16.1 C
Pontevedra
Mércores, 18 de Maio de 2022
Máis
    HomeVal MiñorGondomarO ciclo de teatro 'Barracas' levará a memoria histórica a Gondomar e...

    O ciclo de teatro ‘Barracas’ levará a memoria histórica a Gondomar e Tomiño

    A Deputación de Pontevedra vai poñer en escena o ciclo de teatro ‘Barracas’, unha iniciativa que pretende espallar a memoria histórica, a cultura e a lingua nos concellos provincia con representacións de pezas de estrea de compañías escénicas galegas. As representacións terán lugar en Vilagarcía, Silleda, Moaña, Gondomar, Tomiño e O Grove  entre os meses de marzo e xuño e serán totalmente de balde para o público.

    O ciclo foi presentado na mañá de hoxe pola deputada de Memoria Histórica María Ortega, quen explicou que a Deputación decidiuse a levar adiante o proxecto por un dobre motivo:  garantir que as compañías do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria, xa que nalgún caso había obras con perigo de quedar no caixón se non contaba co apoio provincial; e por outro, espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.

    As pezas que se representarán falarán de mulleres cun perfil moi destacábel durante a República, como Emilia, María Gómez ou como  María Barbeito, que representan o ideario do programa provincial ‘O pasado por vir’ para poñer en valor as ideas que se perderon co golpe e a represión da ditadura. 

    O nome do ciclo ‘Barracas’ tomouse polo seu simbolismo,  explicou a deputada, como unha homenaxe á compañía ‘La Barraca’ coa que Federico García Lorca percorreu Galiza no marco das Misións Pedagóxicas que no período republicano pretendían achegar a cultura a distintas vilas. De igual xeito, o programa de teatro provincial posibilitará que seis concellos da provincia acollan as obras teatrais de estrea.

    En concreto, realizaranse dous pases de ‘As alumnas’ da compañía Culturactiva, que estarán o 4 de marzo en Vilagarcía de Arousa –Auditorio- e no Concello de Moaña o 18 de marzo –Sala Celso Parada Quintela-; outros dous pases de ‘O péndulo’ de Inversa Teatro o 11 de marzo en Silleda –Auditorio Manuel Dopazo en A Bandeira-, e o 26 de marzo en Gondomar – Auditorio Municipal Lois Tobío-; e outros dous pases de ‘Miss Docet’ de Compañía Eléctrica, o sábado 28 de maio en Tomiño –Auditorio de Goián- e o 4 de xuño en O Grove –tamén no auditorio-.

    María Ortega explicou que os concellos adxudicatarios foron os primeiros en presentar a instancia de solicitude na convocatoria aberta pola Deputación. A nacionalista agradeceu a boa acollida da iniciativa – a oferta cubriuse nunha hora-, e o interese e implicación á hora de tratar temas de memoria histórica por parte dos gobernos locais. Indicou que moi probablemente o ciclo de teatro teña novas convocatorias e animou ás compañías a desenvolver novas obras desta temática.

    A deputada non quixo deixar pasar a oportunidade para insistir en que é importante que as institucións apoien obras como as que se representarán en ‘Barracas’, xa que se posibilita que a memoria non só chegue aos seis concellos que resultaron adxudicatarios, senón a existencia da propia obra en si e polo tanto que chegue a moitos outros lugares.

    Compañías galegas

    Iria Pinheiro e María Reimóndez, de Compañía Eléctrica, Mónica Caamaño, actriz de Culturactiva, e Marta Pérez, que ademais de dramaturga é bisneta dun dos represaliados nos que se fala na peza de Inversa Teatro, foron as encargadas de falar sobre cada unha das pezas que se van representar.

    Mónica Caamaño explicou que ‘As alumnas’ pon o foco na “imprescindible” figura de María Barbeito, unha muller revolucionaria a nivel pedagóxico e no desenvolvemento cultural de Galicia. O texto da peza foi feito por Paula Carballeira quen, alén de facer un traballo documental, recolleu o romper do silencio de dúas alumnas da propia mestra ao xuntarse no momento do seu enterro. A dirección é de Fina Calleja e as alumnas son encarnadas por Anabel Galo e Mónica Caamaño. A escenografía é de Carlos Domínguez, a luz é de Del Ruíz Giménez, o espazo sonoro de Ramón Raíndo e o vestiario de La Canalla.

    Pola súa banda, Compañía Eléctrica será a responsable de levar a escena a obra ‘Miss Docet’ sobre a vida de Emilia Docet Ríos, coñecida como a Miss España Galeguista, unha figura silenciada pola historia. Iria Pinheiro explicou que se trata dun espectáculo coa dirección de Vanesa Sotelo e na escrita con María Reimóndez, na que ela aparece en escena como actriz única.

    Pinheiro engadiu que ao poñer en marcha a obra “atraíanos moito que pertencera ao Partido Galeguista e que aproveitando o concurso de Miss, ela con 17 anos, exercera o seu galeguismo e tivera unha implicación política”. Como nota anecdótica, abondou, no primeiro proceso de Miss Galicia, no xurado estaban persoas como Jenaro de la Fuente, Carlos Masside e Castelao. “Iso xa dá unha idea dos tons polos que imos ir pasando”, dixo.

    A dramaturga María Reimóndez subliñou a importancia de que existan programas como ‘Barracas’ . Destacou que Docet foi unha muller moi vencellada aos movementos do deporte e progresistas na cidade de Vigo, e explicou que no proceso da escrita foi importante explorar o silencio e a desaparición case total da súa figura.

    Finalmente ‘O péndulo’ de Inversa Teatro pretende amosar como se desenvolveu o golpe de Estado de 1936 en Galicia a través da historia de Tirso Gómez Freijido, veciño de A Cañiza apresado con María Gómez, a única alcaldesa galega durante a II República. Ela salvou a súa vida pero Tirso foi asasinado con outros republicanos como o mestre Antonio Mojón, Justo Moure ou Jesús Eugenio Pérez.

    A obra é o resultado dunha investigación auspiciada pola bisneta de Tirso, Marta Pérez, co-dramaturga e actriz da montaxe, na que tivo un peso especial a correspondencia dos fusilados. A peza permite amosar como a xeración bisneta bota luz sobre o que non pode ficar no escuro e contar a historia dende unha perspectiva de xénero, dende a vista da muller e a filla dun dos fusilados.

    A propia Marta Pérez destacou que é o “proxecto máis especial do que levo desenvolvido ata agora porque  falo dende a memoria histórica pero tamén dende o persoal. (…) A obra é ‘O péndulo’ porque eu estou constantemente buscando que facer, que dicir, e vendo ata onde podo chegar. Intentarei facela co máximo cariño e respecto, non só pola miña familia, senón polo resto das familias implicadas e coas que teño contacto”.

    Ademais de participar como dramaturga e actriz, “debido á carga emocional que supón para min” Pérez precisou de axuda na coescrita de Ernesto Eis e na dirección Carlos Álvarez Osorio, En escena están tamén Rosa Puga Davila e Nerea Brey.

    COLABORACIÓNS

    ¡El mago de la electrónica, ha muerto!

    El personaje de la portada, es probable que a muchos lectores no le suene, quizás algunos al ver los cachibaches que está utilizando, se puedan hacer una pequeña idea, pero los seguidores de la música electrónica clásica y el Krautrock, seguro que si lo conocen perfectamente. Estamos hablando del mago de la electrónica, uno de esos pioneros que elevaron este estilo musical y la forma de hacer música al grado de celestial. Esta semana nos ha dejado el gran e inigualable, Klaus Schulze.

    Ledicia Costas, «O neno de lume»

    Ledicia Costas ten unha imaxinación poderosa e unha rara habilidade para a construción do que poderiamos chamar «relato marabilloso», ese que mistura realidade e fantasía, no que conviven persoas do común con seres sobrenaturais dotados de habilidades especiais.

    Mamá

    Cuatro letras de una de las palabras que primero aprendemos, que más pronunciamos a lo largo de nuestra vida y que más seguridad nos transmite.

    Brillante papel do CN Ponteareas nos campionatos de España de Torremolinos

    Torremolinos, en Málaga, foi a sede do XXII campionato de España “Open” Absoluto–XXXVIII Campionato de España júnior, que se disputou en piscina de 50 metros do 9 ao 13 de abril. O evento congregaba aos principais nadadores e nadadoras nacionais e foi retransmitido en directo pola canle Teledeporte.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    19 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    12 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    63 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    40 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    4 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS