A presentación da proposta do Camiño Escolar recibíu onte o apoio dos asistentes á reunión participativa na que a tenente de alcalde e concelleira de Ensino, Cristina Fernández, acompañada do técnico redactor e do concelleiro de Mobilidade Roberto Mera, quixo compartir o resultado dos traballos realizados durante o último curso escolar para a redacción desta proposta.
A FANPO, a ANPA do CEIP Mestre Ramiro Sabell, nais asistentes e a dirección do centro educativo, os comerciantes e a veciñanza da rúa Trobador Xoán García de Guillade respaldou a proposta e salientou a necesidade de intervir neste tramo para facelo máis atractivo e seguro para os peóns.
Para a redacción desta proposta, os técnicos traballaron en conxunto coa comunidade educativa percorrendo o traxecto, facendo medicións, detectando os puntos críticos, recollendo as necesidades e zonas de intervención e reuníndose cada quince días durante dous trimestres para onte presentar un borrador de deseño consensuado que contempla un ambicioso proxecto que actuaría no tramo que arranca dende avenida de Galicia pola rúa Trobador de Xoán García de Guillade ata a parroquia de Fontenla, unha actuación nun percorrido de metros, creando unha grande ruta donde os peóns e as bicicletas terían prioridade sobre os vehículos a motor.

Este percorrido podería ser aproveitado polo alumnado dos institutos e conectaría o centro urbano coa parroquia de Fontenla fomentando os desprazamentos a pé e ofrecendo unha nova zona de paseo.
O proxecto contempla a ampliación de beirrarúas, a plantación de máis de 200 árbores ao longo do camiño e conservaría máis de 120 prazas de aparcamento.
Comerciantes coincidiron en que esta actuación revalorizaría a zona e lle daría maior visibilidade mentres que a dirección do centro salientou a necesidade de ofrecer un espazo atractivo que convide a camiñar, xa que a distancia física real non é moi grande e contribuiría a reducir o tráfico na contorna do colexio nos horarios de entrada e saída.
Cristina Fernández explica que, dada a envergadura do proxecto, a execución sería por fases ao implicar distintas intervencións. “Os camiños escolares axudan a mellorar a seguridade viaria, reducen o tráfico tanto no traxecto como nos accesos aos centros e a contaminación e fomentan hábitos de vida saudables, ademais de ser máis divertidos e atractivos para a mocidade e a infancia”.
En liña coas premisas marcadas na estratexia europea ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, esta novidosa proposta fomenta a práctica da mobilidade a pé ou en bicicleta en traxectos seguros e cotiáns e prioriza o dereito dos e das escolares a moverse con liberdade.