Mércores, 11 Decembro de 2024

O PP reparte as tarefas “para fiscalizar ao goberno local”

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas mantivo unha reunión para repartir “o traballo de fiscalización” e propostas entre os cinco concelleiros que están a representar ao PP no consistorio de Ponteareas. A portavocía mantena Belén Villar, quen tamén será a responsable de fiscalizar ao goberno e facer propostas en materia económica, de emprego e servizos básicos.

Pola súa banda, Andrés Sampedro que xunto con Belén Villar formaba parte do Grupo Municipal do PP durante o pasado mandato, ocuparase de todo o relacionado con Educación, Cultura e Festas. Silvia F. Táboas, responsabilizarase do tema urbanístico e todo o vinculado a iso. Francisco J. Represas, ocuparase dos temas relativos á presentación de propostas para as concellerías de Deportes, Voluntariado, Seguridade Cidadá, Medio Ambiente e Parques e Xardíns, entre outras tarefas que lle foron encomendadas “como velar por que o Goberno local fomente a Participación Cidadá e a Transparencia”, asegura Belén Villar.

Por último, Lina Limeres, será a responsable de Comercio, Turismo e todo o relacionado cos servizos sociais do Concello.