Martes, 10 Decembro de 2024

O PSOE tomiñés denuncia a “inacción” do Goberno municipal ante a praga de moscas

Tomiño está a sufrir unha nova explosión de praga de moscas e, unha vez máis, a veciñanza síntese abandoada e reclama solucións xa. O PsdeG-PSOE lembra que leva “dende o primeiro momento” preocupándose, denunciando, preguntando, reuníndose con afectados, presentando mocións ao Pleno e iniciativas ó Parlamento de Galicia, iniciativas que, afirman, “foron vetadas e que acarrexaron intimidacións ás Concelleiras socialistas no seu día”. “É tal a desesperación que moitos veciños e veciñas están prantexándose pechar os seus negocios e marchar do municipio”, afirman as concelleiras socialistas no Concello de Tomiño.

Violeta de Santiago e Mirta Misa explican que o Goberno nacionalista “tratou de negar a problemática nun principio, mesmo tomándose a chanza nalgún Pleno as preguntas do grupo socialista ao respecto”. Porén, en febreiro de 2022, cando xa era evidente o que estaba a acontecer, “empezan a falar dun estudo encargado á Universidade de Vigo. Estudo que non se asinou ata abril de 2023, é dicir, mentiron sen pudor en sede plenaria e a todos os veciños e veciñas durante máis dun ano nun intento de gañar tempo cedendo ante as presuntas presións de propietarios de grandes prantacións”, afirma a portavoz socialista Violeta de Santiago.

En agosto de 2023, o voceiro nacionalista asegurou que “estaban a traballar nalgo innovador, un protocolo de actuación para a convivencia de actividades agrarias coa vida residencial” explica o PSOE que se pregunta “Onde está ese traballo innovador e por que si estaban traballando niso piden agora colaboración institucional para resolver o problema? Volveron a mentir para seguir gañando tempo, ou directamente non fixeron nada porque non teñen interese en darlle solución?, pregúntanse as socialistas

A presión veciñal dos últimos días provocou que “milagrosamente” ese estudo estea rematado despois de máis de dous anos, porque chegou o momento en que xa non se pode tapar máis este grave problema. “Anos de inmobilismo, inacción, deixadez, falta de traballo e xestión neste asunto provocou que agora estean desbordados e soliciten axuda á Xunta de Galicia, axuda que hai tempo tiñan que ter pedida” aseguran.

Para as concelleiras socialistas, o Goberno de Tomiño “dálle as costas á defensa do medio ambiente en favor doutros intereses. Temos constancia de que recibiron un documento no 2020 denunciando o uso indiscriminado de pesticidas, herbicidas, sulfatos, contaminación dos acuíferos por malas prácticas nos lavados de maquinaria agrícola, extracción de augas ilegais do río, abonos depositados en lugares non apropiados, hiperprantacións e deforestacions salvaxes, contaminación de pozos…”.

Denuncian as concelleiras socialistas que ante o que cualifican de “aberracións medioambientais” o Goberno mantivo silencio “metendo nun caixón as denuncias e mirando cara ouro lado”.

Para Violleta de Santiago e Mirta Misa “non deixa de ser paradóxico que, aínda así, o Goberno municipal trate de vender e promocionar un Tomiño VERDE e SOSTIBLE mentres isto acontece a diario no noso Concello”.