O Conservatorio e Escola de Música de Ponteareas quenta motores para o vindeiro curso 2023/2024. As persoas interesadas en desenvolver as súas inquietudes musicais terán ata o vindeiro 5 de maio para inscribirse nas probas de acceso que se convocan para o ensino musical elemental, que conta cun total de 44 prazas vacantes, como para o profesional, con 29 prazas dispoñíbeis.
Aínda que a idade mínima para acceder a estes estudos oficiais no primeiro curso de ensinos elementais é de 8 anos cumpridos neste 2023, no Conservatorio ponteareán os rapaces e rapazas poden iniciarse na música xa dende os 6 anos grazas á Escola de Música, dirixida por Francisco Abal.
Tras rematar o prazo de inscrición, as probas específicas realizaranse do 23 ao 25 de maio no caso do ensino profesional e os días 28 e 29 no caso do elemental. O vindeiro 31 de maio publicarase o resultado das probas específicas de acceso e do 13 ao 30 de xuño estará aberto o período de matrícula.
As persoas interesadas poderán consultar toda a información sobre a inscrición, as probas e as datas na páxina web do centro. Deberá acudirse ao centro con cita previa para validar a documentación, que se deberá presentar a través de rexistro xeral do Concello de Ponteareas para posteriormente pagar a taxa de exame nos prazos establecidos.
A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández, anima a todas e todos os ponteareáns con inquedanzas musicais a participar nestas probas de acceso ao Conservatorio e Escola de Música de Ponteareas, “que ofrece unha formación de calidade, con profesorado experto e un plan de estudos que permite ao alumnado desenvolver as súas habilidades e talentos”.