8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz avanza no proceso de estabilización de emprego público

    Mondariz avanza no proceso de estabilización de emprego público

    O Concello de Mondariz está avanzando no proceso de estabilización de postos de traballo que exixe a lei. O decreto de aprobación das bases que rexerán o proceso de estabilización de postos de traballo xa foi enviado ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), e próximamente será publicado.

    En maio do ano pasado, mediante decreto de Alcaldía, o Concello de Mondariz aprobou a Oferta de Emprego Público excepcional de 2022 para a estabilización de emprego temporal. Inclúense nove prazas de persoal funcionario e catorce prazas de persoal laboral que actualmente están desempeñadas por traballadores e traballadoras con vinculación temporal e cumpren os requerimentos esixidos da Disposición adicional sexta da Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Entre as prazas de persoal funcionario convocadas na Oferta de Emprego Público excepcional de 2022 para a estabilización de emprego temporal, a maioría pertencen aos subgrupos A1-A2 (arquitecto/a, técnico/a de contabilidade, técnico/a de axencia de emprego e desenvolvemento local, traballador/a social, técnico/a en intervención familiar-psicólogo/a, técnico/a de cultura e xuventude, bibliotecario/a, oficial administrativo e operario/a de obras e servizos). Entre as prazas de persoal laboral, cóntanse seis vacantes de auxiliar de axuda a domicilio (grupo V) e catro de profesor/a de música (grupo II), ademais de unha vacante de oficial de obras e servizos (grupo IV), operario/a de obras e servizos (grupo V), operario de obras e servizos para a recollida de lixo (grupo V) e conserxe (grupo V).

    Nas bases, que se publicarán no BOPPO, detállanse os requerimentos das persoas aspirantes, a presentación de instancias e as características do proceso de selección.

    Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT)

    Para optimizar a estrutura de recursos humanos do Concello de Mondariz, desde o Goberno municipal tamén se promoveu unha modificación estratéxica da Relación de Postos de Traballo (RPT) que foi aprobada na última sesión plenaria da Corporación Municipal cos votos a favor de todos os grupos políticos agás Alternativa por Mondariz, que se abstivo. “Creamos un novo e necesario posto de Técnico/a de Medio Ambiente e Xestión de Residuos, en substitución do posto de Técnico/a de Orientación Laboral que se incluíra no documento orixinal, porque o medio ambiente e a xestión de residuos é unha área de traballo de estrita competencia municipal e, polo tanto, prioritaria”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    Esta modificación da RPT foi consensuada previamente en mesa de negociación con representantes sindicais. A substitución de postos obedece a criterios de compensación financeira recomendados pola propia empresa que elaborou a RPT, pero tamén busca priorizar postos de traballo que sexan de estrita competencia municipal. Nos primeiros meses do ano pasado, o Concello de Mondariz xa informara publicamente que deixaría de contar con técnica de orientación laboral nas dependencias municipais a partir de outubro de 2022 porque non se podía arriscar a estabilizar un posto que non é de competencia municipal e depende exclusivamente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. De feito, esta técnica actuaba como brazo do Servizo Público de Emprego dedicado só á orientación laboral de persoas que se atopasen en situación de desemprego, estiveran inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e solicitasen cita previa a través deste mesmo organismo, sen que o Concello de Mondariz puidese marcar a axenda en ningún momento. Para inscribirse como demandante de emprego ou renovar cada tres meses a tarxeta de demanda de emprego, os veciños e as veciñas de Mondariz xa tiñan que desprazarse a Ponteareas.

    A técnica de orientación laboral de Mondariz é un posto subvencionado pola Xunta de Galicia desde 2016, no marco dun convenio de colaboración entre os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, que naquel momento sumaban pouco máis de 5.300 veciños e veciñas. Malia non desempeñar unha función de competencia municipal, senón autonómica, a técnica de orientación laboral foi incluída na RPT aprobada en maio de 2019 no Concello de Mondariz. “Naquel momento, houbo informes de intervención contrarios a incluír o posto de técnica de orientación laboral na RPT porque non respondía a competencias municipais, mais non se consideraron. O feito de que o posto de orientadora laboral estivese incluído na RPT podía levar a unha obriga de estabilización a costa dos recursos municipais que non era razoable porque esta é unha competencia exclusiva do Servizo Público de Emprego”, comenta o alcalde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.