Domingo, 16 Marzo de 2025

Mos conta cun aumento das licenzas urbanísticas

O departamento municipal de Urbanismo vén de elaborar e emitir un informe do balance anual de licenzas tramitadas e concedidas durante o ano pasado. En 2022 aumentaron un 16,5 % as licenzas respecto das concedidas en 2021, pasando de 406 a 472 (66 licenzas máis en 2022 que en 2021).

Entre elas destacan as licenzas de obra maior e as de primeira ocupación. No caso das licencias de obra maior o total delas ascendeu de 130 en 2021 a 186 en 2022, o que supón un crecemento porcentual do 43 %. Entre as licenzas de obra maior as que máis creceron, un 55 %, foron as de vivenda (40 en 2021 e 62 en 2022) e as de muro de contención (17 en 2021 e 25 en 2022, cun crecemento porcentual do 47 %). Por outra banda, as licenzas de primeira ocupación aumentaron un 52 %, pasando de 21 en 2021 a 32 en 2022.

Mantense o número de licenzas de actividade, comunicación previa e declaración responsable en Mos, sendo un total de 93 as concedidas en 2021 e 2022. Entre elas, as licenzas de furanchos aumentaron de 11 a 16.

Na categoría das licenzas de obra menor, as obras menores que máis creceron foron as de cambio de tella, que en 2022 foron 54, fronte ás 39 de 2021; e as de muro de peche, que en 2022 foron 40, fronte ás 30 de 2021. Outras das licenzas de obra menor máis abundantes foron as de acondicionamento de vivenda: un total de 31 durante o ano 2022.

As licenzas de taxi pasaron de 3 en 2021 a 10 en 2022 e os vados de 3 en 2021 a 11 en 2022 (un crecemento dun 266 %). Na categoría de “outros expedientes tramitados”, destaca o dato das devolucións de aval, xa que en 2022 concedéronse 19 máis que no mesmo período do ano pasado. Pasando de 11 en 2021 a 30 en 2022. O que supón un aumento do 172 %.

Por último, apuntar que o número total de asuntos de Xunta de Goberno Local de Urbanismo e Medio Ambiente en 2022 foron 661, fronte aos 601 do ano anterior. 60 asuntos máis tratados en Xunta de Goberno, que supón unha suba porcentual do 10 %.

Neste senso facía balance hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen salientou especialmente o incrementos nas licenzas concedidas de primeira ocupación de vivenda unifamiliar, que aumentou un 52 % respecto do ano anterior. Cómpre destacar que continúa a progresión á alza tamén nas licenzas de obra maior que aumentaron un 43 % en 2022 e, entre elas, as de construción de nova vivenda, que creceron un 55 %.

Tras a aprobación en 2017 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o balance urbanístico anual do Concello de Mos reflicte unha evolución moi positiva. A lectura deste último informe tradúcese en que Mos se consolida como unha localidade que particulares e empresas elixen para residir e asentarse, de ahí o gran incremento experimentado na concesión de licenzas de primeira ocupación de vivenda unifamiliar e de obra maior. Nidia Arévalo considera “máis que positivo este balance que foi en gran parte grazas ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral mosense, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017, que fai que Mos leve experimentando nos últimos anos un aumento importantísimo das licenzas urbanísticas concedidas”. O balance urbanístico de 2022 demostra, unha vez máis, que o de Mos é un Concello ideal para vivir. Destes datos conclúese que “a existencia e implantación dun PXOM está animando aos particulares a establecer ou consolidar a súa residencia en Mos; e que a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir e crecer empresarialmente”, explica Arévalo.