O Porriño contará neste 2023 cun espazo de dinamización e captación de proxectos. O Consello da Xunta de Galicia aprobou onte, a petición do Concello do Porriño, a posta en marcha este mesmo ano dun Polo de Emprendemento e apoio ao Emprego no municipio.
Neste centro ofreceranse, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento; asesoramento personalizado; espazos de traballo temporal e networking; captación de investimento e financiamento; e orientación, asesoramento e recursos físicos. As persoas usuarias, ademais, poderán acceder a convocatorias anuais de axudas para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos de traballo.
“É unha gran nova para O Porriño poder contar un espazo que integre todas as ferramentas que existen na actualidade para apoiar as iniciativas emprendedoras, xa que estas son clave para fortalecer a economía local”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Apostar polo emprendemento é apostar polo futuro”.
A Rede de polos da Xunta, da que xa forma parte O Porriño, aspira a converterse nunha plataforma eficaz de dinamismo laboral, ademais de contribuír a asentar a poboación e establecer sinerxias entre o rural e o urbano co obxectivo último de crear máis emprego de calidade a través de fórmulas de emprendemento que permitan fixar emprego, lograr a efectiva igualdade de xénero e modernizar o ecosistema emprendedor.