Mércores, 9 Xullo de 2025

O Concello de Salceda solicita subvención para a 2ª fase do novo pavillón municipal

O Concello de Salceda de Caselas vén de solicitar unha subvención á Deputación de Pontevedra para a asistencia técnica na presentación de proxectos que poidan optar aos fondos europeos Next Generation UE do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do ámbito do turismo deportivo sostible.

A alcaldesa da vila, Verónica Tourón, opina que ”xestionar todas as posibles vías de financiamento para acadar para Salceda infraestruturas vitais é fundamental dada a capacidade limitada de recursos que posúen os concellos para levar a cabo estes grandes proxectos”.

Estes fondos europeos forman parte da compoñente 26 do PRTR destinado ao Fomento do Sector do Deporte e serán regulados por unha orde de subvención que nas próximas semanas publicarase no BOE por parte do Consello Superior de Deportes do goberno de España.

O obxectivo fundamental da Concellería de Deportes, que dirixe Rubén González, é realizar a presentación para esta subvención do goberno de España destinada ao financiamento de infraestruturas e dotacións deportivas e poder completar así o proxecto integral do novo pavillón municipal. que na súa primeira fase foi presentado para a solicitude de fondos dentro do Programa PON2030 da Deputación de Pontevedra e que se aprobou no último pleno ordinario celebrado no día de onte.

Rubén González explicou “esta subvención que solicitamos terá como finalidade obter a mellor asistencia técnica para presentarnos a esta importante subvención do goberno de España, que a través desta liña de financiamento nos vai permitir completar esta infraestrutura fundamental”.

Velada de boxeo amateur mañá en Baiona

0

O Club Deportivo Sagabox, en colaboración coa Concellería de Deportes do Concello de Baiona, organiza unha velada de boxeo amateur no pavillón municipal de Baiona mañá sábado, 29 de abril, ás 21:00 horas.

Hai programados toda unha serie de combates de distintos pesos. Todos os combates son a tres asaltos de tres minutos. O prezo das entradas son a doce euros en venda anticipada no  Club Sagabox ou en calquera outro club implicado e un prezo de 15 € en taquilla.

Combates programados

Stiven Cruz (Sagabox) vs David López (Sagabox) en 57 kg

Diego Cao (Rebouras) vs Hasman Tula (La vieja escuela) en 57 kg

Hugo Lourido (Team David Burgos) vs Hugo Rigas (La vieja escuela) en 66 kg

Noé Rodríguez (Sagabox) vs Juan Carlos Areal (Rebouras) en 66 kg

Juan Blanco (Sagabox) vs Adrián Acuña (KB Salceda) en 67 kg

Álex Castro (CKM Mos) vs Jonathan Fontenla (Thunder) en 68 kg

Mario Núñez (Sagabox) vs Martín Iglesias (Turbo) en 71 kg

Alberto Rosales (Sagabox) vs Alexander Yobenko (La vieja escuela) en 75 kg

Ángel Álvarez (KB Salceda) vs Enmanuel Obaseki (Turbo)

Licitadas as obras da PO-400 ao seu paso por Crecente, As Neves e Arbo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme na estrada PO-400 ao paso polos concellos de Arbo, As Neves e Crecente, cun investimento de 3,3 M€.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación destas obras e establece como prazo ata o 24 de maio para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas.

O obxectivo dos traballos é a renovación do firme da calzada nalgúns treitos da estrada PO-400, entre os puntos quilométricos 8+700 e 12+660, ao seu paso polo concello das Neves; do 12+660 ao 17+800 e do 19+300 ao 24+800, en Arbo; e do 24+800 ao 28+000, en Crecente.

As obras, cun prazo de execución de 9 meses, consistirán no fresado e reposición do firme das zonas localizadas que se atopen deterioradas e no recrecido nalgúns treitos.

Tamén se levará a cabo o acondicionamento das interseccións arredor dos quilómetros 13+900 e 17+500, coa incorporación dun carril central para facilitar os desvíos.

Acometerase, ademais, a reparación puntual da sección transversal en distintos puntos para mellorar a capacidade de drenaxe.

Por último, procederase á reposición das marcas viarias, símbolos e cebreados en todo o treito da actuación e á colocación de captafaros.

O programa de emprego de Tui acada uns resultados moi favorables de inserción laboral

0

Corenta e unha das cen persoas que están a participar no Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui lograron a súa inserción laboral dende o mes de xaneiro.

Deste total, once persoas usuarias do Programa Integrado de Emprego e do Servizo de Orientación Laboral do Concello de Tui veñen de ser contratadas pola empresa PEPCO para a nova tenda que abriu hoxe no municipio. 

O pasado mes de marzo, tras a solicitude realizada por PEPCO en colaboración do Servizo Público de Emprego de Tui, levouse a cabo o proceso de selección de persoal para o novo establecemento da marca. Co obxectivo de cualificar as persoas participantes nese proceso selectivo e impulsar así as súas candidaturas o Programa Integrado de Emprego adiantou a celebración do curso de “Atención ao cliente” previsto no seu programa formativo. Das doce persoas contratadas para o novo establecemento ubicado en Tui 11 eran usuarias dos servizos municipais de emprego.

Por este motivo dende o Programa Integrado de Emprego amosan a súa satisfacción por ter logrado este elevado índice de contratación.  Estes feitos dan folgos ás persoas que continúan a mellorar a súa empregabilidade participando nesta acción, e que grazas as accións que se están a desenvolver ven incrementar de xeito real as súas oportunidade de acceso ao mercado laboral.

Dende xaneiro deste ano o Programa Integrado de Emprego de Tui ten impartido 26 accións formativas en competencias dixitais, coaching, preparación de entrevistas, atención ao cliente, manipulación de alimentos. Amais teñen realizado entrevistas personalizadas de orientación ás 100 persoas participantes no Programa. Neste tempo estableceron convenios de prácticas en tres empresas, teñen realizado labores de prospección e intermediación nunha trintena de empresas, e tramitando máis de 150 ofertas.

A Coral O Son dos Cantares organiza o seu XIV Concerto de Corais

0

O Centro Dotacional de Torroso –  Mos (Pontevedra), acollerá, o vindeiro domingo, 30 de abril ás 17.00 horas, o XIV Concerto de Corais O Son dos Cantares.

Ademais da anfitriona coral mosense, O Son dos Cantares, actuarán: a Coral Polifónica de Salcedo (Pontevedra), Coral Polifónica Voces de Sta. Eulalia de Dena (Meaño), Coro Ecos do Castelo (Nigrán-Pontevedra) e a Coral Polifónica de Illa de Arousa (Pontevedra)

A entrada será libre e de balde ata completar o aforo. O concerto será unha gran oportunidade para todos amantes do canto coral, que poderán gozar dunha agradable tarde amenizada musicalmente por grandes agrupacións corais galegas.

Areeiro recomenda renovar o tratamento nas viñas contra o mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda realizar unha nova intervención nas viñas contra o mildio. Tamén advirte da aparición dos primeiros síntomas de black rot, así como de enfermidades de madeira. Ademais, constata a presenza xeral de síntomas de erinose, así como caracois nalgúns predios, se ben o crecemento dos gromos fai que os signos da súas alimentación non sexan graves.

Segundo sinala, as precipitacións caídas na fin de semana e a principios da semana, as temperaturas nocturnas suaves e a elevada humidade relativa fan que as condicións sexan favorables ás infeccións por mildio, e en todas as viñas revisadas se aprecian manchas que non están ben controladas, independentemente do tempo transcorrido desde o tratamento anterior e o funxicida empregado. Ademais, destacan que en varias apareceu algunha mancha nova moi incipiente e pouco visible, así como os primeiros síntomas en viñas que, ata o momento, eran asintomáticas e, timidamente, nalgunhas das plantas de variedades pouco sensibles.

Por iso, ante as condicións meteorolóxicas inestables que se prevé se manteñan a curto prazo, con posibilidade dalgunha precipitación, aínda que escasa, e as temperaturas mínimas altas en xeral, e ante a situación observada nas viñas e o estado fenolóxico sensible das plantas, recoméndase renovar as intervencións, empregando preferiblemente un funxicida cun modo de accións diferente aos aplicados con anterioridade.

A climatoloxía favorece a presenza de caracois
Planta con síntomas da enfermidade da madeira

Por outra banda, o persoal do centro advirte da presenza de black rot e da enfermidade de madeira en varias viñas. Ademais, é bastante xeral a presenza de síntomas de erinose, así como caracois nalgúns predios, se ben o crecemento dos gromos fai que os signos da súas alimentación non sexan graves. En canto á avelaíña da maceira, o aviso fitopatolóxico sinala que esta semana non se recolleu ningún adulto na trampa que está instalada nas maceiras de Areeiro, máis lembra que o máis conveniente é instalar unha trampa en cada predio, co fin de mellor así a xestión da praga. Por último, no que respecta ao buxo, ao longo desta semana xa non se atoparon eirugas nas sebes que están baixo vixilancia e si crisálidas. Porén, o persoal de Areeiro advirte que noutras zonas con climatoloxía máis fresca aínda poden quedar eirugas e ser necesario un tratamento.

O Rally Rías Baixas volve, un ano máis, ao Covelo

0

O emblemático Rally Rías Baixas volve fixarse no concello de Covelo e inclúe na súa proba un tramo  con saída nos muíños de Portafurado, en Barcia de Mera. Por este motivo, o alcalde de Covelo, Pablo Castillo; reuníuse co presidente da Escudería Rías Baixas, Fernando Mouriño: e coa responsable de Protección Civil en Covelo, Mónica Oliveira; para revisar as necesidades e ultimar detalles co obxectivo de que todas as afeccionadas e afeccionados gocen dunha xornada deportiva segura e satisfactoria.

O venres 26 de maio o tramo cronometrado TC 1-3 será testumuña da 56 edición do Rally Rías Baixas pertencente á Copa de España de rallys de asfalto. A primeira pasada será ás 18:12 minutos e a segunda ás 20:58. A hora de peche do tramo ao tráfico será ás 16:42, momento a partir do que tan só os vehículos da organización e da Garda Civil de Tráfico poden acceder no sentido de circulación do tramo. A organización lembra que entre a primeira pasada e a segunda non se permitirá o acceso ao tramo de vehículos do público dende o exterior do mesmo.

O rexedor de Covelo facilitou á organización todas os recursos materiais solicitados e amosou a súa satisfacción por volver acoller unha nova edición que, unha vez máis, elixe a estrada PO-9204 para ofrecer este espectáculo de destreza ao volante.

A agrupación de Protección Civil e a escudería Rías Baixas solicitan a colaboración de toda a veciñanza no cumprimento das normas e recordan que non é preciso exporse nin elexir ubicacións arriscadas para poder gozar dos mellores momentos.

Fernando Mouriño trasladou ao alcalde e á presidenta de Protección Civil o seu agradecemento, “organizar probas deste nivel non é doado por iso é imprescindible a colaboración de Concellos, voluntarios, Garda Civil de Tráfico, Deputación, Proteción Civil, pilotos e afeccionados. É un pracer volver a Covelo e non só polas facilidades, tamén pola paisaxe e o xogo que dan os tramos das súas estradas”.

Ponteareas recupera a romaría da Picaraña

A romaría da Picaraña volve esta fin de semana a Ponteareas recuperando tradicións que non se celebraban dende a pandemia: as andainas dende as parroquias. Estes roteiros serán unhas das actividades que se incluirán no programa de actividades dunha edición chea de opcións e diversión para todos os públicos nunha das celebracións da vila que conta cunha maior participación de veciños e veciñas de todas as idades.

O Concello organiza estas dúas xornadas de lecer  en colaboración coas comunidades de montes de Ponteareas e Arcos; coas asociacións culturais de Arcos, Prado e da Casa Cultural de Bugarín; coa asociacións veciñais de Arcos e Canedo; con Os Caminhantes do Condado e con Ekohuerta.

O programa arrancará o domingo 30 de abril pola tarde cunha actividade d escalada en roca no rocódromo da Picaraña ás 17.30 h e cunha ruta ambiental a partir das 19.30 horas coa que afinar os sentidos e descubrir os segredos da Picaraña. O punto de encontro para esta andaina de dificultade media-alta será o Merendeiro das Chans. Xa ás 22.00 horas comezará o serán.

Seguindo a tradición, mozos e mozas poderán acampar durante a noite de forma totalmente gratuíta no recinto do albergue xuvenil da Picaraña, propiedade municipal. Para poder facelo será obrigatoria a inscrición na Biblioteca Municipal e a aceptación das normas de acampada.

A festa prolongarase durante toda a xornada do luns 1 de maio. O día comezará con andainas dende as casas culturais de Arcos e Prado ás 11.30 horas, dende o parque Luís Pardo de Canedo ás 11.00 h e dende a Tapería A Chan de Bugarín ás 11.30 horas.

Por outra banda, Os Caminhantes do Condado organizan unha nova ‘Subida á Picaraña’, que se poderá realizar correndo ou andando. A proba sairá ás 10:00 horas dende o Complexo Deportivo Álvaro Pino e terá un custo de 2 euros por persoa e será necesaria inscrición previa. As persoas interesadas en participar poden atopar máis información sobre a subida e o formulario de inscrición aquí.

Tras os roteiros as e os participantes poderán repoñer forzas no xantar popular, no que haberá polbeiro e postos de gastronomía.

Durante a xornada tamén haberá animación musical e o público poderá mercar unha ampla gama de produtos no mercado agro-ecolóxico. Xa a partir das 16.30 horas haberá xogos tradicionais, populares e deportivos para todas as idades.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, anima a toda a veciñanza a gozar destes dous días de lecer nun espazo natural como o da Picaraña e a acudir vestido de romeiro ou romeira do século XIX e traer diferentes instrumentos musicais para facer da romaría unha festa única.

Contacontos en Redondela da man de Raquel Queizás

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Normalización Lingüística, ofrece unha actividade en colaboración coa recoñecida contadora de contos infantil Raquel Queizás.

Raquel Queizás  trae unha nova proposta a Redondela. Desta vez vai descubrir, a través da investigación e das pistas, un personaxe histórico de Galicia: Antolín Faraldo. Esta actividade, que terá lugar no Multiusos Da Xunqueira o sábado 29 ás 12:00h con entrada de balde, está dirixida a público infantil a partir dos 6 anos pero tamén ao público adulto que teña interese en descubirir feitos e curiosidades sorprendentes do escritor e xornalista galego e do propio pasado de Galicia.

“A proposta, organizada polo SNL, quere desta achegar de maneira didáctica e divertida un anaco da memoria galega”, conclúe a alcaldesa e directora da Concellería organizadora Digna Rivas.

Sabarís énchese de arte ata mediados de maio

0

Desde este sábado, 29 de abril,  e ata ao 14 de maio, durante quince días, Sabarís transfórmase nunha gran galería de arte. Máis de 500 obras de 50 artistas encherán de cor e maestría as rúas desta singular zona baionesa. Dos 50 artistas participantes na XV edición do Mercado de Arte de Sabarís, dez expoñerán unha mostra da súa obra nos escaparates dos negocios.

Un plano mostrará a roteiro da arte en Sabarís que se poderá visitar a calquera hora do día.

Do 12 ao 14 de maio completarase esta gran exposición no Multiusos Mercado de Sabarís onde estarán o resto dos artistas mostrando as súas obras.

Así mesmo, tras o éxito da posta en marcha por primeira vez do I Certame de Pintura Rápida ao aire libre en Sabarís “Chicho Solveira”, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA) e  a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) volven convocar este certame,  co que lembran a figura deste  veciño de Sabarís,”Chico Solveira”,  gran amante da pintura. O certame, que se celebrará o vindeiro domingo 14 de maio nas rúas deste lugar, tamén ten como obxectivo fomentar e espertar a creatividade artística a través da pintura.

A temática versará sobre Sabarís en toda a súa extensión, deixando liberdade aos autores en canto a técnica e estilo. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural. Non se permitirá o uso de fotografías, computadores, cámaras medios ou materiais gráficos.

O concurso está aberto a todos os artistas que o desexen. A inscrición para participar na iniciativa deben facerse a través de correo electrónico escribindo á  dirección: [email protected]. O prazo permanecerá aberto ata o día 12 de maio de 2023, inclusive.

Cada artista só poderá presentar unha obra e non poderá asinala ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado.

Estos días también estén programadas varias actividades entre as que se atopan:

– Exposición: A MOVIDA VIGUESA, Explosión e creatividade con obras de Pedro Sardiña, Victor das Heras e textos de Emilio Alonso.

– Conferencia BOTTO:NFs, Intelixencia artificial e comunidade, por Agustín Jamardo URBAN SKETCHERS, convocatoria a debuxantes.

Premios II Certame de Pintura Rápida ao aire libre en Sabarís “Chicho Solveira”

Establecéronse dous premios de 800€  e 400€ para o primeiro e o segundo  clasificados, respectivamente. Ademais, hai un Premio Especial categoría de 11 a 16 anos, para o mellor artista xuvenil, e outro premio á categoría infantil de 4 a 10 anos, consistentes nun diploma e en materiais de pintura, libros, didáctico.

Presentación obras  II Certame de Pintura Rápida ao aire libre en Sabarís “Chicho Solveira”

Cada participante levará o material que considere necesario para desenvolver o seu traballo, incluído o caballate onde se expoñerá a súa obra.

O soporte presentarase o día do certame 14 de maio de 9:00 a 10:30 horas no Mercado de Arte de Sabarís (Multiusos Mercado de Sabarís, Praza Vitoria Cadavak, s/n), para ser selado. As medidas deste non poderán superar os 120 cm no seu lado maior e non poderán ser inferiores a 50 cm no máis pequeno. As medidas da categoría infantil son libres.

O tempo para presentar as obras será ata as 18:00 h e realizarase nas oficinas do Mercado de Arte de Sabarís.

O ditame do xurado coñecerase o mesmo día ás 20:00 h. As obras non premiadas estarán ao dispor dos autores para partir do ditame dos especialistas. O xurado que avalía as obras estará composto por profesionais das artes plásticas. As obras premiadas pasarán a ser propiedade de COEMSA, así como os dereitos de reprodución.

Esta actividade encádrase dentro da programación do XV Mercado de Arte que se celebrará os próximos 12,13,14 de maio no Multiusos Mercado de Sabarís en horario de 11:00 a 21:00 horas.

Aberta a inscrición para as probas do conservatorio de Ponteareas

O Conservatorio e Escola de Música de Ponteareas quenta motores para o vindeiro curso 2023/2024. As persoas interesadas en desenvolver as súas inquietudes musicais terán ata o vindeiro 5 de maio para inscribirse nas probas de acceso que se convocan para o ensino musical elemental, que conta cun total de 44 prazas vacantes, como para o profesional, con 29 prazas dispoñíbeis.

Aínda que a idade mínima para acceder a estes estudos oficiais no primeiro curso de ensinos elementais é de 8 anos cumpridos neste 2023, no Conservatorio ponteareán os rapaces e rapazas poden iniciarse na música xa dende os 6 anos grazas á Escola de Música, dirixida por Francisco Abal.

Tras rematar o prazo de inscrición, as probas específicas realizaranse do 23 ao 25 de maio no caso do ensino profesional e os días 28 e 29 no caso do elemental. O vindeiro 31 de maio publicarase o resultado das probas específicas de acceso e do 13 ao 30 de xuño estará aberto o período de matrícula.

As persoas interesadas poderán consultar toda a información sobre a inscrición, as probas e as datas na páxina web do centro. Deberá acudirse ao centro con cita previa para validar a documentación, que se deberá presentar a través de rexistro xeral do Concello de Ponteareas para posteriormente pagar a taxa de exame nos prazos establecidos.

A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández, anima a todas e todos os ponteareáns con inquedanzas musicais a participar nestas probas de acceso ao Conservatorio e Escola de Música de Ponteareas, “que ofrece unha formación de calidade, con profesorado experto e un plan de estudos que permite ao alumnado desenvolver as súas habilidades e talentos”.

Tomiño inicia o seu Camiño de Santiago

0

Tomiño deu este mércores o primeiro paso do seu Camiño de Santiago. Tras un ano de investigación, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira; e o arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron o Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago, unha variante do Camiño de Santiago que pasa polo territorio que recollen xa os arquivos históricos.

“Co arduo traballo feito ata o de agora podemos documentar o paso de peregrinos por Tomiño ao longo dos séculos. Por iso hoxe iniciamos esta camiñada que non vai ser pequena, que vai levar tempo, pero rematará con éxito co recoñecemento oficial desta variante”, salientou a rexedora.

Unha proposta de nova variante de Camiño a Compostela realizada que fortalece a identidade transfronteiriza e permite tender novas pontes de amizade entre Galicia e Portugal, xa que comeza en Barcelos, segue por Viana do Castelo e Cerveira e cruza a Tomiño para continuar por Gondomar, Vigo e Redondela ata Vilavella, onde se funde co Camiño Central a Santiago. “É unha andaina que comezamos con moitas ganas dende o Concello de Tomiño e á que foron sumándose con ilusión a Eurocidade Cerveira-Tomiño e os concellos polos que pasa o trazado”, recalcou Sandra González.

Un entusiasmo que tamén destacou o alcalde de Cerveira, Rui Teixeira, para quen “esta nova variante reafirma o proxecto de Eurocidade e a nosa relación histórica de traballo e amizade. Seguimos cimentando unha relación con Galicia que é moi importante para nós e pensamos que o que estamos a dar hoxe será o primeiro paso de centos de quilómetros camiñando xuntas e xuntos por este proxecto”.

Un traballo conxunto que tamén quixo poñer en valor o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, para quen esa unidade “é fundamental para ser imparables e conseguir o recoñecemento por primeira vez desta variante do Camiño de Santiago”. Pola súa banda, a concelleira de Turismo de Redondela, María Castro, amosou a ledicia do concello redondelán de sumarse a este novo proxecto, “porque sabemos que o camiño é un gran tractor para a economía e o turismo de calidade”. O acto celebrado no salónde plenos do Concello contou coa presenza da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e de autoridades e representantes do tecido asociativo e hostaleiro da comarca.

A investigación documenta o paso de peregrinos e peregrinas por Tomiño cara a Santiago dende polo menos 1295, ano do que data a referencia máis antiga coñecida. Como sinalou o investigador, Antonio Soliño, o xermolo do paso do Camiño por territorio tomiñés está na vila da Barca, “hoxe xa desaparecida situada no actual Goián, topónimo que certifica que era un dos pasos importantes do Miño”. E se algo caracteriza á variante tomiñesa é “o alto valor do patrimonio construído pola arquitectura de orixe medieval e barroca, pero sobre todo pola súa arquitectura militar e polo elevado número de elementos etnográficos, especialmente polos cañizos, cruceiros e petos de ánimas, algúns deles con moita importancia histórica”. O estudo realizado se presentará ao Xacobeo e a Turismo de Galicia para propoñer a oficialización desta nova variante do Camiño de Santiago. Ademais, toda a investigación se recollerá nun libro que será presentado en breve e posto a disposición da veciñanza.

Rematados os traballos de diagnose do Templo Votico de Panxón, que rehabilitarase este ano

0

A Xunta de Galicia culminou os traballos de análise e diagnose das patoloxías presentes no Templo Votivo de Panxón, o que permitirá contratar as obras de rehabilitación este ano. Así o explicou a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, no Parlamento de Galicia, onde respondeu unha pregunta sobre o estado dos estudos neste templo.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades referiuse ao “gran valor histórico e artístico” deste monumento do arquitecto Antonio Palacios que require de “análises minuciosas que permitan conservar e restaurar o templo co maior respecto posible á súa materialidade construtiva, así como á obra e a memoria das persoas que o promoveron, deseñaron e participaron na súa construción”.

“Ningún dos estudos realizados anteriormente foron quen de determinar con exactitude a causa que provocaba o dano nas vidrieiras, nin a forma axeitada para resolvelo e protexelo. Non era posible realizar propostas con solucións que supoñían unha completa alteración da obra, como facía algún proxecto anterior, construíndo unhas vidreiras completamente novas”, expuxo. Por iso, co informe xa culminado da Dirección Xeral, “o obxectivo é conservar o monumento co maior respecto posible”, declarou.

Visitas de campo

Neste sentido recordou que a Xunta leva anos estudando e traballando “con rigor” para diagnosticar os problemas do templo e os motivos e axentes que causan o deterioro. Durante o ano 2022, ademais de solicitar a opinión e asesoramento da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, quen achegou un informe coa súa proposta de criterios para a restauración, a Xunta encargou tamén a realización dunha toma de datos gráficos e construtivos sobre o monumento.

Fixéronse distintas visitas de campo e un traballo técnico especializado a cargo de equipos formados por arquitectos, asesores especialistas en conservación e restauración de bens culturais, expertos en topografía, delineación, análise e caracterización de materiais e a monitorización de fábricas e edificios históricos, que xa están culminados. Estas traballos permitirán a redacción do proxecto e a licitación e contratación das obras de rehabilitación do Templo Votivo de Panxón este ano.

A III Liga Territorial de Saltos trae o domingo a Mos o Trofeo Xunta de Galicia de Hípica

0

Onte presentouse no salón de sesións do Concello de Mos, o Trofeo Xunta de Galicia de Hípica Xogade 2023 da III Liga Territorial de Saltos, do que Mos será sede este vindeiro domingo.

Deste xeito o Club Hípico JC de Mos será a sede da terceira Liga Xogade de Saltos de Obstáculos 2023 o próximo domingo 30 de abril.

Asistiron á presentación de hoxe no Concello a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes mosense, José Areal, o Vicepresidente da Federación Galega de Hípica, Gonzalo Autran Castel, José Manuel Freire Piñeiro, Coordinador de Deporte Escolar da Xunta de Galicia e representantes do mosense Club Hípico JC.

O vindeiro domingo o evento hípico, no que se prevé unha participación de sobre 150 deportistas e os seus cabalos, dará comezo sobre ás 10:00 horas. E contará coas seguintes modalidades: 0.30, 0.50, ponis (A-B-C), 0.80, 1.00 e 1.20.

O horario será ininterrompido de 10 a 18.30 horas e daranse cita máis de 130 saídas a pista nas distintas probas.

Os 80 mellores nadadores de toda Galicia enfróntanse en Ponteareas

Unha competición coas e cos mellores entre os mellores. Así será o Campionato Norte-Sur de natación, que disputará este sábado 29 de abril a súa segunda edición e reunirá na piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino ás e aos 80 mellores nadadores de Galicia, 40 da zona norte e 40 da sur. O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, e o director técnico do Club Natación Ponteareas, Andrés Carrera, presentaron esta nova competición nun acto no que estiveron acompañados polo deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; polo xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; polo director técnico da Federación Galega de Natación, Daniel Toro, e por membros e patrocinadores do club deportivo.

Bouzó resaltou a importancia de traer a Ponteareas unha competición tan diferente, que se suma “á ampla programación de eventos e iniciativas que está a desenvolver o CN Ponteareas e que amosa a capacidade do club para renovarse. Todo un camiño de éxitos que é froito do traballo e do esforzo que realiza o club a todos os niveis”.  O concelleiro tamén destacou “as importantes sinerxías que estes eventos crean entre deporte, turismo, comercio e hostalaría, xa que contribúen a facer de Ponteareas unha vila viva e dinámica”.

O público poderá gozar da competición a partir das 10.30 h de forma presencial “case a pé de piscina” ou por streaming a través da canle de Youtube do Club Natación Ponteareas. “Será unha competición moi relevante pola calidade das e dos participantes, que estamos seguros e seguras de que darán un verdadeiro espectáculo”, explicou Andrés Carrera, quen tamén presentou durante o acto a revista do club ponteareán, unha nova ferramenta de divulgación que recolle todo o traballo realizado e dos éxitos acadados ao longo da tempada.

O deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, quixo felicitar ao CN Ponteareas por todos os eventos feitos ata o de agora “e que farán ao longo dos anos, cos que apostan por dinamizar e poñer en valor o deporte”. Pola súa banda, Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, recoñeceu o esforzo realizado polo club para estender a natación por todos os recunchos.

O director ténico da Federación Galega de Natación, Daniel Toro, convidou a todo o público a achegarse este sábado ao Complexo Deportivo Álvaro Pino “para gozar dun campionato moi atractivo e pouco habitual” e felicitou ao CN Ponteareas a ao Concello pola constante colaboración para poder seguir realizando este tipo de iniciativas hoxe en día.

Redondela presenta a segunda edición de “Memoria da Estirpe”

0

‘Memoria da Estirpe’ é un proxecto promovido polo Servizo de Normalización Lingüística dependente da Concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas que busca recuperar, conservar e poñer en valor o patimonio oral do municipio. Trátase dun ambicioso plan de traballo co que se pretenden custodiar unha parte importante da historia de Redondela. Esta iniciativa diríxese aos centros de día para que as persoas usuarias participen cedendo como legado a súa vida e experiencias.

O pasado 18 de abril celebrouse unha xuntanza nas dependencias municipais para retomar o proxecto de “Memoria da estirpe”. Na reunión estiveron presentes o director do Centro de Día Os Cortizos, a responsable da execución do proxecto, Rocío Marín directoria de Mekané Didáccti, e a Alcaldesa, Digna Rivas. Durante este encontro púxose en valor a experiencia do pasado ano no Centro de Día de Cesantes, que tivo tan bos e frutíferos resultado. Neste sentido, o proxecto agora continúa nos Cortizos co mesmo obxectivo de recuperar léxico, toponimia, fotografía antiga, coplas populares e datos antropolóxicos referidos á vida na infancia ou laboral, entre outras cusas. Por tanto, segundo a rexedora local, “a continuación deste proxecto supón un xeito de consolidar unha iniciativa sen comparación en Galicia e que presenta ambiciosos obxectivos. Por un lado, concienciar ao pobo da importancia da memoria popular, do que fomos e dos esforzos que se fixeron noutrora; pero tamén supón fornecer do xusto protagonismo as persoas maiores que levan consigo historias verdadeiramente incríbles e que acumulan unha sabedoría oral que está en perigo con cada morte”.

O Concello de Redondela, a través do seu Servizo de Normalización, afiánza un punto de referencia en canto ao traballo cos centros de días e a participación das persoas maiores como suxeitos protagonistas da historia. Digna Rivas, sinalou que “todas estas persoas compoñen anaquiños da historia local de Redondela. É fundamental conservala. Por iso este proxecto é fundamental para que Redondela garde e custodide este saber popular e que as vindeiras xeracións coñezan o pasado e comprendan ou valoren os esforzos que se fixeron”. Por outra parte, a rexedora  indicou que “a experiencia do pasado ano en Cesantes revelou datos moi importantes. Por exemplo, en cuestións sobre o traballo dos carpinteiros de ribeira en Cesantes ou a memoria das mulleres que vivían na casa situacións difíciles sen que tivesen nin tempo para queixarse”.

Finamente, dende o Concello queren diríxirse á Xunta de Galicia denunciando que “o pasado ano enviamos unha solicitude de reunión coa Consellaría de Política Social. Queríamos presentarlles este proxecto porque cremos que pode ser útil e moi necesario para a cultura galega. Ademais, é unha forma de xuntar moitísimos testemuños que comporían unha imaxe da Galicia que se está indo. De maneira lamentable, a Xunta non respondeu nin tan sequera á nosa solicitude demostrando así que existen concellos con liña directa en San Caetano e concellos en listas de espera”.

«A memoria da estirpe» divídese en cinco grandes áreas de traballo: antropoloxía, toponimia, memoria fotográfica, léxico e música. A través de entrevistas individualizadas coas persoas maiores e contando previamente cos permisos tanto da persoa en si como das súas familias, así como coa colaboración do propio centro, vaise recollendo unha información de enorme interese. Porque a Galicia de hai medio século cambiou radicalmente á que hoxe coñecemos. Por iso, dende o SNL de Redondela, rexistrouse esta iniciativa pioneira co propósito de non perder todo este acervo cultural.

O proxecto comezou a executarse ao longo do verán de 2022 no Centro de Día de Cesantes e continuará noutros centros de día de Redondela para, dese xeito, seguir ampliando este tesouro patrimonial.

O Porriño acerca a figura de Castelao aos máis cativos

A figura capital da historia das artes en Galicia, Castelao, chega ao Porriño cunha proposta escénica para a infancia. A compañía Culturactiva Produccións, a través da Xunta de Galicia e o Concello do Porriño, trae este venres ao Porriño a súa obra de teatro infantil e familiar “Castelao”.

A obra, cun texto de Paula Carballeira coa dirección de Fina Calleja e Mónica Camaño e Cris Collazo en escena, presenta a un Castelao de 8 anos na súa vila natal. Divertido, feliz, alegre e aventureiro, buscando en todo momento a identificación do público con el.

Unha montaxe de ritmo trepidante. A tensión dramática desta peza cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara a Arxentina de Castelao e a súa nai. E mesmo antes, da man de Baltasara, comezará un percorrido trepidante coa urxencia que a inmediatez da partida garante. Queda pouco tempo, as horas antes de embarcar escorregan entre os dedos e a ausencia do neno da casa familiar faráse notoria para Xoaquina.

O GDR Condado Paradanta afonda na transición enerxética mañá, en Covelo

0

O Concello de Covelo acolle mañá venres día 28 unha das xornadas do ciclo “GDR Condado-Paradanta: A transición enerxética no Condado Paradanta”, así o traslada o alcalde de Covelo e presidente deste GDR, Pablo Castilllo.

O auditorio municipal abrirá as súas portas para recibir aos expertos Manolo Docampo, Doutor en Socioloxía e profesor da Universidade de Santiago de Compostela; Xavier Simón, Doutor en Economía, profesor da Universidade de Vigo e director do Observatorio Eólico de Galicia; Raquel Novoa, presidenta da comunidade enerxética de Liñares en As Neves e Bruno Dutto, técnico da comunidade enerxética de Tameiga, en Mos.

A partir das 19:30 e moderado polo xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González, abrirase un coloquio no que as e os expertos explicarán que é unha transición enerxética e como debería ser.

Esta xornada forma parte do ciclo que o GDR comarcal está realizando ao longo dos concellos dentro da súa estratexia “Pensa, Actúa e Constrúe Territorio” co obxectivo de ofrecer información á veciñanza para un mellor aproveitamento dos recursos locais a través de accións sostibles tanto medioambientalmente como económica e socialmente.

“Las chicas nuevas 24 horas” de Mabel Lozano achega á Guarda a realidade da trata de mulleres e nenas

0

A exposición “Chicas nuevas 24 horas” que denuncia a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual continuará o seu percorrido pola comunidade autónoma ata maio, promovida polo Ministerio de Emprego e Promoción da Igualdade.

Dende novembro, a mostra percorre distintos concellos e institutos galegos para levar a queixa necesaria sobre a compravenda de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. Unha actividade enmarcada dentro das realizadas pola Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero, no marco do Convenio de Colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincia de Galicia e impulsada pola Secretaria Xeral da Igualdade Xunta de Galicia.

Na súa estadía na Guarda, dende o venres 28 de abril ata o 10 de maio, esta exposición contará con actividades paralelas co alumnado do IES A Sangriña, proxectándose o xoves día 4 de maio ás 20:30h o documental na Casa dos Alonso, dirixido a público xeral.

Unha exposición composta por fotografías, a proxección do documental Chicas nuevas 24 horas dirixida e con guión de Mabel Lozano e un traballo interactivo co alumnado. Nela dan a coñecer as vivencias e situacións de diversas mulleres e nenas que dende localidades como España, Arxentina, Perú, Colombia ou Paraguai dan o seu testemuño sobre esta lacra social.

Un traballo global sobre a trata que denuncia o día a día escuro no que millóns de mulleres viven no mundo por culpa das mafias, dos proxenetas, destapando a realidade da prostitución exercida dende a escravitude, sempre baixo enganos, extorsións, débedas e ameazas. Un negocio que xera beneficios de 32.000 millóns de dólares ao ano.

A mostra inclúe actividades complementarias de carácter social, didáctico e formativo e centradas en dous piares básicos: a prevención e a sensibilización. O obxectivo final é conseguir a implicación da mocidade na erradicación deste negocio, un fin que é máis factible de acadar cunha menor demanda xunto co compromiso e a responsabilidade social.

O documental

O documental “Chicas nuevas 24 horas” é unha viaxe aos entresijos dunha realidade presente pero sempre oculta, cuxa proxección pretende xerar unha sociedade máis concienciada, que se converterá na mellor ferramenta para facer desaparecer esta forma de escravitude de mulleres e nenas.

Cada día é importante para construír a igualdade e o 8 de marzo tamén alzamos a nosa voz contra a trata como unha das formas de violencia máis profundas que sofren as mulleres e as nenas.

Co obxectivo de xerar preguntas e atopar respostas, que fomenten a concienciación para acabar con esta lacra, os visitantes poden percorrer o espazo expositivo coas imaxes e a proxección do documental que fai sentir ao alumnado durante dúas horas e media achegarse a esta realidade. Unha obra que conta co apoio promocional da Fundación Cepaim.

Baiona abrirá mañá o prazo de inscrición na Escola de Verán

0

Imaxe de arquivo da Escola de Verán 2022

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona abre mañá, 28 de abril, o prazo para solicitar praza para participar na Escola de Verán 2023.

A actividade está dirixida a nenos nados entre o ano 2011 e 2019. Ademáis deberá acreditarse unha das seguintes circunstancias: Un dos proxenitores (pais/titor) debe estar empadroado no municipio con data anterior a esta convocatoria (non e necesario acreditalo, o Concello de Baiona verificará que o pai ou a nai dos menores estén empadroados no municipio); que o neno para o que se solicite praza esté escolarizado no curso escolar 2022-2023 nun centro educativo do municipio ou que o pai/titor do menor para o que se solicita praza traballe ou posúa un negocio en Baiona. En caso de familias monoparentais deberá traballar o pai/titor que estea a cargo do menor.

O programa desenvolverase ao longo do mes de xullo, de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas no CPI Covaterreña e no CEP de Sabarís, salvo festivos. Haberá flexibilidade no horario de entrada (de 8:00 a 9:00 h) e no horario de saída (de 14:00 a 15:00 h) sempre que se sinale na solicitude.

A Escola de Verán 2023 do Concello de Baiona é un programa que ten como obxectivo xeral “facilitar ás familias do municipio un recurso para conciliar a vida laboral, persoal e familiar, establecendo un servizo sociocomunitario que mellore a calidade de vida do territorio, potenciando ademais a optimización de recursos a través da utilización dos centros educativos municipais fóra do horario lectivo”.

As persoas interesadas en participar na convocatoria deberán presentar a solicitude de inscrición (Anexo I) debidamente cumprimentada e asinada, xunto coa documentación requirida de acordo co artigo 12, no rexistro de entrada do Concello de Baiona de luns a venres en horario de mañá, , ou a través da sede electrónica do  Concello de Baiona, O prazo para presentar a solicitude é   dende o venres 28 de abril ata o martes 16 de maio ámbolos dous incluídos. No caso de solicitudes presentadas pola Sede Electrónica, éstas poderán presentarse en calquera hora ou día durante a vixencia do prazo de solicitudes ata o martes 16 de maio ás 14:00 horas.

O programa é cofinanciado polas familias participantes, polo Concello de Baiona e pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2023 (Liña 2).

A reelección como alcalde do Porriño, obxectivo de Alejandro Lorenzo

O candidato á Alcaldía do Porriño, Alejandro Lorenzo, desvelou hoxe a totalidade da lista que o acompañará de cara as eleccións do vindeiro 28 de maio. Tras 15 meses de goberno, Lorenzo aposta por manter o mesmo equipo e reforzalo con perfís de recoñecida solvencia. “Unha candidatura que ofrece experiencia e resultados”, apuntou o candidato.

Así, as sete concelleiras e concelleiros que conforman o actual Goberno Municipal mantéñense en postos de saída. Como xa adiantamos, o avogado Carlos Martínez incorpórase como número dous da candidatura, seguido de Carolina González –profesora no CEIP P. De Atios e actual concelleira de Educación, Igualdade, Sanidade, UNED e Proxectos Europeos–, Antía Carrera –licenciada en Dereito e concelleira de Urbanismo, Medio Ambiente, Patrimonio, Atención Cidadá e Comercio– e Abel Estévez –presidente do Club Balonmán Porriño e actual concelleiro de Deportes, Seguridade e Benestar social.

Lorenzo mantén tamén a Ramón Porto, empresario do sector do transporte e concelleriro de Vías e Obras; Bienvenido Estévez, delineante proxectista , directivo da AC San Xurxo de Mosende, da AC de Pontellas e concelleiro de Cultura e Novas Tecnoloxías; José Carlos González, traballador da automoción e concelleiro de Parques e Xardíns e Rosario Costas, orientadora laboral e concelleira de Emprego e Formación (número 6, 8, 9 e 10) e suma a Rosa Isabel Alonso, técnico contable e membro da directiva da ANPA do CEIP Cruz Budiño e Marcos Martínez,traballador do sector da construción, membro da CM de Cans e directivo da AC Castelo de Cans, nos postos 7 e 11 respectivamente. Continúa a lista Vanesa Ucha, veciña de Pontellas e operador turístico e Antonio Barros, recoñecido artista veciño do barrio de Carracido e membro da directiva da AV As Mimosas.

“Síntome moi afortunado de contar cun equipo de mulleres e homes que traballan incesantemente polo seu pobo, que demostran cada día unha implicación absoluta co obxectivo que nos une: mellorar O Porriño e a vida da súa xente”, explicou candidato á reelección, “Un equipo capaz, ilusionado e con moitos proxectos a desenvolver nos próximos anos”.

28 persoas compoñen a lista dos populares para este 28M con representación de todas as parroquias do municipio e tamén de todos os sectores. “Un equipo plural, diverso e no que todos os porriñeses e porriñesas se poden ver reflexados e ao que agradezo enormemente o entusiasmo co que traballan para mellorar O Porriño e a confianza que depositan en min para facelo”, concluíu Lorenzo.

A lista presentarase oficialmente mañá xoves, 27 de abril, nun acto que se celebrará a partir das 19:30 h no pavilllón municipal do Porriño e no que participará o presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda.

CANDIDATURA PP O PORRIÑO

  1. Alejandro Lorenzo Alonso
  2. Carlos M. Martínez Nogueira
  3. Carolina González Costas
  4. Antía Rosa Carrera Couselo
  5. Abel Estévez Carrera
  6. Ramón Porto Oya
  7. Rosa Isabel Alonso Romero
  8. Bienvenido Estévez Maceira
  9. José Carlos González Fernández
  10. Ascensión Rosario Costas Táboas
  11. Marcos Martínez Campos
  12. Vanessa Ucha Fernández
  13. Antonio Barros Serodio
  14. María Teresa Veloso Castaño
  15. Bárbara María Troncoso Rodríguez
  16. Ricardo Losada Varela
  17. María Josefa Calvar Miniño
  18. Miguel Ángel Martínez Martínez
  19. Sergio Bugarín Morais
  20. Leticia Pereira Guiadanes
  21. André Vázquez Ribeiro

Suplentes:

  1. Serafín Rodríguez Fernández
  2. Soraya Pérez Rodríguez
  3. Iker Otero Táboas
  4. Pedro Besada Alfaro
  5. Aida Oya Lorenzo
  6. Noelia Castro Rial
  7. Andrés Vieitez Iglesias

Ponteareas dá luz verde ao Ciclo Integral da Auga, que garante investimentos millonarios en saneamento no rural

O pleno aprobou de forma definitiva o anteproxecto de explotación do Ciclo Integral da Auga de Ponteareas para o servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración da vila, unha nova concesión que reportará grandes beneficios para o municipio. “A empresa concesionaria deberá investir en mellorar e ampliar as infraestruturas que, xunto á ampliación da depuradora, permitirán que o saneamento chegue a esas 19 parroquias que aínda non o teñen”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández.

Como recolle o anteproxecto, a concesión será a 20 anos, fronte aos máis de 30 do período anterior e a empresa que acade o contrato deberá pagar un canon de máis de 1,3 millóns de euros, fronte aos 150.000 da concesión anterior. Ademais, un dos aspectos máis importantes da contratación do servizo será que as empresas deberán ofertar investimentos en obras de saneamento e abastecemento no rural por un mínimo de 1,6 millóns e ata un máximo de 7,7 millóns de euros. Na concesión anterior o Concello non recibiu ningún investimento.

O Concello xa ten redactado un plan director de saneamento que determina tecnicamente todo o que hai que facer en cada parroquia que se suma á ampliación da depuradora da Moscadeira co maior investimento económico da historia de Ponteareas, 14 millóns de euros, unha ampliación sen a que a Confederación tiña prohibido facer novas obras de saneamento.

Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade unha modificación do expediente de contratación de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para, entre outras cuestións, modificar a duración do contrato a un ano con posibilidade de prórroga por 12 meses ata un máximo de 4 anos. Ademais, tamén aprobou con todos os votos a favor instar de novo á Xunta de Galicia a poñer en marcha axudas económicas para paliar os danos millonarios causados polas inundacións do pasado Nadal, que afectaron a milleiros de instalacións públicas e privadas.

Nota musical en Tomiño co Concerto de Primavera da Coral Polifónica

0

A Coral Polifónica de Tomiño prepárase para sorprender esta fin de semana ao público co seu tradicional Concerto de Primavera. Este domingo 30 de abril a coral tomiñesa ofrecerá no auditorio municioal de Goián un espectáculo no que todas as persoas asistentes poderán gozar do seu variado repertorio, que inclúe cancións populares e clásicas, así como algunhas pezas contemporáneas.

Baixo a dirección de David González, a Coral Polifónica de Tomiño subirá ao escenario ás 19.00 horas cunha actuación aberta a todos os públicos. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.

A coral tomiñesa comezou a súa andaina no ano 1997 da man de Teresa Clara Iglesias Ramilo e na actualidade está formada por 30 voces mixtas que teñen gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo único. Dende a súa fundación, a agrupación polifónica percorreu as comarcas veciñas, así como moitas outras de toda Galicia, España e Portugal, participando en numerosos intercambios, encontros e concursos.

Tarde de comedia en Prado co grupo de teatro ‘Pedra do Equilibrio’ e o programa Cultura24

O programa Cultura24 regresa de novo esta fin de semana as parroquias de Ponteareas con risas a esgalla. Ao abeiro desta iniciativa, o Concello levará este domingo 30 de abril ao escenario do Centro Cultural de Prado a obra ‘Ladrillos’, un novo enredo cómico co que o grupo de teatro ‘Pedra do Eequilibrio’ fará gozar ao público.

Unha tarde de lecer e diversión para todas as idades que comezará ás 20.00 horas. Como en todas as actuación do programa Cultura24, a entrada será totalmente de balde ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a achegarse a Prado “para pasar un rato de lecer e gozar da programación do Cultura24, un programa que busca ofrecer a todas e todos os ponteareáns un amplo abano de actuacións gratuítas que permiten tamén dinamizar as nosas 24 parroquias, dar visibilidade ás agrupacións musicais, teatrais e culturais da vila e promocionar todo tipo de arte”.

Tui acolle hoxe a presentación do libro ‘Tierra de leyenda: el legado de Breogán” de Samuel Ferro

0

Hoxe xoves, 27 de abril, ás 20 h, na Sala Municipal de Exposicións no edificio Francisco Sánchez terá lugar a presentación do libro “Tierra de leyenda: el legado de Breogán” do escritor Samuel Ferro. Trátase dunha novela histórica cuxa trama esta centrada na nosa cidade e doutras localidades do Baixo Miño e sur da actual provincia de Pontevedra no ano 1351.

Samuel Ferro sinala que se trata dunha novela de ficción histórica cun toque de lenda. Está protagonizada por Martín, un mozo sumido na dura vida medieval, que se ve obrigado a sobrevivir fóra da lei. O libro permite mergullarse en distintos lugares do sur de Galicia, entre eles Tui, xunto a diferentes personaxes nunha trama trepidante, chea de intriga, misterio, traizóns, a procura dun legado e até lendas en vida…

Esta actividade forma parte da programación de “Tui en letras 2023”, organizado pola concellería de Ensino e Cultura, que abrangue un total de catorce actos ao longos dos meses de abril, maio e xuño.

O Concello de Baiona entrega a José Antonio Infante García unha versión dixital do diario cedido á Casa da Navegación

0

Esta mañá, na Casa da Navegación, a Concelleira de Cultura do Concello de Baiona Miriam Costas Iriarte fixo entrega dunha copia dixital do diario de Ramón Barreiro, cedido en depósito á Casa por José Antonio Infante García, sobriño neto do autor do diario.

Ramón Luís Barreiro, piloto naval formado en Ferrol, natural de Foz (Lugo), foi un dos protagonistas da viaxe de circunnavegación realizado en 1849 pola Corveta Ferrolá con obxectivo de servir de instrución naval pero especialmente, con función diplomática nun momento en que empezan a independizarse algunhas terras de ultramar.

Durante esta viaxe de 3 anos, Ramón Barreiro escribe o seu particular diario e ilústrao con debuxos da súa propia nave, pero tamén doutros tipos de barcos que se van atopando polos mares do mundo. Hoxe é unha peza única para coñecer desde dentro, os avatares e principais feitos dunha viaxe histórica no que se combinan informacións diversas como a navegación e o rico vocabulario, xeografía, historia, economía e sociedade.

A Casa da Navegación proxecta unha exposición para divulgar esta peza única coa experiencia do periplo de Ramón Luís Barreiro e os principais feitos relacionados.

Covelo inaugura o Club de Lectura para as familias

0

O Concello de Covelo convida ás familias a participar na inauguración do Club de Lectura para Familias o vindeiro venres 28 de Abril ás 18.15 horas na sala multiúsos da biblioteca no edificio usos múltiples.

Grazas a esta iniciativa as familias reuniranse unha vez ao mes na biblioteca municipal de Covelo para compartir e gozar da lectura acompañadas das súas crianzas. Cada último venres de mes as familias terán tempo para confraternizar arredor da lectura.

As persoas que desexen ter máis información deben contactar no número de teléfono 655 52 52 42 ou no teléfono da biblioteca municipal de Covelo 986 650 154.

O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que faga a humanización da Avenida de Vigo en Chapela

0

A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de presentar unha pregunta oral no Pleno do Parlamento celebrado hoxe na que lle esixiu á Xunta que execute as obras de humanización a avenida de Vigo, en Chapela, Redondela. As obras, comprometidas dende 2017 a través dun convenio de colaboración co concello, permanecen paradas dende que rematou a primeira fase das obras en 2018.

Gallego alertou de que o goberno galego deixou a actuación fóra dos Orzamentos deste ano, e mesmo impediron aprobar a emenda presentada polos socialistas galegos para levar adiante esta obra, o que demostra que “o proxecto non era máis que un anuncio puramente electoralista”. Esixiulle ao goberno galego que cumpra cos compromisos adquiridos co concello e a cidadanía de Redondela para humanizar esta vía de competencia autonómica.

Advertiu que “a realidade é que hai beirarrúas totalmente inaccesibles, están rotas, con tramos inexistentes e con elementos que entorpecen o paso de calquera cadeira de rodas ou carriño de bebé”. Reclamou a mesma “celeridade e igualdade” de trato en tódolos concellos de Galicia, porque “a Xunta de Galicia ten que traballar para tódolos galegos e galegas, non só para a xente dalgúns concellos”.

Denunciou a “falla de respecto institucional”, a “deslealdade” do goberno galego coa vila, que ten “totalmente abandonada”, xa que ademais de deixar sen completar esta obra, manteñen bloqueadas as obras da avenida Mendiño, e lle teñen negado a construción dunha nova escola infantil para Chapela. Dixo que “os veciños e veciñas de Redondela merecen un respecto e o cumprimento dos acordos sen mirar as cores políticas do Concello”.

Cristina Fernández presenta “o mellor equipo” para que Ponteareas siga avanzando nas mellores mans

A alcaldesa de Ponteareas e candidata do BNG, Cristina Fernández, deu a coñecer a relación dos once primeiros postos da candidatura ás eleccións municipais, o número de concelleiras e concelleiros preciso para obter a maioría absoluta nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio.

Tras a propia Fernández, figura a actual concelleira de Promoción Económica e Turismo, Eva Gil, natural de Canedo, directora Técnica de proxectos de Desenvolvemento Rural, licenciada en Xeografía e Máster en desenvolvemento local e comarcal e en políticas comunitarias. José Carlos Vázquez, licenciado en Ciencias Económicas pola UVigo e Funcionario de Administración Local, incorpórase ao proxecto no terceiro posto. Nos postos cuarto e quinto sitúanse a actual concelleira de Benestar social e Igualdade, Verónica Carrera, natural de Pías e diplomada en educación social, e o actual portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, natural de Ponteareas, concelleiro de Deportes, Eventos e Mocidade no goberno local.

No sexto posto incorpórase Verónica Bargiela, natural de Guláns, enxeñeira Técnica Agrícola, Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Doutora pola Universidade de Vigo e implicada na posta en valor da vaierdade do pemento de Guláns. Na sétima posición figura Fran Aparicio, natural de Cumiar, técnico Administrativo Contable, diplomado en Maxisterio coa especialidade de Educación Musical e dedicado profesionalmente á xestión e organización de recursos materiais e humanos. O oitavo posto ocúpao Bolívar González, natural de Cristiñade, técnico en taxacións e valoracións, foi director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, concelleiro do BNG dende 1995 a 2009 e é Responsábel local da formación nacionalista na actualidade. No décimo posto concorre Andrés Carrera, veciño da vila, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, presidente e director técnico do Club Natación Ponteareas. No undécimo posto, figura Diana Bernárdez, natural de Fozara, traballadora na hostalaría local, forma parte da directiva da Asociación Familias Azuis, dedicada á atención de persoas con autismo.

Cristina Fernández destacou que a candidatura combina experiencia política e de goberno coa incorporación de persoas de elevada cualificación profesional e académica, “o que supón unha garantía de eficacia, competencia e capacidade de xestión no futuro goberno local”. “O BNG ofrece a Ponteareas o mellor equipo, un grupo de persoas preparadas e formadas, ilusionadas coa transformación da localidade e dispostas a poñer a súa experiencia ao servizo das veciñas e veciños para garantir que Ponteareas siga avanzando nas mellores mans”, sinalou a alcaldesa e candidata do BNG.

Lectura na Rúa celebra na Alameda Castelao de Redondela a súa terceira edición con máis de mil participantes

0

A Alameda de Castelao de Redondela acolleu a terceira edicióno de Lectura na Rúa, unha actividad organizada polo Concello de Redondela, o CEP Plurilingüe Santa Mariña, a ANPA Ernestina Otero e a Biblioteca Municipal de Redondela aos 18 centros educativos e dous dos centros de día de Redondela e co que se pretende celebrar e divulgar a importancia da lectura.

“Despois do parón obrigado da pandemia poden volver a facerse eventos desta magnitude. A alameda de Castelao estaba ateigada con case mil participantes para promover a lectura entre os máis pequenos e pequenas e, por suposto, a lectura en galego que é de gran importancia para o noso concello”, explica Digna Rivas.

Na lista de participantes atopábase o EEI A Marisma, EEI De San Pedro de Cesantes, EEI Ventosela, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, CEIP Plurilingüe de Cedeira, CEIP Plurilingüe Igrexa Chapela, CEIP de Laredo, CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas, CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro, CEIP Plurilingüe Quintela, CEIP Plurilingüe de Reboreda, CPR Plurilingüe Vigo, CEP Plurilingüe Santa Mariña, IES de Chapela, IES Illa de San Simón e IES Mendiño, ademais do Centro De Dia Para Persoas Maiores Arela e o Centro de Día Os Cortizos.

En palabras da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas: “para este goberno é moi importante traballar de preto cos centros educativos e incluír aos centros de día nas actividades para nutrir ao municipio da mestura de idades e darlles a oportunidade a todos e todas de socializar e pasar tempo de lecer de calidade”.

O evento comezou ás 10:30h coa presentación e pregón a cargo da escritora chapelana Andrea Costas. De seguido procedeuse a 10 minutos de lectura silenciosa e 20 de lectura compartida. Ás 11:10h fixeron o intercambio de marcapáxinas que traballaron durante a semana os máis cativos e cativas nas aulas e cos que fixeron troque de forma libre. A partir das 11:45h comenzaron as actuacións musicais da man de Gramola Gominola e Pablo Ríos DJ quenes remataron o encontro.

A rexedora local non se esqueceu de dar as gracias a o CEP Plurilingüe Santa Mariña, a ANPA Ernestina Otero e a Biblioteca Municipal de Redondela “polo seu traballo para facer posible o evento e conseguir encher de ledicia a alameda, algo moi esperado por tódolos cativos e cativas despois das restricións da pandemia”.

Lectura na rúa

Lectura na Rúa xurde en maio de 2017 a partir dunha iniciativa do CEP Santa Mariña para celebrar o Día do Libro e compartir a lectura coa nosa comunidade educativa e coa vila de Redondela. Nesta edición contamos coa participación de todos os centros educativos do concello de Redondela e de varios centros de maiores para desfrutar dunha gran festa da lectura.

Deste xeito pretendemos amosar ás nenas e aos nenos do noso concello que ler pode ser toda unha aventura e, por iso, a actividade desenvolveuse na Alameda Castelao de Redondela, un entorno diferente e agradable que serviu de marco perfecto para mergullarnos nese mundo de fantasía que nos ofrecen os libros.

A cativada aprende divertíndose cos novos obradoiros infantís nas parroquias de Ponteareas

O Concello de Ponteareas pon en marcha dous novos obradoiros infantís nas parroquias da vila, talleres de balde para nenos e nenas de 5 a 12 anos nos que aprender, divertirse e gozar dun tempo de lecer entre rapazada. Estes obradoiros, que terán prazas limitadas, permitirán fomentar a creatividade dos máis pequenos e pequenas a través de diferentes actividades adaptadas ás súas idades.

O Centro Cultural de Bugarín acollerá estes obradoiros os venres a partir deste mesmo 28 de abril, en horario de 16.00 a 17.30 horas. As persoas interesadas en anotar neste taller a un neno ou nena poderán facelo na propia casa cultural ou a través do teléfono 642 732 012.

Pola súa banda, o Centro Cultural de Celeiros realizará estes obradoiros os luns a partir do 8 de maio de 18.00 a 19.30 horas. Neste caso, para participar deben inscribirse aos cativos e cativas nas instalacións da casa cultural.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida aos máis pequenos e pequenas de Ponteareas a participar nestes obradoiros de balde, así como noutros que se vaian desenvolvendo nos diferentes centros e casas culturais das parroquias.

Mondariz prevé mellorar e ampliar as instalacións deportivas da Lagoa

0

O Goberno municipal de Mondariz está aproveitando o último treito do mandato para presentar solicitudes que aseguren financiamento público a diferentes proxectos de renovación de infraestruturas e dotacións municipais. Recentemente solicitou unha liña de subvención do programa PON2030 da Deputación de Pontevedra para desenvolver un proxecto de mellora e ampliación das instalacións deportivas da Lagoa que inclúe a renovación do céspede artificial do segundo campo de fútbol, así como a instalación de placas fotovoltaicas para avanzar na eficiencia enerxética, a construción de varios espazos multifuncionais debaixo dos chanzos deste mesmo campo, pistas públicas de baloncesto e pádel, e humanización desta área deportiva con arbolado. O proxecto está valorado en 489.000 euros e actúa sobre a rehabilitación de edificios e instalacións municipais de uso social, cultural, deportivo, turístico e de ocio, unha das liñas de investimento do programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030.

“Mantivemos reunións coa directiva do Mondariz FC para informala e facela partícipe deste proxecto”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. 

As instalacións deportivas da Lagoa son municipais e constan de dous campos de fútbol. No segundo campo, de céspede artificial, adestran e xogan habitualmente as categorías inferiores e o equipo feminino do xa centenario Mondariz FC. Anualmente pasan por aí centos de rapaces e rapazas da escola de fútbol e doutros equipos visitantes. Durante os meses de verán, ademais, estas instalacións deportivas teñen sido sede do Campus do RC Celta de Vigo de fútbol base e do Campus Internacional MS2 de fútbol base.

Investimentos no campo municipal de fútbol da Lagoa

Durante o presente mandato, o Goberno municipal xa destinou uns 70.000 euros a mellorar as instalacións deportivas da Lagoa. En 2022 realizáronse no campo de fútbol principal obras de remodelación da bancada e outros elementos que aínda non estaban adaptados ás persoas usuarias con mobilidade reducida. Dos 62.000 euros investidos, 40.000 euros proviñan da Xunta de Galicia e 22.000 euros do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra. Un ano antes, xa se instalaran equipamentos para o tratamento de auga valorados en 10.000 euros e procedentes do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. “Esta subministración tiña dous obxectivos principais: por unha banda, potabilizar a auga das instalacións deportivas, e por outra, controlar con maior eficiencia o consumo e o almacenamento de auga”, explica Poldo Tato, concelleiro de Deporte e Medio Ambiente.

Estas actuacións viñeron a solventar problemas relacionados coa subministración de auga e a accesibilidade que quedaron pendentes despois das obras de 2019, valoradas en 530.000 euros e financiadas pola Deputación de Pontevedra a través do Plan de Reequilibrio. Estas obras supuxeron a remodelación de vestiarios, baños, cantina, almacén e zona administrativa do campo de fútbol principal, onde xoga habitualmente o primeiro equipo do Mondariz FC. De acadar o financiamento previsto do programa provincial PON2030, o Concello de Mondariz tería investido nas instalacións deportivas da Lagoa unha suma aínda maior desde 2019.

“O parque empresarial non compromete o desenvolvemento das instalacións deportivas”

Na zona da Lagoa, próxima ao centro urbano de Mondariz, está proxectado o desenvolvemento dun parque empresarial adaptado ás necesidades do concello. Con todo, segundo afirma o alcalde, “o parque empresarial non compromete o desenvolvemento das instalacións deportivas”.

“Cos seus investimentos, o Goberno municipal está demostrando que valora e incentiva o carácter social e deportivo da Lagoa e outros espazos de actividade social, cultural e deportiva”, afirma Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. 

Deporte, gastronomía, música e troula nas «III Galimpiadas» de Caldelas de Tui

0

Dezaseis equipos loitarán esta fin de semana por converterse no campión galego das Galimpiadas, o evento deportivo enxebre-rural que se celebra en Caldelas de Tui. A terceira edición das Galimpiadas chega cheo de deporte, troula, música e gastronomía, no mellor ambiente posible, no entorno da ribeira de Caldelas, en Tui, os días 28, 29 e 30 de abril.

A inauguración oficial desta terceira edición das Galimpiadas será o sábado, 29 de abril, ás 11.30 horas, co desfile da Llama Galímpica“, que sairá do bar da comisión e percorrerá as distintas sedes do evento, o bar A Capela e o Chiringo Os Choróns, para rematar de novo no bar da comisión. A charanga Cantos Somos acompañará á comitiva, que deberán integrar todos os equipos que participen nas Galimpiadas, así como calquera que queira seguir á “Llama Galímpica”. E é que as Galimpiadas son para todos e todas. O público tamén pode participar animando aos equipos e votando polo seu favorito para que poida gañar o “Premio da xente”.

[su_image_carousel source=”media: 71102,71105,71106,71107,71104″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O mesmo sábado, a partir das 14.30 horas, haberá bocatas de xamón asado para xantar e ás 16 horas comezará a competición. Nesta primeira xornada disputaranse as seguintes probas: carreira de sacos, pano, corda e esquís de terra na ribeira; billar no chiringo Os Choróns, futbolín no bar A Capela e tute no bar da comisión.

O domingo haberá pulpeiro para coller forzas e seguir desfrutando das Galimpiadas. A partir das 16 horas continuarán o resto das probas: ra no chiringo Os Choróns, dardos no bar A Capela e pulso no bar da comisión.

O propio domingo ás 19.30 horas será a entrega de premios. Pero con eles non remata a festa. Tras coñecer ó equipo campión das terceiras Galimpiadas e o resto de premios, comezarán os concertos coa música en directo de Amnesia, Lost in Mantra y Amarok DJ.

Os monólogos de Cristina Maró e Sergio Pazos pechan este venres o ciclo ‘Un ano de humor’ de Nigrán

0

O Concello de Nigrán pecha este venres 28 de Abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o seu ciclo ‘Un ano de humor’ cos monólogos do humorista Sergio Pazos e a actriz e directora Cristina Maró, ambos de balde e con entrada libre ata completar o aforo do auditorio.

Sergio Pazos, é un actor, humorista e reporteiro nado en Ourense (Galicia) en 1965. Comezou no mundo do teatro nos anos 80 da man das compañías Caritel e CDG. Saltou á fama tras aparecer en distintas series nacionais e galegas no ano 1996, ao converterse nun dos reporteiros do exitoso programa ‘Caia quen caiga’, do Gran Wyoiming. Intentará contaxiarnos de humor, si, porque despois da pandemia, a mellor vacina para superalo é a risa. Falaremos das cousas boas que nos trouxo, como palabras antes descoñecidas ou que non se usaban, como Pangolín, Desescalada e Distancia Social. Falaremos do bo que é ter a un público tan “cojonudo”, e o demostraremos con exemplos e comparacións de personaxes moi coñecidos. Interactuaremos co público para que fagan un pouco de ximnasia, ao estilo Eva Nasarre e ata pode que fagamos un especial de chistes galegos dos de antes, pois os galegos, coma nos monólogos, somos especiais.

Cristina Maró, é unha presentadora, actriz e directora galega. Estudiou interpretación e Realización en Audiovisuais e Espectáculos. Comenzou a sua carreira como reporteira en TVE en programas como Gente. Posteriormente converteuse en actriz en series e programas como: La tira (La Sexta); Aída (Telecinco); Land Rober (Televisión de Galicia) o La Hora de Mota (TVE). Na sua faceta de directora destaca o documental Muévete e Galicia Peregrina, que se está emitindo en televisións de todo o mundo. Actualmente compaxina o seu traballo como redactora na Sexta coa su plataforma de contidos Que más ver. Reescribindo a historia da humanidade e o título do seu monólogo Algunha vez pensastes en reescribir a historia da humanidade dende outro punto de vista? Maró repasa os fitos históricos desde un punto de vista feminista e humorístico. Desde a creación, a prehistoria, a Idade Medieval, o descubrimento de América ata a chegada a lúa. Como cambiaría a historia se a protagonista fose unha muller en vez dun home? Atréveste a facer esta viaxe polo tempo?

O Porriño salda case na súa totalidade os 5,5 millóns de euros de facturación pendente de pago

O Concello do Porriño saldou no último ano case na totalidade o pago pendente a provedores, que ascendía a 5,5 M e na actualidade se reduce a 985.506,75 euros. Tal e como reflicte o informe da intervención municipal de 25 de abril de 2023 “este acusado descenso da conta 413 xorde tras unha intensa labor de investigación, regularización e depuración de facturas levada a cabo en pouco máis dun ano”, como xa recomendaba facer o Consello de Contas de Galicia no seu informe de fiscalización selectiva do Concello do Porriño para os exercicios 2018 e 2019, e tal e como se desprende do contido das distintas sentenzas recaídas “nas que se viñan a poñer de manifesto unha serie de incumprimentos normativos que se estaban a producir de maneira xeneralizada, sistemática e prolongada no tempo”.

A Intervención incide así no informado pola Secretaría Municipal en setembro 2022, no que advertía que os servizos técnicos municipais “negaran expresamente a autenticidade de parte desa facturación, e de outra parte non se puidera comprobar nin a veracidade nin os prezos de mercado”. Chegaba a informar o secretario que había técnicos e encargados municipais que non podían determinar incluso que algúns dos servizos que se pretendía pagar foran realizados.

A día de hoxe, tras revisar toda esta facturación detectáronse facturas duplicadas e outras que, pese a que xa foran pagadas, rexistrábanse de novo . Acordouse tamén a devolución das que non se puido acreditar que os traballos que se facturaban foran realizados ou que non se axustaban a prezo de mercado. Por outra banda, devolvéronse facturas por sentenza favorable ao Concello do Porriño e efectuouse o pago de moitas outras, que pese a ser irregulares se acreditou a súa veracidade, polo mecanismo de pago a provedores.

É importante incidir en que as empresas renunican a cobrar o beneficio industrial e IVE para ser indemnizadas. Cabe destacar, que o saldo pendente de pago na actualidade o conforma na súa maioría facturación xudicializada con sentenza favorable ao Concello pero pendente de sentenza firme, e tamén correspondente a empresas que renuncian ao seu cobro e reclaman indemnización.

Roberto Mera abandona a política activa e renuncia a formar parte da candidatura do BNG

O primeiro tenente de alcaldesa do Concello de Ponteareas, Roberto Mera, abandona a política activa e renuncia a formar parte da candidatura nacionalista. Mera adiantou a súa decisión hai un mes persoalmente á Alcaldesa a quen posteriormente, a través dunha carta, explicou formalmente os motivos da súa decisión.

Na misiva, á que tivo acceso Comarcas na Rede e que reproducimos na súa integridade nesta ligazón, Mera lembra que en 2009, tras 12 anos á fronte do BNG se retirou da actividade política e que dez anos despois, en 2019 “nunha circunstancias especiais nas que era preciso consolidar o goberno liderado polo BNG” decidíu atender a petición do Alcalde Xosé Represas para acompañalo na candidatura e axudar “a revertir o descenso electoral sufrido en 2011 e 2015”. Mera cualifica aquela decisión de “politicamente acertada” a pesar de ser “conscente dos custos persoais que lle podía acarrear”. O primeiro tenente de alcaldesa lembra que “o resultado electoral foi inmellorábel, recuperando os apoios perdidos nos procesos electorais anteriores, e o mandato que agora finaliza consolidou o proxecto do BNG en Ponteareas cun balance de transformacións espectaculares das que me sinto orgulloso dende a miña modesta contribución co meu traballo como concelleiro”.

O nacionalista explica que “como outra cara da moeda, estes catro anos foron especialmente dificis no plano persoal e profesional. Compatibilizar a adicación ao Concello coa miña actividade profesional como avogado supuxo un esforzo e sacrificio imposíbel de seguir mantendo no tempo”.

Mera engade que “se ao anterior engadimos a brutal e feroz exposición pública que eu mesmo soportei e que hoxe en día comporta a actividade política, precisaríase xa dunha vocación de heroe ou mártir da que, afortunadamente, eu carezo”. O concelleiro do BNG explica que a súa decisión é imprescindíbel para atender innumerabeis ocupacións e proxectos persoais, profesionais e sociais moi gratificantes que nestes catro anos se viron prexudicados e desatendidos “e que pagan a pena na compaña de persoas que comparten comigo un sinceiro afecto e consideración”.

Roberto Mera afirma que “ninguén nun proxecto político é imprescindíbel” e agradece o ofrecemento que recibíu para continuar outros catro anos nun goberno do BNG pero aclara que o seu compromiso “foi asumido de maneira excepcional co querido e tristemente desaparecido Xosé Represas, por un período de catro anos que agora remata e que non me resultou doado concluir”. Mera revela na carta que en agosto de 2022 xa presentara formalmente á Alcaldesa a súa demisión “e finalmente aceptei facer un derradeiro esforzo que agora conclúe de forma definitiva con todas as consecuencias”.

O nacionalista desexa ánimo e sorte ao BNG explicando que retoma a súa vida anterior a 2019 “coa tranquilidade e o convencemento de que o gran traballo desenvolvido polo BNG, o novo rumbo que emprendeu Ponteareas e os seus ilusionantes proxectos de futuro terán un respaldo social inequívoco e maioritario nas vindeiras eleccións”.

A campaña de competencias dixitais “Generación D” chega á Guarda

0

Do 9 ao 11 de maio chega á Guarda “Generación D”, cunha unidade móbil na que a través de xogos e actividades, permitirán aos participantes afondar nas súas habilidades dixitais, sacarlles partido e coñecer novas ferramentas que axudan a melloralas.

O espazo itinerante “Únete a la Generación D’, cada día somos más” visitará A Guarda, e situarase diante do Centro Cultural, alí os asistentes poderán ampliar información sobre buscadores da Internet, redes sociais, ciberseguridade, xestións en liña… A dixitalización fai parte do día a día. Por iso, esta experiencia ofrece aos usuarios multitude de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das súas competencias dixitais, aplicable a todos os ámbitos da vida cotiá.

Os obradoiros, xogos e actividades están pensados para que toda a cidadanía participe na experiencia, con especial atención a desempregados, mulleres maiores de 45 anos, séniors… Queremos romper coa fenda dixital! A experiencia é totalmente gratuíta e ten unha duración aproximada duns 30-40 minutos. 

A unidade móbil está equipada con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais. Unha experiencia que se axustará ás necesidades de cada usuario. 

A actividade comezará cun test autodiagnóstico que permitirá coñecer o nivel en competencias dixitais de cada usuario. Cos resultados, personalizarase a experiencia e porase a disposición multitude de cursos, formacións ou obradoiros cos que desenvolver e fortalecer os coñecementos.

Co resultado do test, os usuarios enfrontaranse a xogos e actividades do máis variados e de todos os niveis: dende aprender a realizar unha procura óptima na Internet ata fuxir das fake news, optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a identidade dixital.

Ademais, os asistentes poderán participar na sala de escape. Unha actividade inmersiva na que os usuarios terán que poñer en práctica o aprendido se queren resolver o xogo e lograr saír da sala.

O mellor de todo? Que todas as actividades dan puntos! Suma os teus e consigue que a túa localidade ocupe o posto número un da clasificación xeral de municipios de España. O que máis puntos obteña… terá un premio!

Para participar, os colectivos interesados so teñen que confirmar a súa asistencia e escoller o horario que mellor se adapte ás súas necesidades facendo clic aquí, sendo un máximo de 15 persoas por grupo.

Humor con lingua en Ponteareas coa obra ‘A parábola do angazo’

O auditorio municipal Reveriano Soutullo de Ponteareas abre esta fin de semana as súas portas para dar a benvida a Talía Teatro e a súa obra ‘A parábola do angazo’, unha comedia na que, a través do humor e a partir de textos de diferentes autores, a compañía invita ao público a reflexionar sobre as linguas no mundo e sobre o galego, botando unha ollada ao pasado para ter outra perspectiva do presente e mirar de esguello ao que haberá no futuro.

Dirixida por Diego Rey con Toño Casais e Artur Trillo, Talía Teatro subirá ao escenario para contar a historia dun mozo dunha aldea galega que decide emigrar a Castela e que, aos poucos meses retorna a casa. Neses días ocorre algo tan incríbel como desastroso: aquel home esquecera a lingua do seu pobo, a que levaba falando toda a súa vida.

Ponteareas acolle a representación desta obra este sábado 29 de abril ás 20.30 horas. As entradas terán un prezo de 3 euros por persoa e poderán adquirirse o venres 28 de abril de 10.00 a 14.00 horas na biblioteca municipal ou o propio sábado 29 de 11.00 a 13.00 e de 18.30 a 20.30 na billeteira do auditorio.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a achegarse este sábado ao auditorio municipal “e gozar dunha obra que, rindo a eito, nos permitirá sacar a nosa lingua ben fóra e demostrar que aínda ten moito que dicir”.

Os ‘Axentes do Cambio’ representaron a Redondela na constitución do Consello Autonómico de Participación Infantil

0

Galicia inaugurou o venres 21 de abril o Consello Autonómico de Participación Infantil, no que Carla Acosta, integrante de Axentes do Cambio de Redondela, formou parte. Esta formación autonómica está composta por 30 representantes de nenas e nenos de toda Galicia. Gracias á labor de UNICEF e os concellos que contan co selo de Cidades Amigas da Infancia, púidose crear este grupo recoñecido onde a infancia e a adolescencia cumpriron o seu dereito a ser escoitadas/os nos asuntos que lles afectan a nivel autonómico. As reunión serviu para constituir de forma oficial o Consello, moi demandado polos colectivos da infancia galegos, e nel establecéronse normas como a necesidade de reunirse dúas veces ao ano para presentar propostas ao parlamento.

Antes do Consello Autonómico, o xoves 13 de abril, o Concello de Redondela celebrou a segunda reunión plenaria do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia correspondente a este curso escolar. A temática do pleno non era casual, e pretendía dar voz – xa que non teñen voto- a nenos, nenas e adolescentes do noso Concello para expresar as súas preocupacións. Co título: “Propostas imprescindibles ao redor da Infancia e a Adolescencia que deberían incorporar nos seus programas electorais todas as formacións políticas que se presentan ao goberno de Redondela”, animaba a escolares de todos os centros de ensino do municipio a expresaren as súas preocupacións e a ofrecer propostas para que, sexa quen sexa que forme o consistorio a partires do 28 de maio, as necesidades da Infancia sexan especialmente atendidas e tidas en conta á hora de elaborar as políticas municipais.

11 centros de ensino do noso concello participaron nesta actividade, que se celebrou no auditorio do Multiúsos da Xunqueira. A alcaldesa, Digna Rivas, oficiou o acto como presidenta da mesma. Concelleiros de todos os grupos políticos con representación  no municipio tamén estaban presentes, xunto con representantes da Federación de ANPAS quenes tomaron boa nota das propostas e observacións dos vogais asistentes.

Durante algunhas das intervencións se fixo boa referencia ao grupo Axentes do Cambio, que tamén traballaron sobre esta cuestión, e que estiveron moi pendentes tanto da preparación como do desenvolvemento desta actividade.  Digna Rivas lembrou que un órgano de participación da mocidade “é un órgano activo e dinámico de participación, onde a infancia e a mocidade poidan expoñer as súas ideas e proxectos para que o Concello, posteriormente, os poña en marcha”.

A alcaldesa valorou “o compromiso e traballo” que estaba realizando ‘Axentes do Cambio’ á hora de “estudar os proxectos e de presentar achegas que os melloren, chegando incluso a falar no parlamento”.

Na rede social Instagram teñen perfil, co nome @axentesdocambio: https://www.instagram.com/axentesdocambio/.

O grupo está aberto á incorporación de calquera rapaz ou rapaza de entre 8 e 18 anos que resida en Redondela. Para calquera información podedes contactar no correo electrónico [email protected].

A sexualidade e a saúde integral feminina chega este xoves aos ‘Cafés en igualdade’ do Rosal

0

O Concello do Rosal ten todo listo para celebrar este xoves 27 de abril a cuarta sesión dos seus ‘Cafés en igualdade’, un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese e conversar como se se estivera cun grupo de amigas. “Trátase dunha burbulla de lecer na que abordar diferentes temáticas que permitirán a todas as asistentes gozar dun pequeno balón de osíxeno nesa loita diaria para manter o equilibrio entre a conciliación familiar, laboral e persoal real”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Nesta cuarta sesión, a pedagoga e sexóloga Erea Devesa falará sobre a saúde integral feminina, abordando cuestións como a sexualidade e o pracer feminino, o desexo, a menopausa e a menstruación. Especializada en igualdade de xénero e políticas de igualdade, Devesa leva máis de cinco anos dedicándose a traballar pola educación sexual sempre cun enfoque feminista, interseccional e inclusivo cara ás persoas. Actualmente é responsable do programa de educación sexual Con Xeito Sexoloxía, no que traballa para lograr unha igualdade efectiva e unha educación sexual que contemple a diversidade como un valor a protexer.

A charla será este xoves 27 de abril de 17.30 a 18.30 horas na Daordaria, no espazo gastronómico anexo ao mercado municipal do Rosal.

Con esta iniciativa, o Concello programa cada último xoves de mes ata maio interesantes encontros dirixidos a mulleres aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Son encontros dunha hora de duración que se celebran sempre de tarde e en diferentes establecementos hostaleiros do Rosal. A vindeira cita será o 25 de maio para afondar sobre a presión estética.

O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.