Luns, 17 Marzo de 2025

Identifican unha nova fortaleza do século XVII no Tomiño

Unha nova fortaleza do sećulo XVII identificada no concello de Tomiño reflicte a importancia que a Guerra da Restauração tivo na fronteira galego-portuguesa, especialmente, no Baixo Miño. E é que esta comarca podería ter sido unha das principais frontes bélicas desta guerra que durou case 30 anos, de 1640 a 1668.

De feito, tanto os actuais concellos de Vilanova de Cerveira e Valença do Minho da banda portuguesa, como o de Tomiño da banda galega, concentran a maior parte destas fortalezas. Un feito que demostra a importancia que a guerra tivo nesta comarca.

Trátase dunha estrutura fortificada que algúns investigadores tiñan apuntado como de orixe medieval pero que o xornalista Xurxo Salgado, editor de www.historiadegalicia.gal e natural deste concello, identificou como un posible forte do XVII. Unha hipótese que confirmou a especialista Rebeca-Blanco Rotea. “Tendo en conta o coñecemento existente sobre as campañas de guerra que se desenvolveron nesta zona do Baixo Miño, cremos que posiblemente o xacemento se relacione coa campaña que tivo lugar con posterioridade da toma de Goián por parte dos portugueses en 1663”, asegura.

Rebeca Blanco-Rotea, presentou este novo achado este mércores en Tomiño nun acto ao que asistiron, ademais, os principais dirixentes políticos do concello, entre eles, Lara Meneses, do PPdeG; Violeta de Santiago, do PSdeG e Valentina Valderrey, de Podemos.

Xacemento en mal estado

O novo xacemento está moi arrasado por actividades forestais e vitivinícolas, pero aínda conserva unha estrutura abaluartada de planta apunta, semellante aos baluartes. Atópase na parroquia de Taborda, a uns 1,96 km ao norte do río Miño e a 1,40 km ao norte da vía de comunicación entre A Guarda e Tui, que discorre paralela ao río Miño. Tamén tiña unha certa relación de proximidade coas outras fortificacións xa documentadas no concello, a 4,74 km ao NE do Forte de Medos e a 3,40 km ao NO da Fortaleza de Amorín e as do complexo de Goián.

Dado o seu estado de deterioro, Blanco-Roeta indicou que “urxe comezar a conservación e o estudo do xacemento”.