25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán bonifica o imposto de rodaxe aos vehículos eléctricos, híbridos e a...

    Nigrán bonifica o imposto de rodaxe aos vehículos eléctricos, híbridos e a gas

    A aposta do Concello de Nigrán polo medioambiente, dista moito de ser unha mera declaración de boas intencións –como por desgraza acontece noutros concellos– senón que é unha filosofía de traballo que dende o pasado mandato desenvolve o executivo de Juan González coa aplicación de medidas concretas, ben estudadas e planificadas. A maiores, e dende o convencemento de que a loita pola conservación medioambiental é de todos e todas, o Concello de Nigrán traballa na concienciación da veciñanza incentivando, como é neste caso concreto, o uso de vehículos híbridos ou eléctricos.

    Así, o Pleno de Nigrán, co apoio do Partido Popular, único grupo da oposición, aprobaba no pleno de onte a entrada en vigor da bonificación dende o exercicio 2020 do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como ‘0 emisións’. Previamente aprobárase en pleno a modificación da ordenanza e agora Nigrán sitúase na vangarda dos municipios españois e europeos que fomentan verdadeiramente o uso das enerxías limpas entre os seus cidadáns.

    Cómpre salientar o feito de que, dende o mes de maio, Nigrán é o único municipio de Galicia que conta cun punto de carga público e gratuíto xestionado polo propio consistorio e, ademais, conta na súa flota con vehículos eléctricos.

    Un vehículo eléctrico utilizando o punto de recarga gratuíto xestionado polo Concello de Nigrán

    Actualmente, no padrón de vehículos de Nigrán figuran 4 vehículos ‘0 emisións’ e 60 ‘Eco’, e todos eles verían bonificado o seu respectivo imposto de Rodaxe con esta modificación da ordenanza. Paradoxalmente e debido aos parámetros de CV e cilindrada que se teñen en conta neste imposto, hoxe en día un turismo híbrido está pagando máis que un convencional. “Con esta modificación, un Toyota Auris híbrido pasaría de pagar 106 € a 53 €”, exemplifica Diego García, edil de Medio Ambiente. “Trátase de incentivar entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións”, resume o alcalde, Juan González, quen considera “unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas”.

    Un paso adiante na loita contra o cambio climático
    Por outra banda, nesta ocasión o goberno local aprobou tamén co consenso absoluto da Corporación adherirse ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, cuestión que no derradeiro mandato tivera que quedar sobre a mesa ante o rexeitamento de parte da oposición. Deste xeito, o Concello intégrase no maior movemento mundial de autoridades para a loita contra o cambio climático, asumindo os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía para o ano 2030. González é precisamente responsable da primeira concellería de Galicia ‘Axenda 2030-Obxectivos do Desenvolvemento Sostible’, iniciativa da ONU que inclúe moitas medidas medioambientais que Nigrán quere reforzar dende a política local e que comprende, entre outros aspectos, formar parte deste pacto lanzado en Europa no ano 2008 e que reúne xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo (en Galicia está coordinado en Galicia pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda).

    Este plan inclúe medidas para o freo do cambio climático, consistentes na reducción de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio. Estas medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e o transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de aguas residuais e dos residuos sólidos urbanos. Ademáis, o Plan de Acción implica o deseño de medidas de adaptación ao cambio climático, preparando así ao Concello de Nigrán para facer fronte aos riscos e vulnerabilidades aparellados a este proceso. O Concello ten un prazo de dous anos, contado a partir da data do acordo municipal de adhesión ao Pacto, para aprobar este Plan de Acción. Despóis, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para o 2030.

    Para acompañar tanto a elaboración do Plan de Acción como da súa implementación, o Concello contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición dos 313 concellos galegos pola Direccion Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta oficina, a través do Centro de Asistencia aos Concellos e do Observatorio de Fondos e Convocatorias, realizará un asesoramento personalizado ao Concello de Nigrán, tanto na elaboración do Plan de Acción como na súa implementación.

    Modificación de crédito
    Por outra banda, o goberno aprobou unha modificación de crédito de 313.448 € para pagar 353 facturas de 2018 e 2019, todas elas conformadas por técnicos municipáis e correspondentes a traballos correctamente realizados. Entre elas, a máis cuantiosa corresponde aos 94.000 € da subvención denegada pola Xunta para mellorar o acceso ao Parque Empresarial Porto do Molle (rúas Gándara e Ponte Muíña) ao non concedérselle ao Concello unha ampliación do prazo de finalización, cuestión que está sendo reclamada nos xulgados ao non entender o goberno local que non se aceptaran os informes nos que se incidía en que as choivas persistentes impedían o pintado da estrada. A seguinte factura é de 28.000 € correspodentes a materiais de obra, 21.000 € para a realización de actividades turísticas, 24.000 € de conservación de maquinaria, 12.000 € para actividades deportivas ou 2.000 € para emerxencia social. “Hai que ter en conta que temos un orzamento prorrogado, son traballos realizados por empresas, a maioría urxentes, e lóxicamente teñen que ser abonados”, explica o alcalde, Juan González, que recalca que o Concello ten débeda 0 con entidades financieiras e, a partir de agora, tamén con proveedores.

    Finalmente, aprobouse por unanimidade o establecemento e fixación dos prezos públicos das escolas deportivas e actividades culturais municipáis para o curso 2019/2020 sen incremento algún con respecto ao anterior periodo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.