Mércores, 11 Decembro de 2024

A Policía Local da Cañiza conta cun novo vehículo

Este vehículo é o primeiro 100 % eléctrico do parque automobilístico municipal

Esta mañá, o alcalde Luis Piña, recepcionou o novo vehículo para a Policía Local da man da empresa Autos Iglesias S.L.

O vehículo, un Peugeot 2008 Active Pack Eléctrico 136 CV (100KW), adquiriuse mediante un contrato de subministro aberto simplificado e un sistema de renting, cunha duración de 4 anos.

Para a financiación da operación o Concello conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 700 € ao mes durante os catro anos de duración de contrato (33.600 € en total). A subvención da Vicepresidencia II e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes está dirixida aos concellos para a adquisición de vehículos alternativos mediante o sistema de renting con destino ao corpo de Policía Local.

O novo coche da Policía é un vehículo 100% eléctrico, un Peugeot 2008 Active Pack Electrico 136 CV(100KW). Ten unha autonomía WLTP de 336 km; unha potencia de 136 Cv; un consumo medio de 15,8Kwh/100km; unha carga rápida de 0 a 80 en 30 minutos; unha velocidade máxima de 150 km/h; e un distintivo ambiental de DGT de 0 emisión.

O vehículo cumpre a orde do 29 de decembro de 2010 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para coches da Policía Local.

O contrato de renting inclúe os gastos de mantemento e reparacións do vehículo, o seguro e a asistencia en carretera 24 horas desde o km. 0, o que ven a significar un importante aforro respecto ao anterior vehículo da Policía Local da Cañiza que contaba xa con 12 anos de antigüidade, e un consumo medio de 8 litros/100 km.

Con esta nova adquisición o Concello da Cañiza avanza no seu compromiso de aforro enerxético e descarbonización, compromisos adquiridos entre outros no PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible) asinado en novembro de 2021, cara unha Cañiza máis limpa e máis verde.