8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación reúne a 35 concellos para asinar a 'Declaración de Pontevedra'

    A Deputación reúne a 35 concellos para asinar a ‘Declaración de Pontevedra’

    A Deputación de Pontevedra, a Irmandade Xurídica Galega e a Xunta de Galicia, xunto a 35 pequenos concellos da provincia, asinaron a ‘Declaración de Pontevedra’, un manifesto no que se comprometeron a fomentar o uso do galego nas relacións entre as corporacións locais e a xustiza. Segundo subliñaron a presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, este compromiso supón “un feito histórico” na normalización do idioma do país, xa que nestes momentos a lingua galega fica aínda relegada no uso xudicial por cuestións históricas.

    O manifesto establece como obxectivo  normalizar o galego como lingua do dereito e das relacións e procesos nos que interveñan os concellos, así como o compromiso de que as e os representantes municipais (mediante asesorías propias ou externalizadas) soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma da Galiza. No texto tamén se recolle que, de aquí en diante,  as contratacións de asesorías xurídicas externas por parte dos concellos deberán incluír unha cláusula para que as actuacións procesuais que se realicen en nome de cada unha das corporacións locais asinantes da ‘Declaración de Pontevedra’ sexan en lingua galega.

    No acto, no que tamén se conmemorou o 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego, foron anfitrioas a presidenta da Deputación Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, que estiveron acompañadas do secretario xeral de
    Política  Lingüística da Xunta de Galicia Valentín García, e do presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, xunto a representantes de 35 concellos.  Como relatoras falaron a maxistrada Ana Filgueira Paz, a representante da Irmandade e da FEGAMP Patricia Vilán, a avogada Ana Mosquera, e o responsable da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra, Xavier Munaiz, municipio que xa realiza todos os seus trámites xurídicos en galego. Asistiron grande número de maxistradas e maxistrados entre os que se puideron recoñecer Ramón Villares ou Xesús Palmou, entre outros.

    A presidenta da Deputación Carmela Silva quixo destacar que o acto pola galeguización xurídica dos concellos realizado hoxe na Deputación “é imprescindible” para falar da situación da lingua, xa que “é o armazón do país e sen ela dificilmente se pode construír un pobo e o seu pensamento”. Subliñou que o galego é “prestixioso por si mesmo” e que “se o usamos nos lugares nos que reside o poder do pobo, o Executivo, o Lexislativo e o Xudicial, trasladámoslle á cidadanía que é unha lingua que hai que defender”.

    Pola súa banda, a deputada de Lingua María Ortega insistiu en que o da xustiza é un ámbito no que aínda é preciso dar moitos pasos adiante, por iso agradeceu a sensibilidade de todas e todos os representantes do mundo local que hoxe asinaron a ‘Declaración de Pontevedra’ para fomentar o uso do galego. “Hai que rachar con esta situación e mover os marcos da lingua, remediar as inercias do pasado e xuntar sinerxias entre todas as administracións para acadar unha maior unidade de acción na defensa do galego”, subliñou.

    Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García destacou que as administracións locais asumiron historicamente de maneira rápida o uso do galego no seu funcionamento e como lingua de proximidade. Recoñeceu que queda moito por facer na xustiza e destacou a necesidade de desenvolver ferramentas informáticas e de traballo para as persoas do ámbito xudicial. “Alguén debe ter a iniciativa –de fomentar o uso na xustiza- e poñer o tema sobre a mesa. Se é inducido por alguén con responsabilidades administrativas, mellor. Dende a Xunta sempre van ter a nosa colaboración. Poñer recomendacións do uso do galego nos pregos dos concellos para contratar asesorías non custa, non é máis caro nin vai levantar ‘sarpulllido’”, subliñou.

    Finalmente na parte institucional, o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, fixo un percorrido polas conquistas do galego no mundo xurídico e administrativo, lembrando que o seu uso na política fixo que gañara prestixio social. Subliñou que os concellos teñen un papel primordial fronte á resistencia de que o galego se use no mundo xurídico porque “boa parte dos procesos que se ventilan” son locais. “Temos que conseguir que as asesorías internas ou externas usen o galego e dean un paso adiante”, destacou, asegurando que a lingua galega non será recibida nun “ambiente hostil nin discriminatorio” xa que só da Irmandade Xurídica Galega hai 300 profesionais que utilizan o galego. “Galiza é un país en construción e o galego é o formigón armado para construírmos o país. Por iso temos que coidalo, finalizou”.

    A maxistratura e o galego

    Na parte da maxistratura, para falar da necesidade dos concellos de normalizar o galego, tomaron a palabra a maxistrada Paz Filgueira, quen salientou que “o galego non é unha lingua minoritaria, senón minorizada” que debe avanzar nas institucións, que segundo dixo “teñen unha débeda histórica”. Salientou que o problema da lingua galega foi a súa caída na diglosia que perpetuou a idea de que a lingua centralista ostentaba un poder superior fronte a un suposto baixo status e tratamento pexorativo para a lingua nacional da Galiza. “Esa diglosia non debe existir. Non hai linguas de primeira e de segunda”, subliñou.

    Patricia Vilán, pola súa banda, asegurou en modo de avogada e integrante da FEGAMP a necesidade de non só apostar dende os concellos pola galeguización do día a día, que ao seu entender xa está acadada, senón tamén na relación das corporacións cos tribunais. Destacou que a ‘Declaración de Pontevedra’ é un compromiso vinculante polo que manifestou o seu convencemento de que “o que veña a partir de agora van ser éxitos”.

    A avogada Ana Mosquera, pola súa banda, preguntou ao auditorio presente no salón de plenos da Deputación se o que o pobo galego quere é que a súa lingua sexa un “obxecto de Museo”, asegurando que as persoas relacionadas co mundo da xustiza que queren facer o seu traballo en galego deben pasar moito máis traballo que os que non o fan, pois deben traducir formularios e non contan coas ferramentas informáticas e as aplicacións necesarias para desenvolverse con soltura. “Non estamos á mesma altura e iso precisa implicación. A lingua é patrimonio de todos nós”, sentenzou.

    Xa por último, Xavier Munaiz, da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra, relatou a experiencia nun dos poucos concellos da provincia que a día de hoxe realizan todos os seus expedientes, procesos e relacións coa xustiza en lingua galega. “Pedíronme que contase as nosas vicisitudes na asesoría e non hai nada que contar. Diante dos xulgados as intervencións orais, as vistas, os textos… son todos en galego e sen inconvenientes”, destacou, salientando que os concellos pequenos que contratan asesorías externas “poida que estean mellor defendidos, pero non reparan nunha circunstancia non menor: as asesorías que os representan están a representar a unha administración pública que debe fomentar o galego”, insistiu.

    A xornada pechou coa descuberta dunha placa nos xardíns laterais do pazo provincial en conmemoración do 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego e de lembranza da sinatura da ‘Declaración de Pontevedra’.

    Concellos de todas as comarcas e signos políticos

    Como representantes dos concellos asistiron e asinaron a ‘Declaración de Pontevedra’ persoas de todas as comarcas, sen distinción de signo político: o alcalde de Lalín Xosé Crespo, e a concelleira de Silleda Ángela Troitiño no Deza Tabeirós (por motivos de última hora non puido asistir a representante de Forcarei, que rubricará o texto a posteriori); pola comarca de Caldas estiveron o alcalde de Caldas Juan Manuel Rey eo vicealcalde de Portas Alfonso Reboredo, xunto ao de Valga (Cuntis asinará a posteriori); a alcaldesa de Meis Marta Guiráldez xunto a concelleiros e concelleiras de Vilagarcía, Cambados, Illa de Arousa e Sanxenxo polo Salnés; o alcalde de Barro  Xosé Manuel Abraldes  e o de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela, xunto a concelleiras de Ponte Caldelas e Poio da comarca de Pontevedra; da comarca do Morrazo estiveron presentes a alcaldesa de Moaña Leticia Santos e o alcalde de Bueu Félix Juncal (asinará posteriormente o concello de Cangas).

    Da área de Vigo estiveron a alcaldesa de Redondela Digna Rivas, a alcaldesa de Salceda Verónica Tourón, e os e as concelleiros de Soutomaior, Mos, e a tenente de alcalde de O Porriño Carolina González Costas; da comarca do Val Miñor estiveron representando a Nigrán a deputada Raquel Giráldez, o alcalde de Baiona Carlos Gómez e a concelleira Iria Lamas de Gondomar. Do Baixo Miño acudiron a alcaldesa do Rosal Ánxela Fernández e representantes de Tui e Tomiño (A Guarda asinará a posteriori). Finalmente, do Condado-Paradanta estiveron o alcalde de Mondariz Xosé Emilio Barros, o de Mondariz Balneario José Antonio Rodríguez, e concelleiras e concelleiros de Ponteareas e As Neves.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.