O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres, continúa este domingo ás 20:30 no esteiro de A Foz (escenario Niranjazz) o programa ‘A igualdade non é un conto’, dirixido á infancia e que inclúe varios contacontos, un espectáculo de maxia e outro de monicreques que se desenvolverán ata o día 5 de setembro en diferentes ubicacións.
Nesta ocasión terá lugar ‘Coas mans na masa’, a cargo de Felipe Díaz Valle (Caxoto contacontos). Ó gran Chef Caxoto sempre lle dixeron que cociñar era cousa de mulleres e desta volta proporá un menú elaborado con ingredientes de igualdade co que desmontar os estereotipos de xénero e os micromachismos cociñados a lume lento ao longo da historia. Un prato de bo gusto onde entre risas, contos e sorpresas afinaremos o noso padal na igualdade e contra os estereotipos de xénero.
O programa, cofinanciado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero, pretende rachar cos prexuízos e esterotipos de xénero desde idades temperás a través da participación activa das crianzas en actividades lúdicas