10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán reunirá a 300 nadadores na X edición da Travesía a nado...

    Nigrán reunirá a 300 nadadores na X edición da Travesía a nado Costa Serena, que se celebrará o 6 de setembro

    A competición, que se disputará en Praia América, incorporará un estrito protocolo sanitario para garantir a seguridade dos participantes e público

    A X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán reunirá a 300 nadadores entre as cinco probas que se disputarán o 6 de setembro en Praia América. A travesía estará marcada por un estrito protocolo sanitario para garantir a seguridade dos participantes, voluntarios e público asistente. Contará coa presenza de nadadores de máis de 50 clubs de natación de sete Comunidades autónomas e unha importante representación de nadadores portugueses con idades comprendidas entre os 5 e os 71 anos. Nesta edición, a participación de mulleres representa máis do 30% do total de nadadores, porcentaxe que foi aumentando nos últimos anos (26% en 2018 e 28% en 2019).

    Esta mañá presentouse en rolda de prensa a travesía a nado no paseo marítimo de Praia América e contou coa presenza do alcalde de Nigrán, Juan González; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; os concelleiros de Deportes e Educación, José Luis Sanromán e Mariña Vidal, respectivamente; María Troncoso, en representación de Coca-Cola European Partners; Juan Carlos Álvarez, subdirector da oficina de Abanca en Nigrán; Enrique Prendes, en representación do Club Marítimo de Panxón e a empresa Sakami, e Beatriz Alvariño, en representación da organización da travesía.

    Durante a rolda de prensa fíxose entrega dos premios aos gañadores do concurso de debuxo infantil, que se convocou este ano con motivo da X edición da travesía a nado entre os colexios de Nigrán. A gañadora do concurso foi Rita Álvarez Araujo, de 12 anos, alumna do CEIP Carlos Casares de Nigrán. A segunda clasificada foi Xiana Lameiro Fernández, de 10 anos, do CEIP Humberto Juanes, e o terceiro clasificado foi Iago Iglesias Fernández, de 13 anos, do CPI Arquitecto Palacios.

    De esquerda a dereita: Xiana Lameiro (segunda clasificada), Iago Iglesias (terceiro clasificado) e Rita Álvarez (gañadora do concurso)

    A organización da travesía a nado fixo un gran esforzo para levar adiante a proba este ano tendo que realizar unha serie de cambios co obxectivo de cumprir co protocolo sanitario e garantir a máxima seguridade, segundo apuntou en rolda de prensa Beatriz Alvariño, representante da organización, que agradeceu o apoio do Concello de Nigrán e Deputación de Pontevedra e de todos os patrocinadores e colaboradores. A primeira medida que adoptou o club deportivo Tumetapersonal, organizador do evento, foi a limitación de participantes permitidos en cada un dos percorridos (100 participantes para as probas de 800 e 2.700 metros e 190 para a de 4.000 metros). Nas probas infantís só se admitiron 15 nenos para cada percorrido (50 e 150 metros).

    Entre os cambios que se realizarán respecto a edicións anteriores figuran as saídas graduadas de dous nadadores cada 10 segundos tipo contrareloj nos percorridos de 800, 2.700 e 4.000 metros para evitar a aglomeración de participantes na liña de saída. O uso da máscara será obrigatorio para todos os nadadores ata segundos antes da saída, que deberán depositarse nos contedores así como o resto de residuos. Tamén será obrigatorio o seu uso na meta e durante a entrega de trofeos. Ademais, tomarase a temperatura a todos os nadadores antes de entrar na auga e delimitarase as zonas de saída, meta e pódium para garantir a distancia social entre os nadadores e o público asistente, que deberá levar máscara obrigatoriamente e manter a distancia interpersoal.

    Así mesmo, a entrega de bolsas seguirá un estrito protocolo e farase desde tres días antes da celebración da travesía a nado. Os nadadores terán que acudir obrigatoriamente con máscara e desinfectarse as mans antes da súa recollida. Para a entrega de bolsas utilizaranse pantallas de metracrilato e colocarase sinalización para o cumprimento das medidas de seguridade. As bolsas poderán recollerse os días 3 e 4 de setembro na tenda Boyer Triathlon Vigo ( C/Manuel de Castro, 12) e o día anterior á proba nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar, en Panxón, de 11:00 a 20:00 horas.

    Entre outras medidas que se tomarán durante a travesía están a creación dunha fila única en meta para a chegada dos participantes, que deberán acceder andando, mantendo en todo momento a distancia interpersoal. Ao saír da auga entregaráselles unha máscara, que deberán colocarse inmediatamente. Ademais haberá máis espazo na zona de avituallamiento coa creación de dous corredores independentes por onde accederán os nadadores para coller a bolsa de avituallamiento (auga e Powerade, plátanos e rosquillas) e deberán abandonala inmediatamente para evitar a concentración de nadadores. Só se permitirá o acceso a esta zona a nadadores e persoal da organización.

    Na saída, meta e a entrega de premios colocaranse varios puntos para a desinfección e hixiene de mans dos participantes.

    Percorridos

    Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip electrónico a través da empresa Champion Chip Norte. O percorrido longo, que estará limitado a 190 prazas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

    O nadador do Real Club Náutico de Vigo, Miguel Martínez Novoa, e o nadador e adestrador do Club de Natación Galaico de Pontevedra e campión do mundo en acuatlón no grupo de idade de 25 a 29 anos en 2019, Cristian Fernández Nieto, parten como favoritos na proba de 4.000 metros cuns tempos de 42 e 45 minutos, respectivamente. Na categoría feminina, a nadadora do Club de Natación de Ponteareas, Cristina García Marín, aspira a revalidar o título por terceiro ano consecutivo.

    O percorrido de 2.700 metros, cun máximo de 100 prazas, terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

    Na proba de 800 metros, tamén cun máximo de 100 prazas que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

    A competición de 800 metros comezará ás 10:00 horas, a de 2.700 metros ás 10:20 horas, mentres que a de 4.000 metros arrincará ás 11:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, e haberá embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks, pádel surf e motos acuáticas seguindo a proba. Na praia, a organización contará co apoio da Asociación Vodea con preto de 40 voluntarios, que estarán a controlar o cumprimento de todas as medidas de seguridade.

    Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e outro de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente. Este ano, con motivo da X edición da Travesía a nado, os percorridos infantís serán gratuítos e estarán limitados a un máximo de 15 nenos por cada proba.

    Premios en metálico na proba de 4.000 metros

    Nas probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e, por primeira vez, premios en metálico (150 euros para os primeiros, 100 para os segundos e 80 para os terceiros). Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba raíña.

    Este ano, tamén como novidade, entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello no momento da inscrición. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

    Inscricións

    As inscricións poderán realizarse ata o xoves 27 de agosto ás 12 da mañá en www.championchipnorte.com. O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 24 euros, 21 euros a de 2.700 metros e 19 euros a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamiento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo para os tres primeiros clasificados absolutos das tres probas, medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba de 4.000 metros, premios en metálico, máscara, medidas hixiénico-sanitarias (xeles hidroalcohólicos), reportaxe fotográfica, un xeado, aperitivo no Club Marítimo de Panxón e participación no sorteo de material deportivo. Os nenos recibirán unha medalla ao chegar a meta.

    A Travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal, o Concello de Nigrán e Atlantic Extrem Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, o concesionario Renault Rodosa, Gadis, Centro Comercial da Ramallosa e Sakami. Tamén colaboran Powerade, Froitas Sol, Area, Club Marítimo de Panxón, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, McDonald’ s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Asociación Vodea, Waira, Kailúa, Boyer Triathlon Vigo, Ángel Leirós Motos, Talaso Atlántico, Comunica e Clubnatacion. com, entre outros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.