A Policía Local de Tui contará con cinco novos axentes a partir do mes de marzo, co que o número de efectivos pasará a ser de once axentes e un inspector xefe. Nas últimas semanas o servizo viuse afectado debido á baixa laboral de tres dos seis axentes con que conta actualmente o corpo, así coma a baixa do inspector xefe que continúa nestes momentos.
Os cinco novos axentes obtiveron a praza na Oferta de Emprego Público de 2021 e tras a súa formación durante un ano na Academia Galega de Seguridade, incorporaranse ao seu posto de traballo en Tui nas próximas semanas.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que dende o goberno local estase a traballar dende 2021 para mellorar as condicións deste corpo “non só co número de policías locais en activo, senón incluso as súas retribucións”. Así sinala a convocatoria na Oferta de Emprego Público das prazas que quedaron vacantes por xubilacións ou traslados, algo que non se levaba a cabo dende hai 20 anos, segundo o rexedor. Un dos motivos que en moitas ocasión motivaba a solicitude de traslado cara outros concellos por parte de axentes da Policía Local era a menor retribución que percibían en Tui. Esta cuestión explicaba Enrique Cabaleiro, mellorouse coa aprobación o ano pasado da nova Relación de Postos de Traballo que supón un incremento anual do complemento específico para os axentes de 4.039,98 € e do complemento de destino en 344,40 €. Mentres no caso do inspector xefe o complemento específico increméntase en 3.393,92 €, unha cifra que subirá en 1.159,34 € en cumprimento da sentencia xudicial que recoñece o paso dun nivel 22 ao nivel 24 do inspector xefe.
A carencia de efectivos para facer fronte ao servizo supliuse durante o ano pasado coa realización de horas extras por parte dos axentes, o que conlevou para o concello o pago de preto de 50 mil euros por este concepto. Afirmaba Enrique Cabaleiro que “non se nos pode reprochar, primeiro esforzo para tratar de cubrir as prazas vacantes e en segundo lugar esforzo para mellorar as condicións retributivas da policía local de Tui”.
A situación do servizo da Policía Local, tal e coma se sinalaba, estabilizarase coa incorporación dos cinco novos axentes que están rematando a súa formación na Academia Galega de Seguridade. Avanzaba tamén Enrique Cabaleiro que a intención do goberno local é seguir convocando na Oferta de Emprego Público as prazas que están vacantes, pero lembraba que estes son “procesos complexos e longos”.