aproba o orzamento 2023

O Comité do Consorcio de Augas do Louro arranca este ano cun novos orzamentos aprobados de maneira definitiva o pasado mes de novembro. As contas aprobadas polo Comité ascenden a 4.266.200 euros. Dita contía procede en exclusiva da previsión de ingresos procedentes de taxas, prezos públicos e outros ingresos, e na mesma xa se ten en conta a minoración dos ingresos procedentes da aplicación da modificación da Ordenanza reguladora do prezo público para baleirado de pozos negros e fosas sépticas domésticas, limpeza de acometidas, canos e desaugadoiros e traslado de lodos.

No seu obxectivo de regularizar o funcionamento das institucións, o presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo, amosouse satisfeito por lograr a aprobación duns orzamentos da entidade por primeira vez dende o ano 2016.

Trátase dunha folla de ruta económica baseada no control do gasto público e a procura da eficiencia e a eficacia na xestión do Consorcio, o que se reflicte no compromiso coa estabilidade orzamentaria, coa sustentabilidade financieira así como coa limitación do gasto non financieiro do Consorcio.

Oia abre o luns o prazo de inscrición para unha nova edición do obradoiro de teatro

0

O Concello de Oia pon en marcha unha nova edición do obradoiro de teatro veciñal. Ao igual que aconteceu nas anteriores convocatorias, as sesións serán impartidas por A Artística Teatro & Danza os venres en horario de tarde.

O obradoiro comezará o 3 de febreiro e as sesións desenvolveranse cada venres no Centro Cultural de Pedornes en horario de 19.00 a 21.00 horas. O obradoiro desenvolverase durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio e rematará a principios de xuño.

As persoas interesadas en participar poden apuntarse no rexistro do Concello desde o luns 16 ata o xoves 26 de xaneiro. A actividade é gratuíta e aberta a todas as idades, se ben é obrigatorio inscribirse pois as prazas son limitadas.

6×6 Punto de Encontro

En cada unha das súas edicións, este obradoiro teatral reúne a varias decenas de veciñas e veciños de diversas as idades, as cales traballan durante varios meses na elaboración e interpretación de distintas pezas teatrais. Como actividade final, as creacións son representadas polo propio alumnado nunha visita dramatizada polo barrio do Arrabal.

Nesa xornada de representación, denominada 6×6 Punto de Encontro, as persoas usuarias do obradoiro veciñal actúan xunto con varias artistas convidadas, ofrecendo un espectáculo aberto ao público onde o patrimonio do barrio histórico oiense se convirte nun escenario de excepción no que gozar de distintas propostas artísticas (arte dramática, danza e movemento, música, poesía, etc.)

Nesta convocatoria do obradoiro de teatro de Oia correspondente ao ano 2023 prevese igualmente rematar o curso coa xornada festiva do 6×6 Punto de Encontro: un día para celebrar a creación artística, o patrimonio, a historia e as tradicións locais; pero tamén para fomentar o encontro, a convivencia e máis a participación veciñal.

Mos aproba o seu orzamento municipal para 2023

0

Esta semana foi aprobado definitivamente en sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Mos o orzamento municipal para 2023 (de 13 millóns de euros), que entrará en vigor un mes máis tarde do previsto, ao terse presentado alegacións por parte de GañaMos e BNG ao documento, que xa fora aprobado inicialmente en Pleno o pasado mes de novembro.

A aprobación definitiva do orzamento contou cos votos favorables do grupo de goberno (PP) e a concelleira non adscrita, Verónica Costas, da abstención do concelleiro non adscrito, Román González, e dos votos en contra de PSOE, GañaMos e BNG.

As alegacións ao presuposto presentadas polo Bloque e GañaMos contan con Informe desfavorable de Intervención.

O Informe de Intervención é desfavorable ás alegacións ao orzamento municipal para 2023 de GañaMos e BNG e as inadmite por actuar en nome dun grupo non lexitimado para presentar reclamacións contra os orzamentos municipais.

O Interventor Municipal establece no seu Informe que, por lei, os partidos políticos non están lexitimados para presentar reclamacións aos orzamentos municipais. Pola contra, a lei deixa clara a vontade de deixar aos partidos políticos fóra das persoas con lexitimidade para levar a cabo este tipo de accións. O artigo si lexitima aos veciños do propio concello (art. 170.1.a. “habitantes do propio territorio”) a presentar reclamacións.

Ademais o devandito Informe indica que as alegacións presentadas polos grupos de GañaMos e BNG non se axustan na súa elaboración e aprobación aos trámites establecidos por lei, omiten o crédito necesario para o cumprimento de obrigacións esixibles á entidade local, en virtude de precepto legal ou de calquera outro título lexítimo; e son de manifesta insuficiencia os ingresos en relación aos gastos orzados, ou ben destes respecto ás necesidades para as que estea previsto.

“Considero que deben ser desestimadas ambas as reclamacións ao orzamento por non constituír ningunha delas un motivo permitido no artigo 170.2 TRLRHL”, establece o Interventor no seu informe.

Mos conta cun aumento das licenzas urbanísticas

0

O departamento municipal de Urbanismo vén de elaborar e emitir un informe do balance anual de licenzas tramitadas e concedidas durante o ano pasado. En 2022 aumentaron un 16,5 % as licenzas respecto das concedidas en 2021, pasando de 406 a 472 (66 licenzas máis en 2022 que en 2021).

Entre elas destacan as licenzas de obra maior e as de primeira ocupación. No caso das licencias de obra maior o total delas ascendeu de 130 en 2021 a 186 en 2022, o que supón un crecemento porcentual do 43 %. Entre as licenzas de obra maior as que máis creceron, un 55 %, foron as de vivenda (40 en 2021 e 62 en 2022) e as de muro de contención (17 en 2021 e 25 en 2022, cun crecemento porcentual do 47 %). Por outra banda, as licenzas de primeira ocupación aumentaron un 52 %, pasando de 21 en 2021 a 32 en 2022.

Mantense o número de licenzas de actividade, comunicación previa e declaración responsable en Mos, sendo un total de 93 as concedidas en 2021 e 2022. Entre elas, as licenzas de furanchos aumentaron de 11 a 16.

Na categoría das licenzas de obra menor, as obras menores que máis creceron foron as de cambio de tella, que en 2022 foron 54, fronte ás 39 de 2021; e as de muro de peche, que en 2022 foron 40, fronte ás 30 de 2021. Outras das licenzas de obra menor máis abundantes foron as de acondicionamento de vivenda: un total de 31 durante o ano 2022.

As licenzas de taxi pasaron de 3 en 2021 a 10 en 2022 e os vados de 3 en 2021 a 11 en 2022 (un crecemento dun 266 %). Na categoría de “outros expedientes tramitados”, destaca o dato das devolucións de aval, xa que en 2022 concedéronse 19 máis que no mesmo período do ano pasado. Pasando de 11 en 2021 a 30 en 2022. O que supón un aumento do 172 %.

Por último, apuntar que o número total de asuntos de Xunta de Goberno Local de Urbanismo e Medio Ambiente en 2022 foron 661, fronte aos 601 do ano anterior. 60 asuntos máis tratados en Xunta de Goberno, que supón unha suba porcentual do 10 %.

Neste senso facía balance hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen salientou especialmente o incrementos nas licenzas concedidas de primeira ocupación de vivenda unifamiliar, que aumentou un 52 % respecto do ano anterior. Cómpre destacar que continúa a progresión á alza tamén nas licenzas de obra maior que aumentaron un 43 % en 2022 e, entre elas, as de construción de nova vivenda, que creceron un 55 %.

Tras a aprobación en 2017 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o balance urbanístico anual do Concello de Mos reflicte unha evolución moi positiva. A lectura deste último informe tradúcese en que Mos se consolida como unha localidade que particulares e empresas elixen para residir e asentarse, de ahí o gran incremento experimentado na concesión de licenzas de primeira ocupación de vivenda unifamiliar e de obra maior. Nidia Arévalo considera “máis que positivo este balance que foi en gran parte grazas ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral mosense, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017, que fai que Mos leve experimentando nos últimos anos un aumento importantísimo das licenzas urbanísticas concedidas”. O balance urbanístico de 2022 demostra, unha vez máis, que o de Mos é un Concello ideal para vivir. Destes datos conclúese que “a existencia e implantación dun PXOM está animando aos particulares a establecer ou consolidar a súa residencia en Mos; e que a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir e crecer empresarialmente”, explica Arévalo.

Nigrán abrirá o prazo de inscrición do programa ‘Envellecemento activo’

0

O Concello de Nigrán abre do 17 ao 19 de Xaneiro o prazo de inscrición para os tres cursos do programa ‘Envellecemento activo’: Informática básica (martes ou xoves en horarios de mañá, 40 prazas), ‘Talleres de Memoria’ para previr o deterioro cognitivo (martes ou xoves en horarios de tarde, 60 prazas) e ‘Vivilo Corpo’, dirixido a potenciar as capacidades motoras a través de exercicios de movemento e coordinación (martes e xoves en horario de mañá, 30 prazas). As tres modalidades se celebrarán no Centro da Terceira Idade da Ramallosa e están dirixidos a maiores de 65 anos e/ou xubilados empadroados no municipio, tendo prioridade os que nunca os cursaran (en caso de solicitar varios, débese indicar a orde de preferencia para baremar). Os interesados deben solicitar praza na planta baixa do Concello (o primeiro día no salón de plenos e os seguintes na Oficina de Información Cidadá) do 17 ao 19 de Xaneiro de 10:00 a 13:00 horas. As prazas se cubrirán por rigorosa orde de solicitude tendo en conta os criterios sinalados. O de Informática será impartido polo profesor xubilado Antonio Lago e os outros dous foron adxudicados á AFAGA. Os cursos comenzan a partir do 7 de Febreiro e se extenderán ata finais de 2023 con descanso estival e, novamente, un custe total de 20 €.

Adicionalmente, e debido á alta demanda da veciñanza, o Concello abrirá nas vindeiras semanas o prazo de inscrición para outro curso de ‘Memoria’ no Centro Social de Vilameán. Constará de 40 prazas e terán prioridade os que quedaran fora (se é o caso) no que se ofrece agora na Ramallosa.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioros cognitivos e neles se basa este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores dirixida pola edil María Mayán.

O caracter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.

A Policía Local de Tui contará con cinco novos axentes en marzo

0

A Policía Local de Tui contará con cinco novos axentes a partir do mes de marzo, co que o número de efectivos pasará a ser de once axentes e un inspector xefe. Nas últimas semanas o servizo viuse afectado debido á baixa laboral de tres dos seis axentes con que conta actualmente o corpo, así coma a baixa do inspector xefe que continúa nestes momentos.

Os cinco novos axentes obtiveron a praza na Oferta de Emprego Público de 2021 e tras a súa formación durante un ano na Academia Galega de Seguridade, incorporaranse ao seu posto de traballo en Tui nas próximas semanas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que dende o goberno local estase a traballar dende 2021 para mellorar as condicións deste corpo “non só co número de policías locais en activo, senón incluso as súas retribucións”. Así sinala a convocatoria na Oferta de Emprego Público das prazas que quedaron vacantes por xubilacións ou traslados, algo que non se levaba a cabo dende hai 20 anos, segundo o rexedor. Un dos motivos que en moitas ocasión motivaba a solicitude de traslado cara outros concellos por parte de axentes da Policía Local era a menor retribución que percibían en Tui. Esta cuestión explicaba Enrique Cabaleiro, mellorouse coa aprobación o ano pasado da nova Relación de Postos de Traballo que supón un incremento anual do complemento específico para os axentes de 4.039,98 € e do complemento de destino en 344,40 €. Mentres no caso do inspector xefe o complemento específico increméntase en 3.393,92 €, unha cifra que subirá en 1.159,34 €  en cumprimento da sentencia xudicial que recoñece o paso dun nivel 22 ao nivel 24 do inspector xefe.

A carencia de efectivos para facer fronte ao servizo supliuse durante o ano pasado coa realización de horas extras por parte dos axentes, o que conlevou para o concello o pago de preto de 50 mil euros por este concepto.  Afirmaba Enrique Cabaleiro que “non se nos pode reprochar, primeiro esforzo para tratar de cubrir as prazas vacantes e en segundo lugar esforzo para mellorar as condicións retributivas da policía local de Tui”.

A situación do servizo da Policía Local, tal e coma se sinalaba, estabilizarase coa incorporación dos cinco novos axentes que están rematando a súa formación na Academia Galega de Seguridade. Avanzaba tamén Enrique Cabaleiro que a intención do goberno local é seguir convocando na Oferta de Emprego Público as prazas que están vacantes, pero lembraba que estes son “procesos complexos e longos”. 

As eleccións municipais de Baiona serán o 28 de maio de 2023

0

O Concello de Baiona informa de que a cidadanía que reside na localidade e que desexe participar nestas eleccións municipais votando no municipio e que non estean inscritos no padrón municipal de Baiona, ten ata o próximo 30 de xaneiro para solicitar o seu empadroamento no municipio.

Para o devandito trámite, as persoas interesadas deberán acudir ao departamento de secretaría do Concello de Baiona, encargado do padrón municipal, a realizar o devandito trámite.

O Servizo de Atención Temperá do Baixo Miño atende xa a 88 familias da comarca

0

O Servizo de Atención Temperá (SAT) da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño segue crecendo de forma paulatina dende a súa posta en marcha a finais de 2020. Tras a ampliación do servizo despois dun ano en funcionamento debido á alta demanda, a unidade está a atender actualmente a 88 familias da comarca, familias con fillos e fillas con dificultades de desenvolvemento que poden ser tratadas sen ter que desprazarse ata Vigo.

A coordinadora da unidade, Andrea Álvarez, destaca a alta demanda que ten o servizo na comarca, que se reflicte nunha lista de agarda que segue a crecer. Dende a posta en marcha do servizo no ano 2020 un total de 202 familias procedentes dos catro concellos integrados na Mancomunidade (A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui) solicitaron atención, dando unha media de 70 novas peticións por ano. Aínda que cunha demanda bastante equilibrada, o servizo de logopedia é o máis solicitado, seguido do de psicoloxía e do de fisioterapia.

O SAT Baixo Miño comezou a funcionar nos últimos meses do ano 2020 e conta cun equipo formado por dúas psicólogas, unha fisioterapeuta e dúas logopedas que atenden na súa sede no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. O servizo está destinado especialmente a familias con fillos e fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar.

Aos nenos e nenas que cheguen á unidade derivados dende pediatría faráselles unha valoración xeral ou específica nas áreas que precisen, elaborando depois un Proxecto de Atención Especializada que se coordinará co Servizo de Atención Primaria, os centros educativos e as familias. Algúns dos obxectivos cos que traballa a unidade son potenciar a autonomía e desenvolvemento psicomotriz de nenos e nenas ou tratar dificultades de linguaxe ou problemas de comunicación por trastornos como o TEA, a falta de audición… a través dunha terapia lúdica, activa e motivadora.

Para máis información ou solicitude de cita previa, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 886 15 61 72 ou enviar un correo electrónico a [email protected]. O SAT Baixo Miño está cofinanciado a través de axudas do Fondo Social Europeo e da Xunta de Galicia.

O Club Baloncesto Condado sopra 40 candeas

O Club Baloncesto Condado celebrou o seu 40 aniversario por todo o alto: arroupado polo público na presentación dos máis de 80 deportistas que integran os 8 equipos de distintas categorías cos que conta o club ponteareán. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, achegáronse ata o pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino para acompañar ao club nesta data tan sinalada e trasladar os parabéns de todo o Goberno municipal por eses 40 anos de historia.

O evento, presentado polo xornalista Terio Carrera, celebrouse nun pavillón ateigado de público, ante o que desfilaron un a un os 80 nenos e nenas que forman parte deste club de formación. Ademais, nesta conmemoración participaron tamén varias xeracións de xogadores e xogadoras que pasaron polo club ponteareán ao longo destas catro décadas de vida, o equipo técnico de todas as categorías e os principais patrocinadores e colaboradores deste club deportivo ponteareán.

Dende o Club Baloncesto Condado agradecen a grande acollida por parte do público, así como das autoridades que asistiron ao evento, e destacaron a importante axuda que lles proporcionan os seus patrocinadores, con Rodosa, Óptica Mahen, Sestelo e Ortodoncia Avanzada Sabela Casasnovas como principais.

A Cañiza presenta o libro “Concha de Luneda”

0

O pasado 28 de decembro o alcalde Luis Piña, acompañado polo autor e escritor Xerardo F. Santomé, presentaron o libro «Concha de Luneda, a vida nunha cantiga». Un acto no que tamén participou como moderador Xosé Miguélez, profesor de música tradicional galega no Conservatorio de Ourense e estreito colaborador da Asociación Folclórica Gaiteiros da Xistra, promotor da edición e publicación desta obra dedicada a Concepción Rodríguez Alvarez.

Unha obra que segundo manifestou o seu autor non é soamente un libro de cancións e relatos folclóricos, senon unha expresión gráfica de todas as memorias e vivencias desta muller contadas nos últimos vinte anos da súa vida.

Unha historia que vai dende Barbeita (Monçao – Portugal) ata Luneda, pasando por Arbo e Parada de Achas. Unha historia real que narra cómo unha muller, ao igual que moitas outras do Paradanta e do Alto Minho portugués, enfrontouse a unha vida chea de traballos e esforzos nunha época extraordinariamente dura, nun lugar abandonado e afastado dos centros urbanos onde o benestar evolucionaba máis rápido.  

Un relato que abarca unha vida marcada pola diferenza de xénero e a relixión, esta última como o único abeiro posible para superar tanta desgraza.  Malia todo isto, o libro nos adentra tamén nunha historia de grandes vitorias individuais e sociais, chea de cantigas que aparecen nas páxinas desta publicación. Cantigas que presumen un final feliz.

Dende o Concello da Cañiza queren agradecer tanto ao autor do libro, Xerardo F. Santomé, como a todo o equipo e familia da Asociación Folclórica Gaiteiros da Xistra polo cariño, atención e dedicación que amosaron durante as últimas décadas por Concha e que culmina, despois do seu pasamento, coa publicación das memorias da súa vida e dos seus cantares.

O libro pódese adquirir na Cañiza nas librerías “PEPA” e “ESCRIBAN” por un prezo de 20 €.

Tomiño volve encher o seu monte de vida autóctona

0

O Concello de Tomiño pon en marcha por segundo ano consecutivo a campaña ‘Enche o teu monte de vida autóctona’, unha iniciativa a través da que se entregará planta forestal frondosa e autóctona á veciñanza para contribuír a repoboar as máis de 850 hectáreas de franxas secundarias nas que as persoas propietarias deben realizar unha xestión correcta da biomasa e onde, segundo a Lei de prevención de incendios forestais, está prohibida a existencia de árbores como pino, eucalipto ou acacia.

“Con esta campaña buscamos seguir achegando o noso gran de area, non só concienciando á veciñanza da importancia e dos beneficios de plantar especies frondosas autóctonas, senón tamén ofrecendo alternativas e recursos para repoboar zonas nas que as persoas propietarias tiveron que cortar os exemplares cos que contaban”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.  

Nesta segunda edición da campaña o Concello repartirá 1.800 exemplares de cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras e bidueiros. Súmanse así ás 1.600 árbores entregadas durante o pasado ano 2022 que se plantaron en 149 parcelas que sumaron un total de 61 hectáreas.

As persoas titulares das 13.200 parcelas de franxa secundaria do Concello e que teñan a biomasa correctamente xestionada poden solicitar xa as plantas para a súa parcela directamente no departamento de Medio Ambiente, con preferencia a aqueles veciños e veciñas que non levaran árbore o ano pasado e que pertenzan ás dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño). Aqueles propietarios e propietarias que xa recibiron frondosas autóctonas na pasada edición da campaña poderán volver solicitadas e quedarán en lista de agarda.

O persoal técnico do departamento entregará os vales para ir recoller as árbores a un lugar acondicionado, logo de comprobar a través de fotografías que a parcela da persoa propietaria está limpa conforme recolle a lei. O número de frondosas entregadas a cada titular dependerá do tamaño da parcela, xa que se entregará unha planta por cada 25 metros cadrados, ata esgotar existencias.

O grande éxito de acollida do ano pasado levou ao Concello a repetir esta experiencia e anima a todas as persoas propietarias a participar nesta campaña que permitirá repoboar os montes tomiñeses con planta autóctona. Dende o departamento de Medio Ambiente lembran que as novas especies frondosas deben plantarse a máis de 15 metros das vivendas, a 2 metros dos lindeiros e camiños públicos e a 4 metros de estradas de máis de 5 metros de ancho.

Mos corre contra o cancro

0

Esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello a presentación da carreira 10K, ‘CorreMOS contra o CANCRO’, organizada pola admistración local mosense, á que asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, Igualdade e Participación Cidadá, José Areal, concelleiro de Deportes, Carlos Adán, atleta olímpico que participou nos Xogos de Barcelona 1992 na proba de 10.000 metros, a polifacética deportista mosense, Verónica Romero, e membros da directiva da Xunta Local de Mos da AECC.

Este evento deportivo será solidario e o recadado coas inscricións será íntegramente destinado á Asociación Española contra o Cancro.

A carreira celebrarase o domingo 26 de febreiro con saída e chegada ao Pazo de Mos. Os/as interesados/as en participar contan coa posibilidade de decantarse pola opción de andaina ou carreira. Ás 10.15h sairá andaina cun percorrido de 5K de distancia e ás 10.30h dará comezo a carreira 10K (1ª volta 5.400 m e 2ª volta 4.600 m).

Para participar é precisa inscrición previa a través da web www.cronotec.es ou en dependencias municipais, cun importe de 5€ para a andaina e a carreira 10 €.

Baiona acolle a representación teatral “Histriónica”

0

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona continúa con actividades culturáis para o disfrute da veciñanza tras por fin as propostas lúdicas da exitosa programación de nadal “BaiNadal”.

A primeira destas actividades do 2023, terá lugar, este sábado no Auditorio V Centenario, día 14 de xaneiro ás 20:00h, coa representación teatral de “Histriónica” creada e interpretada por Mónica Sueiro e codirixida por ésta mesma e Avelino González.

Novas axudas do Plan Concellos a Redondela, Arbo e O Porriño

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a dez novas achegas da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2023 por importe de 2 millóns de euros, que beneficiarán aos concellos de Fornelos, Lalín, Poio, Vilagarcía, Redondela, Silleda, Campo Lameiro, O Porriño, Arbo e  A Estrada e que permitirán contratar a un total de  176 persoas. Estes novos recursos, como subliñou a presidenta, Carmela Silva, permitirán aos concellos “desenvolver actividades fundamentais” con persoal para os servizos municipais de limpeza, coidado de xardíns ou obras públicas, aínda que tamén se buscan outros perfís como persoas guías turísticas, técnicos economistas, historiadores de Arte ou auxiliares de enfermería.

Na comarca de Vigo,  o Concello de Fornelos de Montes recibirá 89.887 € para contratar 11 persoas, mentres que O Porriño poderá empregar a 21 traballadores coa achega provincial de 210.186 € e Redondela contará con 237.359 € para financiar 15 contratos.

Por outra banda, na comarcas de Deza e Terra de Montes, Lalín poderá contratar a 26 persoas coa achega de 312.948 €; o Concello da Estrada recibirá 311.674 €, cos que poderá empregar a 19 persoas e para Silleda aprobáronse 185.541 € para contratar a 12 traballadores.

Na comarca de Pontevedra, o Concello de Poio contará cunha achega de 233.986€ para contratar 23 persoas e Campo Lameiro recibirá 86.553 €, cos que poderá empregar a 10 traballadores/as. Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou para Vilagarcía, na comarca do Salnés, unha achega de 285.948€, que lle permitirá contratar a 30 persoas e, na comarca do Condado, o Concello de Arbo recibirá 99.873 € para empregar a 9 traballadores.

A Concellería de Normalizacón Lingüística presenta a serie documental ‘Os tesouros de Redondela’

0

A Concellería de Normalizacón Linguística do Concello de Redondela, que dirixe a alcaldesa Digna Rivas, presenta un proxecto audiovisual sobre o patrimonio do municipio centrado nas parroquias. Este segue a línea dos libros sobre toponimia e a páxina web xa creada co propósito de conservar a historia etnográfica de Redondela. Dende o SNL tamén anuncian que ambos proxectos continuarán con novas entregas e a alcaldesa apunta que “etán esperando a resposta da Xunta de Galicia para que o secretario de SNL nos reciba e valore o traballo que consideramos de gran importancia”.

O primeiro documental que sae á luz este sábado conta a historia de ‘O Viso’e estará dispoñible en Youtube e redes sociais de forma gratuita.  Digna Rivas quixo agradecer a colaboración da Sociedade Cultural do Viso en todo este camiño, así como a Fernando Carreira (Cuchi)  e todo o equipo de producción, dirección e montaxe do documental por indagar a través da fotografía e documentos de arquivo e plasmar de forma emotiva, pero fiel a nosa historia ”.

Fernando Carreira, o director da obra, explica que esta xurde a través dun libro editado pola Asociación Cultural do Viso chamado ‘O viso, A construcción dunha paisaxe cultural’. A través da asociación contactan co arqueólogo Xurxo Costela quen escribe o guión e fai de campo que despois se utilizaría como referencia no documental. No filme, plásmanse ás entrevistas realizadas aos veciños e veciñas da parroquia que contan a súa vida social, as festas, o seu modo de traballo e sobre todo anécdotas que dan vida ás historias de Redondela. Ademais, pódense ver fotografías de arquivo que reflexan a sociedade da época e a situación na que vivía a xente  fai máis de 60 anos. “O traballo foi moi bonito, non só porque recuperamos as vivencias e anécdotas da xente do Viso, senón porque estas valen de recordo para non esquecer o noso pasado. Este é un exercicio de memoria para non olvidar o que era e é Redondela”, conclúe Carreira.

O documental deste sábado é unha aposta máis na visibilización do patrimonio material e inmaterial das parroquias de Redondela. Un proxecto que pretende ter continuidade para ofrecer un repositorio audiovisual do conxunto de Redondela. “Comezamos co Viso e continuaremos co resto de parroquias. A participación da xente máis vella, así como a divulgación dun patrimonio cada vez mellor coñecido e valorado, axudan a que sexamos conscientes do enrome valor cultural que reside nestas zonas e na poboación redondelá”, explicaba a rexidora local, Digna Rivas.

Por outra parte, estes documentais teñen unha vertente didáctica que pode ser usada como material ou como recursos para moitas asignaturas dos institutos de Redondela ou bibliotecas.

Por último Rivas indica que “dende o SNL, departamento do cal xurdiu este proxecto, se leva feito moito para dotar de protagonismo as parroquias. Fixéronse xa publicacións de libros divulgativo, no proxecto “Libros de Parroquias” (Cabeiro, Cesantes Negros, Reboreda, Trasmañó e Ventosela), e de recollida de microtoponimia (Cabeiro, Negros, Vilar de Infesta)”.

Dende o SNL tamén anuncian que ambos proxectos continuarán con novas entregas. Para o primeiro caso, serán as parroquias de Saxamonde, Cedeira e Vilar; para o caso da microtoponimia, serán Quintela, Cedeira e Saxamonde.

‘Os tesouros de Redondela: O Viso’ estará dispoñible para o público xeral por primeira vez este sábado 14 de xaneiro ás 19 horas no Auditorio do Multiusos da Xunqueira. A entrada é de balde e pódese coller con antelación no Multiusos da Xunqueira ou na tenda Da Concha (O Viso).

A biblioteca municipal de Ponteareas agasalla aos ‘superlectores’

A biblioteca municipal de Ponteareas premia un ano máis a todos aqueles veciños que empregan con asiduidade o servizo. Coincidindo co Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, entregáronlles os agasallos as socias e socios con máis préstamos durante o 2022 e nomeáronos ‘superlectores’ e ‘superlectoras’, o que lles permitirá levar máis exemplares en préstamo de forma simultánea durante todo este ano. Así, xunto ao lote de libros e marcapáxinas, as gañadoras e gañadores deste ano poderán levar para casa ata oito exemplares á vez, en lugar de cinco como o resto de socios e socias.

Por primeira vez o Concello aumentou o número de persoas premiadas, pasando de tres a cinco os e as galardoadas. Así, na categoría infantil, o gañador foi Iker Saavedra con 125 libros collidos en préstamo o ano pasado. O segundo lugar foi para Sofía López, con 82 préstamos; o terceiro para Adrián García (63 libros), o cuarto para Rocío Fragueiro (52) e o quinto para Cristina Martínez (51).

Pola súa banda, Teresa Ríos, con 85 libros collidos en préstamo durante o 2002 foi a gañadora na categoría de adultos, seguida por María Trinidad Rellán (44 préstamos), Manuel Pino (43), José Manuel Gil (38) e Brais Pino (24).

A entrega de agasallos celebrouse cunha ampla asistencia de público na que participaron premiados e premiadas, acompañantes e autoridades nun ambiente alegre e distendido. Con esta iniciativa o Concello busca render homenaxe a todas as persoas que gozan da biblioteca municipal de Ponteareas, ao tempo que “fomentamos á lectura entre toda a veciñanza e animamos a ponteareás e ponteareáns a desfrutar deste agradable lugar de encontro para toda a sociedade”. Alcaldesa e concelleiro quixeron trasladar ademais os parabéns da Goberno municipal a todas e todos os premiados e convidar a todos os veciños e veciñas a achegarse e coñecer a biblioteca municipal.

Máis de 200 deportistas participarán este sábado na 42 edición da Regata Miño Internacional

0

Máis de 215 deportistas participarán este sábado, 14 de xaneiro, na edición número 42 da Regata Miño Internacional no río Miño ao seu paso por Tui. A histórica proba, organizada polo Club Remo do Miño en colaboración co Concello de Tui, aumentará amais este ano a súa participación con respecto ao ano pasado.

15 embarcacións de oito e 24 skulls pertencentes a 6 clubs portugueses e 8 españois tomarán a saída dende Currás, en Tomiño, para coroar a liña de meta ubicada na rúa Olímpicos Tudenses. Neste emprazamento tamén terá lugar o outro acto destacado da mañá do sábado cando, preto das 12.30 h, terá lugar o nomeamento do Centro Municipal de Remo en homenaxe a José Luis Méndez, figura clave do remo en Tui.

Esta mañá tivo lugar o acto de presentación desta proba deportiva na Casa do Concello. Alí compareceron o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o director técnico da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui, o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, e o vicepresidente do club, Luís Moroño.

Rafael Estévez destacou a lonxevidade e fortaleza da proba para a que agradeceu a implicación do club organizador, un Club Remo do Miño que aporta grandes deportistas á cidade e traballa a base para colleitar os seus éxitos. O concelleiro de Deportes de Tui aproveitou a súa intervención para agradecer a súa implicación á Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Federación Galega de Remo, e á Protección Civil, Policía Local e Cruz Vermelha de Valença.

Por parte da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui destacou que a misión do organismo é o de apoiar este tipo de probas e máis, dixo, cando se trata de clubs senlleiros como o Club Remo do Miño. O seu presidente, Manuel Ángel quixo subliñar que, malia que a preparación deste ano foi se cabe aínda máis complexa polas condicións do Miño logo das chuvias das últimas semanas, todo está preparado para o desfrute de deportistas e afeccionados. Por último, o vicepresidente do club deportivo, Luís Moroño, agradecía a implicación do Concello tamén por apoiar que o Centro Municipal de Remo leve o nome de José Luis Méndez.

A Xunta renova a iluminación do CEIP Antonio Rodríguez Blanco de Covelo

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de acometer a reforma e modernización integral de toda a instalación de iluminación do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, no Concello de Covelo, cun investimento de 43.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta actuación, orientada a dotar ao centro de equipos con maior luminosidade e menor consumo, nunha visita realizada esta mañá a este centro público xunto ao alcalde de Covelo, Pablo Castillo; o xefe territorial de Educación, César Pérez; e outros representantes educativos.

“Dámoslle continuidade coa renovación de toda a iluminación ás melloras realizadas pola Xunta neste colexio público de Covelo tras reformar, o pasado curso, toda a súa instalación eléctrica e investir máis de 300.000 euros ao longo dos últimos anos nas súas instalacións para modernizar a carpintaría exterior, a cuberta do edificio principal e do pavillón, a sala de caldeiras, o patio, as fiestras ou o ascensor”, detallou o representante autonómico.

Esta obra, centrada nas accións de eficiencia enerxética da Consellería de Educación para mellorar as condicións lumínicas dos centros e reducir a factura, consistiu na instalación de case 400 equipos e máis de 390 metros de cableado e está practicamente rematada a falla de que se executen nestes días algúns remates e se fagan algúns axustes no novo sistema.

En concreto, colocáronse 281 novos equipos de luminarias Led con sistemas regulables e non regulables, 27 pantallas estancas de Led que se ubicaron principalmente no pavillón do colexio, 17 equipos de regulación -un por aula-, 61 sistemas de detección de movemento para aseos e pasillos para controlar e optimizar o funcionamento da iluminación e dez proxectores exteriores nas fachadas.

O Porriño apoiará ao emprego e emprendemento

O Porriño contará neste 2023 cun espazo de dinamización e captación de proxectos. O Consello da Xunta de Galicia aprobou onte, a petición do Concello do Porriño, a posta en marcha este mesmo ano dun Polo de Emprendemento e apoio ao Emprego no municipio.

Neste centro ofreceranse, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento; asesoramento personalizado; espazos de traballo temporal e networking; captación de investimento e financiamento; e orientación,  asesoramento e recursos físicos. As persoas usuarias, ademais, poderán acceder a convocatorias anuais de axudas para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos de traballo.

 “É unha gran nova para O Porriño poder contar un espazo que integre todas as ferramentas que existen na actualidade para apoiar as iniciativas emprendedoras, xa que estas son clave para fortalecer a economía local”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo,  “Apostar polo emprendemento é apostar polo futuro”.

A Rede de polos da Xunta, da que xa forma parte O Porriño, aspira a converterse nunha plataforma eficaz de dinamismo laboral, ademais de contribuír a asentar a poboación e establecer sinerxias entre o rural e o urbano co obxectivo último de crear máis emprego de calidade a través de fórmulas de emprendemento que permitan fixar emprego, lograr a efectiva igualdade de xénero e modernizar o ecosistema emprendedor.

O Rosal di non á violencia de xénero

0

O Rosal continúa revolucionando as mentes da súa veciñanza, tamén dos máis mozos. O salón de exposicións acolle ata o vindeiro 19 de xaneiro a mostra ‘Á violencia de xénero dille non’, unha exposición gráfica ilustrada dirixida especialmente á mocidade coa que axudar a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas e nocivas nas súas relacións afectivas.

“Dende o Concello continuamos poñendo en marcha actividades coas que visibilizar e crear conciencia social para seguir loitando contra a violencia de xénero e parécenos que involucrar á mocidade é fundamental, porque son a sociedade do mañá, unha sociedade sen un ápice de machismo que debemos construír sobre piares como a igualdade, a liberdade, a tolerancia ou o respecto”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A exposición forma parte das actividades enmarcadas na Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, da que o Rosal forma parte e que foi posta en marcha a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia no marco do Acordo de colaboración asinado coa Federación galega de Municipios de Provincias de Galicia. O obxectivo desta rede é procurar un rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e buscando a súa implicación e compromiso real na súa loita, fomentando ao tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.

Nigrán rehabilitará oito fontes de diferentes parroquias

0

O Concello de Nigrán ven de emprender un cuarto plan para a mellora das fontes municipais cun investimento de 18.150 € para mellorar oito mananciais das parroquias de San Pedro (Camesella, Souto Pequeno, Viso e Vilariño), Camos (A Lama) e Priegue (Adro da Fonte e Alborés Grande).

Os traballos correron a cargo da empresa de Nigrán Coperva e fundamentalmente consistiron en limpeza, encintado, canalizacións, reparación de colectores e arquetas, saneamento de soleiras e pilares, pintado, mellor nos accesos… Anteriormente, no 2022, o Concello destinou 18.500 € para as fontes de Casanova, Preáns, Pulga e Lodeiro na parroquia de Parada; Pedrosa, Currelo e Medoñas en Priegue; Ouro e Barranco en Nigrán; e, finalmente, Xesteira en San Pedro; igualmente, no mesmo ano, investíronse 100.430 € para rehabilitar o lavadoiro de A Cruz, Suapena e Rial (Camos), Cabaleiro (Parada), Mestra Emérita e Alborés Pequeño (Priegue) e San Xoan (Panxón).

“Forman parte do noso patrimonio etnográfico e están en uso por parte da veciñanza, polo que se trata de conservalas e poñelas en valor, así que iremos chegando a todas mediante diferentes plans”, explica o alcalde, Juan González.

Un Campionato Galego Máster de natación de récord esta fin de semana en Ponteareas

Ponteareas celebra esta fin de semana a competición autonómica de natación con récord histórico de participación en Galicia. O complexo deportivo Álvaro Pino acolle este 14 e 15 de xaneiro o Campionato Galego Máster de Inverno, a primeira cita do ano do calendario de competicións en natación que rachará coas cifras de persoas inscritas. Organizado polo Club Natación Ponteareas en colaboración co Concello case 450 deportistas de 32 clubs de Galicia e do resto de España participarán nun encontro que atraerá a numeroso público.

“Ponteareas é unha vila cada vez máis viva e dinámica, tamén a nivel deportivo, e para nós é un orgullo e unha satisfacción seguir achegando o noso gran de area para organizar eventos de gran calado como o que temos esta fin de semana”, sinalaba a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, durante o acto de presentación do campionato. A rexedora quixo agradecer “a implicación e o grande esforzo que fan todas as persoas que traballan para facer este campionato unha realidade”. 

Un gran evento que inaugura a competición non regulada en Ponteareas que, como explicou o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, “augura un grande ano para o deporte ponteareán, un ano no que desenvolveremos moitos proxectos cos que poder vivir e gozar da actividade deportiva de forma constante na nosa vila”. “É admirable a gran capacidade para seguir sorprendéndonos con novas competicións, traballando arreo, implicando a moitas persoas e realizando grandes esforzos co obxectivo único de facernos desfrutar do deporte, o que tamén xera turismo, economía… en definitiva, vida”, recalcou.

O Campionato Galego Máster, aberto a todo o público, desenvolverase ao longo do sábado 14 e do domingo 15 con catro sesións que arrancarán ás 09.30 e ás 16.30 horas. Dado o elevado número de persoas participantes, habilitarase un espazo de esparexemento con pantalla para seguir a competición no pavillón deportivo anexo á piscina. O deputado de Deportes da Deputación Provincial, Gorka Gómez, adiantou que o campionato “será un grande éxito” e salientou o firme apoio do Concello de Ponteareas ao deporte e estes eventos “que se converten tamén en piares fundamentais do desenvolvemento económico”.

O presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, incidiu tamén no “impacto económico que teñen as competicións nas nosas vilas, que se enchen de persoas que veñen a desfrutar do deporte, pero tamén da gastronomía, da natureza…”.

Na presentación o presidente do CN Ponteareas, Andrés Carrera, resaltou o crecemento exponencial dos participantes neste campionato “que recolle unha morea de historias que son dignas de admiración. Xente de todas as idades que volve despois de anos, que se inicia agora na natación, e que merecen todo o noso respecto. Este campionato é unha forma de render homenaxe a todas as nadadoras e nadadores desta categoría tan especial”.

O Concello de Redondela realiza unha limpeza das zonas máis concurridas de Chapela

0

O Concello de Redondela limpa as zonas máis concurridas de Chapela, con medidas e equipos de reforzo de hidrolimpeza para eliminar o verdello e baldear as rúas e edificios. Un proceso que “sería moito máis satisfactorio se a Xunta de Galicia fixerase responsable de  humanizar as beirarrúas e estradas, abandonadas dende fai anos e que son competencia directa da administración”, engade a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

A rexidora local denuncia que “as obras da primeira fase da humanización da avenida de Vigo, ao seu paso polo tramo comercial do núcleo urbano de Chapela, comezou a principios de abril de 2017. A día de hoxe seguimos esperando pola resolución da Fase 2 e 3 da humanización da avenida de Vigo, parada dende fai máis de 4 anos”.

A limpieza consistiu en baldedo e saneamento de beirarrúas e camiños. O equipo de limpeza e xardinerería especializado utilizou hidrolimpiadora de gran potencia para limpar de forma respetuosa co entorno. As zonas xa rematadas corresponden, en Chapela de Arriba, á zona do Centro de Saúde  continuando toda a Av. Redondela; en Chapela de abaixo comezaron a limpeza na Av. de Vigo, dende o Alto da Encarnación ata Catro Pontes, ademais da baixada de San Telmo que vai para Arealonga chegando á praia. Cabe destacar a limpieza de escaleiras e accesos tanto á praia como a San Telmo como O Camiño da grila, Camiño do Arce e o Camiño Baliza.

De cara o verán a idea é  continuar a limpieza dende a Praia de Arealonga cara o o Paseo de Cardona no Porto de Chapela, zonas moi concorridas nos meses estivais. Esta actuación levábase anos sen facer e únese a outras xa acometidas no municipio coa intención de ofrecer un servizo e transformar a vila nunha urbe máis afable coas persoas, como quedará demostrado coa Praza de Ponteareas e as obras que se están a levar a cabo na Picota”.

Esta iniciativa ten como obxectivo adecentar os cascos urbanos do municipio para o goce e uso dos veciños e veciñas de Redondela e Chapela ademais de prevenir os efectos das choivas otoñais que tenden a gastar e envellecer as rúas.

A rexedora local lembra que “este goberno aposta polo benestar dos veciños. Algo que nos preocupa e levamos moito tempo denunciando é o estado da Av. de Vigo, a estrada de Reboreda e a Av. Mendiño, todas competencia da administración autonómica. O goberno local encárgase do seu mantemento, pero a mellora real podería verse se a Xunta fixera unha humanización como lle corresponde”.

O Rosal pon en marcha unha nova edición do Espazo Crianza

0

O Concello do Rosal abre unha nova edición do seu Espazo Crianza, ‘Criar en tribo’, un lugar de encontro e acompañamento que ofrecerá a mulleres embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses unha canle de comunicación, de información e de aprendizaxe sobre o desenvolvemento infantil, así como de resolución de inquedanzas para unha crianza sen culpas e sen xuízos nin prexuízos.

“Ofrecemos a pais e nais un espazo no que compartir vivencias, reflexións, pensamentos e aprendizaxes, un espazo de coidado, respecto e diálogo sobre todo o que lles pode inquietar relacionado co embarazo, a maternidade e a crianza consciente nun momento no que estamos expostos e expostas a un exceso de información que pode xerar moita inseguridade”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A actividade será de balde e estará impartida por Diana Ayude, que conta cunha ampla experiencia como matrona en diferentes hospitais e que acompañará ás familias neste espazo de coidado e aprendizaxe. En cada sesión abordaranse diferentes temáticas a través de contidos teóricos e dinámicas de grupo e prácticas, adaptándose ás necesidades das e dos participantes para un encontro enriquecedor e didáctico.

Por un lado haberá un grupo de acompañamento prenatal dirixido a futuros pais e nais con sesións quincenais os mércores de 10.30 a 11.45 horas que comezarán o vindeiro 18 de xaneiro e nos que se tratarán aspectos como os cambios físicos e psicolóxicos no embarazo, as técnicas de relaxación, o plan de parto ou o mapeo do ventre. Ademais desta preparación para o parto tamén se abordará cuestións como parto consciente ou o posparto en compañía.

O mesmo mércores 18 comezarán tamén os encontros para familias con bebés de 0 a 6 meses para traballar nunha crianza respectuosa na que pais e nais aprenden a entender ao neno ou nena e as súas necesidades. Nestas sesións quincenais, que serán de 12.00 a 13.15 horas, trataranse temas como os coidados do bebé, a súa alimentación ou a estimulación do seu desenvolvemento.

As persoas interesadas en participar deberán facer unha inscrición previa a través do formulario dispoñible na web e entregándoo no Concello, tanto en Rexistro como á educadora familiar. As sesións rematarán o vindeiro mes de maio.  

A Policía Local da Cañiza conta cun novo vehículo

0

Esta mañá, o alcalde Luis Piña, recepcionou o novo vehículo para a Policía Local da man da empresa Autos Iglesias S.L.

O vehículo, un Peugeot 2008 Active Pack Eléctrico 136 CV (100KW), adquiriuse mediante un contrato de subministro aberto simplificado e un sistema de renting, cunha duración de 4 anos.

Para a financiación da operación o Concello conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 700 € ao mes durante os catro anos de duración de contrato (33.600 € en total). A subvención da Vicepresidencia II e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes está dirixida aos concellos para a adquisición de vehículos alternativos mediante o sistema de renting con destino ao corpo de Policía Local.

O novo coche da Policía é un vehículo 100% eléctrico, un Peugeot 2008 Active Pack Electrico 136 CV(100KW). Ten unha autonomía WLTP de 336 km; unha potencia de 136 Cv; un consumo medio de 15,8Kwh/100km; unha carga rápida de 0 a 80 en 30 minutos; unha velocidade máxima de 150 km/h; e un distintivo ambiental de DGT de 0 emisión.

O vehículo cumpre a orde do 29 de decembro de 2010 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para coches da Policía Local.

O contrato de renting inclúe os gastos de mantemento e reparacións do vehículo, o seguro e a asistencia en carretera 24 horas desde o km. 0, o que ven a significar un importante aforro respecto ao anterior vehículo da Policía Local da Cañiza que contaba xa con 12 anos de antigüidade, e un consumo medio de 8 litros/100 km.

Con esta nova adquisición o Concello da Cañiza avanza no seu compromiso de aforro enerxético e descarbonización, compromisos adquiridos entre outros no PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible) asinado en novembro de 2021, cara unha Cañiza máis limpa e máis verde.

A San Silvestre de Ponteareas recada case 1.200 kg de axuda

A alerta por choiva e mal tempo non conseguiu apagar a solidariedade ponteareá e a carreira de San Silvestre de Ponteareas volveu converterse un ano máis nun exemplo de bondade e apoio ás persoas que máis o necesitan. A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, informa de que durante a proba recolléronse case 1.200 quilos de alimentos non perecedoiros e de produtos de hixiene que irán destinados ao centro de reparto de alimentos municipal.

A edil agradece o gran traballo realizado de novo polos Taninos Runner “para organizar esta fermosa proba que cada ano agardamos con moita ilusión e que enche sempre as rúas da vila de diversión, deporte e solidariedade”. Un agradecemento que compartiu o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, que salientou o esforzo feito para a preparación “dunha carreira que este ano celebrou a súa décima edición, toda unha década permitindo a ponteareás e ponteareáns compartir a última tarde do ano todas e todos xuntos, desfrutando dunha xornada lúdica sempre especial”.

Dende o Concello destácase tamén o papel de todas as persoas voluntarias, membros de Protección Civil, empresas e comercios locais que colaboraron para que a proba fora de novo un éxito, así como de todas e todos os participantes, que desafiaron ás previsións meteorolóxicas e correron polas rúas da vila para despedir o 2022.

Por outro lado, o Goberno municipal recoñece tamén o gran labor realizado polo Sporting Club San Mateo como polo Club Natación Ponteareas e Insdega, que achegaron o seu gran de area organizando durante toda esa xornada diferentes eventos nos que se recolleron máis de media tonelada de alimentos.

O Concello de Oia alegará contra o parque eólico Toroña

0

O Concello de Oia presentará alegacións contra o parque eólico Toroña, para o que xa contratou a unha empresa especializada, a cal xa a está a traballar na análise da documentación sometida a información pública. O prazo para a presentación de alegacións conclúe o 25 de xaneiro.

O DOG do 12 de decembro anunciou o procedemento de información pública das solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do parque eólico Toroña, con afección nos concellos de Oia, Baiona, Tomiño e O Rosal, na provincia de Pontevedra. Este parque prevé unha potencia total de 47MW e a instalación dun total de 10 aeroxeneradores, 5 deles en Oia.

Na información pública inclúese a seguinte documentación:  proxecto de execución, estudo de impacto ambiental, estudo de aves e quirópteros e proxecto sectorial. Pódese consultar na seguinte ligazón da web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-dexeracion.

Pola súa banda, o Concello de Oia ten creado un apartado específico na web municipal onde vai actualizando a información dispoñible sobre os parques eólicos que afectan ao municipio. A documentación relativa ao parque Toroña está xa dispoñible para a súa consulta na seguinte ligazón: https://www.concellodeoia.es/informacion-parques-eolicos-2/.

Reunión veciñal sobre o parque eólico Toroña

Ao igual que no seu momento se fixo co parque eólico Albariño I e co Merendón (contra o que a Administración local tamén presentou alegacións) o Concello de Oia vén de convocar unha reunión informativa para abordar, ante a veciñanza, este novo caso de proxecto eólico con afección no municipio. A xuntanza celebrarase o vindeiro martes 17 de febreiro nas Escolas de Torroña ás 19.30 horas.

Características técnicas do proxecto

Segundo consta no anuncio do DOG, as características técnicas do proxecto do parque eólico Toroña son as seguintes:

  • 10 aeroxeradores, de 4,7 MW de potencia nominal unitaria, de 155 m de diámetro de rotor e 102,5 m de altura de buxa, dando como resultado unha altura total de 180 metros
  • Rede eléctrica subterránea de 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora, formada por tres circuítos
  • Subestación transformadora PE Toroña 30/132 kV, que compartirá localización, no concello de Tomiño, coa futura subestación Barrantes 132 kV de UFD Distribución Electricidad, S.A., mediante a cal se abrirá a liña de 132 kV que conecta as subestacións de Gondomar e O Rosal, e coas infraestruturas necesarias para a conexión doutros parques eólicos que se están a desenvolver na zona
  • Torre meteorolóxica de 102,5 m de altura
  • Obra civil na rede viaria de acceso ao parque e aos aeroxeradores (mellorando camiños existentes e construíndo outros novos) cimentacións e plataformas para os aeroxeradores, a torre meteorolóxica e a subestación; gabias para o tendido dos cables soterrados e outras obras auxiliares

Identifican unha nova fortaleza do século XVII no Tomiño

0

Unha nova fortaleza do sećulo XVII identificada no concello de Tomiño reflicte a importancia que a Guerra da Restauração tivo na fronteira galego-portuguesa, especialmente, no Baixo Miño. E é que esta comarca podería ter sido unha das principais frontes bélicas desta guerra que durou case 30 anos, de 1640 a 1668.

De feito, tanto os actuais concellos de Vilanova de Cerveira e Valença do Minho da banda portuguesa, como o de Tomiño da banda galega, concentran a maior parte destas fortalezas. Un feito que demostra a importancia que a guerra tivo nesta comarca.

Trátase dunha estrutura fortificada que algúns investigadores tiñan apuntado como de orixe medieval pero que o xornalista Xurxo Salgado, editor de www.historiadegalicia.gal e natural deste concello, identificou como un posible forte do XVII. Unha hipótese que confirmou a especialista Rebeca-Blanco Rotea. “Tendo en conta o coñecemento existente sobre as campañas de guerra que se desenvolveron nesta zona do Baixo Miño, cremos que posiblemente o xacemento se relacione coa campaña que tivo lugar con posterioridade da toma de Goián por parte dos portugueses en 1663”, asegura.

Rebeca Blanco-Rotea, presentou este novo achado este mércores en Tomiño nun acto ao que asistiron, ademais, os principais dirixentes políticos do concello, entre eles, Lara Meneses, do PPdeG; Violeta de Santiago, do PSdeG e Valentina Valderrey, de Podemos.

Xacemento en mal estado

O novo xacemento está moi arrasado por actividades forestais e vitivinícolas, pero aínda conserva unha estrutura abaluartada de planta apunta, semellante aos baluartes. Atópase na parroquia de Taborda, a uns 1,96 km ao norte do río Miño e a 1,40 km ao norte da vía de comunicación entre A Guarda e Tui, que discorre paralela ao río Miño. Tamén tiña unha certa relación de proximidade coas outras fortificacións xa documentadas no concello, a 4,74 km ao NE do Forte de Medos e a 3,40 km ao NO da Fortaleza de Amorín e as do complexo de Goián.

Dado o seu estado de deterioro, Blanco-Roeta indicou que “urxe comezar a conservación e o estudo do xacemento”.

Luz verde ao proxecto de renovación da iluminación pública exterior en Covelo

0

O último pleno do Concello de Covelo no 2022 deu luz verde ao proxecto de execución e ás actuacións a acometer para a renovación do alumado  público exterior que terá un custo total de 866.144,05 €. Unha actuación que recibíu o apoio da DUS5000 no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno de España.

Unha economía saneada, as boas relacións coas distintas administracións e a presentación dun bo proxecto ao IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía de España, entidade pública empresarial, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecológica) foron as claves para recibir esta axuda directa do 100%. O Concello de Covelo comeza o ano coa renovación completa do seu alumamento público conseguindo un aforro do 70% e dando cumprimento aos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías e aos ODS 11 e 13 que promoven cidades e comunidades máis sostibles e accións polo clima.

O Concello actuará en 1.398 puntos de luz dos 1.563 existentes para substituir as luminarias actuais por novas de tecnoloxía LED xa que as restantea contan con esta tecnoloxía. Ademais, tamén reformará 81 dos 84 cadros existentes para adaptalos á normativa vixente e instalarase un sistema de telexestión en cabeceira que permite obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos luminosos. Con esta actuación diminuirase a potencia de 139,71 kW a 53,71kW e tamén as emisións de CO2.

“Apostar por tecnoloxías máis eficientes e menos contaminantes é un dos compromisos adquiridos por este Concello cando nos sumamos ao Pacto das Alcaldías e está na nosa axenda diaria contribuír, dende o local, á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible para un mundo máis igualitario e respectuoso co planeta”, explica o alcalde Pablo Castillo. Neste senso tamén suliña que neste mesmo pleno aprobouse o orzamento para este ano 2023 por un total de 1.927.402,71€. Uns orzamentos sociais que priman o investimento en políticas de igualdade e acurtar as desigualdades. Así, destinaranse esforzos  e gasto público en facilitar a conciliación familiar e laboral, en formación e na mellora dos servizos públicos locais. Este ano investiranse máis cartos no servizo de axuda a domicilio e seguirase apostando polo servizo de Atención Temperá, a escola infantil, apoio á ANPA para ofrecer o servizo de aula matinal e continuarase co programa PROVIVIENDA

Mondariz avanza no proceso de estabilización de emprego público

0

O Concello de Mondariz está avanzando no proceso de estabilización de postos de traballo que exixe a lei. O decreto de aprobación das bases que rexerán o proceso de estabilización de postos de traballo xa foi enviado ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), e próximamente será publicado.

En maio do ano pasado, mediante decreto de Alcaldía, o Concello de Mondariz aprobou a Oferta de Emprego Público excepcional de 2022 para a estabilización de emprego temporal. Inclúense nove prazas de persoal funcionario e catorce prazas de persoal laboral que actualmente están desempeñadas por traballadores e traballadoras con vinculación temporal e cumpren os requerimentos esixidos da Disposición adicional sexta da Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Entre as prazas de persoal funcionario convocadas na Oferta de Emprego Público excepcional de 2022 para a estabilización de emprego temporal, a maioría pertencen aos subgrupos A1-A2 (arquitecto/a, técnico/a de contabilidade, técnico/a de axencia de emprego e desenvolvemento local, traballador/a social, técnico/a en intervención familiar-psicólogo/a, técnico/a de cultura e xuventude, bibliotecario/a, oficial administrativo e operario/a de obras e servizos). Entre as prazas de persoal laboral, cóntanse seis vacantes de auxiliar de axuda a domicilio (grupo V) e catro de profesor/a de música (grupo II), ademais de unha vacante de oficial de obras e servizos (grupo IV), operario/a de obras e servizos (grupo V), operario de obras e servizos para a recollida de lixo (grupo V) e conserxe (grupo V).

Nas bases, que se publicarán no BOPPO, detállanse os requerimentos das persoas aspirantes, a presentación de instancias e as características do proceso de selección.

Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT)

Para optimizar a estrutura de recursos humanos do Concello de Mondariz, desde o Goberno municipal tamén se promoveu unha modificación estratéxica da Relación de Postos de Traballo (RPT) que foi aprobada na última sesión plenaria da Corporación Municipal cos votos a favor de todos os grupos políticos agás Alternativa por Mondariz, que se abstivo. “Creamos un novo e necesario posto de Técnico/a de Medio Ambiente e Xestión de Residuos, en substitución do posto de Técnico/a de Orientación Laboral que se incluíra no documento orixinal, porque o medio ambiente e a xestión de residuos é unha área de traballo de estrita competencia municipal e, polo tanto, prioritaria”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Esta modificación da RPT foi consensuada previamente en mesa de negociación con representantes sindicais. A substitución de postos obedece a criterios de compensación financeira recomendados pola propia empresa que elaborou a RPT, pero tamén busca priorizar postos de traballo que sexan de estrita competencia municipal. Nos primeiros meses do ano pasado, o Concello de Mondariz xa informara publicamente que deixaría de contar con técnica de orientación laboral nas dependencias municipais a partir de outubro de 2022 porque non se podía arriscar a estabilizar un posto que non é de competencia municipal e depende exclusivamente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. De feito, esta técnica actuaba como brazo do Servizo Público de Emprego dedicado só á orientación laboral de persoas que se atopasen en situación de desemprego, estiveran inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e solicitasen cita previa a través deste mesmo organismo, sen que o Concello de Mondariz puidese marcar a axenda en ningún momento. Para inscribirse como demandante de emprego ou renovar cada tres meses a tarxeta de demanda de emprego, os veciños e as veciñas de Mondariz xa tiñan que desprazarse a Ponteareas.

A técnica de orientación laboral de Mondariz é un posto subvencionado pola Xunta de Galicia desde 2016, no marco dun convenio de colaboración entre os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, que naquel momento sumaban pouco máis de 5.300 veciños e veciñas. Malia non desempeñar unha función de competencia municipal, senón autonómica, a técnica de orientación laboral foi incluída na RPT aprobada en maio de 2019 no Concello de Mondariz. “Naquel momento, houbo informes de intervención contrarios a incluír o posto de técnica de orientación laboral na RPT porque non respondía a competencias municipais, mais non se consideraron. O feito de que o posto de orientadora laboral estivese incluído na RPT podía levar a unha obriga de estabilización a costa dos recursos municipais que non era razoable porque esta é unha competencia exclusiva do Servizo Público de Emprego”, comenta o alcalde.

Teresa Chamorro presenta a súa novela no Multiusos Mercado de Sabarís

0

O arquivo histórico e a biblioteca pública municipal de Baiona continúa coa súa misión de potenciar o patrimonio cultural e a actualidade editorial. A primeira destas accións do 2023, terá lugar, este vindeiro venres, día 13 de xaneiro ás 19:00 horas, coa presentación da primeira novela de Teresa Chamorro “El día que fui Juzgada” no edificio Multiusos Mercado de Sabarís.

A autora, enfermeira de Panxón, animouse a escribir a obra durate o confinamento. Trátase dunha historia policíaca e cargada de suspense, ambientada na súa localidade natal e outros puntos da comarca miñorana.

O I Torneo Nacional de Pádel en cadeira de rodas conta con xogadores como o gondomareño Bernabé Costas e o vigués Alberto Abalde

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernádez Tapias, presentaron hoxe no centro Twelve Padel Zenter de Vigo, o I Torneo Nacional de Pádel en cadeira de rodas que terá lugar do 27 ao 29 de xaneiro e que será puntuable para a Copa de España de Pádel adaptado.

Lete Lasa destacou o crecemento exponencial tanto do pádel como do deporte adaptado en Galicia nos últimos anos. Neste sentido apuntou que, dende 2009, cando a Federación Galega de Pádel contaba con 1.482 licenzas, estas “multiplicáronse por seis, ata chegar ás 8.592 que temos hoxe”. Do mesmo xeito, o mandatario galego lembrou o gran momento que atravesa o deporte adaptado galego xa que nos Xogos Paralímpicos de Toquio, o 87,5% dos galegos participantes regresaron entre os oito mellores do mundo.

Estes dous fenómenos, dixo o secretario xeral, “presentan tanxencias”. Hai exactamente un mes, “asistía á Copa Galicia de Pádel para Discapacitados Intelectuais celebrada no Ipadel Fitness de Mos e organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado coa colaboración da Xunta de Galicia” e hoxe, presentamos o I Torneo Nacional de Pádel en Cadeira de Rodas. Estes torneos, continuou, supoñen un “magnífico chamamento para que todas aquelas persoas con mobilidade reducida, sen condición de idade ou sexo, anímense á práctica deportiva”.

Lete Lasa destacou ao deporte como “un axente para o aumento da autonomía e cunha función integradora, normalizadora e sobre todo, inclusiva”. Neste sentido destacou a Bernabé Costas e Alberto Abalde, dous ex xogadores do Club Amfiv de baloncesto en cadeira de rodas pero que ademais do pádel, tamén practican tríatlon indoor ou ciclismo. “Deportistas con algunha discapacidade pero con todas as capacidades para adaptarse a calquera disciplina e triunfar nela”, sentenciou.

Oia contratará 8 persoas ao abeiro do Plan Concellos

0

O Concello de Oia contratará un total de 8 persoas ao abeiro do Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra (liña 3, de activación do emprego). Os perfís que se solicitan son de condutor de maquinaria forestal (1 praza), albanel (2 prazas) e peón forestal (5 prazas), e en todos os casos se trata de contratos a xornada completa.

Poderán beneficiarse desta iniciativa as persoas desempregadas inscritas na oficina de Emprego de Baiona, que fará a preselección de candidaturas. Posteriormente, o Concello se encargará da selección definitiva.

No seguinte cadro resúmese o número de prazas para cada posto, o perfil solicitado (xunto co código correspondente no que deberán inscribirse na oficina de emprego as persoas interesadas) e máis a duración de cada contrato:

PRAZASPERFIL/OCUPACIÓNPERÍODO CONTRATO
1Condutor/Operador de maquinaria forestal (CNO. 83221013)1/02/2023 a 31/12/2023 (11 meses)
2Albaneis (CNO. 71211015)1/02/2023 a 31/10/2023 (9 meses)
1Peón Forestal (CNO. 65431028)1/02/2023 a 31/07/2023 (6 meses)
4Peón Forestal (CNO. 65431028)01/03/2023 a 31/10/2023 (8 meses)

O Concello de Oia lembra que, para poder ser seleccionadas pola oficina de emprego, as persoas demandantes deberán estar inscritas no código correspondente ao perfil ao que queiran optar.

O parking da Ramallosa contabiliza preto de cen mil vehículos no primeiro ano de funcionamento

0

O Concello de Nigrán contabilizou preto de 100.000 vehículos durante este primeiro ano de funcionamento do parking municipal  100 % gratuíto da Ramallosa. O aparcadoiro aberto o 5 de xaneiro de 2022 tras 5 anos inoperativo é empregado por unha media de 250 turismos diarios e superior a 300 durante épocas como a estival ou o Nadal. O consistorio asumíu a súa xestión directa tras conseguir remunicipalizar esta  infraestrutura que antes dirixía a concesionaria ‘Estacionamientos Valle Miñor, S.L.’, empresa liquidada e disolta no 2019.

“O balance non poder ser mellor. O emprega moitísima xente de xeito asiduo e nótase en todas as rúas da contorna coa proliferación de prazas baleiras, todo elo en beneficio do pequeno comercio ao animarse máis clientes a vir a Ramallosa e dos veciños, especialmente os usuarios da piscina porque está ao seu carón”, explica o alcalde, Juan González, sobre este aparcamento na céntrica rúa Argonautas. 

O horario da infraestrutura mantense de 8:00 a 22:00 horas de luns a sábado e 100 % gratuíto.

O goberno local non considerou en ningún momento outra opción que a xestión pública para que de verdade a súa apertura beneficiase económica e socialmente a todo este núcleo onde precisamente escaseaban as prazas para aparcar. “Unha concesionaria lóxicamente busca facer negocio porque é unha empresa, en cambio, desde o Concello o que buscamos é un beneficio social, non o lucro: aparcamento gratuíto para toda aquela persoa que veña a Ramallosa a facer compras, recados, exercicio…”, engade o rexedor, quen menciona o Nigranbus como outro avance en mobilidade que beneficia directamente a este núcleo urbano.

A posta a punto do parking supuxo para o Concello un investimento de máis de 120.000 € nos traballos de certificación da instalación eléctrica e de seguridade, reposición da maquinaria, axuste da protección contra incendios, instalación de dúas bombas de achique para evitar inundacións na última planta, a propia limpeza de toda a superficie ou a colocación de dous cargadores para vehículos eléctricos.

O aparcadoiro súmase ao leira-parking municipal do núcleo urbano de Nigrán, tamén 100 % público e gratuíto e polo que o Concello paga un aluguer de 6.137 € ao ano.

“Somos conscientes do importante que son para os núcleos urbanos as bolsas de aparcamento porque repercuten directamente no pequeno comercio e na propia calidade de vida das persoas, polo que consideramos a re-apertura deste parking da Ramallosa de xeito 100% público e gratuíto un dos grandes logros deste goberno”, resume González.

Volve o programa ‘Maiores de Redondela en Ruta’

0

A Concellería de Persoas Maiores do Concello de Redondela, que xestiona Iria Vilaboa, vén de anunciar a volta do programa ‘Maiores de Redondela en Ruta’ coa intención de ofrecer ás persoas maiores de 55 anos, a posibilidade de gozar de excursións de un día de duración a lugares de interese cultural, histórico ou patrimonial.

Deixando para o bo tempo as saídas culturais, desta banda realizaranse saídas de benestar. O Concello oferta unha primeira xornada o 25 de xaneiro para fomentar o envellecemento activo da veciñanza participando nunha actividade saudable nas Termas de Vizela (Portugal). Esta saída inclúe o desprazamento, seguro de viaxe e accidentes, acceso ao circuíto termal (con prezos especiais para outros tratamentos), xantar con Bufete e a visita á cidade de Vizela. O punto de recollida do autobús será na Casa da Torre (A Farola) ás 9:15h para regresar a Redondela entorno ás 20h.

As rutas están abertas á participación de todas as veciñas e veciños maiores de 55 anos do termo municipal de Redondela. O prezo da actividade, apunta a alcaldesa Digna Rivas, “variará dependendo das actividades a realizar” se se ten en conta que dito prezo inclúe desprazamentos, visitas, xantar nun restaurante e seguro de viaxe.

Para poder participar nesta actividade, as e os interesados deberán cubrir un formulario que se lles facilitará na oficina de Turismo (baixos do Concello) onde se lles facilitará toda a información. Será preciso aportar copia do DNI e o pago do importe (entorno aos 20€). O prazo de inscrición será dende o vindeiro venres 13 ata o venres 20 de xaneiro.

Digna Rivas subliñou a importancia desta actividade “que contribúe a fomentar a interrelación entre as persoas participantes e, ao mesmo tempo, ábrelles a posibilidade de coñecer con máis detemento, outros lugares da nosa contorna”.